Arquivos mensuais: Novembro 2015

Abandono e degradación do patrimonio cultural e arqueolóxico de Cangas

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo quere manifestar publicamente a lamentable situación de abandono e degradación na que se atopa o amplo e variado patrimonio cultural e arqueolóxico que, asociado ao natural, atesoura o Concello de Cangas.

  • O petróglifo catalogado da Idade do Bronce de Pinal do Rei, na parroquiapinal do rei de Darbo, ao pé do Monte Carrasco, un dos máis completos e importantes do municipio e da comarca, con figuras rupestres gravadas na rocha en forma de coviñas, círculos concéntricos, antropomorfos, zoomorfos e escenas de montería e caza humana,está rodeado da praga invasora e pirófita de acacia negra e de matos de herba da pampa, os seus gravados afectados puntualmente por corrementos de terras, restos de rocha esnaquizada e pintadas con xiz, e, ao seu carón, aínda conserva a presenza de dous postes metálicos, restos dun panel informativo dentro dunha hipotética “posta en valor” fallida dos anos noventa do século pasado e un muro empedrado circundante anterior.
  • O Castro de Liboreiro, xacemento catalogado da Idade do Bronce-Ferro-Romano-Medieval, na parroquia de Aldán, lindante coa de Bueu, que desde os 334 metros de altitude máxima sobre o nivel do mar, na parte máis alta da Serra da Madalena, posúe unhas amplas panorámicas das rías Pontevedra e de Vigo, no que ao longo das súas catro terrazas a principios do século pasado ademais de chan de cabanas, fíbulas, moedas e cerámica castrexa e romana, foron atopadas tres aras votivas adicadas ao deus lar de nome Verore ou Aerno, ten boa parte da ladeira cuberta cunha densa plantación de piñeiros sen clarear nin podar, que representa un alto risco de propagación de incendio forestal e que, xunto coa matogueira alta, está a pechar o único camiño de acceso que lle queda ao castro unha vez que as obras do corredor de alta capacidade do Morrazo cortaran o paso orixinal desde A Portela. A propia vexetación alta da matogueira cubre a zona alta do castro, tapando varios dos gravados rupestres cruciformes e as estruturas dos muros das vivendas espalladas arredor da croa.
  • O petróglifo da Idade do Bronce de As Abelaires, na parroquia de Aldán, situado preto do límite co concello de Bueu nas faldras do monte do Castroliboreiro de Liboreiro e á beira do GR-59 da Ecorrota do Morrazo, que, con varias representacións de círculos concéntricos e coviñas, representa un dos mellor conservados pola fondura dos relieves nos gravados, está rodeado de vexetación alta e arbustiva, a presenza de varios eucaliptos entre o conxunto rupestre e verteduras de entullos nas súas inmediacións e pola contorna. Na década pasada xa fora afectado con maquinaria pesada por unha primeira fase de “posta en valor” promovida pola Mancomunidade de Concellos do Morrazo a costa da construción da planta de resíduos comarcal na proximidade e posteriormente por verteduras de resíduos voluminosos a costa da construción do punto limpo de Cangas nas inmediacións.
  • O petróglifo da Idade do Bronce de Outeiro de Río Loureiro, no lugar de Herbello da parroquia de Aldán, rodeado de carballeira, bosque de ribeira eloureiro prados e á beira dun vello camiño empedrado de carro, dentro da conca do rego Orxas nas faldras da Serra da Madalena, e que, á parte de varias laxes con representacións de coviñas, círculos concéntricos e pseudolabirintos, contén a figura dun suposto guerreiro con vestimenta, casco, espada e escudo máis dunha vivenda cónica con entrada cadrada e chan circular, con probabilidade do Bronce Final e exclusivo a nivel galego e do noroeste ibérico, está rodeado de vexetación alta, a presenza dun piñeiro entre o conxunto rupestre, unha densa capa de liques e brións tapando grande parte do gravados e un rego de auga que se forma de baixada pola rocha. Na proximidade está inventariada tamén a presenza doutro petróglifo catalogado, o de Monte Pereira, que, con representacións de círculos concéntricos e coviñas en varias laxes está igualmente cuberto e tapado pola vexetación alta e o eucaliptal.
  • O Castelo, na parroquia de Darbo, asentamento catalogado da Idade do Bronce-Ferro-Romano-Medieval que, cos seus 244 metros de altitude máxima sobre o nivel do mar, e amplas panorámicas da ría de Aldán e da enseada de Cangas e a ría de Vigo, no que ao longo das súas tres terrazas se atoparon petróglifos con gravados rupestres, restos do antigo castro e posterior emprazamento do castelo medieval e mais o achado dunha ara, foi afectado na última década por un incendio forestal e na actualidade está cuberto polo crecemento sen control da matogueira e o monte baixo, que, á parte de ocultar os camiños de acceso e boa parte dos elementos culturais, supón un novo risco de propagación de incendio na súa contorna.
  • O Monte do Castro, na parroquia de Hio, xacemento catalogado da Idade do Bronce-Idade do Ferro ,que, cos seus 162 metros de máxima sobre omonte do castro nivel do mar e penedía granítica con formación de tres terrazas en caída entre a enseada de Liméns e Os Castros-Punta Igrexiña de Nerga, onde se atopou no pasado restos da estrutura do castro, cerámica castrexa e pedras con gravados rupestres, e que posúe unhas amplas panorámicas da entrada da Ría de Vigo, o espazo natural da Costa da Soavela e as Illas Cíes, foi afectado nos últimos anos pola construcción dunha pista de acceso cuberta con entullos de obra até o interior do propio castro, onde se inzou a cimentación da estrutura ilegal dunha antena de telefonía móvil por parte da empresa France Telecom, e onde existen así mesmo outras antenas reemisoras de TV particulares, obxecto de varios expedientes por parte da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural debido á falta de autorización por parte deste organismo.
  • A calzada empedrada que vai da Fanica ata Cova do Vento, na parroquia do Hio, de grande valor civil e etnográfico, que, por enriba do complexofanica dunar de Barra, forma parte do camiño vello que enlaza o Igrexario románico de Hio co núcleo rural de Donón, está afectada pola perda progresiva do pavimento e a vertedura de terras, entullos e resíduos forestais.
  • O Facho de Donón, na parroquia de Hio, xacemento catalogado da Idade do Bronce-Ferro-Romano-Medieval, declarado Ben de Interese Cultural pola Xunta de Galiza no ano 2013, cos petróglifos con gravados, poboado castrexo, santuario galaico-romano adicado ao deus lar Berobreo, calzada romana, faro medieval e os restos da aldea moderna de As Cortes-Punxeiro, que cunha altitude máxima de 188 metros sobre o nivel do mar amplas posúe unha amplas panorámicas do espazo natural protexido da Costa da Soavela e do Parque Nacional das Illas Atlánticas,está afectado pola masificación turística sen control e pola falta de mantemento dos elementos recuperados nas excavacións levadas a cabo ao longo da década pasada.

A falta de información e sinalización física da maioría dos xacementos -desde finais do século pasado ata a actualidade só se actuou e puxo en valor o Facho de Donón, en Hio, e o petróglifo de Laxe da Chan, en Darbo-, provoca tamén o risco de máis degradación dos mesmos polo tránsito de vehículos motorizados (Quads, motos de trial e todoterreo), circuitos de bicicletas e maquinaria pesada relacionada co sector forestal.

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo, atendendo aos seus valores paisaxísticos, naturais e culturais, presentou a rexistro en xullo e agosto de 2015 no Concello de Cangas, as correspondentes solicitudes de catalogación de Espazo Natural de Interese Local para a Serra da Madalena e os Montes do Hio e a posta en valor real do seu patrimonio natural e cultural coa creación de sendeiros de curto percorrido guiados e sinalizados, xunto coa proposta de mellora ambiental, social e económica da súa contorna, dos que non tivo ningunha resposta ata a actualidade por parte do actual goberno municipal.

Entendemos que hai que tomar medidas urxentes antes de que se produza un maior deterioro e situacións irreversibles que conleven a destrución e desaparición definitiva do patrimonio a protexer, como ten sucedido no máis recente pasado con distintas actuacións viarias e urbanísticas cun claro impacto crítico e severo no medio e con canteiras, traslado de pezas para construcións privadas e por simple expolio, con anterioridade.

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo demanda que a actuación protectora, máis alá do simple inventariado, catalogación e cartografiado, debe ser física, integral e repartida por todo o municipio e non centralizada no litoral nunha minoría do seu amplo e variado patrimonio, que na última achega á planificación urbanística do concello sobrepasaba o cento de elementos culturais a protexer entre xacementos e achados.

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Roteiro pola protección do Monte da Paralaia

roteiro paralaiaA Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo organiza o domingo 15 de novembro un roteiro para dar a coñecer a importancia natural, paisaxística e cultural do Monte da Paralaia e a súa contorna natural, compartido entre os concellos de Moaña e Bueu e integrado dentro de espazo natural do Carballal de Coiro en solo rústico de especial protección de espazos naturais segundo as NN CC e SS de Planeamento Urbanístico da provincia de Pontevedra.
O roteiro, segundo deste outono, será circular e sairá as 10 da mañá do Igrexario de San Martiño (Moaña), para chegar ás 14 h. ao mesmo lugar.
O percorrido transcorrerá por vial rural, pista forestal, corredoira e camiños por Outeiro do Cruceiro, A Xalde, Paralaia, Outeiro da Paralaia, Chans de Ermelo, Alto do Xestoso, Toxal de Fonte das Eguas, Mataxente, Xestoso e Xalde.
Os puntos de maior interese a visitar son as carballeiras e soutelos de castiñeiros da Paralaia -de interese natural e forestal-, Cova da Paralaia -de interese xeolóxico, natural e cultural-, Outeiro da Paralaia -penedía granítica con amplas panorámicas dos vales do rego do Inferno e da Fraga e do espazo natural dos Montes do Morrazo-, Chans de Ermelo, con bidueiral e monte baixo de matogueira – de interese natural e agroforestal-, Alto do Xestoso -penedía granítica a 445 metros sobre o nivel do mar que fai de límite entre as parroquias de San Martiño (Moaña) e Santiago de Ermelo (Bueu) e supón a cota máis alta do espazo natural do Carballal de Coiro, con amplas vistas panorámicas da ría de Vigo-, formación de bolos graníticos entre a carballeira e o mato do Toxal de Fonte das Eguas -de grande valor xeolóxico, paisaxístico e natural-, carballeiras e soutelos de castiñeiros de Mataxente e corredoiras empedradas do Xestoso- de grande valor natural, forestal e etnográfico-.
Para se achegar ao lugar de saída accédese pola estrada EP-1104 Abelendo-Coiro, que enlaza coa EP-1001 A Madalena-Coiro na Boubeta ou coa PO-313 Marín-Moaña na Porta do Cego. Unha vez na EP-1104 hai que coller en Abelendo o desvío existente entre o Supermercado Budiño e o centro sociocultural de San Martiño que sobe até o igrexario -hai un sinal que o indica-.
Recomendamos que de se achegar en vehículo privado, por ética e polas limitacións do aparcamento, as persoas que asistiren utilicen a capacidade máxima do seu vehículo compartíndoo con outras persoas. Recomendamos tamén traer roupa e calzado apropiados para a estación outonal.
A Paralaia contén os hábitats de interese comunitario de carballeiras galaico-portuguesas, rochedais silíceos con vexetación pioneira, breixeiras secas europeas e breixeiras oromediterraneas endémicas con xesteira. E unha importante fauna e flora salvaxe de baixo do bosque caducifolio mais en especial de zonas altas, rochosas e de monte aberto, ao que fai referencia a propia toponimia – a orixe léxica de Paralaia está directamente relacionado coa pedra como “litotopónimo”, e Xestoso e Toxal da Fonte das Eguas, como ben o indican os seus nomes, co monte baixo da matogueira-.
Atesoura como vestixio arqueolóxico “coñecido” o xacemento inventariado do neolítico da Mámoa da Paralaia, preto das Chans de Ermelo, que proba a presenza humana na zona desde épocas moi remotas. A Cova da Paralaia está relacionada así mesmo coa cultura inmaterial asociada á mitoloxía popular das “mouras” a través do “submundo” do subterráneo.
Os mellores abrigos escollidos entre as penedías foron utilizados desde os tempos remotos até ben entrado o século pasado, en especial, con relación ás actividades silvopastorís como, por exemplo a propia cova da Paralaia ou a impoñente “pedra” do Bolelo, outro exemplo de litotopónimo.
Os camiños empedrados están relacionados co transporte cara aos labores agroforestais e a comunicación no pasado entre parroquias -neste caso de San Martiño (Moaña) con Ermelo e Cela (Bueu)-.
Fóra do espazo natural tamén son de interese os núcleos rurais da Xalde e Outeiro do Cruceiro -de interese arquitectónico, etnográfico e agropecuario-, e o igrexario románico-barroco de San Martiño, -declarado Ben de Interese Cultural de Galiza-, asociado ao Monte do Castro -asentamento prerromano da Idade do Ferro-, cerne da constitución do actual concello de Moaña.
As principais afeccións para o espazo natural son a eucaliptización, a perda do monte baixo e a matogueira a costa de monocultivos forestais de piñeiro, as cortas de arborado autóctono, a falta de silvicultura, a mecanización da xestión forestal que comporta a erosión e soterramento dos camiños antigos e a creación incontrolada de circuitos de bicicletas de montaña e vehículos motorizados, que afecta aos camiños e ao propio medio natural e forestal.
As principais ameazas son o proxecto de desdobramento en autovía do corredor de alta capacidade no Xestoso e a Área de Desenvolvemento Eólica (ADE) do Morrazo con tres “ubicacións alternativas” de aeroxeradores nas zonas máis altas do propio Monte da Paralaia.
Por considerármolos uns espazos naturais de alta importancia ambiental e corredor ecolóxico, a Plataforma solicitoulle á Xunta de Galiza en marzo do 2012 a ampliación da Rede Natura galega cara a un novo Lugar de Importancia Comunitaria que recollese os espazos naturais dos Montes do Morrazo e Carballal de Coiro (onde está integrado o monte da Paralaia e a súa contorna) máis outros ampliables.

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized