Aclaracións sobre a proposta de ENIL para os Montes do Hio

Unha vez pasada a controversia e calmados os ánimos da semana pasada ao redor da solicitude de declaración de ENIL para os Montes do Hío, e sen o intuito de avivar a polémica, desde a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo queremos amosar o noso respecto, aínda que non o compartamos, polo posicionamento da veciñanza e Comunidade de Montes do Hío contra a nosa solicitude. Son plenamente responsábeis das súas decisións e por suposto a catalogación de ENIL non se vai realizar en contra da súa vontade.

Entendemos, por outra banda, que esta polémica e a confusión sobre a autoría da solicitude, non se tería producido, cando menos en parte, se antes de tomar a decisión de levala a pleno, se dirixise o equipo de goberno a esta plataforma para se reunir e darlle a oportunidade de explicar as razóns da súa petición, e non ter que enterarse desta decisión polo medios de comunicación.

Lamentamos o oportunismo e a utilización da polémica por parte dalgúns partidos e a actitude doutros que sen interesarse polas razóns da plataforma e sen consultala quixeron pechar a polémica sen debatela con seriedade.

Esta plataforma no seu labor non ten o ánimo de actuar contra ninguén, sexa veciñanza ou sexan propietarios dos montes, senón, de velar pola defensa dos valores naturais, sociais e culturais dos montes do Morrazo. Neste sentido, tanto a solicitude de ENIL para os Montes do Hio como a da Serra da Madalena, forman parte dunha serie de iniciativas levadas a cabo por esta plataforma para mellorar a protección do patrimonio natural, arqueolóxico e cultural na comarca do Morrazo.

E neste sentido queremos aclarar algunhas cuestións:

  1. A catalogación de calquera espazo como ENIL, segundo o punto 1 do artigo 17 da LEI 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, comporta que por petición do concello e logo de informe da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, a Consellería de Medio Ambiente poderá declarar como espazos naturais de interese local, aqueles espazos integrados no seu termo municipal que, polas súas singularidades, sexan merecedores dalgún tipo de protección dos seus valores naturais. Ou sexa, non fai mención ningunha a que o monte teña que ser de titularidade pública, a sabendas de que a titularidade pública do monte en Galiza é practicamente anecdótica e testemuñal.
  2. Unha vez declarado o ENIL pola Consellería de Medio Ambiente a responsabilidade e competencia na xestión destes espazos sería municipal.
  3. Ao non considerarse os ENIL incluídos na Rede galega de espazos protexidos, se nos atemos ao artigo 26 de enumeración dos efectos da citada LEI 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, quedan eximidos da declaración de utilidade pública e interese social para efectos expropiatorios de todos os bens e dereitos incluídos dentro do seu ámbito, do sometemento das transmisións onerosas e inter vivos de terreos á facultade da administración de exercer os dereitos de tanteo e de retracto, consonte o previsto no artigo seguinte da suxeición á servidume de instalación de sinais prevista no artigo 28 desta lei e da utilización dos bens comprendidos nestes espazos consonte o previsto nesta lei e nos instrumentos de ordenación establecidos nesta.
  4. A súa declaración como ENIL non implicará a asignación de recursos da Comunidade Autónoma, aínda que “poderán ter preferencia na obtención de axudas para a súa conservación e xestión”.
  5. En relación á posibilidade barallada de catalogar este espazos como Espazo Privado de Interese Natural (EPIN), o que di o artigo 18 da antedita LEI 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza é que “as institucións e os propietarios particulares dos terreos nos que existan formacións naturais, especies ou hábitats de flora e fauna silvestres dos que se considere de interese a súa protección poderanlle propoñer á Consellería de Medio Ambiente, mediante a presentación dunha memoria suficientemente motivada, a súa declaración como espazo privado de interese natural. Que a declaración supón o compromiso formal do promotor de poñer en práctica as medidas precisas para a conservación dos valores naturais que o motivaron. E que estes espazos non se incluirán na Rede galega de espazos naturais protexidos e que a súa declaración non implicará a obrigatoriedade, por parte da Consellería de Medio Ambiente, de achegar recursos públicos, aínda que poderán ter preferencia na concesión de axudas e subvencións.” Ou sexa, moi parecido á declaración do ENIL, mais a responsabilidade e competencia na xestión en vez de ser municipal pasaría a ser directamente do ente ou agrupación de propietarios privados que solicite o EPIN.
  6. Con respecto á posibilidade barallada de que o ENIL puidese afectar as vivendas lindeiras, cómpre sinalar que estas ao estaren en núcleo rural ou en solo rústico ordinario ficarían fóra da área protexida, e que na actualidade xa está catalogada como solo rústico de especial protección.

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo presentou estas iniciativas tendo en conta a situación de abandono e degradación no que están inmersos estes espazos naturais desde hai décadas, algo que se incrementou de xeito alarmante nos últimos anos, que están afectar gravemente as súas cualidades ambientais e a súa biodiversidade (eucaliptización, invasión de acacias e mimosas, monocultivos forestais, perigo de propagación de lumes forestais polo carácter pirófito das especies anteriormente citadas e a falta de silvicultura da roza monte baixo, perda de arborado autóctono por cortas indiscriminadas, verteduras de resíduos, circulación de vehículos motorizados e bicis todo terreo sen control con afeccións ao propio medio e a seguridade viaria,…). E porque a sociedade tamén o demanda, reflexado así mesmo na postura de moitos e moitas asistentes aos nosos roteiros.

A falta de figuras de protección estritamente ambientais, deixa os espazos naturais cunha simples protección de solo rústico que non serve ou non chega para frear este deterioro, permitindo, ademais, implementar políticas que, baixo o eufemismo da liberalización do solo, pretenden a recualificación destes terreos para outros usos distintos aos non urbanizábeis ou, sen máis, para poñelos nas mans das multinacionais do sector forestal, enerxético, das telecomunicacións,…

Dentro dun contexto galego no que a súa superficie protexida non supera o 13%, cando a media estatal xa vai por un 27%, cómpre termos en conta que O Morrazo carece de espazos naturais protexidos na maioría do seu seu territorio, o que deixa totalmente aillada, e sen a necesaria conexión con corredores ecolóxicos, cunha proteccion estritamente ambiental, á mínima parte protexida na actualidade no litoral coa Rede Natura dos espazos naturais da Enseada de San Simón, Cabo Udra e Costa da Vela, onde ademais, ao redor do 80% da súa superficie protexida, é mariña.

A proposta aprobada finalmente no pleno para que o espazo natural que percorre desde Punta Balea, polas Barreiras, ata Santa Marta poida ser declarado ENIL, ou no seu defecto EPIN, solicitada polo colectivo Anduriña e a comunidade de montes de Darbo, é un feito positivo, mais insuficiente, xa que Cangas seguirá sen contar con áreas naturais protexidas máis alá da súa franxa costeira.

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo entende que as propostas de ENIL e a posta en valor dos valores paisaxísticos, naturais e culturais para a Serra da Madalena e os Montes do Hio, aos que se lle podería engadir a parte municipal correspondente ao espazo natural do Carballal de Coiro, ten máis de positivo que de negativo, e queda nas mans do Concello e nas da propiedade comunal ou particular a decisión de chegar a un acordo no futuro.

Con todo, e como alternativa ao ENIL, cabe sinalar tamén que quedaría a declaración de EPIN por parte das comunidades de montes ou doutra agrupación de propietarios privados.

Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s