A PDMM ante o anuncio da redución do polígono da Cruz de Maceira no PSOAEG

bosque aluvial do rego da Fraga
Bosque aluvial do rego da Fraga

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo cualifica a modificación do Plan de Ordenación de Áreas Empresariais de Galiza (PSOAEG) anunciada o pasado 26 de outubro pola Xunta como unha verdadeira trampa.

A redución da superficie inicial de 435.528 ma 283.200 mdo polígono industrial da Cruz de Maceira, incluído neste plan, vendida por parte da Xunta como unha redución que suporá uns “efectos ambientais positivos”, non é máis que un engano agochado nun xogo de palabras para ocultar que a instalación realmente seguirá provocando un grande impacto no territorio.

plantación de frondosas en Regadantes
Plantación de frondosas en Regadantes

Neste sentido, os graves e irreversíbeis impactos ambientais na zona – Regadantes, Campo Labrado e Pozo da Maceira- seguirán existindo e comportarán a ocupación, a destrución e urbanización, xunto co elevado consumo de auga e o alto risco de contaminación por emisións atmosféricas e verteduras de augas residuais máis o de incendios na fonda conca de nacemento do rego da Fraga – con hábitats naturais prioritarios de bosques aluviais e de breixeiras húmidas atlánticas, o hábitat de interese comunitario de carballeiras galaico portuguesas e plantacións de frondosas autóctonas da mancomunidade de montes de Moaña –

sendeiro municipal do rego da Fraga
Sendeiro municipal do rego da Fraga

afectando así mesmo o paso do sendeiro municipal do rego da Fraga, dentro do Espazo Natural dos Montes do Morrazo, protexido como Solo Rústico de Especial Protección de Espazos Naturais polas Normas Complementarias e Subsidiarias de Planeamento da provincia de Pontevedra. Sen esquecer tampouco o impacto na paisaxe que produciría desde a proximidade da área recreativa municipal de O Beque até o alto da Cruz da Maceira, entre os 300 e os 400 metros sobre o nivel do mar e a media ladeira do monte Formigoso, entre o Faro de Domaio e o Outeiro da Carballosa, que sería visible desde boa parte do concello de Moaña e da ría de Vigo.

carballeira en Pozo da Maceira
Carballeira en Pozo da Maceira

Por outra banda, no referente á proximidade do polígono do corredor de alta capacidade do Morrazo, non é tal e cómpre lembrar que os terreos terían que estar conectados co corredor ao redor de 3 kilómetros a través da PO-313 Marín-Moaña e que a instalación do polígono comportaría tamén, a curto ou medio prazo, a ampliación desta estrada que atravesa solo rústico de especial protección de espazos naturais, forestal e agropecuario, núcleo rural e solo urbano periférico polos lugares de A Fraga, Paradela e Broullón. Isto ademais da afección territorial, tamén elevaría o nivel de contaminación acústica e atmosférica co incremento do paso de camións e vehículos industriais.

Alén disto, o seu afastamento dos núcleos urbanos de Moaña e Marín -ao redor dos 8 kilómetros de cada un- suporá un maior custe ambiental e enerxético para o tráfico rodado e motorizado, salientando que esta é unha das principais causas de emisións de gases de efecto estufa á atmosfera e polo tanto da mudanza climática. Ao que habería que engadir o alto custe en infraestruturas de subministro de augas, saneamento ou electricidade.

A Plataforma lembra que a propia Xunta de Galiza, en base á ubicación dos terreos do dito parque empresarial dentro do espazo natural dos Montes do Morrazo, informou desfavorablemente ao longo da década pasada a súa inclusión até a aprobación provisional no 2011 do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Moaña e o único xeito de aprobalo, primando motivos políticos e económicos por riba da protección ambiental, foi no 2014 a través da aprobación do PSOAEG a nivel supramunicipal.

Para a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo a única xustificación que se lle pode atopar á dita redución de superficie, é que na realidade non existe a demanda suficiente como para levar a cabo o proxecto inicial. Algo, que por outra banda, non é ningunha novidade se se ten en conta cantas parcelas están baleiras nos polígonos industriais e empresariais construídos ao longo do territorio galego, mesmo na provincia de Pontevedra e ao redor do Morrazo, onde lembramos que existe xa un polígono industrial na zona de Castiñeiras (Bueu) e outro na proximidade deste e en fase de regularización na Portela (Cangas).

A persistencia en manter un modelo especulativo consistente en recualificar o chan rústico a baixo prezo para logo vendelo unha vez urbanizado a un prezo moi superior ademais de comportar un enorme impacto ambiental no territorio, tampouco garante nin significa que automaticamente se vaian instalar alí as empresas nin, consecuentemente, que se vaian xerar postos de emprego.

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo desde a súa fundación sempre defendeu que en materia de polígonos industriais e outras infraestruturas se abandonase o localismo e primase unha política de país para non acabar enchendo todo o territorio de cemento e estragando o medio, pasto da especulación dentro dun modelo competitivo depredador e desestruturador.

Neste sentido, a Plataforma diante da información pública da modificación do Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais de Galiza vai alegar que o proxecto do polígono industrial da Cruz da Maceira a nivel municipal e o propio PSOAEG a nivel autonómico son insustentábeis, e como alternativa encher primeiro as parcelas dos polígonos industriais que xa existen. E no caso de seren necesarios máis polígonos, feito que non pode ser e totalmente insustentábel coas 117 actuacións previstas en 95 concellos para chegar á barbaridade de 46 millóns de m2 de solo industrial en Galiza no ano 2024, que estean situados fóra dos espazos naturais e protexidos, que comporten o mínimo impacto ambiental e que teñan unha ocupación do 100%.

 

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Crea un sitio web ou un blogue de balde en WordPress.com.

Subir ↑

A %d blogueros les gusta esto: