
A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo quere amosar publicamente a súa satisfacción pola recente sentenza que lle ordena retirar ao Concello de Marín do seu PXOM o polígono industrial no monte Pornedo. E quere ao mesmo tempo darlle os seus parabéns á Asociación Defende o Monte Pituco polo seu enorme traballo nesta nova vitoria xudicial.
No entanto, malia esta vitoria, a Plataforma quere amosar a súa preocupación e rexeitamento ante a alternativa de facer o polígono industrial na Pastoriza que parece estar collendo forza nos últimos tempos da man da corporación local conformada polo PP, PSOE, BNG e a Marea Veciñal de Marín.
Desde a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo lembramos que esta zona xa estivo incluída no seu momento na tramitación inicial do dito PXOM, aínda que foi retirada por distintos motivos para nada aleatorios.
Un dos principais motivos desta retirada do PXOM foi o seu afastamento da variante de Marín, VG 4.4, – ao redor duns cinco kilómetros- á que tería que acceder a través da estrada PO-313 Marín-Moaña, atravesando os lugares de Pardavila, O Cadro, Silvestre, A Troncosa e Miñán.

A construción deste polígono comportaría – como no caso do da Cruz da Maceira con Moaña- a ampliación da estrada PO-313 e a afección de vivendas e propiedades que están á súa beira nos lugares citados dentro de solo rústico ordinario, rústico de especial protección de espazos naturais, agropecuario, forestal e de augas, para facilitar o paso de vehículos pesados ademais do impacto acústico e ambiental engadido. Algo que a propia Xunta de Galiza xa pretendeu a finais da década pasada dentro da proxección viaria do Plan Vigo Integra e que finalmente non se realizou debido, entre outras cousas, ao grande rexeitamento que provocou na veciñanza.

O proxecto do Polígono da Pastoriza incluído no seu momento no PXOM ocupaba os lugares de Pedra da Pousa, Monte Furcos, Porteliña, A Telleira e Mingarella na parte máis alta do concello – ao redor dos 400 metros sobre o nivel do mar- dentro de solo rústico de especial protección de espazos naturais – espazo natural dos Montes do Morrazo-, forestal, de augas e patrimonial.

Nesta zona de alto valor ambiental e social podemos atopar desde o nacemento dos regos Maceiras e das Gorgadas, ambos afluentes do rego Loira, con hábitats de interese comunitario e prioritario, ata fauna e flora salvaxe endémica e vulnerable, plantacións forestais, mámoas megalíticas, o GR-59 do Sendeiro Ecolóxico do Morrazo, o sendeiro de curto percorrido de Chans ou o sendeiro municipal de BTT e na proximidade o núcleo rural e agropecuario de Pastoriza.

Ademais de todo o anterior, este polígono estaría situado nas proximidades da Cruz da Maceira, onde o Concello de Moaña ten planificada outra área empresarial por riba da conca de nacemento do rego da Fraga e tamén incluída dentro do espazo natural dos Montes do Morrazo. Esta área que está aprobada e integrada no Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais de Galiza (PSOAEG) acaba de ser modificada e está na actualidade en fase de información pública.

De se levar a cabo esta área industrial provocaría un enorme e irreversible impacto paisaxístico e ambiental na zona e na contorna que ocupen. Por iso desde a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo estamos a promover que a veciñanza alegue masivamente contra esta modificación do parque empresarial de Moaña dentro do PSOAEG.
Ademais das graves consecuencias paisaxísticas, ambientais e socioeconómicas na zona – Regadantes, Pozo da Maceira e Campo Labrado-, a consolidación desta área dentro do PSOAEG podería comportar no futuro que se pudese incluír tamén o proxecto do polígono da Pastoriza ao seu carón tralos altos de Cruceiro, Baladiño e Outeiro da Carballosa, co cal aínda se multiplicarían as graves consecuencias para o medio.
Para a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo non debe de primar unha visión localista senón unha máis racional, onde primeiro ten que ocuparse as parcelas baleiras en parques empresariais existentes ao redor desta comarca -en Castiñeiras (Bueu) e na Portela (Cangas) hai cadanseu polígono na proximidade do corredor de alta capacidade do Morrazo-, na cercana área de Pontevedra e na provincia, coas súas debidas infraestruturas de acceso, sen esquecer que no propio concello de Marín hai pequenas áreas empresariais sen ocupar na súa totalidade.
Por outra banda, ten que rematar a estratexia de planificar áreas empresariais no chan rústico de especial protección, en altura e afastado dos núcleos de poboación, provocando un grave e irreversible impacto paisaxístico e ambiental en áreas naturais de grande valor, negativas consecuencias que poden afectar en fases críticas as partes medias e baixas do territorio até a ría, e un maior custe ambiental, enerxético e económico, xa que logo estamos en Galiza e non na meseta castellana.
As razóns paisaxísticas, orográficas, ambientais e culturais polas que o TSXG informou desfavorablemente ao polígono industrial no monte Pornedo dentro do PXOM marinense e anteriormente con respecto a súa inclusión no PSOAEG, son perfectamente asimilables ao parque empresarial de Moaña, na Cruz da Maceira, e á pretendida ubicación alternativa do de Marín, en Pastoriza.
Deixar unha resposta