Roteiro pola proteccións dos montes de Cobres

roteiro pola protección dos montes de cobresA Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo organiza o domingo 23 de abril un roteiro para dar a coñecer a importancia natural, paisaxística e cultural dos Montes das parroquias de Santa Cristina e de San Adrián de Cobres, dentro de solo rústico de especial protección de espazos naturais, forestal, de augas e patrimonial, no concello de Vilaboa.

O roteiro, primeiro desta primavera, será circular e sairá ás 10 da mañá da Casa da Cultura de Riomaior,para chegar ás 14 horas ao mesmo lugar.

O percorrido transcorrerá por estradas, corredoiras, pistas forestais e camiños de pé, coincidindo nalgúns tramos co PR-G 102 do sendeiro municipal dos muíños de Riomaior e co GR-59 do sendeiro ecolóxico do Morrazo, polos lugares do Costal, A Cardiña, rego do Portiño, Sobreira, Os Saxos, Monte das Barreiras, Martiñetas, A Pereiriña, Chan de Dego, Paradellas, As Cernadas, O Costal e casa da cultura de Riomaior.

Para se achegar ao punto de saída, hai que acceder pola estrada N-554, á que se pode enlazar pola PO-551, vindo de Cangas por Moaña ou pola N-550, vindo de Pontevedra. (Aquí)

mapa roteiro cobres

Recomendamos que de se achegar en vehículo privado, por ética e polas limitacións do aparcamento, as persoas que asistan utilicen a capacidade máxima do seu vehículo, compartíndoo con outra persoas. Recomendamos tamén traer roupa e calzado de trote axeitados para a época primaveral.

Os lugares de maior interese a visitar son:

  • O rego Maior e o seu principal afluente, o rego do Portiño, que contan cunha excelente área de ribeira – carballeira, ameneiral, salgueiral, abeledo, loureda, cerdeiras, estripeiros, pereiras bravas, fungos, fentos, liques, brións e multitude de plantas nemorais e ribeireñas, moitas delas agora nunha policromática floración, dentro de hábitat natural prioritario de bosques aluviais- e agropecuaria -núcleos rurais de Outeiro, Pazos, O Costal, A Cardiña, As Cernadas e Paradellas-, os vestixios arqueolóxicos ao seu carón do castro de Cobres ou do Coto, e a existencia de 34 muíños coas súas canles e pontellas de grande valor etnográfico e ambiental, restaurados no seu momento e integrados no sendeiro de pequeno percorrido do PR-G 102.
  • O núcleo rural de Sobreira que, co fitónimo referente á árbore do mesmo nome e aproveitando o val do rego do Portiño, pasa por ser un dos exemplos mellor conservados do rural morracense co seu casal, hórreos e muros de pedra, corredoira empedrada e o verde mosaico de veigas cultivadas e adicadas ao pasto para unha variada gandeiría extensiva -cabalar, ovina, caprina,…
  • As carballeiras da conca do nacemento do rego do Portiño, dentro do hábitat de interese comunitario das carballeiras galaico-portuguesas. Así mesmo, as repoboacións forestais con castiñeiros e outras frondosas autóctonas.
  • O sobreiral, coas súas ramosas copas de follas coriaceas e persistentes, que se espalla entre o Monte das Barreiras e A Pereiriña, un dos máis importantes da península morracense dentro da súa subasociación coa emparentada carballeira e que, denominada a nivel fitosociolóxico Rusco aculeati-Quercetum roboris quercetosum suberis, é proba fidedigna da influencia mediterránea e termófila con respecto ao clima oceánico a nivel bioxeográfico no Morrazo e nas Rías Baixas. Aínda se pode atopar nalgúns dos exemplares adultos das sobreiras o desprendemento da súa grosa cortiza, utilizada antigamente para a fabricación da cuberta das colmeas das abellas, tapóns, artes da pesca e outros aparellos e recubrimentos domésticos, daí tamén o nome de corticeiras.
  • As densas matogueiras da urce vermella -Erica australis-, especie montana de grande porte e moi chamativa como xa o indica o seu nome, agora en flor ao ser das prematuras dentro do xénero e que, no Morrazo, só a imos atopar nestes montes a maior altura entre as fortes pendentes das concas dos regos de Campolongo e dos Asubións, afluentes así mesmo do rego Maior. A grande presenza da carqueixa -Pterospartum tridentatum- outra especie da matogueira montana que imos atopar case en exclusiva nesta área a nivel morracense, con tons amarelados na súa floración, ao igual que a toxeira e a xesteira, e que, no seu conxunto, conforman o hábitat de interese comunitario de breixeiras secas europeas. Ademais de contribuír coa súa cor á beleza da paisaxe, estas especies de matogueira son de grande importancia para o desenvolvemento da fauna invertebrada e das abellas en especial, ao ser moitas delas melíferas, e tamén pola súa biomasa fertilizante e combustíbel a nivel agroforestal e polo tanto de grande valor paisaxístico, ambiental e socioeconómico.
  • O monte aberto da matogueira tamén descubre por enriba dos 300 metros de altitude sobre o nivel do mar as excelentes e amplas vistas panorámicas da Enseada de San Simón, no fondo da ría de Vigo, na actualidade catalogada como Zona de Especial Conservación dentro da Rede Natura. A extensa rede hidrográfica do rego Maior, cos nacementos das súas concas nos montes de Cobres, modelan a paisaxe e fan a función de corredores naturais e ecolóxicos cara á propia Enseada.

As principais afeccións para os montes das parroquias de Cobres nas últimas décadas foron os monocultivos forestais, a eucaliptización e os incendios forestais, xunto coas cortas indiscriminadas de arborado autóctono, a falta de silvicultura, as verteduras incontroladas de lixo e o espallamento doutras especies de flora alóctona e invasora, en especial das acacias e da cana de bambú. As principais ameazas no futuro son o parque eólico de Pedras Negras e a Área de Desenvolvemento Eólica do Morrazo e máis proxectos de exploración e de investigación mineira na súa proximidade.

En marzo do 2012 a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo solicitoulle á Xunta de Galiza a ampliación da Rede Natura galega cara a un novo Lugar de Importancia Comunitaria que, a nome de Montes e Carballeiras do Morrazo, acollese os espazos naturais dos Montes do Morrazo e Coto Redondo, onde están integrados grande parte dos montes de Santa Cristina e de San Adrián de Cobres, e o Carballal de Coiro e outros ampliables.

 

Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s