Inseguridade no corredor do Morrazo

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo quere denunciar que mentres a Xunta de Galiza pretende blindar, con millonarios orzamentos, as obras do complicado e insustentábel proxecto de desdobramento en autovía do corredor de alta capacidade do Morrazo, o propio corredor está falto de control e mantemento e, xa que logo, segue a ter un alto índice de inseguridade viaria.

arame sen reposiciónOs atropelos de xabaríns sucedidos no corredor neste comezo de decembro do 2015 reflicten fielmente esta situación. Malia pretender atribuír en parte a responsabilidade á actividade cinexética, na realidade é a propia administración pública autonómica a responsábel, xa que o corredor de alta capacidade ten grande parte do seu trazado co arame de peche en malas condicións, dobrado e a caer pola vexetación alta, ou directamente sen el e sen renovalo.

grietaAlén disto, grande parte da vexetación que está crecer nas súas beiras está a coller un porte arbóreo e ameaza a seguridade do corredor con máis desprendementos de noiros, como os acontecidos nos últimos anos. Os pasos elevados están a ter grietas no seu pavimento e a perder perigosamente consistencia nas súas xuntas de dilatación. E boa parte desa vexetación -acacias, mimosas, herba da pampa- invasora e pirófita, está a espallarse de xeito alarmante polos espazos naturais fóra do ámbito do corredor, ameazando a súa biodiversidade e incrementando considerabelmente o risco de lumes forestais no futuro.

Por outra banda, aproveitando que se está celebrar en París o cumio internacional polo cambio climático, e independentemente das medidas e acordos que de alí poidan xurdir, desde a Plataforma temos que salientar que a segunda causa de xeración de gases de efecto estufa na atmosfera, en especial do dióxido de carbono, con máis dun 20 % dos producidos no Estado español, é o tráfico motorizado nas estradas.

Esa contaminación atmosférica, en especial polas altas emisións de partículas en suspensión, dióxido de nitróxeno e ozono toposférico, producida no seu 80% polo tráfico motorizado e principalmente polo uso do automóbil privado, é ademais a responsable da aparición e agravamento de enfermidades respiratorias así como outras patoloxías asociadas como alerxias, vasculares ou cancros, na poboación humana con máis de 19.000 mortes prematuras ao ano -doce veces máis que por accidentes de tráfico-. A propia Axencia Internacional para a Investigación sobre o Cancro (IARC), dependente da Organización Mundial da Saúde (OMS), clasificou esta contaminación atmosférica como canceríxena de nivel 1.

Aténdonos aos niveis recomendados pola propia OMS, un 95% das e dos cidadáns no estado español estamos respirando na actualidade aire contaminado, principalmente causado polo uso do automóbil privado.

Galiza e O Morrazo, evidentemente, non son alleos a esta problemática ambiental de proxeccións catastróficas, e a mudanza irreversíbel no clima xa a estamos sufrindo. Desde hai un tempo estase a percibir unha progresiva mediterraneización a custa da perda de influencia oceánica, con temperaturas máis altas do normal ao longo do ano, cambios bruscos de temperatura, perda de influencia estacional, chuvias máis espaciadas e torrenciais e mesmo merma hídrica. Isto está a provocar tamén que os efectos nocivos da contaminación atmosférica na poboación humana a nivel local sexan cada vez maiores. O Morrazo ademais está dobremente afectado, xa que, engadido aos negativos efectos no continente, tamén os estamos percibindo no océano, tanto na súa bioloxía (como recurso), como na subida do nivel do mar cara aos núcleos poboados do litoral, onde a área atlántica na que estamos ubicadas e ubicados vai ser das máis perxudicadas.

Para a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo e tendo como referencia as máximas medidas de redución de xeración de gases estufa e do quecemento global recomendados polo sector científico e ambientalista, a alternativa está na desincentivación do uso do automóbil privado, en especial na paralización de máis proxectos de autovías -como por exemplo o desdobramento do corredor de alta capacidade do Morrazo- e na potenciación do uso do transporte colectivo e de proximidade.

É fundamental tamén o decrecemento urbanístico e industrial, a reciclaxe e reutilización de materia prima, a autosuficiencia nos núcleos de poboación con enerxías renovables libre de monopolios empresariais, o aillamento térmico da estrutura das vivendas, a eficiencia e aforro enerxéticas e nun profundo cambio socieconomico, cultural e tecnolóxico.

Por outra parte, a Plataforma quere manifestar a inseguridade xurídica na que tamén está inmerso o propio proxecto de desdobramento do corredor que modificado nun 30 % con respecto ao proxecto orixinal, á parte da falta da correspondente avaliación de impacto ambiental tampouco contén a preceptiva Avaliación Ambiental Estratéxica (AAE), establecida na vixente Lei 9/2006 de 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no medio ambiente, inexistente así mesmo no Plan de Mobilidade Viaria da Península do Morrazo e no Plan de Mobilidade e Ordenación Viaria Estratéxica (Plan MOVE) nos que está integrado, e inexistente tamén no Plan Director de Estradas de Galicia, que nunca se chegou a aprobar, e no que, no máis alto da planificación, tamén tería que estar integrado.

O proxecto do desdobramento do corredor por subtramos non pode evitar a avaliación dos efectos ambientais da obra no seu conxunto que, de feito, co planificado no 2012 e agora en fase de licitación, xa incumpre moitas das características técnicas da obra as propias condicións estipuladas na Declaración de Impacto Ambiental (DIA) do “estudo informativo” do ano 2001, nas que a Xunta se apoiou para obviar a correspondente e legal fase avaliación de impacto ambiental.

Ademais da súa manifesta ilegalidade, a súa realización comportaría pola orografía complicada dos montes, un incremento e irreversíbel do impacto ambiental no territorio e dos problemas de circulación e seguridade viaria por toda a comarca a custa do previsíbel aumento do parque automobilístico. Implicaría tamén un elevado custo económico que tería que compensarse con peaxes na sombra e con fondos públicos ás empresas concesionarias da súa construción e mantemento, de difícil por non dicir imposible cumprimento no futuro.

Por outra parte, non hai que esquecer que malia o anuncio electoralista, por parte do goberno do PP na Xunta de Galiza, do orzamento de licitación de obra para os dous primeiros subtramos entre Rande e Meira, aínda lle queda a licitación dun terceiro subtramo da primeira fase ata o enlace de Cangas e a totalidade da segunda fase, ata a rotonda da Portela, e onde máis problemática xeotécnica está suceder cos meirandes derrubamentos de noiros do propio corredor.

 

Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s