Similitudes entre as características do montes e lumes en Portugal e Galiza

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo quere facer pública unha pequena reflexión sobre o que aconteceu co tráxico lume no centro de Portugal e as numerosas similitudes que existen entre a xestión e o tipo de especies das zonas queimadas co caso galego.

O país veciño ten unha xestión dos seus montes baseada no monocultivo de especies pirófitas de rápido crecemento, como o eucalipto e o piñeiro, que xunto co abandono do monte pola falta de silvicultura converten o monte portugués nunha bomba incendiaria, que como no caso do lume recente, supón un perigo tanto para o medio como para a vida das persoas.

Neste sentido, cómpre salientar que a situación e a xestión do monte galego non é moi distinta da do portugués, e así ano tras ano sufrimos vagas de lumes tan devastadoras como a do ano 2006, ou outras máis recentes que queimaron boa parte do territorio galego, o Morrazo incluído.

Existen outros puntos de confluencia, que comezan a ser catastróficos, como son os efectos do quecemento global e a mudanza climática en todo o planeta que aumentan as probabilidades tanto de aparición de lumes- sexa por causas naturais ou humanas-, como a súa frecuencia e intensidade. Un exemplo disto tivémolo, desgraciadamente, hai tamén escasas datas co incendio, con toda probabilidade de intencionalidade humana, na contorna do parque natural de Doñana.

As principais consecuencias deste quecemento global no que se refire aos lumes é a seca e, xa que logo, o adianto da aparición de lumes. Así, se hai moitos anos, os lumes se limitaban á estación do verán, nos últimos anos vemos como os lumes se producen practicamente en todos os meses do ano cuns mínimos de humidade, exceso de materia combustible que favorece os lumes e a súa proliferación, e a intensidade dos ventos.

Tendo en conta isto e a situación dos nosos montes, desde a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo queremos denunciar un ano máis o alarmante estado de desordenación e abandono, sen labores de prevención, do noso monte. Abandono e unha falta de prevención que incumpren a Lei 3/2007 de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galiza.

pista forestal pechandose pola vexetación en Os Pedrouzos (Marín)

pista forestal pechada pola vexetación nos Pedrouzos (Marín)

Entre os incumprimentos desta lei podemos citar a falta de desbroce das pistas forestais, tanto municipais como comarcais, que entorpecen o paso das brigadas e maquinaría de extinción dos servizos de extinción e que, por outra banda, tamén favorece o espallamento do lume dunha beira á outra das pistas.

 

Cómpre ter en conta ademais, con relación a isto último, que os lumes se extinguen definitivamente en terra ao regar as brasas no terreo queimado e non con avións e helicopteros para favorecer os intereses de empresas privadas como nos ten acostumados a Xunta de Galiza nos últimos anos.

residuos de corta de eucalipto entre a carballeira no Carballal de Coiro

Restos de cortas de eucaliptos no Carballal de Coiro (Cangas)

É necesario tamén resaltar, se queremos facer unha boa análise da situación, a basta presenza en boa parte do territorio do monocultivo de especies pirófitas como o eucalipto e o piñeiro e a falta de silvicultura do monte baixo por mor do abandono do rural e dos usos tradicionais silvipastorís e agrogandeiros. A isto tamén hai que lle engadir as numerosas cortas por parte de irresponsábeis que deixan os restos no chan sen recoller, o que constitue xunto unha auténtica mestura explosiva que moitas veces aumenta pola presenza de torretas e cableados de alta tensión eléctrica.

 

invasión de Acacia mearnsii no Carballal de Coiro

Invación da Acacia mearnsii no Carballal de Coiro (Cangas)

Outra das especies pirófitas e ademais invasora que polo seu espallamento resulta preocupante é a acacia, en especial a da madeira negra, cuxa masa forestal existe e se incrementa desde hai décadas por todo o territorio. Esta especie xunto con outra do mesmo xénero, a Acacia mearnsii, de nova introdución, foron ademais empregadas para fixar os noiros do corredor de alta velocidade do Morrazo. E froito deste uso, na actualidade estase a espallar con moita rapidez por toda a contorna desta infraestrutura viaria, dentro do espazo natural dos Montes do Morrazo, do Carballal de Coiro e da Serra da Madalena.

 

Por outra banda, existen moitas plantacións forestais con estas especies pirófitas en chan rústico nos arredores dos núcleos de poboación que incumpren de xeito flagrante as correspondentes franxas de protección pola falta dunha planificación conxunta que pola lei 3/2017, debera realizarse entre a Xunta de Galiza e os distintos concellos. A isto hai que lle engadir tamén a rebaixa posterior que fixou o PP nas distancias que se aprobaran inicialmente entre este tipo de vexetación e as vivendas dos núcleos de poboación.

