Arquivos diarios: Xuño 3, 2017

A PDMM sobre as supostas medidas de protección do Castro de Montealegre.

montealegrePlataforma en Defensa dos Montes do Morrazo cualifica de paripé político o que está a suceder coas supostas medidas de protección do Castro da Idade do Ferro e o conxunto rupestre de Montealegre, da Idade do Bronce-Idade do Ferro e declarado Ben de Interese Cultural (BIC), na parroquia de Domaio, ante as obras do proxecto de desdobramento en autovía do corrredor de alta capacidade do Morrazo.

Cómpre salientar, neste sentido, que malia o intento de lavado de cara político, técnico e institucional, a construción do corredor xa afectou o castro de xeito crítico e severo na súa área integral de protección. Así é de dominio público que as obras xa causaron a destrución da área de cuncheiros e habitacional coa construción das bocanas de entrada e saída do túnel polo medio do xacemento.

Segundo o que se pode ler nos medios, a Xunta está a “estudar” desde hai meses unha alternativa á construción dun segundo túnel, que consistiría en ampliar o que xa existe. Para esta plataforma, se esta alternativa é viábel, tamén comportaría para o xacemento unha nova afección na súa área integral de protección. Por iso non é xustificábel dála por boa, aínda que se lle queira restar importancia aos posíbeis efectos desta alternativa, comparándoa cos do segundo túnel contemplado no proxecto oficial do desdobramento.

Esta posíbel ampliación do túnel non é máis que unha estratexia improvisada da Xunta de Galiza para tratar de calmar o clima de protesta que existe hoxe na comarca contra a destrución do castro polo proxecto do desdobramento do corredor.

Alén disto, a Xunta con estas medidas está a amosar unha falta de rigor e seriedade para co patrimonio e o medio fóra do común. Esta suposta corrección do impacto do túnel, tiña que se facer na redacción do proxecto, coa legal e correspondente avaliación de impacto ambiental (AIA), e non ás tolas como está a acontecer na actualidade.

Neste sentido, cómpre lembrar que a Xunta de Galiza o 22 de novembro de 2012 decidiu non realizar a avaliación de impacto ambiental do desdobramento e utilizou como escusa que xa existía unha Declaración de Impacto Ambiental (DIA).

Nesta Declaración de Impacto Ambiental, publicada no DOG do xoves 16 de agosto de 2001, no seu apartado de modificacións introducidas, despois do trámites de información pública da vía de alta capacidade do Morrazo (Rande-Cangas), modificaba o proxecto nos seguintes termos: p.k. 100+800: desprazarase o trazado cara ao norte co fin de evitar a afección do Castro de Montealegre”.

Polo tanto, visto o anterior, podemos concluír que tanto coa construción dun novo túnel no corredor como coa ampliación do que xa existe, se está a incumprir de xeito flagrante unha das principais medidas de corrección de impacto ambiental que se contemplaron na Declaración de Impacto Ambiental na que se baseou a Xunta para non realizar a avaliación de impacto ambiental do proxecto do desdobramento do corredor.

castro das cidadesPor outra banda, a Plataforma quere sinalar que o castro, malia a súa enorme importancia, non é o único ben cultural que se se verá afectado polas obras do desdobramento. O Castro das Cidades, na tamén parroquia moañesa de Meira, está tamén afectado polo deseño do trazado desdobramento cara ao sur, onde están en perigo varias estacións de gravados rupestres -Petróglifos de Pinidín 1 e 2, petróglifo da Poza da Cachadiña e petróglifo das Amguías-, un asentamento ao ar libre do Neolítico-Idade do Bronce -As Anguías de Abaixo- e o propio castro, da Idade do Bronce-Idade do Ferro. Así mesmo tamén están ameazados o xacemento prehistórico ao ar libre da Idade do Bronce de Outeiro do Aviador e o petróglifo da Idade do Bronce dos Parentes.

Se se ten en conta que un 30% do trazado do desdobramento se modificou cara ao sur con respecto ao proxecto inicial, podemos sinalar que a estas alturas a Xunta non sabe se poderían aparecer novos xacementos por falta de prospeccións arqueolóxicas. O cal é unha temeridade que non se debería permitir.

