O TSXG tumba o polígono industrial do monte Pornedo do PSOAEG

slide9A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo (PDMM) dálle os parabéns á Asociación Defende O Monte Pituco pola consecución da sentenza do Tribunal de Xustiza Superior de Galiza que ordena retirar do Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais de Galiza (PSOAEG), o proxecto do parque empresarial situado na contorna do espazo natural do Monte Pornedo -tamén coñecido como Pituco-, no concello de Marín, tras o correspondente recurso interposto en tempo e prazo no seu día.

A PDMM congratúlase e séntese copartícipe desta nova, despois de que Plataforma alegara en contra do dito proxecto e solicitara a súa retirada en marzo do 2012. Un proxecto que, baixo a denominación de Plataforma Loxística Marín-Pontevedra, estaba integrado na información pública do dito PSOAEG pola Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo da Xunta de Galiza. Tamén despois de que colaborara o domingo 12 de abril do 2015 e o 9 de xullo de 2016 na organización de senllos roteiros na divulgación pola protección dos indubidábeis valores paisaxísticos, ambientais e culturais deste encrave integrado dentro do espazo natural dos Montes do Morrazo, protexido como solo rústico de especial protección de espazos naturais polas NN CC e SS de Planeamento da provincia de Pontevedra e nos que tivo moi presente a afección que o dito proxecto empresarial, coincidente finalmente coa superficie industrial de 331.999 m2 aprobada definitivamente como recualificación no PXOM de Marín, representaba para o Pornedo e a súa contorna.

Mais, por outra banda, a PDMM tamén quere salientar que as principais xustificacións polas que o TSXG ordenou na dita sentenza retirar o proxecto empresarial no Pornedo -a influencia das características orográficas da zona e a súa afección desde o punto de vista físico, natural e paisaxístico- son perfectamente aplicábeis para os outros dous parques empresariais proxectados no Morrazo e integrados tamén no PSOAEG, o da Cruz da Maceira, tamén dentro do espazo natural dos Montes do Morrazo e proxectado como Parque Empresarial Marín-Moaña, e o do Parque Empresarial Bueu-Castiñeiras, en solo rústico de especial protección forestal, de augas e patrimonial e proxectado de xeito conxunto como ampliación do Parque Empresarial e Industrial do Morrazo (PEIM) en terreos limítrofes dos concellos de Bueu e Cangas.

De feito, aínda que sexa de xeito parcial, tamén temos, en principio, as novas positivas, que con similares motivacións expostas polo TSXG con respecto ao proxecto do Pornedo, a propia Xunta de Galiza modifica e redúce nun 35% a superficie dos 435.528 m2 ao inicialmente aprobado na Cruz da Maceira, coincidente coa integrada no seu momento na tramitación do PXOM de Moaña e no caso da ampliación do parque empresarial de Bueu a través do PEIM, proxectado cunha superficie de 412.238 m2, segrégase en dúas actuacións independentes nos concellos de Bueu e Cangas, prevéndose o traslado de emprazamento para facilitar a súa viabilidade, neste segundo municipio.

Mais, para a PDMM non deixan de ser enganosas porque a afección a chan rústico e de grande valor segue aí, e de feito en marzo do 2012, ao igual que con respecto á área empresarial no Pornedo, a PDMM xa solicitara tamén a retirada completa das áreas empresariais proxectadas no Parque Empresarial Marín-Moaña na Cruz da Maceira e no PEIM como ampliación do parque empresarial de Bueu-Castiñeiras. Xa que logo, seguen totalmente vixentes as solicitudes feitas daquela, de que fronte ao criterio do 30% de demanda mínima para desenvolver un polígono, se teña en consideración o deber de encher os polígonos existentes e o resto da oferta de solo empresarial e industrial, no caso de ser necesaria, se adapte á demanda real apostando por áreas municipais máis pequenas, cunha ocupación total de parcelas, fóra de espazos naturais e protexidos e cun menor impacto no medio.

A PDMM fai responsábel a todos os gobernos autonómicos -do PP e bipartito do PSOE e BNG- desde fai tres décadas cara a aquí, e dos concellos con gobernos tamén de distintas formacións políticas que, como no caso do Morrazo, e a través da tramitación dos PXOM correspondentes, se pregaban a un modelo de desenvolvemento urbanístico e industrial totalmente insustentábel. Onde cada municipio solicitaba cadanseu ou ás veces varios parques empresariais e industriais, favorecendo a especulación dentro das súas delimitacións territoriais, como así se chegou a consumar en boa parte do territorio galego onde, a hoxe en día, a Xunta de Galiza e malia as bonificacións e as reducións dos prezos levadas a cabo nos últimos anos, non está capacitada para darlle saída á totalidade do chan industrial aprobado e promovido nas últimas décadas.

A aprobación do PSOAEG en marzo de 2014 por parte do actual goberno autonómico do PP, non deixa de ser unha continuación do modelo de desenvolvemento insustentábel e especulativo das décadas anteriores e suxeito, por engadido, á máis absoluta arbitrariedade e improvisación, como xa se está a amosar.

A mesma arbietrariedade e improvisación que está a amosar o goberno municipal do PP de Marín, co máis que probable apoio doutras formacións políticas a nivel local, ao escoller Pastoriza como plan “B” á área industrial do Pornedo.

Neste senso, a PDMM lembra que a citada área de Pastoriza, onde agora se pretende situar como alternativa o parque empresarial municipal e que estivera incluída na tramitación inicial do seu PXOM, está situada na parte máis alta do municipio, no límite cos concellos de Moaña e Bueu, lonxe do núcleo urbano e dos núcleos de produción, e nos que afectaría a terreos de grande valor paisaxístico, ambiental e cultural do espazo natural dos Montes do Morrazo en solo rústico de especial protección de espazos naturais máis tamén forestal, de augas e patrimonial da parroquia de Ardán na conca de nacemento do rego das Gorgadas-afluente do Loira-, preto do núcleo rural -Pastoriza- e cun acceso por estrada a través doutros núcleos rurais á beira da estrada PO-313 -Pardavila, Cadro, Silvestre, A Troncosa e Miñán-, afectada pola ampliación viaria que se deseñara no Plan Vigo Integra no seu momento, a finais da década pasada co goberno bipartito na Xunta, e rexeitada maioritariamente pola poboación residentes nestes núcleos. Un feito do que aínda se pode observar na actualidade con faixas de protesta á beira da citada estrada.

A PDMM rexeita frontalmente o traslado da citada situación de solo industrial marinense a Pastoriza como xa o deu a entender en marzo do 2012 diante da información pública do PSOAEG, prevendo que a citada área pudese entrar na dita “ordenación supramunicipal” -daquela, para máis arbitrariedade, a cartografía da zona que se integraba como Parque Empresarial Marín-Moaña saía como un simple círculo e en forte pendente preto do pequeno vial asfaltado que, desde o alto da Cruz da Maceira, conecta a PO-313 co núcleo rural de Pastoriza-.


Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s