A PDMM denuncia publicamente as cortas e o abandono do patrimonio do Hio

tocón con brotesA Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo quere denunciar publicamente a incorrecta, perigosa e ilegal xestión silvícola que está a acontecer nos montes da parroquia de Hio (Cangas) onde, tras varias cortas de arborado, a maioría eucaliptal, en extensas áreas naturais ao redor de Cova do Pouso, Corral de Barra, Pouso da Serra, Outeiro Batente e Outeiro da Vela, non se está a retirar a ramallada lixeira.

A totalidade desta biomasa residual, seca a estas alturas do ano, permanece espallada sen control polo chan e constitue xunto cos novos rebrotes de eucalipto –especie invasora, pirófita e altamente inflamábel- na zona das cortas, e con amplo arborado a eucaliptal e densas zonas de matogueiras altas – moi inflamábel- nas proximidades, un serio perigo ao elevar o risco de lumes a rápida propagación destes desde a superficie ata a copa das árbores.

A todo isto hai que lle engadir que boa parte da rede vial forestal está sen xestionar a biomasa existente nas marxes e, polo tanto, tamén sen franxa de prevención, que se une á matogueira alta entre as rochas e o arborado pirófito circundante.

A lexislación autonómica en materia de prevención e defensa contra os incendios forestais -Lei 3/2007, do 8 de abril- salienta entre as súas obrigas xerais, a de manter os terreos forestais e as zonas de influencia forestal en condicións que contribúan a previr ou evitar os incendios forestais, respectando especialmente as relativas á xestión da biomasa vexetal e as disposicións referentes ás especies que se recollen na disposición terceira desta lei – eucaliptos, piñeiros, acacias, toxos, fentos, xestas, silveiras, carpazas, carqueixas e queirugas -.

camiñoA propia Lei de Montes de Galicia –Lei 7/2012, do 28 de xuño- considera unha infracción a vertedura ou abandono de residuos, materiais ou produtos de calquera natureza en montes ou terreos forestais, sempre que non sexan restos vexetais triturados. Neste sentido, a biomasa resultante das cortas non deixa de ser un deses residuos obxecto de vertedura ou de abandono e polo tanto tamén de infracción.

Malia que a queima de restos forestais amoreados en terreos agrícolas, forestais ou naqueles situados nas zonas de influencia forestal pode ser autorizada pola consellería competente en materia forestal, segundo a Lei 3/2007, para a concesión da autorización teranse en conta os riscos e a superficie a queimar, mais a situación de perigo alto de incendio forestal desta época do ano, a finais do verán, contraveno, e polo tanto, na práctica, faino inviábel.

No seu caso, e como depósito de subprodutos forestais, durante os meses de xullo, agosto e setembro, só estaría permitido o seu amoreamento, sempre que sexa salvargada unha área sen vexetación cun mínimo de 10 metros ao redor. O único amoreado de momento son os rolos e a ramaxe máis grosa extraída das cortas e colocada á beira dunha pista forestal en Cova do Pouso.

Para a Plataforma, o realmente correcto sería a retirada ou, no seu caso, o triturado da ramaxe en orixe, cousa que non se fixo nestas cortas de arborado nos montes do Hio. Mais, lamentabelmente, tampouco se está a realizar na maioría do solo forestal no Morrazo, onde a maioría da propiedade do monte, sexa particular ou comunal, non se fai cargo da obriga de xestionar correctamente a biomasa residual, que debería revertir ademais nas propias empresas madeireiras executantes das cortas.

Con respecto ao desbroce das marxes das vías forestais, dentro do que se denominan redes camiño con marxesterciarias de faixas de xestión de biomasa, a ter en conta nos plans de prevención e defensa contra os incendios forestais de distrito, a propia Lei 3/2007 salienta que nas vías e nos camiños forestais, a xestión da biomasa vexetal farase no estrato arbustivo e subarbustivo, na plataforma de rodadura do camiño e nos 2 metros desde a aresta exterior da vía ou do camiño.

Tanto nos montes do Hio, como na maioría do resto do solo forestal no Morrazo, tamén está desgraciadamente a incumprirse, fallando os protocolos contidos nos propios plans de prevención e defensa contra os incendios forestais, e do que é a administración pública directamente responsábel, neste caso a Xunta de Galiza a través da Consellería de Medio Rural.

Por outra parte tamén temos que denunciar a severa agresión ambiental e paisaxística que está a supor desde hai dous anos a situación por parte da mesma Consellería de Medio Ruraldepósito dun depósito de augas para carga de helicópteros nunha das áreas máis sensíbeis dos montes do Hio en Pouso da Serra, correspondente a unhas brañas nun dos nacentes en manantial e en altura do rego de Barra. A última desfeita foi un novo decapado da estrutura vexetal que eliminou boa parte da vexetación húmida e de pasto que existía, refuxio dunha grande biodiversidade de fauna, en especial anfibia e invertebrada.

Tamén temos que denunciar a falta de desbroce e mantemento das marxes da antiga calzada empedrada que, polo Alto da Fanica e a través dos montes e como excepcional mostra do patrimonio etnográfico do municipio e da comarca, une a parroquia do Hio desde o Igrexario ata o núcleo rural de Donón, e así mesmo integrada dentro do GR-59 do Sendeiro Ecolóxico de Longo Percorrido do Morrazo.

camiño empedradoA matogueira que cubre boa parte do pavimento empedrado ademais de afectar a conservación do patrimonio e o tránsito peonil, é un exemplo máis da falta de xestión da biomasa vexetal no estrato arbustivo e subarbustivo preto do arborado, vivendas e mesmo torretas cun cableado aéreo de media tensión eléctrica.

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo solicitoulle ao Concello de Cangas en agosto do 2015 a catalogación de Espazo Natural de Interese Local e a posta en valor do importante patrimonio paisaxístico, natural e cultural dos Montes do Hio, coa creación dun sendeiro catalogado de curto percorrido guiado e sinalizado que percorrera as áreas de maior interese e a súa conexión co pequeno sendeiro municipal existente polo espazo natural protexido da Zona de Especial Conservación da Costa da Vela e o GR-59 do sendeiro ecolóxico do Morrazo. Solicitabamos tamén a mellora ambiental coa substitución progresiva dos monocultivos forestais por plantacións de especies nobres frondosas e autóctonas e a recuperación da silvicultura tradicional a través da potenciación das actividades agroforestais e gandeiras a nivel local.

E que se dotara ao Hio de máis liñas de transporte público, colectivo e intermodal á parroquia e a súa conexión co transporte metropolitano en beneficio das veciñas e veciños e mais das e dos visitantes da parroquia, do seu territorio e da súa calidade atmosférica e ambiental -na actualidade e nos meses do verán, por exemplo, non existe ningunha liña regular de transporte público terrestre que se adentre as fins de semana no lugar-.

Pasado un ano, o Concello, e despois dunha errónea e malograda inclusión da proposta no pleno municipal no seu momento, non parece ter moito interese na proposta, pasando a ser tamén responsábel, por activa e por pasiva, da situación de degradación e abandono que está a suceder co importante legado ambiental e cultural dos montes desta parroquia e, ao igual que sucedeu con gobernos anteriores, só parece ter en conta de xeito centralizador e excluínte a súa atención, investimentos e promoción na pequena parte da franxa litoral que vai do Facho de Donón ata Cabo Home, ata o exceso e de xeito contraproducente, producindo unha insustentábel masificación de automóbiles privados e de persoas nunha estreita área costeira de grande valor ambiental e patrimonial.

Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s