Paremos o desdobramento, paremos a destrución do Castro de Montealegre

edificacions-habitacionais-castrexasO traslado da parte escavada do Castro de Montealegre afectada polo segundo túnel do desdobramento do corredor en autovía, proposto por parte do goberno da Xunta de Galiza do PP, despois de que o dito traslado xa o propuxese anteriormente o goberno municipal moañés do BNG-PSOE, amosa que non hai diferenzas políticas nin ideolóxicas con respecto á falta de seriedade e desprotección do patrimonio cultural e arqueolóxico, máxime cando se trata dun Ben de Interese Cultural (BIC) de Galiza, a máxima figura de protección cultural a nivel autonómico, como representa o asentamento e conxunto rupestre do citado castro, na parroquia moañesa de Domaio.

A realidade é que para salvar a afección do castro, e tendo en conta ás condicións esixidas pola Declaración de Impacto Ambiental (DIA) da obra no ano 2001 de desviamento do trazado cara ao norte, tiña que realizarse cara a aí desde o inicio un túnel de 400 metros en dirección ao viaduto da Poza da Moura. Mais por cuestións de abaratamento de custes, coa construción do corredor decidiuse realizar no 2003 un primeiro túnel moito máis curto e polo medio do castro, destruíndo unha zona de cuncheiros e outra habitacional, e agora pretende realizarse un segundo túnel cara ao sur e coas dúas entradas, en forma dunha longa e profunda trincheira, que ameaza coa destrución da situación física de varias edificacións castrexas, xunto coa entrada enlousada e fortificacións, escavadas e descubertas durante a campaña arqueolóxica realizada de “urxencia” ao longo deste ano 2016.

A proposta do traslado das edificacións afectadas cara ao museo de Pontevedra para no futuro buscarlle outro sitio preto do castro, ademais de esperpéntica, só pretende disfrazar o submetimento técnico por parte da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural aos intereses construtivos da Axencia Galega de Infraestruturas. Xa só falta que os elementos culturais afectados e trasladados polas obras vaian parar definitivamente no futuro a algunhas das rotondas da autovía en construción. Por outra banda, a área do castro que quede conservada e que podería quedar como musealizable, quedará descontextualizada, sen boa parte das súas estruturas construtivas, con catro impactantes fendas verticais no terreo e co tráfico rodado, e por partida dobre, ao seu carón.

entrada-enlousada-do-castroO 1% que a Xunta de Galiza nos intenta vender como a parte afectada polo desdobramento do total do castro é un engano, pois ao mesmo tempo está a recoñecer que esta porcentaxe afectada abrangue a 5 das vivendas, almacéns e obradoiros descubertos coas últimas escavacións. Esta cantidade de elementos afectados e ameazados de desapareción do seu contexto orixinal, se os comparamos coas escasas intervencións de postas en valor de asentamentos castrexos no Morrazo, representan, por exemplo, máis do dobre do escavado e posto en valor no castro da Subidá, no Concello de Marín, xacemento que, xunto co Facho de Donón, no Concello de Cangas, son os dous únicos castros postos en valor ata a actualidade en todo o Morrazo malia que a existencia de castros cóntase por ducias por toda a península morracense.

Por outra banda, amosa unha vez máis que en Galiza na realidade non se inviste o suficiente diñeiro público na protección do patrimonio cultural, senón máis ben no seu estudo e inventariado en base a súa inminente destrución -exemplos por Galiza adiante desgraciadamente abondan a costa de todo tipo de infraestruturas, especialmente viarias-.

A prórroga e ampliación do prazo de escavacións por seis meses, ata o vindeiro ano, só se fai porque antes de que rematen os 18 meses de prazo de execución das obras do primeiro subtramo do desdobramento, entre os enlaces de Rande e Domaio, procederase á construción do segundo túnel, que afectará de xeito directo e severo o castro.

Para a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo a única forma que queda de salvar o castro de Montealegre, desta nova afección severa e da súa destrución, é a través da solicitude xudicial da paralización cautelar das obras do desdobramento do corredor xa que, diante da inexistente e legal avaliación de impacto ambiental, se volven incumprir as condicións esixidas de traslado cara ao norte do trazado pola DIA do ano 2001, e porque o trazado que atravesa o castro forma parte inseparable do total do proxecto desde o momento en que se proxectou e construíu o propio corredor.

Por outra parte, cómpre unha campaña urxente de mobilización social a nivel comarcal contra as propias obras do desdobramento do corredor antes de que sexa demasiado tarde. Pois o castro de Montealegre é só unha das súas múltiples afeccións ao patrimonio natural, cultural e social morracense. Unha obra que, como continuación do corredor de alta capacidade, representa o meirande e irreversible  impacto paisaxístico e ambiental na historia da comarca, e que pretende consolidar un modelo de transporte privado moi contaminante, inseguro e colapsante que vai comprometer os investimentos noutras alternativas de transporte máis sustentábeis, como a potenciación do transporte colectivo e intermodal, a vertebración, mellora e humanización das estradas primarias e secundarias e a planificación integral das sendas peonís e os carrís bici. Este desdobramento é tamén  o punto de partida do que pode ser un maior impacto posterior, pola posible especulación urbanística a nivel municipal e supramunicipal, dentro dun modelo de desenvolvemento totalmente insustentable.

 

Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s