A PDMM rexeita a concesión da prórroga a Ence

non a enceA Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo quere amosar o seu rexeitamento á decisión tomada polo goberno estatal en funcións do Partido Popular de autorizar a prórroga, por 60 anos máis, prorrogábeis a outros 50, á empresa pasteira Ence, o que lle permitirá seguir ocupando os terreos de dominio público marítimo-terrestre en Lourizán, hipotecando todo o futuro da ría e, por engadido, o dos nosos montes.

Esta decisión tomada con nocturnidade e aleivosía só se pode cualificar de inmoral, vergoñenta, antidemocrática e tendenciosa por canto foi tomada por un partido, o PP, que, produto das súas políticas neoliberais, perdeu a maioría absoluta nas últimas eleccións xerais, sendo incapaz de afrontar unha investidura, que está na oposición desde hai anos no concello de Pontevedra, e con escasas posibilidades, segundo reflicten as enquisas, de seguir a gobernar en Galiza. Para alén disto, esta decisión, claramente partidista, atenta contra o correcto funcionamento democrático e o sentir histórico e maioritario de rexeitamento social á presenza do complexo industrial de Ence no seu actual emprazamento desde os tempos en que foi imposto polo réxime ditatorial franquista.

Por outra parte, ao igual que sucedeu a partir da década dos sesenta do século pasado, o PP pretende perpetuar un modelo de desenvolvemento industrial e forestal totalmente insustentábel que provoca graves problemas de contaminación e deterioro ambiental, perda de biodiversidade e merma de recursos naturais, que comporta tamén a perda social e económica derivada da explotación tradicional e secular destes a nivel forestal e agrícola. Pasando a ser as e os propietarios das terras meros subsidiarios dos intereses industriais e económicos da empresa. E o sector pesqueiro e marisqueiro, que viron como as súas áreas de explotación mariña remataron contaminadas e incluso non aptas para a súa actividade polas verteduras do complexo industrial.

Este modelo desenvolvementista, herdado do réxime anterior e baseado na sobreexplotación do recurso forestal, coa plantación intensiva de eucaliptos para a fabricación exclusiva de pasta de papel, verase agora incrementado coa autorización, tamén recente, por parte do goberno estatal do PP para a instalación dunha planta incineradora de biomasa de 40 MW, que a propia ENCE pretende instalar ao lado da pasteira, dentro do propio terreo gañado ao mar.

Esta nova actividade industrial, máis alá do que a empresa nos pretende dicir, non vai ser só para os restos das cortas de arborado, senón que, pola súa alta demanda enerxética, no fondo esconde a intención real de promover máis monocultivos forestais e con máis especies alóctonas e invasoras que o eucalipto nos nosos montes. Por outra parte, a instalación da planta de biomasa suporá unha nova ocupación do dominio público marítimo-terrestre e o incremento da actividade industrial enriba deste co que iso tamén implicaría de prexuizos sociais e ambientais.

A prórroga da actividade empresarial de ENCE por máis de cen anos hipotecará o investimento noutros modelos de xestión máis sustentábeis como a multifuncionalidade de recursos dos nosos bosques a nivel madeireiro, silvícola e colleiteiro, con especies autóctonas ou a protección, conservación e recuperación de espazos naturais. Suporá unha maior ameaza para a biodiversidade onde, ademais de plantacións de especies alóctonas e invasoras, seguirase aplicando nocivos produtos biocidas para o control da vexetación natural e das plagas que estes monocultivos crean, e manterá e incluso incrementará o alto risco da propagación de lumes forestais con especies pirófitas agravado polo incremento global de temperaturas, produto da mudanza climática.

Por outra parte, suporá un risco constante de contaminación para o medio mariño, para o que ademais non se tivo en conta o alto risco de inundación dos terreos ocupados pola empresa pola elevación progresiva e global do nivel do mar. E tamén de contaminación atmosférica e malos cheiros para os núcleos de poboación da bisbarra por moito que a empresa se empeñe en dicirnos que non, incidindo na saúde humana e na calidade de vida.

Para a Plataforma, a permanencia de ENCE é unha cuestión moi seria e vai moito máis alá da integración estética coa que nos pretende convencer a empresa, que ademais non pode seguir utilizando a situación laboral dos seus traballadores e traballadoras como paraugas e amparada en reformas legais e informes á carta baleirados de contido xurídico e ambiental, por enriba da racionalidade e a sustentabilidade. ENCE só ten unha débeda con Pontevedra e co conxunto da poboación que convive a ámbalas dúas beiras da ría: a de trasladarse e irse fóra da ría. E o Estado, como corresponsable da instalación do complexo industrial no lugar, ao ser daquela ENCE unha empresa pública, só ten tamén outra débeda, a da recuperación ambiental dos terreos gañados ao mar cara ao seu estado orixinal.

Dede a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo ante esta nova cacicada do PP en connivencia con ENCE chama a veciñanza da comarca a participar masivamente na manifestación convocada para este venres, 29 de xaneiro, ás 20:30 en Pontevedra, con saída da Praza da Ferrería e esixe do goberno en funcións o do que se poida constituír a revocación da aprobación de prórroga e que dea os pasos necesarios para o desmantelamento do complexo de Ence e a recuperación e saneamento integral da ría.

Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s