A Xunta deixa sen protección ambiental a Montes do Morrazo, Coto Redondo e o Carballal de Coiro

Montes do Morrazo

Montes do Morrazo

A aprobación e publicación no DOG, o pasado luns 27 de agosto, do Plan Básico Autonómico (PBA) por parte da Xunta de Galiza  consuma a desprotección de numerosos espazos naturais e de miles de hectáreas por todo o territorio galego.

O Decreto 83/2018, do 26 de xullo de 2018, substitúe as Normas Complementarias e Subsidiarias das provincias da Coruña, Ourense, Lugo e Pontevedra do ano 1991, o cal deixa ademais sen ningunha figura de protección os espazos naturais dos Montes do Morrazo, Coto Redondo, Carballal de Coiro e os espazos litorais de Barra-Cabo Home, Punta Udra e Mar de San Simón, catalogados até agora como solo rústico de especial protección de espazos naturais na provincia de Pontevedra.

Nestes espazos mencionados, de máis 4.000 hectáreas de terreo protexido ao longo da península do Morrazo, están integradas boa parte das masas máis importantes de carballeira caducifolia termófila e atlántica das Rías Baixas, espazos húmidos con brañas con breixeira húmida atlántica, turbeiras altas ácidas e bosque aluvial de ribeira, matogueira e breixeira seca europea, e pendentes rochosas e rochedais con vexetación pioneira e casmofítica, conformando varios hábitats de interese comunitario e prioritario e especies de fauna e flora salvaxe incluídas na Directiva Hábitats 92/43/CEE, a nivel europeo.

Coto Redondo

Coto Redondo

Lugares tan emblemáticos na xeografía morracense que combinan a paisaxe coa xeoloxía e a biodiversidade na contorna das rías de Vigo e Pontevedra como son os altos do Faro de Domaio, Coto do Home, Coto Redondo, Outeiro dos Asubións, Pornedo, Pedrouzos, Castiñeiras, Formigoso, Outeiro da Carballosa, Agudelo, Outeiro da Paralaia ou O Xestoso; Chan de Castiñeiras, Chan da Armada, Chan de Gagán, Chan de Arquiña, Chans de Grixó ou Chans de Ermelo; as Serras de Basil, Domego ou a de Coiro; o monte Gagán, monte das Barreiras e A Pereiriña, monte da Paralaia, monte da Pena ou a Fraga de Coiro; e a conca media-alta dos regos Lameira, Loira, Trasmil, Riomaior, Miñouva, da Freixa, de Caiauga, Barranco do Faro, da Fraga, do Inferno, Bouzós, Bispo e Frade, despois de máis dun cuarto de século desaparecen como espazo natural baixo o amparo da protección provincial e a tutela da Xunta.

E outro tanto lle sucede no litoral a lugares tan significativos como o complexo dunar de Liméns, a costa de Balea e Santa Marta, o espazo costeiro entre as praias de Beluso e Mourisca, o monte do castro da Croa e o monte de Cabalo.

Mar de San Simón

Mar de San Simón

O novo listado de espazos naturais incluído no PBA só recolle os correspondentes á Rede Galega de Espazos Naturais Protexidos (Zona de Especial Protección dos Valores Naturais, Rede Natura 2000 coas ZEPA e ZEC, Parques Naturais, Parque Nacional, Paisaxe Protexida, Monumento Natural, Humidais Protexidos), os Espazos Naturais de Interese Local (ENIL) e Espazos Privados de Interese Natural (EPIN), que non suman en total máis do 12% do territorio galego. A porcentaxe de territorio protexido máis baixa de todo o Estado, onde a media de superficie ambientalmente protexida está xa preto do 30%.

A aprobación deste PBA consuma a crónica dunha morte anunciada desde hai tempo que deixa sen protección boa parte do territorio galego e, xa que logo, en perigo pola acción dos especuladores urbanísticos e os intereses das empresas forestais e enerxéticas.

Esta desprotección comezou a fraguarse a finais dos anos 90 coa creación da Rede Galega de Espazos Naturais Protexidos e do listado de espazos naturais correspondentes á Rede Natura. Daquela a Xunta, malia tomar como referencia o anterior Rexistro Xeral de Espazos Naturais de Galiza e a súa delimitación segundo as NN CC e SS dos Planeamentos provinciais, minguou ao final a superficie protexida ao non integrar dentro da nova Rede grande parte da superficie delimitada anteriormente polas NN CC e SS dos Planeamentos provinciais.

Barra, Cabo Home

Barra-Cabo Home

Esta diminución afectou principalmente a franxa litoral, na que no Morrazo ao final a maior parte da superficie protexida dentro da Rede Natura correspondeulle ao mar, caso no Morrazo coa creación dos LIC, agora ZEC, da Costa da Vela, Cabo Udra e Enseada de San Simón, ficando o ámbito e extensión da superficie terrestre reducida na súa protección como tiña na normas de planeamento que protexía Barra-Cabo Home, Punta Udra e Mar de San Simón. A isto hai que lle sumar que espazos como os dos Montes do Morrazo, Coto Redondo e Carballal de Coiro, no interior e coa meirande porcentaxe de superficie terrestre a protexer na península morracense, non chegaron ao final a integrarse nesa Rede Natura. Distintos gobernos autonómicos non foron quen de mellorar a situación ata agora e proceder á ampliación dos espazos da Rede Natura desde que en decembro de 2004 a Comisión Europea aprobou os LIC galegos, entre eles os que abranguen o Morrazo, dentro da rexión bioxeográfica atlántica, agás a maquillaxe política da aprobación no 2014 e fóra de prazo do Plan Director da Rede Natura e a conversión dos Lugares de Importancia Comunitaria (LIC) en Zonas de Especial Conservación (ZEC), nos espazos naturais protexidos existentes en Galiza.

Carballal de Coiro

Carballal de Coiro

Con todo, mentres estiveron en vigor ata agora as ditas NN CC e SS de Planeamento provinciais, estes espazos -Montes do Morrazo, Coto Redondo e Carballal de Coiro xunto coas partes de Barra-Cabo Home, Punta Udra e Mar de San Simón que non se integraron na Rede Natura- contaron cunha protección como espazos naturais a nivel do solo rústico, e aínda que esa protección quedou no limbo a nivel ambiental coa creación da Rede Galega de Espazos Naturais Protexidos, foi tida en conta na correspondente planificación urbanística dos concellos e mesmo na tramitación de distintos plans sectoriais autonómicos.

Segundo o artigo 28 das derrogadas NN CC e SS de Planeamento provinciais, o solo rústico de especial protección de espazos naturais contemplaba “os terreos que polos seus valores medioambientais, ecolóxicos, biolóxicos, botánicos, paisaxísticos, científicos, educativos ou recreativos deben preservarse para a súa protección ou mellora” e dentro dos usos permitidos establecía que “no ámbito de aplicación desta norma non se autorizará a construción de ningunha clase de edificación, permitíndose a explotación racional dos recursos vinculados ao medio que non atente contra os valores esenciais que se protexen”.

No seu caso e, por imperativo legal, xa só cabe a posibilidade de que segundo ese artigo 28 das mesmas NN CC e SS de Planeamento provinciais, se manteñan vixentes as delimitacións dos espazos naturais ata a redacción dos correspondentes plans municipais que definirán o ámbito e tratamento preciso destes, para a súa ordenación a través dos correspondentes plans especiais.

Punta Udra

Punta Udra

No entanto, os concellos de Moaña, Bueu e Marín xa teñen contemplado nos seus correspondentes PXOM, trala súa aprobación definitiva, a delimitación de solo rústico de especial protección de espazos naturais pertencente a cada concello dentro dos espazos naturais dos Montes do Morrazo, Coto Redondo ou do Carballal de Coiro, mais nada se sabe da súa ordenación a través dos correspondentes plans especiais. No caso dos PXOM dos concellos de Vilaboa, en trámite de aprobación definitiva, e especialmente do de Cangas, en fase de aprobación inicial, é toda unha incógnita.

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo, xunto con outros colectivos e organizacións galegas, solicitoulle o 18 de setembro de 2017 á Dirección Xeral de Calidade Ambiental da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, no trámite de Consultas para a Avaliación Ambiental Estratéxica Ordinaria do propio Plan Básico Autonómico, que tivese en conta a necesidade de incorporar os Espazos Naturais Protexidos polas Normas Complementarias e Subsidiarias de Planeamento provinciais, xa que a existencia da Rede Natura en Galiza é exigua e está mal xestionada, e os solapes de ambas Redes en varios espazos deben considerarse como unha oportunidade para ampliar o ámbito dos espazos e facer efectiva dunha vez, a súa debida protección.

Ao final, visto o acontecido, esta solicitude non foi tida en conta pola Xunta de Galiza ao igual que outras que se realizaron nos últimos anos. Entre elas, a proposta realizada anteriormente por esta Plataforma en marzo do 2012 de ampliación da Rede Natura cara a un novo LIC Montes e Carballeiras do Morrazo que aunara os espazos naturais Montes do Morrazo e Carballal de Coiro, xunto con outros ampliables -Montes de Lourizán, Outeiro de Campolongo-Monte Cernello, Montes de Ardán, Montes de Cela, Serra da Madalena-Monte Borrallido, Montes de Varalonga e Montes do Hio- dentro dunha rede de corredores ecolóxicos que conectase coas rías e cos espazos naturais litorais integrados actualmente na Rede Natura.

Para a Platataforma en Defensa dos Montes do Morrazo esta desprotección autonómica ten unha clara motivación: a de favorecer os intereses forestais e empresariais e a especulación urbanística a nivel industrial dentro dun modelo de desenvolvemento continuista e insustentable de xeito produtivista, globalizador e neoliberal. Un paso máis despois dos dados coa simplificación administrativa dos últimos anos dos distintos gobernos do PP para consolidar proxectos e planificacións supramunicipais – parques empresariais, parques eólicos, proxectos mineiros, eucaliptización…- a través da aprobación da Lei 5/2017 de fomento da implantación de iniciativas empresariais de Galiza, a tramitación actual da revisión do Plan Forestal Autonómico, a prórroga estatal concedida a Ence para a fábrica pasteira de papel ou a tramitación, por engadido, do proxecto dunha macroplanta incineradora de biomasa forestal nos terreos gañados ao mar que ocupa de xeito ilegal e lesivo a fábrica pasteira na ría de Pontevedra.

Proxectos como o parque eólico de Pedras Negras, parques empresariais da Cruz da Maceira e Pastoriza, proxectos mineiros de Miñán e Pedrouzos,…-, planificados no seu momento dentro do solo rústico de especial protección de espazos naturais nos montes do Morrazo, van ter desde agora máis facilidades de levarse adiante ao igual que a consolidación e mesmo aumento dos monocultivos forestais con eucalipto e outras especies de rápido crecemento, co que iso implica de ameaza directa dunha meirande destrución da paisaxe, do territorio e de perda de biodiversidade cara ao futuro despois de décadas de abandono e desregulación.

Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s