Posicionamento da PDMM ante o anuncio dun novo plan forestal da Xunta

P1390360A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo, ante o anuncio coas directrices da inminente aprobación dun novo plan forestal galego, considera que esta medida non pasa de ser simples e puro electoralismo e que non vai remediar os problemas que sofre o noso monte. Este plan camiña na dirección contraria cunha planificación totalmente insustentábel tanto no plano social como no económico como, en especial, no ambiental.

Malia a propia Xunta recoñecer que o plan forestal aínda vixente, elaborado no ano 1992, non cumpriu co seu cometido de reordenar e xestionar o monte dun xeito axeitado, agora pretende aprobar unha pseudoreforma que afonda aínda máis nos erros do plan forestal vixente. Entrega da xestión ás mesmas empresas do sector e potenciación dos monocultivos, en especial do eucalipto.

Este anuncio, a escasos meses dunhas novas eleccións autonómicas, prodúcese despois da prórroga concedida por 60 anos á pasteira Ence na marisma de Lourizán por parte do goberno en funcións do PP no Estado. Fican claros, ao noso entender, por onde van os tiros desta medida. Favorecer a pasteira.

Para edulcorar e disfrazar as súas verdadeiras intencións, a Xunta anuncia unha estabilización e mesmo redución da superficie ocupada na actualidade polo eucalipto para dar paso a plantacións con especies autóctonas que para a PDMM non é máis que un canto de serea, pois no canto de ditar unha lei que estableza esta redución, deixa este cometido nas mans das propias empresas.

A propia palabra usada no anuncio, estabilización, ao noso entender, o único que amosa é a clara intención da Xunta de consolidar, despois de décadas de monocultivos intensivos e sen control promovidos pola administración, a presenza do eucalipto nos nosos montes. Despois de catro décadas nas que a superficie de eucalipto se cuadriplicou, en especial nas zonas litorais, a Xunta segue a apostar polo seu cultivo.

Cómpre denunciar tamén, que non só non se vai reducir o cultivo do eucalipto e outras especies alóctonas, senón que mesmo se pode incrementar segundo os intereses empresariais e da industria do sector forestal. E máis concretamente, incrementarase segundo os intereses da empresa Ence e a súa actividade pasteira en Pontevedra e Navia, e as necesidades de madeira para o proxecto de construción dunha macroplanta de incineración de biomasa na provincia de Pontevedra.

Este novo plan non vai incrementar os postos de emprego nin fixar poboación no rural pois a estrutura forestal seguirá sendo a mesma que a que xestiona o monte desde hai anos. Pola contra, o maior investimento en mecanización do sector xoga na contra do monte e do rural, principal seña da identidade galega a nivel social, económica e cultural que xa o propio Estado se encargou de desmontar desde mediados do século pasado. As políticas desenvolvementistas e industrializadoras implementadas polo réxime franquista e que continuan vixentes na actualidade, provocaron o éxodo cara ás cidades de miles de persoas. Este plan non mellorará senón cecáis afondará máis na súa precarización e empobrecemento crónico do rural e empuxará a poboación que fica aínda nel cara ás cidades na procura de maiores oportunidades, malia que aí tampouco existe xa moito onde escoller.

Tampouco vai supor este plan un incremento na economía pois o modelo escollido, o tan cacarexado da competitividade e do libre mercado, vai camiño do colapso mundial dada a súa manifesta inxustiza social e insustentabilidade ambiental. Cómpre non esquecer neste sentido, o conflito que existiu no noso territorio coa guerra de prezos da madeira que como adoita acontecer gañou o monopolio do máis forte aínda que o máis pequeno se aveña a acordos.

A pretendida maior superficie adicada a novas plantacións de especies autóctonas – carballo, castiñeiro e cerdeira- non vai implicar apenas cambio ou mellora a nivel ambiental, pois a maioría do territorio seguirá sendo destinado á plantación de monocultivos como o eucalipto ficando nunha minoría vergoñenta a superficie de arborado autóctono.

Esta aposta polos monocultivos supón tamén a continuidade na utilización de agrotóxicos -insecticidas e funxicidas- para controlar e combater as pragas que esas propias especies provocan e seguir coa dinámica biocida con respecto á biodiversidade realizada por estas empresas ata agora. Ao noso entender, a atención especial que se lle dá a este apartado na nova planificación ten a ver con toda probabilidade cos acordos segredos que están a negociar as élites políticas e económicas da UE e EEUU no marco do Tratado Trasatlántico de Comercio e Investimentos – TTIP- que botan abaixo calquera norma ou lexislación ambiental, sanitaria ou alimentaria que vaia en contra dos intereses das grandes empresas e lobbies multinacionais.

Alén disto, con este novo plan non se vai rematar de vez coa vaga de lumes que cada ano arrasa os nosos montes, tal e como recoñeceu un alto cargo de Medio Rural, pois non existindo unha verdadeira posta en valor económica e social do monte e favorecéndose a plantación de eucaliptos para saciar os intereses monopolizadores de Ence e a patronal madeireira, non se fai máis que botar máis “leña ao lume” cunha especie que ademais de invasora é pirófita.

O produto elaborado e transformado do sector forestal galego está ideado e destinado na súa maioría á exportación, ficando a pretendida xustificación ambiental de que é un recurso natural que actúa como sumidoiro de CO2 na atmósfera en augas de bacallao, pois o alto custe enerxético que supón por un lado a maior mecanización de todo o proceso industrial e polo outro o transporte do produto a medias e longas distancias e, xunguido á acidificación, erosión e o empobrecemento do solo -o outro grande sumideiro de CO2- polos cultivos intensivos e mecanización -apertura de pistas- das labores de plantación e cortas previas do eucalipto, ramata ao final xerándose máis CO2 do que na realidade poden absorver as propias plantacións.

Por outra banda, a pretensión por parte da Xunta de acadar monte público, non se pode máis que cualificar de demagoga, pois a Lei de Montes aprobada polo propio PP no 2012 promove todo o contrario e mesmo posibilita a súa privatización para favorecer as empresas privadas como denunciaron as comunidades de montes.

Con respecto á compensación económica destinada á poboación afectada polas restricións de prácticas económicas en espazos da Rede Natura chega un pouco tarde, mal e a rastro. Pois desde o ano 2004, cando se declararon Lugares de Importancia Comunitaria (LIC), a maioría dos espazos naturais seguiron afectados con plantacións de monocultivos, mesmo incrementándose, cando debían estar xa a partir daquela altura restrinxidos, protexendo e conservando os distintos hábitats e fauna e salvaxe de interese comunitario polos que se procedeu a súa protección.

O peor de todo é a idea que se nos dá a entender. A necesaria ampliación da superficie protexida en Galiza con esta figura – non supera o 13%, ao rabo da media estatal (27%) – non se vai levar a cabo en moito tempo malia que no 2012 a propia Xunta sacará a información pública desa ampliación e se fixesen numerosas propostas por todo o territorio galego, entre elas as da PDMM para O Morrazo, onde a superficie protexida na actualidade pola Rede Natura non chega ao 10 % do territorio, a maior parte dela unha estreita franxa de litoral de cantíl e praias sen máis continuidade.

Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s