Comunicado de apoio á marcha contra Ence

marcha contra enceDesde a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo queremos facer público o noso apoio á marcha convocada pola Plataforma Ence Fóra e a Federación Ecoloxista Galega este sábado, 4 de xuño, ás 19:30h desde as alamedas de Marín e Pontevedra. E facemos un chamamento á veciñanza da ría e contorna para que participen de xeito masivo na marcha para amosar o seu rexeitamento á presenza da pasteira na ría e á prórroga de 60 anos concedida a inicios deste ano polo goberno en funcións do Partido Popular.

Para a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo, esta prórroga concedida despois da reforma ad hoc da lei de costas que impedía a permanencia de Ence máis alá do 2018, alén de constituír un auténtico atropelo ás garantías democráticas, é un verdadeiro atentado contra o medio natural da ría e contorna pois permite non só a continuidade da súa actividade industrial e contaminante, senón que siga a condicionar medio século máis a política forestal de todo o territorio galego.

A permanencia da fábrica suporá un serio perigo para a biodiversidade, tanto no mar, cos canos de desaugue enriba da ría, como nos nosos montes, consolidando e mesmo espallando as plantacións de monocultivos forestais con eucaliptos, tanto para fabricar pasta de papel, como de materia prima xunto con outras especies alóctonas e invasoras, para xerar electricidade na macroplanta de incineración de biomasa de 40 MW que ten proxectado construír a empresa na provincia de Pontevedra.

Desde o 2002, cando foi condenada por delito ecolóxico continuado, a empresa está empeñada en facer a cotío campañas de lavado de imaxe e cambios estéticos na factoría, que dalgún xeito disimulen ou tapen a enorme pegada ecolóxica que deixa a súa actividade, tanto no medio mariño-terrestre que ocupa, polas verteduras á ría e afección dos recursos pesqueiros e marisqueiros, como na contorna, polas emisións atmosféricas e malos cheiros que xera, como para os montes polas altas cantidades de madeira de monocultivos de eucalipto que precisa, reducindo de xeito alarmante a biodiversidade, favorecendo a utilización de biocidas e pesticidas, acidificando e reducindo a capacidade de absorción hídrica do solo, producindo unha grande erosión pola excesiva mecanización e apertura de pistas forestais para as plantacións e as cortas, modificando radicalmente a paisaxe e sen esquecer que o eucalipto, como especie pirófita, é directamente responsable da propagación e grande beneficiado de grande parte das vagas de lumes forestais no monte arborado galego desde a década dos setenta do século pasado.

A empresa en connivencia co goberno estatal e autonómico -que foi quen tamén de concederlle autorización ambiental e o visto bo á carta- pretende afianzar un modelo de desenvolvemento insustentábel, baseado no monopolio e na centralización da xestión dos recursos forestais, cunha macrofábrica pasteira obsoleta, construída e imposta hai máis de medio século, no comezo da fase desenvolvementista do anterior réxime franquista.

Entendemos desde a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo que se a empresa quixer beneficiar verdadeiramente a poboación que reside na contorna e vive dos recursos da ría e favorecer realmente o seu saneamento, debera retirar as súas instalacións desta, e non botar balóns fóra facendo responsábel a toda a veciñanza dos concellos de Poio, Pontevedra e Marín por non depurar correctamente as súas augas residuais na EDAR de Praceres. Sobre todo cando a propia empresa produce grandes cantidades de augas residuais, tanto orgánicas como industriais, que non só verte á súa propia depuradora senón tamén á propia EDAR supramunicipal, e que está a camuflar con medicións e informes ambientais feitos tamén ad hoc para librarse das distintas normativas ambientais e de verteduras.

Neste sentido desde a PDMM reclamamos que os investimentos na xestión da depuración das augas residuais urbanas e da EDAR de Praceres deben ser competencia exclusiva da administración pública e para o servizo da veciñanza residente e non compartida cunha empresa privada, como pretende ENCE de xeito caciquíl e viciado como trato de favores por autorizarlle o Estado a continuidade da súa actividade industrial nun lugar onde na realidade debería desaparecer para proceder a súa recuperación e rexeneración natural.

Entendemos tamén desde a PDMM que se realmente se quere acadar unha xestión sustentábel dos recursos forestais, debemos fuxir do modelo de monopolio empresarial e desenvolvementista que representan desde hai décadas Ence e as súas filiais madeireiras. Cómpre implantar un novo modelo forestal baseado na reordenación dos espazos naturais, na diversidade de cultivos, na multifuncionalidade dos usos e no respecto, complemento e armonización destes coa biodiversidade autóctona e os ciclos propios da natureza, na distribución da produción e das ganancias de xeito directo e non subsidiario entre as propietarias e propietarios das terras, nunha menor mecanización, no autoemprego e na priorización do consumo do produto na proximidade e na creación de infraestruturas máis pequenas que, como no caso das plantas de incineración da biomasa resultante das cortas -e non de novas plantacións e con especies alóctonas e invasoras como pretende ENCE- ademais de ter o menor impacto con respecto ao medio, sexan zonais e para o abastecemento enerxético a nivel local e da veciñanza e non dunha empresa.

 

Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s