Alén do cumprimento da lexislación correspondente na materia de prevención e defensa en contra dos incendios forestais, para a Plataforma cómpre levar a cabo urxentemente unha nova planificación forestal que, ao contrario do que pretende o actual goberno autonómico do PP, estea baseada na redución real e efectiva por lei das especies alóctonas, invasoras e pirófitas, en especial do eucalipto, e que prohiba novas plantacións con especies deste xénero, como así mesmo a erradicación decidida das acacias que vaia máis alá das tímidas e deficientes medidas levadas a cabo ata agora, basicamente con voluntariado, e se aposte de verdade como alternativa polas plantacións con especies frondosas e caducifolias autóctonas, para favorecer a recuperación da biodiversidade, unha maior diversidade de usos forestais con especies nobres e unha maior defensa contra os lumes, ao ser estas especies menos inflamábeis ou mesmo actuar como verdadeiros cortalumes naturais. Tamén cómpre soterrar as liñas eléctricas.

Por outra banda, é urxente apostar pola multifuncionalidade dos usos dos nosos montes, recuperando os usos tradicionais agrogandeiros e silvopastorís e reafirmando e incrementando outros existentes como o apícola ou o colleiteiro a nivel froiteiro ou micolóxico. Esta aposta debera ir acompañada por medidas económicas e sociais que corten de vez o trasvase de poboación do rural ás cidades, e que fagan volver as e os galegos vivir no ámbito rural de xeito digno.

É preciso unha firme oposición ás inxerencias das políticas globalizadoras que benefician as grandes empresas do sector privado, nomeadamente o sector forestal e enerxético – patronal madeireira e Ence-, que desde hai xa medio século están a impor un modelo que antepón os seus intereses privados por riba dos intereses de toda a veciñanza, das economías locais e da protección e a conservación do medio ambiente.

Estas empresas utilizan como escusa para enganar a poboación unha suposta creación en masa de postos de traballo que na realidade non deixan de ser postos precarios baseados na competitividade desleal dos prezos do produto. Uns postos de traballo que, por outra banda, alén de seren precarios irán a menos pola robotización e utilización de maquinaria no proceso de produción.

Este modelo que pretenden vendernos estas empresas non farán máis que afondar nos problemas que xa padece o noso monte: subsidariedade para a propiedade e a poboación local ligada aos intereses forestais das multinacionais, e máis plantacións con especies alóctonas e de rápido crecemento, tanto para fabricación de pasta de papel como para xeración de enerxía en base á incineración de biomasa, como son o eucalipto e as acacias, xa de por si nocivas polo seu carácter alóctono e invasor, mais tamén polo alto risco permanente de lumes como pirófitas, co que iso implica para o medio de contaminación atmosférica, perda de capa vexetal e da biodiversidade na flora e na fauna, empobrecemento do solo, contaminación derivada das augas fluviais e mariñas, onde á parte da degradación pode conlevar a desprotección definitiva do territorio.

Na actualidade a falta de protección ambiental dos espazos naturais -só un 13% do territorio- e do patrimonio cultural e arqueolóxico -un dos mais perxudicados polos lumes- fai que unha maioría do territorio non reciba a debida atención e se vexan máis prexudicados en cada vaga de lumes. Polo que é preciso extender a protección e a posta en valor ambiental e cultural do noso territorio ata porcentaxes que estean acordes co seu grande valor, sobre todo despois de ver a enorme desconsideración con este ata a actualidade.

Cómpre tomar xa medidas contra o incremento da mudanza climática, con medidas urxentes en materia de contaminación atmosférica por lumes forestais (os lumes, dentro dun círculo vicioso son precisamente un dos grandes axentes contaminantes), polo transporte e a actividade industrial. Estas medidas para seren reais teñen que desincentivar o uso do transporte privado, o uso de enerxías fósiles e fomentar o uso do transporte colectivo, as enerxías renovables e o aforro e eficiencia enerxéticos.

Cómpre tamén concienciarnos de que o planeta ao ritmo de produción industrial e o consumo masivo de recursos naturais e enerxéticos que levamos non vai agantar moito, que as vagas de secas e fenómenos climatolóxicos extremos serán cada vez máis frecuentes e, polo tanto, tamén un maior risco de lumes, con todo o que iso implica para a nosa saúde e o noso medio.

 

Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s