Comunicado da PDMM ante a vaga de lumes en Cangas

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo quere denunciar publicamente que a vaga de lumes que, de xeito intencionado, está a afectar neste comezo de verán os montes da parroquias canguesas de Coiro e Darbo se deben ás medidas precarias de vixianza, control e mesmo extinción destes, enfocadas, estas medidas, en exceso á utilización de aeronaves extintoras, tendo en conta que é con operarios en terra e sobre a superficie queimada onde na realidade se extingue finalmente o lume.

O acontecido, agás pola intencionalidade e persistencia á hora de plantar lumes, tampouco debera sorprender a ninguén dada a situación lamentábel de abandono do monte, da falta de medidas preventivas e a inexistente valorización dos valores produtivos, culturais e ambientais nos últimos anos, coincidindo coa creba do sistema capitalista, a nivel económico e financeiro, e coa entrada do Partido Popular no goberno da Xunta de Galiza e a implementación de políticas de recortes nos investimentos, neste caso no sector forestal e da silvicultura.

invasión de mimosa pista forestal perto do corredor de alta capacidade Caballal de CoiroA Plataforma salienta que, alén do axente responsable dos lumes, sexa por causa humana -intencionada ou non intencionada- ou natural, están os axentes que os propagan, neste caso o exceso de materia orgánica ou biomasa combustible, con matogueiras altas e cos montes ateigados de monocultivos forestais con especies altamente inflamábeis como o piñeiro, e invasoras e pirófitas como eucaliptos e o espallamento sen control de acacias e mimosas. A isto hai que lle engadir tamén o aumento progresivo anual das temperaturas, produto da mudanza climática, feito xa indiscutíbel desde hai tempo a nivel planetario e da que os lumes forestais, por engadido, son ao mesmo tempo unha das súas principais causas.

A Plataforma responsabiliza directamente a Xunta de Galiza porque nestes anos, e dentro das súas plenas competencias en materia de política forestal e de ordenación do territorio, fixo pouco ou nada por prevelo. Estivo máis preocupada polos intereses económicos das grandes empresas, das industrias da madeira e da fábrica pasteira de ENCE que dunha ordenación e usos verdadeiramente sustentábeis dos montes como espazos e fonte de recursos naturais, que van moito máis alá dos madeireiros e da fabricación de pasta de papel e doutros especulativos a nivel urbanístico -parques industriais, parques eólicos, canteiras,…- que pouco ou nada teñen que ver coa xestión tradicional dos nosos montes.

matogueira alta e eucaliptal Montes do HioPor outra parte, as iniciativas urxentes de vixianza e control do posíbel ou dos posíbeis incendiarios nos montes, co reforzamento de axentes da autoridade, exército ou mesmo con voluntariado veciñal, suxeridas polo propio Concello de Cangas e a comunidade de montes de Coiro, malia que poidan ser, tal como están as cousas, necesarias e mesmo efectivas, non deixan de ser un mero parche para saír do paso. Estas e outras medidas máis importantes de prevención como, por exemplo, a xestión e roza da biomasa vexetal no estrato arbustivo e subarbustivo ao redor das vías e camiños forestais nas redes primarias, secundarias e terciarias de xestión de biomasa, estiveron e están a incumprirse malia que está contemplado nos plans de prevención e defensa contra os lumes forestais a nivel galego, de distrito e municipal por lei autonómica desde o ano 2007.

Para a Plataforma cómpre tomar medidas máis globais e estábeis no tempo, baseadas na erradicación por lei de especies invasoras e pirófitas como as acacias e mimosas, a redución progresiva e efectiva dos monocultivos de eucaliptos e piñeiros substituíndoos por plantacións con especies caducifolias autóctonas, a retirada ou mesmo trituración de resíduos forestais tras as cortas do arborado, e o control da matogueira coa roza e aproveitamento da súa biomasa como biocombustíbel ou como fertilizante agroforestal, e coa súa explotación gandeira a nivel extensivo.

Para conseguir estes obxectivos teñen que potenciarse a creación e fixación de emprego a nivel local nos montes que vaia máis alá do simbólico voluntariado, e como alternativa á creación de emprego temporal e precario que existe tanto no sector secundario da industria como no terciario de servizos e hostalería, case en exclusiva nos meses do verán.

Para conseguilo, no chan rústico de réxime forestal ten que se lle dar dar a oportunidade á poboación propietaria, na súa maioría particular ou veciñal en mancomún, de participar de xeito directo na súa xestión e non de xeito subsidiario, baixo o monopolio das grandes empresas do sector madeireiro e da fabricación de pasta de celulosa, como estivo sucedendo ata agora ao que se lle pode engadir no futuro o aproveitamento enerxético coa incineración da biomasa.

Por outra parte, para a Plataforma tamén é necesario a protección, conservación e posta en valor do amplo, importante e variado patrimonio natural e cultural aínda existente, que vaia máis alá das escasas, espalladas e nuclearizadas postas en valor levadas a cabo nesta comarca.

Para conseguilo fai falta unha rede xeral de espazos que, como corredores ambientais e ecolóxicos a nivel natural e cultural, conecten dun extremo a outro a península morracense. Iso implica a conservación dos espazos naturais máis sobranceiros como as carballeiras, bosques de ribeira e brañas, a recuperación de antigos camiños e elementos patrimoniais a nivel etnográfico e arqueolóxico anexos que, na súa grande parte, están abandonados ou ocultos pola vexetación.

A súa posta en valor e posterior funcionalidade, ademais de potenciar actividades sanas e creativas como o sendeirismo, o coñecemento das nosas paisaxes, dos nosos espazos naturais e da nosa historia e prehistoria, tamén garantiría a presenza continua de persoas polos montes, poidendo ter unha función así mesmo preventiva, colaborando a espantar deles as e os posíbeis incendiarios e aquelas persoas que usan o monte para verter entullos e lixo incontroladamente e outras actividades humanas nocivas e perxudiciais para o medio e a súa biodiversidade.

roteiro pola protección da serra da Madalena-vistas panorámicas da ría de Vigo desde o monte LiboreiroA Plataforma leva reivindicando estas medidas e obxectivos dende a súa creación. De feito a organización dos seus roteiros nos últimos anos, amosa que existen elementos e espazos de grande importancia paisaxística, natural e cultural, malia estaren abandonados ou ocultos na súa grande parte, polos catro costados dos nosos montes, desde Marín ou Vilaboa ata Cangas, pasando por Moaña e Bueu. Só hai que recuperalos e poñelos en valor para o coñecemento e goce da cidadanía.

Con respecto a isto último, a Plataforma lembra que, despois de organizar previamente senllos roteiros, en xullo e agosto do ano pasado presentou no rexistro do Concello de Cangas as respectivas solicitudes de catalogación como Espazo Natural de Interese Local -ENIL- e a posta en valor do importante e variado patrimonio cultural, natural e paisaxístico dos espazos naturais da Serra da Madalena e os Montes do Hio.

alto de Outeiro Batente-roteiro pola protección dos Montes do HioEsta catalogación e posta en valor podería ampliarse tamén para a o territorio municipal pertencente ao espazo natural do Carballal de Coiro, un dos principais afectados pola vaga de lumes intencionados deste ano, agravado pola presenza de especies pirófitas e invasoras ao redor do corredor de alta capacidade do Morrazo, en especial das acacias e mimosas utilizadas para a fixación de noiros, e do que a propia Xunta de Galiza é responsable subsidiaria ao non proceder á limpeza e mantemento das áreas de seguridade do propio corredor, como ten denunciado publicamente en reiteradas ocasións esta Plataforma.

Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s