Hai que lembrar tamén que o corredor de alta capacidade do Morrazo xa afectou no seu momento de xeito crítico e severo a:

1. O asentamento do Regueiriño, do Neolítico Inicial-Medio.

2. O Castro de Montealegre.

3. O asentamento castrexo da Idade do Ferro asociado ao conxunto rupestre do petróglifo de Montealegre, da Idade do Bronce-Idade do Ferro.

4. O lugar funerario-ceremonial da Devesa de Abaixo-Os Torradoiros, da Idade do Bronce -de novo descubrimento coas escavacións previas do corredor-.

5. O petróglifo do Viveiro, da Idade do Bronce.

6. O petróglifo da Devesa do Rei, da Idade do Bronce.

7. O asentamento ao ar libre de Montenegro, do Neolítico Final-Alta Idade Media -de novo descubrimento coas escavacións previas do corredor-.

8. Os Abrigos do Monte da Pena.

9. O asentamento ao ar libre dos Remedios, do Calcolítico -de novo descubrimento coas escavacións previas do corredor-.

10. O conxunto rupestre do petróglifo de Gondarán, da Idade do Bronce.

11. O asentamento ao ar libre de Os Laguiños, do Neolítico Final-Idade do Bronce.

12. O xacemento do forno de cerámica do Redolliño, da Romanidade Tardía -de novo descubrimento coas escavacións previas do corredor-.

13. O Abrigo da Portela e o Castro e petróglifos do Liboreiro, da Idade do Bronce-Idade do Ferro- Romano-Medieval, onde se produciu a destrución total ou parcial de cada un dos xacementos con respecto ao seu emprazamento orixinal no territorio, e o traslado fóra do Morrazo de miles de pezas líticas, metálicas, cerámicas e de orixe biolóxica ou orgánica que se atoparon nas escavacións arqueolóxicas e das que non se sabe o destino definitivo -no caso dos petróglifos da Devesa do Rei, do Viveiro e de Gondarán, as rochas cos gravados foron barrenadas con cemento expansivo e os restos remataron debaixo dun recheo ilegal, abandoados á beira dunha pista forestal e na escola obradoiro municipal da Granxa da Rúa sen ningunha posta en valor-.

A todo isto hai que lle engadir tamén a afección á contorna dos bens culturais dos xacementos:

1. Asentamento ao ar libre do Calcolítico da Fontenla.

2. Petróglifo da Idade do Bronce Fontenla.

3. Petróglifo da Idade do Bronce da Pedra do Navío.

4. Petróglifo da Idade do Bronce da Borna.

5. Petróglifo da Idade do Bronce de Chan do Caeiro.

6. Petróglifos da Idade do Bronce de Pozo Garrido.

7. Grupo II de Petróglifos da Idade do Bronce de A Escada.

8. Petróglifo da Idade do Bronce da Rega Pequena.

9. Castro das Cidades da Idade do Bronce-Idade do Ferro.

10. Asentamento ao ar libre do Calcolítico-Idade do Bronce do Casal.

11. Monte do Castro da Idade do Ferro-Romano-Medieval

12. Asentamento ao ar libre do Medievo do Monte da Pena.

13. Castro da Idade do Ferro-Romano de Pedralán.

14. Necrópole Romano-Medieval da Igrexa de Coiro.

15. Petróglifo da Idade do Bronce das Abelaires.

16. Mámoas neolíticas nº1 e nº 2 daTomada de Martínez.

17. Asentamento ao ar libre do Calcolítico de O Curral.

No seu conxunto, e dentro de solo rústico de especial protección de espazos naturais de Montes do Morrazo e Carballal de Coiro, forestal, de augas dos regos da Miñouva, da Freixa, Caiauga, Barranco do Faro, da Fraga, do Inferno, Saíñas, Bouzós, das Presas e do Bispo, agropecuario e patrimonial, a mediados da década pasada produciuse un enorme e irreversíbel impacto paisaxístico, ambiental e cultural ao longo dos 20,96 kms. do total da vía de alta capacidade coa construción do Corredor polos concellos de Moaña, Cangas e Bueu para un modelo de transporte baseado na utilización do colapsante, inseguro e contaminante automóbil privado e unha planificación urbanística a nivel residencial e industrial especulativa e fóra da capacidade real da demanda, totalmente insustentábeis ata os nosos días.

 

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized