Roteiro pola protección dos montes de Vilaboa

roteiro vilaboaA Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo organiza o domingo 21 de maio un roteiro para dar a coñecer a importancia natural, paisaxística e cultural dos Montes que van da parroquia de San Martiño de Vilaboa ata os da parroquia de Santo André de Figueirido, dentro de solo rústico de especial protección de espazos naturais, forestal, de augas e patrimonial, no Concello de Vilaboa.

O roteiro, segundo desta primavera, será circular e sairá ás 10 da mañá desde a Casa do Concello de Vilaboa, no Toural, para chegar ás 14 horas ao mesmo lugar.

O percorrido transcorrerá por estradas, corredoiras, pistas forestais e camiños de pé, coincidindo nalgúns tramos co PR-G 106 do sendeiro municipal de Chan de Vilar e dos muíños de Vilaboa, polos lugares de O Toural, O Río, Cavada Chan, rego de Sidral, Veigas do Muíño, Chan da Cruz, Chan de Vilar, Aldea de Abaixo, Postemirón, As Cavadas, Veigas de Abaixo, A Costeira, Os Matos, A Carballeira, O Outeiro, Outeiro do Gato e O Toural.

Para se achegar ao punto de saída, hai que acceder pola estrada N-554, á que se pode enlazar pola PO-551, vindo de Cangas por Moaña ou pola N-550, vindo de Pontevedra.

Recomendamos que de se chegar en vehículo privado, por ética e polas limitacións do aparcamento, as persoas que asistan utilicen a capacidade máxima do seu vehículo, compartíndoo con outras persoas. Recomendamos tamén traer roupa ou calzado de trote axeitados para a época primaveral.

mapa roteiro vilaboa

Os lugares de maior interese que visitaremos son:

· O rego Trasmil e o seu afluente principal, o rego de Sidral que, percorridos polo PR-G 106 e dentro de solo rústico de especial protección de augas e hábitat natural prioritario de bosques aluviais da Europa atemperada, posúen unha extraordinaria área de ribeira con bosques de ameneiro, salgueiro e carballo, un rico sotobosque de loureiros, estripeiros, pereiras bravas, sanguiños, xilbarbeiras e urces brancas e unha excelente representación de fentos -dentabrú, falso fento macho, fento femia, fenta, fento das pedras, cabriña,…-, liques e brións, mostra da súa grande humidade ambiental. Tamén conta coa presenza de 24 muíños hidráulicos, de diferentes tipoloxías -de cubo cuadrangular e cilíndrico e de canle-, pontellas e e as levadas realizadas na pedra en forma de canalizacións das augas tanto para os muíños como para o regadío, de grande importancia hidrolóxica, etnográfica e paisaxística, combinada coa propia contorna natural e a fonda conca do rego.

· A importante área patrimonial de Chan da Cruz coa presenza vestixial de 6 mámoas megalíticas, escavadas entre a década dos setenta e dos oitenta do século pasado onde, á parte dos restos dos túmulos, nos seus enxovais se acharon múltiples pezas de cerámica e líticas -pulidores, machados pulimentados, puntas de frecha, de alabarda, microlitos, lascas- e que, ademais do grande valor cultural e arqueolóxico, amosa que houbo unha ocupación humana no lugar desde hai máis de 5.000 anos.

· A área de matogueira e monte baixo de Chan de Vilar, adentrándose nos montes da parroquia de Figueirido no seu limiar cos da parroquia de Vilaboa, de grande valor ambiental, agroforestal e paisaxístico, dentro de hábitat de interese comunitario de breixeiras secas europeas, breixeiras oromediterráneas endémicas con xesta, e de vexetación pioneira na rocha silícea. Entre unha grande variedade de xestas, toxos, breixos e carpazas, sobresae a grande presenza do piorno de tres espiñas -Genista triacanthos-, unha variedade de xesta espiñenta que adoita desenvolverse así mesmo en solos higroturbosos e que, neste lugar, posúe unha das mellores representacións da península morracense. A vexetación baixa que aínda se segue a desbrozar para a camada dos animais e posterior fertilizante dos cultivos e como área de pasto do gando cabalar extensivo, dá paso desde o seu alto a 243 metros de altitude sobre o nivel do mar a unhas amplas e excelentes panorámicas do val que conforma o rego dos Gafos ou de Tomeza desde os Montes do Morrazo cara ás Terras de Pontevedra, coa Serra da Fracha en fronte e a cidade de Pontevedra ao fondo.

