Ante o impacto das cortas e o abandono do patrimonio cultural dos montes de Meira

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo, congratúlase de que a comunidade de montes de Meira (Moaña), tal e como demandaba a Plataforma, teña agora entre as súas intencións repoboar con especies frondosas o monte queimado en abril do ano pasado na súa parroquia nos lugares de Cavada da Loba, Campo Redondo e Fonte Luceira.

Mais, por outra parte, a Plataforma quere denunciar publicamente tal e como se está a xestionar, despois dun ano, a corta do arborado queimado, principalmente piñeiro e eucalipto, por parte da empresa adxudicataria, Finsa Maderera.

apertura de pista perto da Pedra MorcegueiraAo noso entender estase a proceder excesivamente coa apertura de novas pistas para acceso de maquinaria pesada que están a provocar un grande impacto e erosión no terreo, onde a propia subida de camiño de pé á Pedra Morcegueira, monumento natural e xeolóxico de relevante importancia na zona, acaba de ser interrompida pola apertura dunha desas novas pistas forestais, con cortes que sobrepasan nalgúns tramos os dous metros de fondura e explanación, con movementos de terras no terreo, deixando pedras do subsolo e o aparato radicular da carballeira circundante á intemperie.

Por outra parte, está quedando moita da ramaxe depositada no solo, tanto nas pistas de acceso como pola contorna das áreas produto das cortas que, de non retirarse corre un serio perigo de propagación rebrotes de eucaliptal con ramada seca sen retirarde novos incendios na zona como combustible, tendo en conta que o piñeiro contén resinas e o eucalipto alcoholes na conformación da súa biomasa, altamente inflamables.

Por engadido, nunha das parcelas afectadas polos lumes do ano pasado, a maioría eucaliptal, produciuse unha corta anterior, na que tampouco se retirou a ramaxe e na actualidade está a ser rodeada polos rebrotes vexetativos de cepa de novas polas do eucaliptal cortado, co serio risco de propagación de novos lumes que iso comporta, tendo en conta ademais que o eucalipto é unha especie pirófita.

Queremos alertar tamén do risco de afeccións ao patrimonio cultural e arqueolóxico, tendo en conta que a contorna da área queimada está rodeada de varios xacementos descubertos e catalogados -petróglifo de Rega de Arada, achádego de Chan de Arada, petróglifo de Chan de Arada, petróglifo de O Curral, petróglifos de Rega Pequena, petróglifos de Os Means, petróglifos de Serra dos Cavaliños- dos que non sabemos se se está a facer unha correcta vixianza e control de cautela.

Fóra da área queimada, mais tamén na proximidade, queremos denunciar así mesmo o estado de abandono e afección a que está a ser sometida a área integral de protección do petróglifo catalogado, e así mesmo Ben de Interese Cultural, de Pozo Garrido, un dos máis representativos dos existente nos montes da parroquia pola grande variedade e calidade de tipoloxía de gravados rupestres (cazoletas, círculos concéntricos, zoomorfos, trazos ondulantes e cruciformes) adscritos culturalmente, como a maioría dos da parroquia antes citados, á Idade do Bronce.

vexetación e auga ao redor do petróglifo de Pozo GarridoNa actualidade este petróglifo está a ser afectado por todo tipo de vexetación, incluida a arbórea invasora e pirófita -eucaliptos e acacias- e por augas de escorrentía, que poderían estar degradando seriamente a estrutura lítica da rocha. Por engadido, ao longo da década pasada a súa contorna próxima foi afectada con verteduras de terras e entullos procedentes das obras do corredor de alta capacidade do Morrazo, e por parte dunha empresa privada de excavacións, que provocou así mesmo que parte das verteduras remataran sedimentadas enriba das pedras e dos gravados do propio petróglifo, transportadas polas chuvias torrenciais e a escorrentía, efecto que aínda se pode observar na actualidade. Non moi lonxe, e preto do valado do propio corredor de alta capacidade, está oculto baixo verteduras de terras outro petróglifo, o do Vieiro, con gravados de tipoloxía e funcionalidade de muiño rupestre que, transportado a ese lugar tras afectar de cheo a súa ubicación orixinal polo propio trazado do corredor, desde o ano 2004 nunca se tivo máis en conta ata rematar nos últimos anos na lamentable situación actual. Nuns terreos próximos quedaron sepultados baixo terras varios trozos con gravados doutro petróglifo, o da Devesa do Rei, afectado tamén de xeito severo anteriormente polo trazado do corredor. Nas últimas décadas tamén se produciron afeccións con probas motociclísticas, verteduras de terras, apertura de pistas, instalación de antenas de telecomunicacións,… noutros xacementos doutras áreas dos montes da parroquia como na contorna do petróglifo da Borna ou no xacemento medieval da Torre de Meira

restos das cortas coas pistas de acceso e a ríaVolvendo ao efecto positivo que, por outra parte, suporía a pretendida repoboación do solo queimado, obxecto na actualidade das cortas, con especies arbóreas frondosas e autóctonas por parte da comunidade de montes de Meira, á parte de favorecer e incrementar a biodiversidade e a funcionalidade de cortalumes natural, tamén melloraría considerablemente a calidade paisaxística, feito que se pode comprobar xa actualmente coa apertura das súas extraordinarias vistas panorámicas con respecto á ría de Vigo despois das cortas do piñeiral e eucaliptal queimado que anteriormente uniformizaba e tapaba na súa totalidade, por ser estas especies de rápido crecemento e de grande porte e altura.

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo, valora como moi positiva esta decisión da comunidade de montes de repoboar as 42 has. con especies frondosas como valora positivo tamén que planifique outra zona dos seus montes para a gandeiría caprina.

Mais entende que a aposta debería ser máis ampla nos seus cometidos e territorialidade e, na realidade, debería contemplar unha posta en valor integral do seu importante e variado patrimonio paisaxístico, natural e cultural que, agás as propostas de convenio ao tanto feitas da comunidade de montes con varios organismos públicos da Xunta de Galiza e do Estado a finais da década pasada, coa entrada nesta década, cambio de gobernos políticos, e recorte ou practicamente desaparición de fondos públicos, desgraciadamente non tiveron continuidade.

A maioría do terreo correspondente aos montes da parroquia de Meira, está integrado dentro do espazo natural dos Montes do Morrazo e cualificado como solo rústico de especial protección de espazos naturais polas NN CC e SS de Planeamento Urbanístico da provincia de Pontevedra. Está atravesado por dous regos principais, o Barranco do Faro e o rego da Fraga, no límite coa parroquia de Moaña, ademais do de Caiauga, coas súas importantes áreas hidrolóxicas e de ribeira.

Posúe carballeiras e en boa parte do seu territorio o carballo representa na sucesión ecolóxica a especie clímax ou potencial. Tamén áreas repoboadas con esta e outras especies frondosas e autóctonas -castiñeiros, bidueiros…- que tamén é de agradecer á comunidade de montes. Á parte do dos Parientes, no Outeiro do Aviador, ou da Torre de Meira, os altos das súas abondantes e espalladas penedías desde o Gagán ata a Borna, tamén representan verdadeiros miradoiros naturais sobre a ría.

E posúe un extraordinario patrimonio cultural e arqueolóxico, con ao redor de medio cento de xacementos coñecidos e catalogados de diferentes fases prehistóricas e históricas, en especial de conxuntos rupestres ao aire libre, onde representan máis de dúas terceiras partes do seu patrimonio cultural existente e un dos máis importantes no conxunto da península do Morrazo.

Por todo isto, os montes da parroquia de Meira merecen unha mellor atención e son dignos de ter unha verdadeira e posta en valor integral do seu rico e variado patrimonio por parte das administracións públicas xunto coa comunidade de montes.

 

Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s