Roteiro pola protección do Monte Borrallido

roteiro-monte-borrallidoA Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo organiza o sábado 5 de novembro un roteiro para dar a coñecer a importancia natural, paisaxística e cultural do Monte Borrallido, na parroquia de Beluso, dentro de solo rústico de especial protección forestal e de augas, no concello de Bueu.

O roteiro, segundo deste outono, será circular e sairá as 10 da mañá da ermida de San Mamede (San Amedio), para chegar ás 13 h. ao mesmo lugar.

O percorrido transcorrerá por estrada, corredoiras, pistas forestais e camiños de pé polos lugares de Castiñeiras, Monte Borrallido e Bon de Arriba, coincidindo en partes co sendeiro municipal dos Pazos de Bueu e co GR-59 do Sendeiro Ecolóxico do Morrazo.

Para se achegar ao punto de saída hai que acceder pola estrada EP-1301, á que se pode acceder pola estrada PO-551 pola Portela, ou pola estrada PO-315, por Beluso. (Pódese ver en googlemaps premendo aquí)

borrallido

Recomendamos que de se achegar en vehículo privado, por ética e polas limitacións do aparcamento, as persoas que asistan utilicen a capacidade máxima do seu vehículo compartíndoo con outra persoas. Recomendamos tamén traer roupa de abrigo e calzado de trote axeitados para a época outonal.

Os lugares de maior interese que visitaremos son:

  • A ermida de San Mamede, no núcleo rural de San Amedio, que, xunto cun cruceiro, fonte, lavadoiro e arboreda, están situados nun pequeno outeiro, sobre o fértil val do rego Nocedo e cunha boa vista da enseada de Aldán. A ermida foi construída orixinariamente con toda probabilidade no século XII e está vencellada ao cancioneiro medieval a través do xograr Johan de Cangas.

  • As mámoas de Castiñeiras, ou tamén coñecidas como da “Tomada de Martínez”, son uns túmulos funerarios de adscrición cultural neolítica e megalítica, postos en valor hai pouco tempo polo Concello de Bueu e a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, que dan proba da presenza humana hai ao redor de 5.000 anos no lugar.

  • A contorna do bosque de sequoias monumentais que, con algúns dos exemplares máis altos de Europa, posúe a finca de heredeiros de Hnos. Massó fronte da Avda. de Castiñeiras, en Forqueiros de Abaixo.

  • O petróglifo das Abelaires, sito na base do Monte Liboreiro, dentro da lindeira parroquia canguesa de Aldán, é de adscrición cultural da Idade do Bronce, e cronoloxicamente de hai ao redor dos 4.000 anos. Con varios gravados xeométricos de circos concéntricos, coviñas e apéndices insculpidos en releve na rocha, malia o seu estado actual de abandono, é un dos petróglifos máis importantes e mellor conservados do seu estilo na comarca.

  • O Monte Borrallido, orónimo referente á utilización tradicional da roza e queimado da vexetación para utilizar posteriormente nos labores de cultivo da zona, conforma xunto co Liboreiro e a Serra da Madalena, situados en fronte, a conca de nacemento do rego Orxás, principal curso fluvial que emboca na enseada de Aldán. Por outra parte, conforma tamén a conca de nacemento do rego Nocedo, o principal curso fluvial que atravesa a parroquia de Beluso e que, máis abaixo, emboca na contorna da praia de Reventóns, dentro da Zona de Especial Conservación do espazo natural protexido pola Rede Natura de Cabo Udra.

    Nos seus cumios, con 246 metros de altitude máxima sobre o nivel do mar, atopouse un machado da Idade do Bronce. Ademais de facer de límite entre as parroquias de Beluso (Bueu) e Aldán (Cangas), é un extraordinario miradoiro desde o que se poden observar unhas excelentes panorámicas da Serra da Madalena e do val do rego Orxás, da enseada de Aldán e do espazo natural protexido de Cabo Udra, coas Illas Ons no horizonte.

    Posúe unha incipiente carballeira, hábitat de interese comunitario a nivel europeo, produto da sucesión ecolóxica do monte baixo cara á vexetación potencial ou clímax. Nalgunhas áreas o carballo vese acompañado pola presenza minoritaria do castiñeiro e polo salgueiro nas zonas próximas aos cursos fluviais. Noutras mestúrase ou dá paso a plantacións de piñeiro do país.

