A PDMM ante o electoralismo do anuncio do inicio das obras de desdobramento do corredor do Morrazo

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo, ante o anuncio por parte da Xunta de Galiza do inicio das obras do primeiro subtramo do desdobramento en autovía do corredor de alta capacidade do Morrazo – 3,2 kilómetros de lonxitude con carrís de 4×3,50 m., mediana variábel de 2 metros, arcén exterior de 2×2,5 ms. e interior de 2×1,5m – entre as rotondas da conexión da AP-9 en Rande e a de San Lourenzo, en Domaio, quere denunciar que con esta obra vai camiño de se consolidar outro fiasco técnico e económico, a engadir ao que está a acontecer coas obras de ampliación da AP-9 en Rande ou co novo hospital de Vigo, nos que se está a descubrir graves e serias carencias polas présas electoralistas por inauguralos.

Dada a complicación técnica que implica a construción deste primeiro subtramo do desdobramento, concedida á empresa constructora COPASA, os 19,7 millóns de euros nos que está orzamentada a obra -15,3 millóns para a empresa executora- con toda a probabilidade se queden curtos para a dificultade e o risco xeotécnico que conleva.

túnel baixo co castro de Montealegre (o novo túnel vai cara  á esquerda)

Túnel que pasa por debaixo do castro de Montealegre

Neste senso, a Plataforma quere alertar do risco que comporta a construción dun novo túnel de 123,8 metros que, ampliado cara ao sur, afecta a área integral e tamén de cautela de protección do castro e petróglifos de Montealegre, xacemento arqueolóxico que, alén de polo seu interese natural – por estar rodeado de sobreiral e loureda-, ten un grande valor patrimonial polo poboado castrexo da idade de ferro e gravados rupestres da idade do bronce, declarado Ben de Interese Cultural de Galiza.

petróglifo no castro de Montealegre (por enriba do túnel construido)

Petróglifo de Montealegre

Este xacemento xa se víu afectado de xeito crítico e severo polos seus laterais durante a construción do actual corredor e non se tivo en conta no seu momento o desprazamento do trazado cara ao norte para evitar a súa efección, que iba implícito nas condicións estipuladas na Declaración de Impacto Ambiental (DIA) do estudo informativo da “vía de alta capacidade do Morrazo Rande-Cangas” do ano 2001. Agora a Xunta volve a non ter en conta as condicións estipuladas na DIA malia que esta foi na que se xustificou a Xunta de Galiza para non realizar a correspondente Avaliación de Impacto Ambiental (AIA) do proxecto de desdobramento, modificado con respeto ao inicial.

viaduto sobre o rego Miñouva (o segundo viaduto vai cara ao norte perto da fervenza)Cómpre salientar tamén a complexidade da construción dun novo viaduto cara ao norte de 415 metros de lonxitude en solo irregular con pivotes de ata 50 metros de altura e grandes desmontes nos laterais que ademais suporá unha nova afección paisaxística e ambiental da contorna das fervenzas do rego Miñouva e das Pozas da Moura, catalogada como Espazo de Alto valor Natural da planificación urbanística municipal do Concello de Moaña , e en Sólo Rústico de Especial Protección de Espazos Naturais dentro do espazo natural dos Montes do Morrazo nas NN CC e SS Planeamento Urbanístico da provincia de Pontevedra.

fervenza da Miñouva co corredor do Morrazo na proximidade (o segundo viaduto está proxectado ao norte máis próximo á fervenza)Destaca así mesmo a nova afección, cun novo soterramento de 500 metros cara ao norte no val da Devesa, na proxección final do subtramo, que vai outra vez enriba da área de ribeira do rego da Freixa e do seu conxunto etnográfico de muíños. Con este soterramento tamén se incumpren as condicións estipuladas no DIA do ano 2001, que estipulaba a planificación dun viaduto en vez de facer un soterramento, para minimizar o impacto no medio natural e no etnográfico. Ademais vese afectado doutra vez o sendeiro municipal de curto percorrido dos regos da Freixa e Miñouva.

Por outra banda, a Plataforma alerta do impacto acústico e da alta probabilidade de novas verteduras por escorrentía de terras das obras aos leitos fluviais da conca dos regos Miñouva e da Freixa e de aí ás súas cercanas embocaduras na ría de Vigo. Estas escorrentías, por causa das chuvias torrenciais, terían serias repercusións no medio mariño e os recursos marisqueiros dentro do Espazo Natural Protexido da Zona de Especial Conservación (ZEC) da Rede Natura da Enseada de San Simón, como xa sucedeu no pasado coas obras de construción do corredor.

Os outros dous subtramos proxectados tampouco se librarían de teren serias dificultades para levar adiante a súa construción. Así, no segundo subtramo, de 4,05 kilómetros entre as rotondas de San Lourenzo e Meira, existen fortes pendentes no Alto do Caeiro e proxéctase un novo viaduto no fondo val do rego do Barranco do Faro. Mentres que no terceiro subtramo, 3,85 kilómetros entre as rotondas de Meira e Cangas, están proxectados outro viaduto no profundo Val do rego da Fraga, un soterramento no val do rego do Inferno, e desmontes no Xestoso, onde existen tamén terreos nos que se produciron nos últimos anos grandes desprendementos de noiros .

A execución do desdobramento non está asegurada na súa integridade xa que quedan por licitar estes dous subtramos da primeira fase, até a rotonda de enlace de Cangas que, cun percorrido de 11,4 kilómetros, e un orzamento global de 41,29 millóns de euros, vistas as complexidades para levalos adiante, de seguro non chegarán para acabar a obra.