· Os núcleos rurais de Aldea de Abaixo e Postemirón, de grande valor agropecuario e cultural, coa súa estrutura civil e etnográfica -hórreos, fontes, lavadeiro,…- e o seu mosaico de veigas de cultivo e de gando extensivo. A parte máis alta tamén ten unha grande importancia paisaxística coas amplas panorámicas do val que conforma o rego de Sidral.

· O sobreiral das Cavadas, outro dos máis importantes do territorio morracense dentro do concello vilaboés, proba fidedigna da influencia mediterránea e termófila con respecto ao clima oceánico a nivel bioxeográfico no Morrazo e nas Rías Baixas e que, xunto coa carballeira na denominación fitosociolóxica Rusco aculeati-Quercetum roboris quercetosum suberis, forma parte do hábitat de interese comunitario de carballeiras galaico-portuguesas.

· A área de nacemento dos regos da Cova e das Veigas, afluentes do rego de Sidral e a súa vez do Trasmil, onde, dentro da súa área de ribeira destaca a presenza do bidueiro. O rego das Veigas dá servizo á fertil área de cultivos de Postemirón e o da Cova á de Veigas de Abaixo. De aquí parte unha corredoira que baixa paralela ao curso fluvial entre bos exemplos de bosque de ribeira e carballeira e torce cara ás zonas da Costeira e dos Matos, cos topónimos referentes á orografía e á vexetación baixa utilizada no seu momento como cultivo a nivel local e onde son así mesmo de importancia os mananciais de traída de auga a nivel veciñal e municipal.

· Os lugares da Carballeira, onde aínda se pode atopar unha pequena representación da mesma, e de Outeiro que, como indica o seu topónimo, está nun alto xeográfico, desde onde aínda se pode outear na actualidade a paisaxe rural cara ao Toural e ao final da ría de Vigo, coas Illas Alvedosas en fronte e o val de Ulló, xénese das antigas salinas do mesmo nome, no extremo, formando parte na actualidade da Zona de Especial Conservación do Espazo Natural Protexido da Enseada de San Simón. O rego Trasmil e a súa extensa conca hidrográfica con varios nacementos ao longo dos montes de Vilaboa fai a función de corredor ecolóxico ata a súa embocadura entre as brañas e a marisma, conformando a propia Enseada.

· O hórreo monumental da Casa Rectoral do Toural, do século XVIII e que cos seus 32 pés e 33 vanos é un dos máis grandes de Galiza. E o peto de ánimas deste lugar, do século XIX.

As principais afeccións para os montes da parroquia de Vilaboa nas últimas décadas foron os monocultivos forestais, a eucaliptización, os incendios forestais, a falta de silvicultura, as verteduras incontroladas de lixo e o espallamento doutras especies de flora alóctona e invasora, en especial das acacias, e a construción das instalacións da BRILAT.

As principais ameazas no futuro son a Área de Desenvolvemento Eólica do Morrazo, proxectos de investigación mineira na proximidade e, por outra banda, é de salientar a degradación na que se está a ver inmersa a contorna ambiental e paisaxística coa construción da autovía A-57 pola Serra da Fracha e as canteiras pola área pontevedresa.

En marzo do 2012 a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo solicitoulle á Xunta de Galiza a ampliación da Rede Natura galega cara a un novo Lugar de Importancia Comunitaria que, a nome de Montes e Carballeiras do Morrazo, acollese os espazos naturais dos Montes do Morrazo, onde están integrados parte dos montes da parroquia de Vilaboa, e o Carballal de Coiro, mais outros ampliables. En abril do 2016 solicitou tamén á Xunta a catalogación de Área de Especial Importancia Paisaxística dentro do Catálogo das Paisaxes de Galiza para estes espazos comprendidos no Rexistro de Espazos Naturais de Galiza e clasificados na actualidade como Solo Rústico de Especial Protección de Espazos Naturais polas Normas Subsidarias e Complementarias de Planeamento da provincia de Pontevedra.

Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s