    Entre a vexetación arbustiva sobresae a presenza de loureiros, pereiras bravas, sanguiños, chuchameles e xilbarbeiras. Tamén sobresae a presenza da matogueira coa toxeira e a breixeira seca europea que xunto coa vexetación pioneira na rocha silícea conforman outros dous hábitats de interese comunitario a nivel europeo.

    A conformación das dúas concas e en especial da do rego Nocedo, concédelle tamén unhas excepcionais condicións de humidade ambiental, onde os seus principais bioindicadores, tanto ambientais como atmosféricos, son a grande e diversa presenza de fentos, liques e brións no sustrato edáfico, vexetal e lítico. Esa excepcional humidade ambiental e a mestura do bosque da carballeira co piñeiral tamén lle dá unhas adecuadas condicións para a proliferación de fungos.

    A condición de caducifolia de parte da súa vexetación dálle nesta época unha singular función policromática, cunha explosión de cores no ambiente e na paisaxe.

    Por outra banda, o Monte Borrallido sobreasae pola abundancia e a xeomorfoloxía das súas penedías coa grande e variada formación de pías, cacholas e alvéolos na superficie e no interior das rochas, sexan fixas ou ás veces cabalgadas, por efecto da erosión natural ou por afloramento trala actividade extractiva de antigas canteiras a nivel local.

    Á parte da utilización agroforestal, gandeira e mineira do monte e da súa contorna desde tempos prehistóricos ata a actualidade, do que aínda se preservan algúns camiños e mesmo os muros empedrados de delimitación das leiras, tense constancia tamén da súa utilización puntual a nivel histórico como lugar de xuntanza de bandas adicadas ao bandoleirismo de principios do século XIX.

    Tamén son de interese a arquitectura popular e civil do próximo núcleo rural de Bon de Arriba, entre San Amedio e o Monte do Castro, este último proba da existencia no lugar dun poboado anterior prerromano da Idade do Ferro, de hai ao redor de 2000 anos. E o val do rego Nocedo, co bosque de ribeira e o mosaico de cultivos ao seu redor, en solo de especial protección de augas, agropecuario e de espazos naturais.

    As principais afeccións nas últimas décadas para o Monte Borrallido e a súa contorna foron os monocultivos forestais, a eucaliptización e invasión das acacias, a falta de silvicultura, a urbanización do parque empresarial de Bueu, a explotación mineira a nivel industrial de granito e a construción do corredor de alta capacidade do Morrazo.

    cartografia-ampliacion-parque-empresarial-de-castineiras-psaegAs principais ameazas no futuro son a ampliación con carácter supramunicipal do parque empresarial de Bueu cara ao denominado Parque Empresarial e Industrial do Morrazo (PEIM) contemplado pola Xunta de Galiza dentro Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais de Galiza (PSOAEG), e a solicitude dunha concesión de explotación mineira de granito pola empresa Granitos Aldán S.A. na zona que afectaría de xeito directo, crítico e severo o propio monte.

  • cuadricula-mineira

Colectivos dentro desta Plataforma solicitáronlle á Xunta de Galiza en xuño do 2015 a desestimación definitiva da citada solicitude de concesión de explotación mineira. Por considerar o Monte Borrallido un espazo natural de alta importancia ambiental e corredor ecolóxico, a Plataforma solicitoulle á Xunta de Galiza en marzo do 2012 a retirada da ampliación do parque empresarial de Bueu proxectada a través do PEIM no PSOAEG. Ese mesmo mes dese ano solicitoulle tamén á Xunta de Galiza que o Monte Borrallido xunto coa Serra da Madalena, figuraran como espazos ampliables á solicitude de ampliación da Rede Natura galega cara a un novo Lugar de Importancia Comunitaria que, a nome de Montes e Carballeiras do Morrazo, acollese os espazos naturais dos Montes do Morrazo e o Carballal de Coiro. A Plataforma solicitoulle en abril deste ano 2016 á Xunta de Galiza a declaración de Lugar de Especial Interese Paisaxístico para o Alto do Monte Borrallido dentro da elaboración do Catálogo das Paisaxes de Galiza.

 

 

Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s