Roteiro pola protección das ribeiras do rego Cubela

roteiro rego cubelaA Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo organiza o domingo 24 de marzo un roteiro para dar a coñecer a importancia natural, paisaxística e cultural das ribeiras do rego Cubela, catalogadas como solo rústico de especial protección de augas e patrimonial na parroquia de Salcedo, no Concello de Pontevedra.

O roteiro, primeiro desta primavera, será circular e sairá ás 10 da mañá do adro da Igrexa de San Martiño de Salcedo, para chegar ás 14 h. ao mesmo lugar.

O percorrido transcorrerá por vial rural, camiños e corredoiras, coincidindo en partes cos sendeiros sinalizados de pequeno percorrido de Salcedo no Tempo e do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, polos lugares de O Cruceiro, O Carramal, Castro do Monte das Croas, muíños do rego do Batán, muíños do rego do Outeiro, O Nabalexo, Conxunto rupestre de petróglifos de Regato dos Buratos-Outeiro da Mina, O Nabalexo, A Armada, O Birrete, O Carramal, A Carballeira, O Cruceiro e Igrexa de San Martiño de Salcedo.

Para se achegar ao punto da saída, hai que acceder pola estrada N-550 até a proximidade dos edificios da Xunta de Galicia, na Avda. de María Victoria Moreno de Pontevedra, para posteriormente coller a estrada PO-0012 a través da rúa Eduardo Blanco Amor, e tralo paso por debaixo da PO-10, coller o desvío en subida fronte ao CEIP San Martiño de Salcedo até achegarse finalmente ao adro da Igrexa.

Recomendamos que de se achegar en vehículo privado, por ética e polas limitacións do aparcamento, as persoas que asistan utilicen a capacidade máxima do seu vehículo, compartíndoo con outras persoas. Recomendamos tamén traer roupa e calzado de trote axeitados para a época primaveral.

Ribeiras Rego Cubela 1

Os lugares de maior interese que visitaremos son:

  • A Igrexa de San Martiño de Salcedo, de estilo neoclásico, con planta de cruz latina e teito a dúas augas. Foi construída enriba doutra anterior a partir do ano 1754, xunto coa casa reitoral, o camposanto e unha escola para os cativos necesitados. Na fachada principal da igrexa, entre as dúas torres dos campanarios destaca a figura en pedra de San Martiño de Tours, padroeiro da parroquia. No lateral dunha das torres cómpre salientar tamén a presenza da rareza dun reloxo ecuatorial. Ao redor da igrexa destaca a existencia dun viacrucis de catorce estacións e, no adro, un cruceiro co cristo crucificado no anverso e a Virxe e o Neno no reverso. Na reitoral tamén hai que salientar a presenza nunha esquina da súa fachada dun reloxo de sol co seu gnomon en perfecto estado de conservación. E preto a presenza dos cruceiros do Tarabelo e do Cruceiro ou de Torres.
  • A parroquia de Salcedo pertenceu durante o Antigo Réxime á xurisdición de Pontevedra baixo o señorío eclesiástico do abadengo do arcebispado de Santiago de Compostela. Tras a Constitución das Cortes de Cádiz de 1812 formou concello propio nos inicios dese século e posteriormente desde o ano 1842 até o 1869, asociada coa limítrofe parroquia de Lourizán, ata que finalmente nese ano quedaron ambas as dúas parroquias agregadas ao Concello de Pontevedra, até a actualidade.
    Parroquia rural vencellada moi directamente co produto da terra e o agro, tras séculos de imposición rentística e diezmal, dunha posterior desamortización liberal desestruturante e inxusta, e unha política decimonónica represora e caciquil, Salcedo tivo como resposta a principios do século XX un intenso movemento sindical de carácter agrarista en defensa do agro e dos dereitos laborais da súa veciñanza.

Ribeiras Rego Cubela 2

  • O rego Cubela, tamén chamado Cubeiro, é denominado dos Buratos, das Fraires, do Outeiro e do Batán ou Ponte Batán, segundo a zona por onde transcorra, ten os seus nacementos na península do Morrazo na Chan da Lagoa, ao redor dos 250 mtrs. de altitude sobre o nivel do mar, máis abaixo é afluente do rego de Tomeza ou dos Gafos que ao final ten a súa desembocadura no fondo da ría de Pontevedra, nas Corbaceiras.
    É o principal curso de auga que atravesa a parroquia, e a súa ribeira ten probablemente relación coa orixe do seu topónimo, xa que Salcedo ten a súa raíz latina no bosque de salgueiro, sendo este unha das especies arbóreas predominantes na ribeira dos nosos regos. O topónimo Cubela do rego está probablemente relacionado coa fisonomía fortemente encaixonada ou cóncava que o rego produce no val en moitos dos seus tramos.
    As súas ribeiras representan o hábitat natural prioritario de bosques aluviais da Europa atemperada, onde destaca a presenza de ameneiros, salgueiros, abeleiras, bidueiros e freixos. No sotobosque tamén é de salientar a grande presenza do loureiro, xunto con outras como o sabugueiro, a pereira brava, o acivro ou a carrasca branca. Nos seus nacementos, na parte que transcorre polo rego das Fraires, existe así mesmo áreas de brañas que entran dentro da representación dos hábitats naturais prioritarios de breixeiras húmidas atlánticas e de turbeiras altas activas e do hábitat de interese comunitario de augas estancadas oligotróficas ou mesotróficas, coa presenza de varias especies de flora acuáticas e palustres, entre as que destacan a presenza de esfagnos, fentos acuáticos e ciperáceas máis fauna acuática vertebrada e invertebrada, con especies endémicas e vulnerables. Tamén están presentes os hábitats de interese comunitario de carballeiras galaico-portuguesas, con bos exemplos de carballos así mesmo ribeireños e de breixeiras secas europeas nas partes máis altas e montanas.
  • Por outra banda tamén é salientable a grande importancia cultural e etnográfica, coa presenza de muíños hidráulicos, canles, pontellas, presas, fontes, lavadoiros … E ao seu redor con vivendas, hórreos e muros de pedra, xunto co mosaico de veigas e prados, vestixios da importancia que tivo desde o pasado até a actualidade as actividades agropecuarias na zona.
    Entre os muíños hidráulicos destinados á moenda dos cereais procedentes dos cultivos, principalmente do millo, destacan a presenza dos conxuntos dos muíños do rego do Batán, con catro de rodicio horizontal, conectados por canles de pedra e a maioría de herdeiros agás un deles meirande, de cubo vertical, dous infernos e un segundo andar con función de vivenda, que era privado e de maquía; e os do rego do Outeiro, con cinco muíños, tamén de canle, a maioría deles dunha soa moa e de herdeiros agás dous que eran de maquía. O topónimo Batán refírese a un mecanismo artesanal para batelos tecidos que funcionaba tamén coa forza da auga mais na actualidade desaparecido no lugar. Os muíños están a maioría abandonados e en desuso mais boa parte deles, xunto coas súas canles, foron restaurados e postos en valor pola veciñanza no ano 2014, coa colaboración da comunidade de montes da parroquia.

