Roteiro pola protección dos montes de Tirán

roteiro tirán 1A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo organiza o sábado 21 de outubro un roteiro para dar a coñecer a importancia natural, paisaxística e cultural dos montes da parroquia de Tirán, catalogados como solo rústico de especial protección forestal, patrimonial e de costas, no concello de Moaña.

O roteiro, segundo deste outono, será circular e sairá ás 10 da mañá desde o Igrexario de Tirán, para chegar ás 14 horas ao mesmo lugar.

O percorrido transcorrerá por viais rurais, pistas forestais, corredoiras, camiños de pé e ribeira do mar, coincidindo nalgúns tramos co antigo camiño real e co sendeiro de litoral de Tirán polos lugares do Igrexario, A Carrasqueira, Castro dos Remedios, Os Catro Camiños, Vilela, Monte do Ramil, praias de Niño do Corvo, da Videira e Río da Ribeira, e Igrexario.

Para se achegar ao punto de saída, hai que acceder pola estrada PO-551 de Moaña a Cangas e desviarse pouco antes da baixada ao camping por un estreito vial a través da Avda. José Costa Alonso ata as inmediacións da Igrexa (aquí)

Recomendamos que de se chegar en vehículo privado, por ética e polas limitacións do aparcamento, as persoas que asistan utilicen a capacidade máxima do seu vehículo, compartíndoo con outras persoas. Recomendamos tamén traer roupa e calzado de trote axeitados para a época outonal e prismáticos ou cámara fotográfica.

Montes de Tirán

Os lugares de maior interese que visitaremos son:

  • A igrexa románica tardía de San Xoan de Tirán do século XIII con engadidos posteriores do século XVIII, cemiterio e adro, co panteón onde están depositados os corpos entre outros do falecido escritor José María Castroviejo e familia, e a singularidade de estar o seu conxunto ao carón da ría de Vigo.
  • Monte do Castro ou Castro dos Remedios, entre Moaña e Cangas, contén os vestixios dun dos meirandes castros prerromanos da Idade do Ferro da comarca, cunha suposta divinificación propia, e no que no século XVI a igrexa católica ordeou construír na súa cima, ao redor dos 124 metros de altitude sobre o nivel do mar e con boas panorámicas da ría de Vigo, unha capela adicada á Virxe dos Remedios, de aí os seus topónimos. Ao carón da entrada da dita capela está situada unha pequena rocha cun gravado serpentiforme da Idade do Bronce-Idade do Ferro obxecto, ao igual que o castro, de lendas e supostos encantamentos de mouros e mouras. Nunha pedra fincada á beira da corredoira principal que atravesa o monte está gravado o nome de OYA, en clara referencia ao vencello no pasado da parroquia, a través do couto de Vilela, á xurisdición do mosteiro cisterciense de Oia. No seu conxunto e dada a cantidade de material atopado, representa unha zona arqueolóxica cunha ampla adscripción cultural que abrangue desde a Idade do Bronce e do Ferro, na prehistoria, ata a Romana e o Medievo, en datas xa históricas. Preto do castro e previo ás obras de construción do corredor de alta capacidade do Morrazo atopouse nas catas arqueolóxicas un novo xacemento que representaba un asentamento prehistórico da Idade do Bronce e complementaba o propio castro e que, ao final, desgraciadamente foi un dos moitos xacementos destruídos pola construción do propio corredor.
  • Petróglifo da Graña. Cara ao sur e nas postrimerías do castro, rodeado de arborado caducifolio, está situado o petróglifo da Idade do Bronce da Graña, no límite coa parroquia canguesa de Coiro e nun pequeno outeiro con boas vistas do val do rego Saíñas e da vila de Cangas ata a serra da Madalena e o Castelo de Darbo, onde, nunha rocha plana e de grandes dimensións a superficie está chea de gravados con motivos xeométricos de diversa índole -trazos rectilíneos, circulares, ondulantes e coviñas-. De camiño aos Catro Camiños, e saíndo do castro pola corredoira principal, sobresae a fondura da corredoira empedrada entre o bosque de carballos e castiñeiros.
  • Monte do Ramil, ao carón da ría, onde na parte máis afastada se atopou material arqueolóxico da época romana e na parte máis próxima á ría e riba da praia do Niño do Corvo, atopouse un asentamento prerromano da Idade do Bronce. Na súa parte máis costeira e no medio do cantil sobresae, a nivel xeolóxico, a grande presenza de rochas de composición magmática e híbrida dentro do que, a xeóloga asturiana Gloria Gallastegui Suárez, catalogou como vaugneritas nos denominados “corredores de enclaves” na tese da súa licenciatura, a mediados da década dos oitenta do século pasado.

Montes de Tirán, espazo litoral

A presenza destes corredores de enclaves, por outra banda, espállase e a distintos niveis por boa parte da costa de Tirán ata o límite co concello de Cangas. Este tramo de costa malia as afeccións das últimas décadas –verteduras, ocupación da área de servidume e de policía do dominio público marítimo terrestre, …- segue a representar do mellor conservado do concello moañés, cunha franxa litoral e intermareal de grande valor paisaxístico –xeomorfoloxía dos cantís e dos múltiples cons e illotes sumerxidos das mareas e a policromía dos areeiros pola grande arribazón das macroalgas- e natural –orla verde arborada onde destacan a carballeira da antiga granxa de Castroviejo e do Foxón, e a contorna das praias desde o Niño do Corvo ata Río da Ribeira con carballos, chopos, loureiros, estripeiros e abruñeiros, fauna e flora dunar, presenza de fauna vertebrada e invertebrada terrestre e mariña e algas entre a zona supra e intermareal, ao que se lle engade a presenza de aves acuáticas e mariñas en fase estacional ou a ocasional de cetáceos xunto co interese socioeconómico e produtivo da explotación dos recursos mariños desta franxa da beira norte da ría libre de grandes obras portuarias e de masificación urbanística.

  • Cova da Lontra. Dentro da cultura inmaterial, destaca tamén a denominada Cova da Lontra, pequena furna situada no cantil á beira da praia do Río da Ribeira, obxecto de lendas con respecto á presenza nela da lontra que sobresae polo seu tamaño, fisonomía e ferocidade, a suposta conexión da cova co Castro dos Remedios e a existencia de resplandores no seu interior relacionados coa situación da cova xusto por debaixo do cemiterio parroquial. A lontra (Lutra lutra), sen ter as esaxeradas connotacións da lenda, existe fisicamente pola contorna da costa de Tirán e representa unha riqueza faunística engadida.

As principais afeccións para os montes e o litoral de Tirán nas últimas décadas foron a eucaliptización, a introdución e invasión de acacias e outras especies alóctonas e invasoras, a falta de silvicultura, as cortas a mata rasa e indiscriminadas do arborado, as verteduras incontroladas de lixo, a instalación de torretas e cableado aéreo de alta tensión, a construción do corredor de alta capacidade do Morrazo e o incumprimento da protección patrimonial e costeira.

No futuro subxace a probabilidade, como ameaza, da especulación urbanística -ao longo da década pasada o Monte do Ramil, dentro de solo rústico de especial protección de costas, foi obxecto dun intento fallido de convenio urbanístico.

En abril de 2016 a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo solicitoulle á Xunta de Galiza a declaración de Lugar de Especial Interese Paisaxístico (LEIP) para o Castro dos Remedios e o tramo de costa de Tirán entre as praias do Con e do Canabal, dentro do Catálogo das Paisaxes de Galiza.

Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s