Posionamento da PDMM ante o Plan de Sendas da Xunta para o Morrazo

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo cualifica as actuacións aprobadas pola Xunta de Galiza para o Morrazo dentro do seu Plan de Sendas para O Morrazo como electoralistas, insuficientes, enganosas e un auténtico parche, a escasas datas dunhas eleccións autonómicas.

Esta aprobación cínguese simplesmente a levar a cabo pequenas actuacións en zonas concretas á beira das estradas PO-551 e PO-313, nos concellos de Moaña, Cangas, Bueu e Marín, non chegando a sumar nin 10 km, a quinta parte, dos ao redor de 50 km. do percorrido viario total destas dúas estradas. Por outra parte non se contempla ningunha actuación na outra estrada comarcal de importancia, a PO-315, que, con 13 km, une pola costa os concellos de Bueu e Cangas.

Se a falta de conexión entre sendas peonís xa resulta chamativo, no que respecta aos carrís bici aínda é maior, xa que na actualidade os carrís que existen son simplesmente pequenos tramos nos centros urbanos.

Así, non ten sentido nin racionalidade ningunha que un carril bici vaia desde Trasouto ata A Madalena, con apenas tres km na PO-551, para despois deixalo desconectado, tanto dun lado como do outro, cara aos núcleos urbanos de Bueu e Cangas.

Outro exemplo é o carril bici de Bagüín a Lapamán que tampouco ten racionalidade ningunha que se faga se non chega nin a Marín nin a Bueu. Como tampouco ten sentido o da Moureira a Palmás, en Domaio, se non se completa pola estrada ata Rande ou ata o núcleo urbano de Moaña.

As sendas peonís, non deixan de ser outro despropósito as sendas previstas no tramo entre Coirados e Cadro, na PO-313, pois estas non continúan e deixarían sen cobertura os seguintes núcleos de poboación de Pereiro, Silvestre, A Troncosa e Miñán, no concello de Marín, ou os de Paradela, Broullón e A Marrúa, no concello de Moaña.

Se falarmos de seguridade viaria, esta desconexión entre os tramos de sendas e os núcleos de poboación pode ser ata prexudicial e causar o efecto contrario. O transito de peóns e ciclistas por aqueles tramos nos que non existe senda peonil nin carril bici pero que teñen que ser percorridos para chegar aos tramos habilitados pode ser, por exceso de confianza, imprudencias, invasión de carrís,…, causa de múltiples accidentes no transcorrer do tráfico viario.

Ao entender desta plataforma, unha política realmente seria neste sentido necesariamente implicaría a creación de carrís bici e sendas peonís integros, é dicir que se habiliten en todo o seu percorrido ata a súa conexión cos núcleos urbanos ou de poboación, e non esta tomadura de pelo que nos vende a Xunta, de xeito sesgado, a escasas datas dunhas eleccións autonómicas.

Por outra parte, as actuacións contempladas nestras estradas primarias deberían contemplar tamén a súa complementariedade coa rede secundaria, na man da Deputación de Pontevedra, onde en boa parte desta existen na actualidade moitos tramos sen beirarrúas, algúns sen beiravía e sen case mantemento.

Cómpre salientar que son estas estradas, a rede primaria e secundaria, as que conectan a maioría dos núcleos de poboación, e onde están os maiores índices de inseguridade viaria polo seu mal estado e a carencia de infraestruturas.

Polo tanto, a Xunta do Partido Popular alén de enganar a poboación con este plan de sendas e con esta descoordinación xeral, está a elevar o risco de accidentes, ao proxectar estes tramos sen conexión, obrigando as e os peóns e ciclistas a iren por tramos non habilitados para achegarse a percorrer os que agora se van facer.

Por outra banda, a Xunta está a vender estas actuacións coa escusa e coa finalidade de reducir a emisión de gases estufa á atmosfera, algo que para esta plataforma constitúe todo un exercicio de hipocresía, se temos en conta que, ao mesmo tempo, co proxecto de desdobramento en autovía do corredor de alta capacidade do Morrazo, se está a promocionar un maior uso do automóbil privado.

Neste sentido, a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo quere denunciar que a maior parte dos investimentos necesarios para unha correcta e integral actuación tanto en materia de seguridade vial, como de mobilidade alternativa e de redución de emisións de dióxido de carbono nas estradas do Morrazo, estase a utilizar e malgastar por parte da Xunta no desdobramento do corredor de alta capacidade do Morrazo – ao redor dunhas 20 veces máis que os 2,4 millóns de euros de investimento previstos para o Morrazo no plan de sendas –, actualmente en construción por “subtramos”.

Para a Plataforma, os ao redor de 40 millóns de euros cos que o goberno actual do Partido Popular orzamentou a 1ª fase deste desdobramento do corredor, deberían ir destinados na realidade á desincentivación da utilización do automóbil privado, á vertebración, mellora e humanización, coa creación de sendas peonís e carrís bici de xeito integral pola rede viaria existente, e á potenciación e mellora do transporte público, colectivo e intermodal a nivel parroquial, municipal e comarcal que vaia máis alá do actual modelo de transporte metropolitano.

Isto, xunto coa consecución de infraestruturas administrativas, educativas, sanitarias, culturais e sociais que farían reducir a dependencia do Morrazo con Vigo e Pontevedra e polo tanto o número de desprazamentos por estrada fóra da comarca, unha planificación urbanística baseada no decrecemento e no aforro e eficiencia enerxéticos, e partindo do desbotamento do desdobramento do corredor, foron as principais medidas que lle solicitou esta Plataforma á Consellaría de Medio, Territorio e infraestruturas en setembro ano 2012, na súa alegación ao Plan de Mobilidade Viaria da Península do Morrazo, daquela a información pública.

Despois de 4 anos, e de non ser tidas en conta na súa maioría, o actual goberno do Partido Popular na Xunta de Galiza segue apostando por un modelo de transporte e de desenvolvemento totalmente irracional e insustentábel, calcado a anacos -mentras aeconomía llo permite- do que se viña deseñando con anterioridade, en plena época da burbulla urbanística e inmobiliaria e que, de non variar, vai deixar hipotecadas e con pouco poder de reacción outras políticas máis sustentábeis a nivel ambiental, social e económico no futuro.

 

Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s