Roteiro pola protección dos montes do Hío

roteiro-hioA Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo organiza o domingo 12 de marzo un roteiro para dar a coñecer a importancia natural, paisaxística e cultural dos Montes da parroquia do Hío, dentro de solo rústico de especial protección de espazos naturais, forestal, de augas e patrimonial, no concello de Cangas.

O roteiro, último deste inverno, será circular e sairá ás 10 da mañá da explanada do Frendoal (aquí) , en Liméns, para chegar ás 13:30 horas ao mesmo lugar.

O percorrido transcorrerá por estradas, corredoiras, pistas forestais e camiños de pé, coincidindo nalgúns tramos coa senda municipal do litoral e co GR-59 da Ecorrota do Morrazo, polos lugares de A Coviña, Outeiro Negro, Monte do Castro, A Cruz de Castro, As Covas, A Fontenova, A Cruxa, A Fanica, Facho de Hio, Outeiro Batente, A Fanica, A Castiñeira, Igrexario, A Fontenla, Liméns, explanada do Frendoal.

Para se achegar ao punto de saída, hai que acceder pola estrada EP-1010, baixando en dirección ao camping de Liméns, e pasando este, seguir o vial ata o final do dunar.

Accédese á EP-1010 pola PO-315, á que á súa vez se pode acceder pola estrada PO-551, pola saída do núcleo urbano de Cangas, ou, vindo desde Pontevedra, desde o núcleo urbano de Bueu e pasando Aldán.

Recomendamos que de se achegar en vehículo privado, por ética e polas limitacións do aparcamento, as persoas que asistan utilicen a capacidade máxima do seu vehículo, compartíndoo con outra persoas. Recomendamos tamén traer roupa de abrigo e calzado de trote axeitados para a época invernal.mapa-hio

Os lugares de maior interese a visitar son:

· complexo dunar da Enseada de Liméns, un dos máis importantes da comarca e da provincia, dentro do espazo natural Barra, Cabo Home, catalogado como chan rústico de especial protección de espazos naturais polas Normas Subsidiarias de Planeamento da provinvia de Pontevedra.

· Pasada a ponte antiga de pedra que atravesa o rego de Liméns na súa embocadura está a calzada empedrada que sobe pola Coviña, con gravados rupestres da Idade do Bronce ao seu carón na penedía.

· Monte do Castro acolle, tal e como indica o seu nome, un asentamento castrexo da Idade do Ferro, inventariado e catalogado como Patrimonio Cultural de Galiza. Situado a 150 metros de altitude sobre o nivel do mar, entre as enseadas de Liméns e de Barra, ademais de estar cheo de penedías graníticas, pías, alvéolos, cacholas e os vestixios dalgún petróglifo da Idade do Bronce, posúe unhas impresionantes e amplas vistas panorámicas da entrada da ría de Vigo.

· A monumental calzada empedrada, de grande valor civil e etnográfico, da Fanica.

· alto de Outeiro Batente, coa súa caseta de vixianza do Facho de Hío, a uns 241 metros sobre o nivel do mar, é o punto máis alto de toda a subpenínsula da parroquia do Hío- anexa á península do Morrazo polo Viso, entre o humidal da Lagoa de Vilariño e o complexo dunar de Liméns-. Este alto conta tamén coa presenza de petróglifos como o do Alto da Serra da Idade do Bronce e con xacementos datados entre o neolítico e o medievo como o da Cova da Loba e o Corral de Barra. Desde este alto tamén se poden divisar unha ampla panorámica dos montes da parroquia, e das entradas das rías de Vigo e Pontevedra a través da Enseadas de Barra e de Aldán, respectivamente. A paisaxe grandiosa e espectacular sobre o complexo dunar de Nerga-Barra, Cabo Home ata o Facho de Donón, pertencentes ao espazo natural protexido pola Rede Natura da Costa da Vela, e das Illas Cíes en fronte, pertencentes ao Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas. A paisaxe pola marxe que dá á Enseada de Aldán, dende onde se poden ver unhas boas panorámicas da Serra da Madalena e Monte Borrallido, do espazo natural protexido pola Rede Natura de Cabo Udra, e das Illas Ons ao fondo, pertencentes P.N.M.T. das Illas Atlánticas. Os montes conteñen varios hábitats de interese comunitario -vexetación pioneira na rocha silícea, breixeiras secas europeas, vexetación oromediterranea con presenza de toxeira e xesteira, carballeiras galaico portuguesas, bosques aluviais e brañas húmidas atlánticas-.

· núcleo rural do Igrexario, con mostras de arquitectura popular e civil de construcións na pedra e a monumental, a nivel relixioso, coa igrexa románica do século XII de Santo André e o afamado cruceiro de estilo barroco de finais do século XIX.

· núcleo rural de Liméns sobre o agropecuario val do rego do mesmo nome.

As principais afeccións para os montes da parroquia do Hio nas últimas décadas foron os monocultivos forestais, a eucaliptización, incendios forestais, cortas indiscriminadas, falta de silvicultura, o espallamento de especies doutras especies de flora invasora, canteiras, verteduras de terras e entullos, instalación de antenas de telecomunicacións e novos viais de acceso a estas, instalación de torretas e cableados aéreos de tendido eléctrico, instalación de pozas de auga contraincendios, a presión urbanística residencial e o abandono e falta de posta en valor do patrimonio cultural.

As principais ameazas no futuro son a persistencia dos monocultivos forestais e da eucaliptización e a solicitude de instalación dunha grande antena de telefonía móbil por parte da multinacional France Telecom na área de protección do Monte do Castro.

En marzo do 2012 a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo solicitoulle á Xunta de Galiza que os montes da parroquia do Hío, como corredor ecolóxico, figuraran como espazo ampliable á solicitude de ampliación da Rede Natura galega cara a un novo Lugar de Importancia Comunitaria que, a nome de Montes e Carballeiras do Morrazo, acollese os espazos naturais dos Montes do Morrazo e o Carballal de Coiro.

En xullo de 2015 a Plataforma solicitoulle tamén ao Concello de Cangas para estes montes a catalogación de Espazo Natural de Interese Local (ENIL). En abril de 2016 solicitoulle á Xunta de Galiza a clasificación para estes montes de Área de Especial Importancia Paisaxística (AEIP) así como varios Lugares de Especial Importancia Paisaxística (LEIP) para o Monte do Castro, Outeiro Negro, Alto da Fanica, Outeiro Batente, Outeiro da Vela e Outeiro das Hedras, dentro do Catálogo das Paisaxes de Galiza.

Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s