Roteiro pola protección dos montes de San Xián

roteiro san xiánA Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo organiza o sábado 9 de xullo un roteiro para dar a coñecer a importancia natural, paisaxística e cultural dos montes da parroquia de San Xián (Marín), tamén coñecida como “Marín de arriba”, situados en solo rústico de especial protección de espazos naturais dentro do espazo natural dos Montes do Morrazo, recollido nas Normas Subsidiarias e Complementarias de Planeamento da provincia de Pontevedra.

O roteiro será circular e sairá ás 18 h. do Igrexario de San Xián para chegar ás 22 h. ao mesmo lugar.

O percorrido, duns 8 kilómetros, transcorrerá por viais rurais, camiños de pé, corredoiras, pista forestal e o GR-59 da Ecorrota do Morrazo polos lugares de Igrexario, rego de Castiñeiras, Champás, A Carrasca, rego da Agrela, monte e alto do Pornedo, Pena e Caeiro, A Agrela e Igrexario.

Roteiro San XuliánPara se achegar ao punto de saída hai que acceder pola estrada EP-0019 Marín-Figueirido, estando o acceso final no desvío da estrada en fronte da Casa da Cultura de San Xián.

Recomendamos que, de se achegar en vehículo privado, por ética e polas limitacións do aparcamento, as persoas que asistiren utilicen a capacidade máxima do seu vehículo compartíndoo con outras persoas. Recomendamos tamén traer roupa e calzado apropiados para practicar sendeirismo.

Perfil San XuliánO roteiro celebrarase desta volta, un sábado pola tarde para aproveitar a posición do sol, antes do solpor, e ver con maior facilidade os gravados rupestres dos complexos prehistóricos de petróglifos de Champás, A Carrasca e Pornedo, aproveitando a franxa horaria diurna en que comeza a decrecer o efecto térmico solar, atenuado á súa vez pola presenza de arborado en grande parte do percorrido e a humidade ambiental resultante da área de ribeira da conca dos regos de Castiñeiras e da Agrela. Ao saír ás 18h garántese tamén o poder gozar perto do final do percorrido o solpor desde o alto do Pornedo cunhas amplas e espectaculares vistas sobre a ría.

Os puntos de maior interese que se visitarán neste roteiro son:

A igrexa de San Xián dos Encoirados, da Idade Moderna cunha mestura arquitectónica de estilo renacentista e barroco dos séculos XVI e XVIII.

A área de ribeira dos regos de Castiñeiras, da Agrela e do Pornedo, pertencentes á conca do rego Lameira. Con senllos nacementos na contorna natural das brañas da Lagoa de Castiñeiras e en Chan da Lagoa, dentro tamén dos montes da parroquia, e con embocadura cara á ría, no centro urbano da vila, conforman uns ecosistemas ribeiráns con superficie arborada e brañas de grande importancia ambiental pola súa humidificación e biodiversidade florística e faunística, parte dela endémica, vulnerábel e de interese prioritario a nivel europeo.

Tamén porque estes leitos fluviais fornecen da auga necesaria para o regadío e a fertilidade das áreas de cultivo nos vales que conforman o núcleo rural da parroquia de San Xián, e están relacionados así mesmo coa existencia -a nivel etnográfico- de muíños hidráulicos, fontes e lavadoiros, dos que se visitarán algúns exemplos en partes do percorrido.

Destacan os complexos rupestres de Champás, A Carrasca e Pornedo, xunto co petróglifo dos Sete Camiños, que suman unha ducia de estacións con gravados na rocha ao aire libre e de distinta tipoloxía -espirais, circos concéntricos, cazoletas, coviñas, zoomorfos, armas-, adscritos culturalmente á Idade do Bronce e datados cronoloxicamente con ao redor de 4000 anos de antigüidade.

Malia estaren todos integrados dentro do proxecto de creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, os complexos ruspestres de Champás e A Carrasca adoecen na realidade da sinalización e posta en valor ambiental e cultural correspondente e necesaria, non só pola súa importancia patrimonial, senón porque, pola súa situación xeográfica, fan de corredor e nexo de unión co conxunto patrimonial e arqueolóxico de Chan de Castiñeiras e, á súa vez, enlazan coa ruta das mámoas do Morrazo por Chan de Armada ata Chan de Arquiña, no que entedemos e reivindicamos como unha única unidade ambiental e arqueolóxica. Por iso, a Plataforma dos Montes do Morrazo anima a Comunidade de Montes Veciñais de San Xián a manter e cumprir o seu compromiso de ampliar o Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños por esta senda.

Alén disto, ao carón ou na contorna destes gravados prehistóricos pódense atopar outros petróglifos máis modernos e singulares que o veciño de Marín José Meijón realizou ao longo do século pasado.

O Monte Pornedo, tamén coñecido como Pituco, é unha área de monte baixo de relevante importancia paisaxística , natural e cultural. Entre plantación mixta de piñeiros e frondosas atopamos tamén breixeiras secas e vexetación pioneira de interese comunitario a nivel europeo, xunto con especies de fauna vertebrada e invertebrada de interese e mesmo prioritario. Desde as partes máis altas deste espazo pódese gozar dunhas extraordinarias vistas panorámicas, desde Cabo Udra ata Punta Faxilda coas Illas Ons ao fondo, da entrada da ría de Pontevedra, e sendo considerado cos seus 245 metros de máxima altitude sobre o nivel do mar un auténtico balcón sobre a vila de Marín e fronte á Illa de Tambo.

Cómpre salientar tamén a importancia social e económica, a nivel agroforestal, deste espazo para a veciñanza pois neste desenvólvense actividades tradicionais relacionadas coa roza e a silvicultura.

As principais afeccións ata a actualidade dos montes da parroquia de San Xián foron a eucaliptización, a invasión da acacia de madeira negra, a instalación das torretas e cableado áereo de alta tensión da liña Subestación Lourizán-Cangas, a construción da estrada VG4.4 ou variante de Marín, e a canalización da auga potábel desde o río Lérez.

As principais ameazas de cara ao futuro son o proxecto de construción dun polígono industrial no monte Pornedo que, cunha superficie de 332.000 m2, aprobou definitivamente o concello de Marín no seu PXOM e que foi integrado pola Xunta de Galiza no seu Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais a nivel autonómico. Outras ameazas futuras son o posible desdobramento da variante de Marín en autovía, e a proposta alternativa de aeroxeradores nos altos da Encavada, Graña e Castiñeiras dentro da Área de Desenvolvemento Eólica do Morrazo, ordenada pola propia Xunta.

Ao entender da Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo e doutros colectivos, a protección de solo rústico coa que conta este espazo e outros de interese na península morracense é insuficiente, e por esa razón esta Plataforma solicitoulle á Xunta en marzo de 2012 a ampliación da Rede Natura cara a un novo LIC a nome de “Montes e Carballeiras do Morrazo” que, pola súa importancia natural e como corredor ecolóxico, recollera os espazos naturais dos Montes do Morrazo e do Carballal de Coiro, máis outros ampliables. Esta ampliación abranguería tamén os montes da parroquia marinense de San Xián, ao formar parte estes do espazo natural dos Montes do Morrazo.

Outras figuras de protección ambiental a ter en conta a nivel local serían a declaración de Espazo Natural de Interese Local por parte do Concello de Marín ou Espazo Privado de Interese Natural por parte da Comunidade de Montes Veciñais de San Xián.

Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s