Ribeiras Rego Cubela 3

  • No lugar do Birrete e á beira do rego Cubela ou do Batán, tamén se sitúa o Castro do Monte das Croas, asentamento prerromano da Idade do Ferro que, tras as escavacións realizadas entre os anos 1992, 1993 e 2014, se atoparon os restos de estruturas habitacionais curvas, dunha liña de muralla de mampostería e fragmentos de envases de cerámica e pezas de bronce, datado cronoloxicamente entre os séculos VII e V a. de C. e coa particularidade de que foi abandonado mentres se estaba procedendo a súa construción. Está asociado a través da cultura inmaterial coa lenda da presenza dunha moura, de supostos tesouros e dos seus encantamentos coa veciñanza que ás veces aparecía polo lugar. No interior do castro atopouse tamén unha rocha con gravados modernos e no exterior, ao seu carón, existe un cruceiro cunha inscrición no seu varal datado na Idade Moderna, denotando tamén unha cristianización do lugar.
  • No lugar do Nabalexo, fitónimo referente á presenza de antigo e posiblemente tamén de cultivo do nabo, atopouse no seu momento un asentamento sen escavar con cerámica campaniforme, referente aos primeiros tempos da Idade dos Metais, de hai máis de 4.000 anos.
  • Na parte máis alta do rego Cubela ou das Fraires e, preto dos seus nacementos, está situado ao seu carón, no denominado Regato dos Buratos, o conxunto rupestre dos petróglifos de Outeiro da Mina, Outeiro das Mouras ou A Chan das Mouras, con doce estacións arqueolóxicas con gravados prehistóricos, incluídas as Pedras do Fundamento e do Encantamento, de adscripción cultural da Idade do Bronce e datados cronoloxicamente tamén hai máis de 4.000 anos. Cunha variada tipoloxía -circos concéntricos, coviñas, punteados, apéndices e un posible antropomorfo e zoomorfo esquematizados de deseño único no territorio galego-.
    A Pedra do Fundamento ou das Mouras está asociada a nivel da mitoloxía popular coa cultura inmaterial. A maioría dos petróglifos xa eran coñecidos desde principios do século pasado, na actualidade teñen a catalogación de Ben de Interese Cultural (BIC), e no ano 2015 foron postos en valor a través do Proxecto de Creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños, coa colaboración de varios colectivos veciñais e sociais e as Comunidades de Montes das parroquias de Salcedo, Lourizán e San Xián, entre os concellos de Marín e Pontevedra.

Ribeiras Rego Cubela 4

  • As instalacións da Misión Biolóxica de Galicia (MBG), dependente do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e adscrita á área de Ciencias Agrarias, abranguendo diversos aspectos de conservación e caracterización de recursos fitoxenéticos dos principais cultivos a nivel galego, están situadas no lugar de A Carballeira, ocupando desde o ano 1927 unha finca e edificios coñecidos como Pazo do Gandarón que en orixe e desde o século XVIII pertenceron ao Arcebispo Malvar mais desde principios do século pasado pertencen á Deputación de Pontevedra cedidos á MBG.

As principais afeccións ás ribeiras do rego Cubela nas últimas décadas foron os monocultivos forestais, a eucaliptización, a invasión das acacias, incendios forestais, as verteduras de lixo e de entullos, a construción da AP-9, torretas e cableados aéreos de alta tensión eléctrica, o urbanismo incontrolado, as instalacións militares da BRILAT, a utilización de biocidas, o desbroce das brañas e a desnaturalización do medio. As ameazas parten principalmente da clasificación actual do solo segundo o Plan Xeral de Ordenación Urbana do Concello de Pontevedra, vixente desde o ano 1989, e que clasifica as ribeiras do rego Cubela como simple solo rústico común, instalacións de defensa militar e como moito nalgunhas zonas como de protección forestal, mais sen ningunha figura de protección ambiental axeitada e propiamente dita.

Ribeiras Rego Cubela 5

As ribeiras do rego Cubela, dada a súa importancia a nivel paisaxístico, ambiental e cultural e como corredor ecolóxico, deberían ter como mínimo a catalogación de Espazo Natural de Interese Local (ENIL).

Ribeiras Rego Cubela 6

Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s