Roteiro pola protección dos montes de Aldán

roteiro-aldanA Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo organiza o domingo 12 de febreiro un roteiro para dar a coñecer a importancia natural, paisaxística e cultural dos Montes da parroquia de Aldán, dentro de solo rústico de especial protección forestal, de augas e patrimonial, no concello de Cangas.

O roteiro, primeiro deste inverno, será circular e sairá as 10 da mañá da alameda de Aldán, para chegar ás 14 h. ao mesmo lugar.

O percorrido transcorrerá por estrada, corredoiras, pista forestal e camiños de pé, coincidindo en tramos coa senda dos muíños do rego Orxas e co GR-59 da Ecorrota do Morrazo, polos lugares de Finca do Frendoal, rego Orxas, val do rego Orxas, A Lagarteira, As Abelaires, Ameán, Outeiro Agudo, Mesa de Montes, A Fentiña, Lagos de Baxín, Erbello, rego Orxas, Finca do Frendoal, alameda de Aldán.

Para se achegar ao punto de saída hai que acceder pola estrada PO-315, á que se pode chegar desde a estrada PO-551, á saída do núcleo urbano de Cangas, ou desde o núcleo urbano de Bueu en dirección a Beluso, vindo de Pontevedra.

Recomendamos que de se achegar en vehículo privado, por ética e polas limitacións do aparcamento, as persoas que asistan utilicen a capacidade máxima do seu vehículo compartíndoo con outra persoas. Recomendamos tamén traer roupa de abrigo e calzado de trote axeitados para a época invernal.

Os lugares de maior interese a visitar son:

  • A ponte de arco de medio punto sobre o rego Orxas de orixe medieval.
  • A Finca do Frendoal, popularmente coñecida como o “bosque encantado”, que conta cunha interesante arboreda, onde destaca a presenza de exemplares de castiñeiros, loureiros e da especie de carballo euroasiático Quercus cerris de grande envergadura. Acolle tamén no seu perímetro a área de ribeira do rego Orxas, camiño da súa embocadura na enseada de Aldán. Este terreo que formou parte do couto do antigo condado de Aldán, atesoura a representación, a pequena escala, dun castelo construido a mediados do século pasado máis un acueduto de tipoloxía medieval, tamén coñecido como o Arco da Condesa.
  • rego Orxas, cuxo nacemento se situa entre a serra da Madalena e o monte Borrallido, é a principal conca fluvial que atravesa a parroquia. Conta cun importante bosque de ribeira de ameneiros, salgueiros, bidueiros e carballosademais de cuantiosos lavadoiros, pontellas e muíños hidráulicos.
  • petróglifo de Outeiro de Río Loureiro, Ben de Interese Cultural (BIC) de Galiza, adscrito na Idade do Bronce, está situado nunha paraxe de beleza excepcional, xa que está no extremo dunha corredoira empedrada, fronte á zona agrícola da beira do rego do Fial. Este petróglifo contén unha importante variedade tipolóxica de gravados rupestres -coviñas, circos concéntricos e pseudolabirintos- e onde sobresaen pola súa rareza os gravados dun suposto guerreiro e unha cabana.
  • val do rego Orxas, entre os núcleos rurais de Erbello, Piñeiro e Gandón e ao pé da serra da Madalena, é un conxunto de veigas de cultivo e áreas de bosque de ribeira que pola súa extensión é de grande importancia natural, cultural, socioeconómica e etnográfica.
  • petróglifo das Abelaires, BIC da Idade do Bronce, ao pé do monte do castro do Liboreiro, conta cunha grande presenza de gravados rupestres en relieve de circos concéntricos, coviñas e apéndices.
  • Outeiro Agudo, tamén coñecido como Monte Vixía ou Monte da Garita, pola existencia dunha antiga caseta de pedra de vixianza, e Mesa de Montes, sita nunha estratéxica penechaira, con vestixios arqueolóxicos da Idade do Bronce -o petróglifo con gravados rupestres a maior altitude do concello cangués- no primeiro, e un asentamento do Calcolítico e Bronce Inicial no segundo, en zona rochosa e monte baixo, conforman dous dos curutos máis sobranceiros da Serra da Madalena. Sobrepasan os 300 metros sobre o nivel do mar, e serven de límite dos montes das parroquias de Aldán a Darbo. Conformando a serra un verdadeiro monumento paisaxístico, natural e xeolóxico que fai a función de conexión ecolóxica entre os Montes do Morrazo e o Carballal de Coiro co final da península morracense nos Montes do Hio, con hábitats e fauna e flora de interese comunitario. Desde estes dous altos pódese gozar dunhas extraordinarias vistas panorámicas das rías de Vigo e Pontevedra, da enseada de Aldán cos espazos naturais protexidos da Rede Natura da Costa da Vela e de Cabo Udra, do Parque Nacional Marítimo Terrrestre das Illas Atlánticas e por extensión do conxunto das Rías Baixas.
  • Os lagos de Baxín son unha zona húmida naturalizada á beira do nacemento do rego do Fial que forman parte así mesmo da conca do rego Orxas.mapa-roteiro-aldan

