A PDMM denuncia novamente o uso de cordas e cadeas nas patas dos cabalos nos montes do Morrazo

p2050132A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo quere denunciar publicamente a práctica inhumana e torturadora que supón a colocación de cordas e cadeas metálicas nas patas dos cabalos en réxime de gandeiría extensiva, por parte dos seus propietarios, como método de control dos seus movementos no espazo natural dos Montes do Morrazo.

O pasado martes, 13 de setembro, durante unha andaina pola zona do monte de Gagán, preto do alto de Coto do Home, membros desta plataforma puideron comprobar que esta práctica non só segue persistindo, malia as múltiples denuncias da veciñanza, das asociacións animalistas e tamén nosas, senón que mesmo se está a intensificar, ao detectaren entre unha manda de cabalos coas súas crías, varios exemplares adultos coas patas dianteiras presas entre si por unha corda, e nalgún exemplar, cunha cadea.

p2050022Boa parte destes cabalos, á parte de chocas no pescozo, tiñan tamén parte da pelame das crins e do rabo cortadas, e algunhas letras inscritas na pel nun dos costados, realizadas, con toda probabilidade, durante a celebración da “rapa da bestas” do pasado mes agosto no recinto cercano do Marco de Gagán.

Para a Plataforma este método de control dos cabalos, malia que o uso das cordas ou cadeas non é unha práctica para nada nova, pois xa existen denuncias ao respecto desde hai tempo, é unha nova estratexia e un intento dos propietarios dos cabalos de mudar a crecente mala imaxe pública que teñen, froito das intensas campañas e denuncias sociais, incluídas as desta plataforma, nos últimos anos pola colocación das pexas nas patas do gando cabalar.

p2050097A utilización das cordas e cadeas nas patas dos cabalos para reducir e dificultar a mobilidade dos cabalos é un método de tortura similar ao das pexas, cunhas consecuencias para o animal que pode representar desde sinxelas molestias ata producir malformacións ou, nos casos máis graves, a rotura inclusive dalgunha das súas extremidades. Alén disto, esta redución de mobilidade deixa indefenso e en perigo de morte o animal en caso de lumes forestais, accidentes de tráfico, ataques de depredadores, etc.

A utilización de cordas e cadeas, ao igual que a utilización das pexas, como método de inmobilización animal, infrinxe as distintas normativas de protección animal a nivel internacional, europeo, estatal e autonómico –Declaración Universal dos Dereitos do Animal, a Directiva 98/58/CE relativa á protección dos animais en explotacións gandeiras europeas, o R.D. 348/2000 polo que se incorpora a antedita directiva europea ao ordenamento xurídico estatal, a Lei 1/93 de protección dos animais domésticos e salvaxes en cautividade da comunidade autónoma de Galiza, e o Decreto 142/2012, de 14 de xuño, polo que se establecen as normas de identificación e ordenación zoosanitaria dos animais equinos en Galicia.

O uso de cordas, cadeas ou pexas tamén está considerado, segundo o novo Código Penal, un delito.

Para esta plataforma os principais responsábeis son evidentemente as e os propietarios dos animais quen, dentro das súas obrigas, teñen a de coidar e dar un bo trato ao animal que ten directamente ao seu cargo.

p2050105Mais tamén é responsabilidade da administración pública – a Consellería de Medio Rural da Xunta de Galiza- quen, dentro das súas competencias, ten que velar polo cumprimento da normativa de bos tratos e a axeitada sanidade animal por parte da súa propiedade.

Neste caso, o dos cabalos, tanto os propietarios como a administración están a errar no cumprimento da lei. As e os propietarios por acción ao utilizaren as cordas, cadeas ou pexas sen que ningunha autoridade faga cumprir a lei con todas as súas consecuencias, e a administración por omisión e inacción na materia, resultando ao fin cómplice por tapar os ollos e non facer nada ante as continuas ilegalidades dos propietarios dos animais.

As e os membros desta plataforma xa estamos fartos de denunciar pública e administrativamente nos últimos anos estes feitos lesivos, ilegais e agora ata delitivos de tortura animal, sen que se note ningún avance significativo na súa erradicación por parte de quen ten as competencias para levalo a cabo.

Para erradicar definitivamente estas malas prácticas só bastaría con que a Xunta de Galiza se puxese a vixiar a cotío os montes coas súas garderías forestais ou de medio ambiente de distrito, ao que ademais sempre poden engadir a presenza do SEPRONA, e actuar con firmeza aplicando a lei contra esta lacra, e non esperar que sexa a cidadanía quen teña que denuncialo cada vez que se asome aos montes para atoparse finalmente con este lamentábel espectáculo.

Para a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo a presenza dos cabalos en réxime de gandeiría extensiva polos montes do Morrazo é sumamente beneficiosa para o medio natural xa que, ademais de formar parte da biodiversidade como variedade autóctona, axudan a controlar o excesivo crecemento da biomasa ao mesmo tempo que abonan o chan.

Mais tamén estamos profundamente en contra deste ou calquera outro tipo de maltrato que sofren estes animais e cremos que xa é hora de que dunha vez por todas as e os propietarios dos cabalos deixen de se burlar das leis e do sentír maioritario da cidadanía, e que a administración cumpra co seu deber de control obrigando os propietarios a teren os cabalos nas mellores condicións de vida e saúde, identificándoos e controlando os seus movementos con outros métodos que non comporten unha tortura nin un risco innecesario para a vida do animal.

 

Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s