A PDMM ante a destrución do castro de Montealegre

Para a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo a aprobación por parte da corporación municipal de Moaña – formada polo BNG, o PSOE e o PP- de crear unha aula de interpretación no castro de Montealegre, é unha proposta extemporánea, que chega tarde e que en parte só serve para tapar a súa inacción durante a tramitación do proxecto de desdobramento, cuxas consecuencias son coñecidas desde o ano 2012.

Este despropósito, súmase á esperpéntica alternativa mediática, realizada previamente polo goberno municipal, de trasladar os elementos patrimoniais da parte do castro afectada polo desdobramento cara a un novo emprazamento dentro do propio xacemento, catalogado xunto coa existencia de petróglifos con gravados rupestres como Ben de Interese Cultural de Galiza.

A construción dunha aula de interpretación no propio castro alén de supor unha nova afección á área de protección do xacemento, sería recoñecer que parte do propio castro vai desaparecer, non podendo ser visitada, cando menos no seu lugar orixinal, tendo que se conformar as e os posíbeis visitantes cunha recreación virtual.

castro-2

Trazado proxectado inicialmente no corredor que non cumpría a Declaración de Impacto Ambiental

Para a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo unha proposta seria e respectuosa co castro sería a de poñelo en valor e musealizar en vivo o que está actualmente escavado xunto co resto do castro e parar as obras do desdobramento do corredor, tendo en conta que a Declaración de Impacto Ambiental (DIA) do ano 2001 (DOG 16-08-2001) ordena que o trazado se dirixa cara ao norte do castro para evitar a afección do castro, e non como agora que vai cara ao sur.

Para acadar isto, cómpre unha campaña de sensibilización e mobilización social a favor de solicitar a paralización cautelar a nivel xudicial das obras, utilizando como base legal os incumprimentos da citada DIA (o incumprimento da corrección de impacto no castro é só un de varios por todo o trazado con diversas afección ao patrimonio natural, cultural e social) ao que hai que engadir a falta da correspondente Avaliación de Impacto Ambiental, segundo o R.D. 1/2008, do total do proxecto de desdobramento por parte da Xunta de Galiza, onde un 30% do trazado foi modificado con respecto ao proxecto inicial, porcentaxe dentro da que tamén se atopa o tramo que afecta o propio castro

castro-1

Trazado actual do corredor que segue sen cumprir coa Declaración de Impacto Ambiental

Mais tamén hai que ter en conta que por todo o trazado están afectados os espazos naturais dos Montes do Morrazo e da Carballeira de Coiro dentro de solo rústico de especial protección de espazos naturais nas Normas Complementarias e Subsidiarias de Planeamento da Provincia de Pontevedra; os leitos e áreas de ribeira dos regos da Miñouva, Freixa, Caiauga, Barranco do Faro, da Fraga e do Inferno; a contorna natural paisaxística e etnográfica da Poza da Moura, Outeiro do Aviador e A Borna; a Zona de Especial Conservación do Espazo Natural Protexido da Enseada de San Simón, onde desembocan máis de 10 cursos de auga; os bancos e concesións marisqueiras, parques de cultivo e polígonos de bateas polas alteracións nos 26 cursos de auga que afecta a obra; os sendeiros municipais dos regos da Freixa e Miñouva e o da Fraga, ao GR-59 da Ecorrota do Morrazo; a afección severa á área de protección dos xacementos arqueolóxicos de O Regueiriño, castro e gravados rupestres de Montealegre, xacemento de Os Torrados-Devesa de Abaixo, castro das Cidades, xacemento de Montenegro e a afección crítica da área de protección dos petróglifos da Borna, Outeiro do Aviador, petróglifos 1 e 2 da Xesteira, petróglifo da Escada, petróglifo do Viveiro, petróglifo de Pozo Garrido, o petróglifo da Devesa do Rei e outros probables sen coñecer; o risco potencial pola proxectada construcción dunha área de servizo de combustible nas proximidades do Alto do Caeiro; a xeración con explosivos de noiros de grandes dimensións na rocha e na paisaxe e toneladas de movementos de terras para recheos en outros tramos con terreos a grande desnivel e mesmo perto de núcleos de poboación e a afección de camiños, pistas forestais, traídas de auga, cultivos agrícolas e forestais á máis do xa afectado pola construcción do propio corredor.

A paralización cautelar das obras do proxecto do desdobramento do corredor, actualmente na fase inicial e por “subtramos”, non tendo ademais aprobada a fase de execución do terceiro subtramo de Meira a Moaña, comportaría a necesidade dunha nova información pública de todo o proxecto, adaptándose á normativa correspondente, podendo a veciñanza realizar as pertinentes alegacións e non esperar a que desde a Xunta pechen o corredor diante da falta de información e da improvisación ante as contínuas promesas incumpridas, como está a suceder.

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo salienta que o desdobramento do corredor é un proxecto prescindíbel que terá un impacto ambiental grave e irreversíbel no territorio, incrementará un modelo de transporte baseado no uso do transporte privado moi contaminante -un dos principais responsables da xeración de gases de efecto estufa á atmosfera e doutros nocivos para a propia saúde humana- e totalmente insustentábel e provocará máis e meirandes colapsos circulatorios e inseguridade viaria nas estradas da comarca.

Alén disto, a obra comporta por outra parte un alto custe económico que vai hipotecar e mesmo é incompatíbel cos investimentos noutras alternativas futuras máis sustentábeis como son a mellora e potenciación do transporte colectivo e intermodal, a vertebración e humanización das estradas primarias e secundarias existentes, a planificación integral de sendas peonís e carrís bici por toda a rede viaria e a consecución de infraestruturas sociais, culturais e sanitarias que reduzan ou eviten ao máximo a dependencia e desprazamentos por estrada fóra dos municipios e da comarca.

 

 

 

Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s