Por engadido quedaría unha segunda fase de 3,8 kilómetros, desde aí a rotonda da Portela, onde tamén se produciron derrubamentos de noiros, e quedaría por proxectar outro viaduto no fondo val do rego Bouzós, polo que o orzamento de 19,80 millóns de euros aprobado inicialmente, con toda probabilidade tamén se quedarían curto.

A planificación da vía de alta capacidade do Morrazo, tanto polas trabas sociais -pola afección a propiedades comunais e privadas, dentro dunha comarca cunha grande densidade e espallamento demográfico-, como polas técnicas -pola complicada orografía do territorio dentro da súa península -, maiores que noutras zonas de Galiza. Esa é a razón, xunto co alto custe económico e ambiental, da demora do seu desdobramento, ao igual que lle sucedera anteriormente co corredor.

Tampouco hai que esquecer que o corredor afectou de xeito crítico e severo a máis dunha vintena de xacementos arqueolóxicos -necrópoles, asentamentos, petróglifos e castros- desde o neolítico até o medievo, boa parte deles destruidos polo propio trazado, e os que se mantiveron volven estar ameazados na contorna natural e nas súas áreas de protección polo desdobramento. E a afección grave e irreversíbel a solo rústico de especial protección, en particular aos espazos naturais dos Montes do Morrazo e do Carballal de Coiro que, por engadido, e ao igual que sucedeu en boa parte do trazado do corredor, vironse perxudicados polo espallamento de novas especies invasoras, en especial acacias, utilizadas para fixar os noiros.

Este desdobramento vai hipotecar os investimentos futuros para a mellora da rede de estradas primarias e secundarias da comarca (PO-551, PO-313, PO-315), moito máis necesaria por ser onde estatísticamente, e a costa do seu mal estado, maior sinistralidade viaria se pode producir, xa que a elevada mortalidade no corredor que se produciu nun só ano, no 2010, xa quedou corrixida posteriormente coa instalación de medianeiras e unha mellor sinalización na vía e boa parte da accidentabilidade é por exceso de velocidade e imprudencias humanas na conducción. A menor probabilidade de sinistros actuais no corredor só se podería alterar pola irrupción de animais salvaxes na vía a costa da carencia de arame de seguridade en boa parte do seu trazado por falta de mantemento.

Tamén vai afectar os investimentos noutras infraestruturas moito máis necesarias, como un hospital comarcal ou centros de saúde municipais en condicións, que non se contemplan nos orzamentos autonómicos para a comarca, e que se poderían proxectar partindo da mesma cantidade de diñeiro que entraña construír o propio desdobramento do corredor.

Lonxe de solucionar ou reducir os problemas dos atascos cara ás praias do litoral (Aldán e Hio) xerados pola posta en funcionamento do propio corredor nos fins de semana de bo tempo e no verán, vai agravalos co efecto chamada, promovendo un maior uso do automóbil privado.

A construcción do corredor non supuxo nengún despegue económico, nen tampouco o vai supor o desdobramento pois este modelo de desenvolvemento está baseado na teoría neoliberal da competitividade que o que xera é maiores desigualdades e desequilibrios sociais, económicos e ambientais.

As únicas beneficiadas desta obra serán as empresas construtoras e o sector do automóbil privado, das principais responsables do quecemento global e da catastrófica mudanza climática a nivel planetario, pola emisión de grandes cantidades de gases de efecto estufa á atmosfera. Imos deste xeito cara a un futuro inviable, camiño co colapso tanto viario como enerxético, co tope de extracción do petróleo e a súa baixada a costa dun elevado consumo moi por riba das súas reservas existentes e co perigo para a codia terrestre do método do fracking.

Este desdobramento tamén beneficiará e fará crecer a especulación urbanística xa que o primeiro subtramo do corredor ten o enlace coa urbanización “inacabada” do campo de golf de Domaio. Na súa totalidade ten relación coas miles de vivendas e solo industrial por riba da demanda real que seguen a estar proxectadas tanto no monte como na zona rural, na urbana e mesmo na costeira dentro das planificacións urbanisticas aprobadas ou en tramitación dos concellos do Morrazo. E todo isto malia a insustentabilidade da burbulla construtora e inmobiliaria, con centos de vivendas construídas e parcelas industriais sen ocupar na actualidade.

A Plataforma rexeita o desdobramento do corredor de alta capacidade do Morrazo e solicita como alternativa a potenciación do transporte público, colectivo e intermodalizado de proximidade, que vaia moito máis alá do engano do transporte metropolitano aprobado pola Xunta de Galiza este ano -outra medida electoralista e mal planificada-, fonte de loitas partidistas a nivel político, centralizado na comunicación con Vigo, en detrimento da dos concellos e a comarca, e insuficientemente cuberto con inversións públicas.

Rexeita tamén a construción de máis autovías polo territorio galego, que están a xerar un impacto socioeconómico, cultural e ambiental e un custe económico maior que noutras zonas do Estado, dentro dun modelo estatal de infraestruturas e transporte (PEIT) insustentábel.

Así mesmo solidarízase coas veciñas e veciños opositores á autovía A-57 “na sombra” que co fin real de enlazar Pontevedra con Vigo lles están a proxectar parcialmente como “circunvalación” o Estado español e o Concello de Pontevedra polo Monte da Fracha, e que, tal e como sucedeu no pasado co proxecto do corredor de alta capacidade do Morrazo, a xustiza se nega a ditar a paralización cautelar das obras malia a súa manifesta ilegalidade.


Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s