Arquivos diarios: Xuño 10, 2017

Roteiro pola protección do Carballal de Coiro

roteiro coiroA Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo organiza o domingo 18 de xuño un roteiro para dar a coñecer a importancia natural, paisaxística e cultural do espazo natural do Carballal de Coiro, catalogado como solo rústico de especial protección de espazos naturais, segundo as Normas Complementarias e Subsidiarias de Planeamento da Provincia de Pontevedra.

O roteiro, último desta primavera, será circular e sairá ás 10 da mañá desde a Capela de San Cosme, na parroquia de Coiro (Cangas), para chegar ás 14 horas ao mesmo lugar.

O percorrido transcorrerá por pistas forestais, corredoiras e camiños de pé, que coincidirán nalgúns tramos co GR-59 do Sendeiro Ecolóxico do Morrazo, polos lugares de Chan de Loureiro, Serra de Coiro, fervenzas do rego Bouzós, O Carballal, A Coviña, A Fraga, Chan de Loureiro e San Cosme.

Para se achegar ao punto de saída, hai que acceder pola estrada PO-551 no tramo que vai de Cangas a Bueu ata o Alto da Portela, onde, e no mesmo sentido, hai que coller finalmente o desvío á dereita (á esquerda se se vén desde Bueu).

Recomendamos que de se achegar en vehículo privado, por ética e polas limitacións do aparcamento, as persoas que asistan utilicen a capacidade máxima do seu vehículo, compartíndoo con outras persoas. Recomendamos tamén traer roupa ou calzado de trote axeitados para a época primaveral.

Roteiro pola protección do Carballal de Coiro

Os lugares de maior interese que visitaremos son:

1. A Capela de San Cosme, de principios do século XVIII. Nas súas proximidades tamén se atopa inventariado o petróglifo histórico do Marco da Portela, no límite territorial das parroquias de Coiro (Cangas) e de Bueu (Bueu).

2. O hábitat de interese comunitario das carballeiras e o prioritario do bosque de ribeira do nacemento do rego das Presas, afluente principal do rego Bouzós.

3. As carballeiras dos arredores da Serra de Coiro, mesturadas co interese xeomorfolóxico das súas penedías e co hábitat así mesmo de interese comunitario dos rochedais silíceos con vexetación pioneira, onde sobresaen as especies do xénero Sedum -coñecidas popularmente como herba das pedras-, asociadas a outras de liques e brións.
No medio da penedía e en terreos en forte desnivel eríxese ao redor dos 300 metros de altitude sobre o nivel do mar unha área chan de rochas horizontais con pías que funciona de verdadeira atalaia sobre os montes e o val da parroquia de Coiro, máis ao lonxe da vila de Cangas, co Castelo de Darbo e a serra da Madalena ao seu carón, e cunhas extraordinarias vistas panorámicas da ría de Vigo coa serra do Galiñeiro, Alba, Maúxo e serra da Groba ata Cabo Silleiro, en fronte, e as Illas Cíes ao fondo.

4. As carballeiras da Fraga e O Carballal, exemplos de fitónimos con clara referencia ao carballo, nuns dos mellores exemplos deste hábitat de todo o espazo natural, onde o carballo se ve mesturado con outras especies frondosas autóctonas como o castiñeiro e o denso sotobosque arbustivo composto por loureiros, sanguiños, estripeiros, chuchameles ou, a xilbarbeira, que dá a denominación fitosociolóxica de Rusco aculeati-Quercetum roboris ás carballeiras termófilas galaico-portuguesas, dentro de hábitat de interese comunitario a nivel europeo.

5. As fervenzas e área de ribeira do rego Bouzós, o rego principal que atravesa coa súa profunda conca de nacemento o espazo natural, onde á parte do seu bosque de carballos, ameneiros, salgueiros ou abelaneiras, conta a nivel da flora menor cunha grande presenza de especies de fentos -dentabrú, fento femia, falso macho, fenta, fento das pedras, cabriña, etc.-, fungos, brións e liques, que se espallan polo solo e a vexetación arbustiva e arbórea, mostra das extraordinarias condicións de humidade ambiental do lugar, que representa un hábitat natural prioritario de bosques aluviais da Europa atemperada.

6. As repoboacións con especies frondosas autóctonas realizadas nas últimas décadas pola comunidade de montes da parroquia de Coiro en A Fraga, A Coviña e Chan de Loureiro. E as cuantiosas corredoiras empedradas e camiños fondos, vestixios dun pasado non moi afastado de maior actividade agroforestal e gandeira, cunha orixe moito máis antiga que nos retrotrae a tempos prehistóricos como dan fe os varios xacementos arqueolóxicos atopados polos arredores -Paralaia, Chan de Coiro, Os Laguiños-.

7. O Carballal de Coiro cunhas 365 h. de terreo repartidas polos concellos de Cangas, Moaña e Bueu, representa o mellor expoñente de formación de bosque caducifolio de clima oceánico, con predominio do carballo, da península do Morrazo. É tamén un dos espazos máis importantes das Rías Baixas dentro do hábitat de interese comunitario das carballeiras galaico-portuguesas. Acubilla máis de 150 especies de fauna vertebrada -micromamíferos, quirópteros, macromamíferos, réptiles, anfibios e aves- e outras de invertebrada de importancia, con algúns endemismos e especies vulnerábeis e ameazadas a nivel ibérico e europeo -vacaloura, saramaganta, toupa de auga,…- máis unha rica flora, tanto arbórea como herbácea.

As principais afeccións para O Carballal de Coiro nas últimas décadas foron os monocultivos forestais, a eucaliptización, a falta de silvicultura, os incendios forestais, as cortas indiscriminadas de carballeira e arborado autóctono, as verteduras incontroladas de lixo, o espallamento doutras especies de flora alóctona e invasora, en especial das acacias e falsas acacias, e a construción do corredor de alta capacidade do Morrazo, que provocou un grande e irreversíbel impacto na parte baixa do espazo natural.

As principais ameazas no futuro son a Área de Desenvolvemento Eólica do Morrazo e a segunda fase do proxecto de desdobramento en autovía do Corredor de Alta Capacidade do Morrazo sen esquecer que na década pasada estivera ameazado tamén por un proxecto de investigación mineira.

Ao noso entender a protección de solo rústico de especial protección de espazos naturais para o Carballal de Coiro é insuficiente despois de décadas de abandono e agresións e as novas ameazas que se cernen cara ao futuro, sen unha figura de protección ambiental propiamente dita.

En marzo do 2012 a Plataforma solicitoulle á Xunta de Galiza a ampliación da Rede Natura galega cara a un novo Lugar de Importancia Comunitaria que, a nome de Montes e Carballeiras do Morrazo, recollese os espazos naturais dos Montes do Morrazo e Carballal de Coiro e mais outros ampliables, por considerármolos uns espazos naturais de alta importancia ambiental e corredor ecolóxico.

Tamén en abril de 2016, esta plataforma solicitoulle á Xunta a catalogación de Área de Especial Importancia Paisaxística para o Carballal de Coiro dentro da tramitación do Catálogo das Paisaxes de Galiza.

Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized