A PDMM ante o peche do corredor do Morrazo

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo cualifica de kafkiano o peche ao tráfico do corredor de alta capacidade do Morrazo por causa do desdobramento. Esta decisión tomada pola Xunta de Galiza vaille facer comprobar á poboación os efectos negativos non só deste peche temporal, senón da propia construción do corredor, que desde as élites políticas, económicas e sociais venden como a solución aos problemas viarios da nosa comarca.

A construción do corredor supuxo un notable incremento do tráfico rodado e motorizado e, máis alá do propio incremento do número de vehículos e os problemas de circulación derivados, comportou tamén un importante incremento da contaminación acústica e atmosférica cunha maior emisión de gases (CO2 e a xeración de dióxido de nitróxeno, partículas volátiles en suspensión e ozono troposférico) producidos polos vehículos que, á parte de contribuír á mudanza climática, afectan tamén a saúde humana.

As alternativas propostas tanto pola Xunta de Galiza como polo Concello de Moaña, en especial a da utilización do transporte público metropolitano, e dentro del o da ría, non son máis que un parche. Pois unha medida que en principio é moi positiva, só se vai aplicar de xeito provisional ata o mes de xaneiro do ano que vén, e, malia o abaratamento do custe das viaxes, está por ver que porcentaxe da poboación da comarca a vai utilizar, estando esta xa habituada ao uso diario e contínuo do automóbil privado.

Por outra banda a canalización do tráfico que utilizaba o corredor pola estrada PO-551 desde Meira ata Domaio pode ser moi problemática nun tramo como este aberto a varios viais veciñais e de grande inseguridade viaria nos últimos anos. Por engadido, a posibilidade de redución da exposición do semáforo en vermello para dar máis fluidez ao tráfico rodado acrecentaría ao mesmo tempo a desproteción das e dos viandantes, onde se ten dado mesmo o resultado de siniestralidade en pasos peonís.

Profundizando un pouco máis e con respecto aos motivos do peche do tráfico no corredor, desde a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo queremos puntualizar unha serie de cuestións:

·         A Xunta mentiulle, con fins electorais, á poboación cando hai case un ano, asegurou que as obras do desdobramento ían realizarse con seguridade e sen interrupcións no tráfico viario no corredor, amosando que o propio proxecto de desdobramento é un auténtico experimento sen fundamento técnico. Carece de toda lóxica que agora poñan como excusa que o terreo non sexa só granítico e composto como pensaban, senón que hai outros materiais menos resistentes como a ortogneises e xistos. Algo que pode comprobar calquera simplesmente consultando os mapas xeomineiros oficiais. Para boa mostra disto, temos a parroquia de Domaio e a confluencia desta coa de Meira, as principais afectadas polas voaduras das obras, que situadas dentro do complexo xeolóxico Vigo-Pontevedra, contan cunha alta presenza de granito pero está dominada pola composición metamórfica de rochas como as anteriormente citadas.

.      A Xunta mentíulle tamén á poboación cando asegurou que co proxecto do desdobramento do corredor finalmente aprobado se reducía o impacto ambiental con respecto á planificación inicial, e para mostra está a dinamitación xeral do territorio e a xeración de grandes e novos noiros de varias ducias de metros de altura e de recheos de similar magnitude en profundidade e a grande desnivel que se están levar a cabo.

·      A modificación dun 30% do trazado cara ao sur, por cuestións de índole económica, comportou un abaratamento de custes, o que normalmente leva aparellado ou se corresponde cunha diminución na calidade das obras e consecuencias negativas para a poboación e o medio, algo que xa podemos comprobar agora.

·     O proxecto de desdobramento, e en especial a parte modificada con respecto ao proxecto orixinal, incumpre as correccións recollidas na Declaración de Impacto Ambiental (DIA) do ano 2001. Declaración que, para máis inri, lle serviu e na que se baseou no ano 2012 a Xunta para non realizar a correspondente e legal Avaliación de Impacto Ambiental da conversión do corredor en autovía.

·         Unha destas correccións de impacto que se está a incumprir, e de xeito flagrante, é a que se está a dar na área de protección do Castro de Montealegre que, ademais de acoller un asentamento fortificado da Idade do Ferro, posúe un conxunto rupestre de petróglifos da Idade do Bronce e, xa que logo, ten a catalogación conxunta de Ben de Interese Cultural (BIC) de Galiza.

continuacion-das-escavacions-na-base-do-castro-de-montealegre-afectados-pola-baixante-do-trazado-do-desdobramento-do-corredor

Escavacións na base do castro de Montealegre afectado pola baixante do trazado do desdobramento do corredor

Despois de que o castro xa resultase afectado de xeito directo, crítico e severo –destrución física- por un túnel na construción do corredor, agora co desdobramento, vai camiño da desaparición total ao se planificar un segundo túnel máis ao sur, obviando unha vez máis unha das citadas medidas de corrección contempladas dentro da DIA do 2001, onde se esixía que o trazado fose totalmente cara ao norte para evitar a afección directa do dito xacemento.

 

Se daquela, a inicios da década pasada, o trazado do corredor e o túnel se levaron  por diante algúns espazos habitacionais na zona oeste e a zona de cuncheiros na parte leste, agora ameaza con levarse por diante boa parte da estrutura de entrada e fortificación do propio castro descuberta nos últimos meses coas excavacións arqueolóxicas de urxencia. O estacado de obra adéntrase ben arriba do castro por entre o bosque de sobreiras e loureiros ata preto da súa croa, chegando mesmo a verse afectada algunha pedra con gravados rupestres pola propia marcaxe do rotulado topográfico.

espazo-habitacional-da-zona-oeste-do-castro-de-montelagre-escavado-de-urxencia-e-afectado-directamente-polo-segundo-tunel

Espazo habitacional da zona oeste do castro de Montealegre afectado polo segundo túnel

A nova afección directa e severa da área de protección do castro suporía unha das maiores agresións ao patrimonio cultural galego, dada a grande importancia, tanto pola súa envergadura arquitectónica e habitacional como pola grande cantidade de pezas atopadas, deste importante asentamento castrexo da costa que recolle unha cronoloxía que vai do século VIII a. c. ata o II d. c.

·         Outra das graves afeccións, e ao mesmo tempo incumprimento con respecto ás medidas de corrección estipuladas na citada DIA do 2001, é a da contorna natural e etnográfica do rego da Freixa. Onde como corrección de impacto tiña que ser deseñado un viaduto, agora volve a ser planificado un novo recheo frontal de varios metros de altura enriba da conca e a escasos metros dos muíños, co cal se causa un tremendo efecto barreira na paisaxe e corta o paso do sendeiro municipal de curto percorrido dos regos da Freixa e da Miñouba.

·         A zona da Poza da Moura e a súa contorna veranse danadas de xeito crítico ao estar recheo-enriba-da-conca-do-rego-da-freixa-cos-restos-do-muino-da-laxina-ao-seu-carondeseñado un segundo viaduto que pasará aínda máis preto das fervenzas do rego Miñouba e ao carón da propia poza. Alén disto, a súa ancoraxe no extremo leste está a producir unha forte fenda na Costa do Cabido e, na oeste, un noiro de grandes dimensións produto das voaduras. Este noiro está a escasa distancia dos muíños monumentais da Máquina e de José María, que forman parte do sendeiro municipal de curto percorrido dos regos da Freixa e da Miñouba, posto en valor recentemente por iniciativa da comunidade de montes da parroquia de Domaio.

·         A zona do alto do Caeiro, nos montes da parroquia de Meira, ademais de verserecheo-en-grande-desnivel-no-alto-do-caeiro afectada ambiental e paisaxisticamente por un dos maiores noiros do trazado do corredor, baixo o miradoiro do alto dos Parientes, agora está a ser afectada na súa vertente sur con fortes desmontes que ameazan cun impactante murallón de pedras esnaquizadas e cemento para conter as considerables cantidades de terras que se están a mover e rechear en fortes pendentes e desniveis na rocha que, entre o arboredo, se está a esnaquizar previamente coa utilización dos explosivos.

·         As concas dos regos de Caiauga e do Barranco do Faro e do val da Xesteira, con varias estacións de gravados rupestres ao seu redor e o Castro das Cidades da Idade do Ferro están a verse afectadas novamente na súa contorna. E, nas áreas onde se modificou cara ao sur o trazado do desdobramento inicial, a falta da correspondente avaliación de impacto ambiental nin un correcto seguimento arqueolóxico podendo desaparecer ou estar en vías de facelo elementos arqueolóxicos e patromoniais descoñecidos ata a actualidade.

·         A existencia de varios dos regos citados e as súas concas aluviais de escorrentía, vai provocar que, ao igual que sucedeu no seu momento coa construción do propio corredor, coa chegada das chuvas torrenciais baixen grande cantidade de sedimentos das obras polos leitos, cun forte impacto a nivel fluvial e finalmente mariño en áreas de grande valor natural, social e económico da ría como son a costa de Domaio, dentro do espazo natural protexido da ZEC da Enseada de San Simón, A Borna ou a Enseada do Cocho.

Para a Plataforma as obras do desdobramento en autovía do corredor deberían paralizarse por ser unha obra sen encaixe legal, moi custosa e insustentábel e cun enorme e irreversíbel impacto ambiental no territorio. Unha obra que contribue a incrementar un modelo de transporte privado que ten unha grande pegada ecolóxica e que agrava aínda máis a mudanza climática, e sen solucionar os problemas de tráfico nin de seguridade viaria senón, ao contrario, ameaza con aumentalo e colapsalo.

Por outra banda, cómpre ter en conta que aínda falta por aprobar o plan de execución das obras do terceiro subtramo da primera fase do desdobramento do corredor entre os enlaces de Meira e Moaña, que, por engadido é onde máis problemas xeotécnicos e derrubamentos se produciron nos últimos anos. Os custes totais das obras van dispararse con toda probabilidade moi por enriba dos 41,29 millóns de euros orzamentados inicialmente para esta primeira fase de 11,4 kilómetros. Co cal de seguir adiante con esta planificación, vaise investir e desbaldir unha enorme cantidade de cartos, que, ben xestionados, poderían estar destinados a outras alternativas máis sustentábeis e necesarias.

Por iso a Plataforma salienta que, en vez de consolidar o desbaldimento de erario público na máis que comprometida finalización das obras do insustentábel desdobramento do corredor, as cuantiosas partidas destinadas á súa consecución deberían ser destinadas á mellora, vertebración e humanización da rede viaria municipal e comarcal existente, á potenciación real e permanente do transporte colectivo e intermodal que vaia máis alá do metropolitano, á proxección de sendas peonís e de carril bici de xeito integral por toda a rede viaria e non parcialmente como está a realizar actualmente a Xunta, e á consecución de infraestruturas necesarias a nivel administrativo, sanitario, educativo, social e cultural que descentralicen, reduzan ou eviten que a poboación morracense teña que desprazarse a cotío fóra da comarca por estrada cara ás cidades de Vigo ou Pontevedra como desgraciadamente está a suceder na actualidade.

Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s