As principais afeccións para os montes da parroquia de Aldán nas últimas décadas foron os monocultivos forestais, a eucaliptización, a falta de silvicultura, as verteduras incontroladas de terras e entullos de obra, o espallamento de acacias e outras especies de flora invasora, o abandono e falta de posta en valor do patrimonio cultural e arqueolóxico, a construción do corredor de alta capacidade, a construción da planta de tratamento de RSU e do punto limpo do Morrazo, a construción por parte da empresa Geriatros dun xeriátrico e a extracción mineira da empresa Granitos Aldán.

Os proxectos que ameazan o futuro deste territorio son, por unha banda, a ampliación de carácter supramunicipal do parque empresarial de Bueu cara a Aldán, no denominado Parque Empresarial do Morrazo (PEIM), contemplado pola Xunta dentro do Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais de Galiza (PSOAEG). Por outra banda, a especulación urbanística que persiste nas poxas polos terreos adquiridos na década pasada pola promotora Promalar -na actualidade en fase de liquidación- á viuva do antigo condado de Aldán. Terreos que na actualidade son a causa dun litixio xudicial entre a promotora, Geriatros e outras sociedades e heredeiras do antigo condado e unha xestora veciñal que reclama os montes como comunais. Esta promotora baixo “convenio” pretendía recualificar ao redor de 254 Has. de solo rústico de especial protección entre as zonas de Menduiña, Varalonga e a Serra da Madalena, para a construción de varios milleiros de vivendas, un cemiterio privado e cualificar o espazo natural da serra da Madalena como “zona verde”. Este proxecto foi paralizado finalmente pola retirada da aprobación inicial do PXOM de Cangas no ano 2005.

A Plataforma solicitoulle á Xunta de Galiza en marzo do 2012 a retirada da ampliación do parque empresarial de Bueu proxectada a través do PEIM no PSOAEG. Nese mesmo mes solicitoulle tamén á Xunta de Galiza que a Serra da Madalena,Monte Borrallido e Montes de Varalonga –onde están integrados a maioría dos montes da parroquia de Aldán-, como corredor ecolóxico, figuraran como espazos ampliables na solicitude de ampliación da Rede Natura galega cara a un novo Lugar de Importancia Comunitaria que, a nome de Montes e Carballeiras do Morrazo, acollese os espazos naturais dos Montes do Morrazo e o Carballal de Coiro.

En agosto de 2015 a Plataforma solicitoulle así mesmo ao Concello de Cangas a catalogación de Espazo Natural de Interese Local (ENIL) para a Serra da Madalena. En abril de 2016 solicitoulle á Xunta de Galiza a clasificación de Ámbito de Especial Atención Paisaxística (AEAP) para a contorna de Mesa de Montes dentro do Catálogo das Paisaxes de Galiza.

Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s