Luita Verde solicita a caducidade da licenza para a urbanización, hotel e a paralización da actividade no campo de golf de Domaio

complexo de vivendas sen rematar na zona B urbanizableO Colectivo Ecoloxista Luita Verde solicitoulle o pasado 9 de xaneiro de 2019 ao Concello de Moaña, por escrito e a rexistro, a incoación de expediente para a Declaración de Caducidade da licenza para a construcción dun hotel de soto e dúas plantas no campo de golf de Domaio outorgada pola Comisión de Goberno do Concello de Moaña o 28 de outubro de 2002 á Sociedade Interburgo SA.

Luita Verde lémbralle ao Concello de Moaña que esta non é a primeira solicitude ao tanto senón que secunda a outra realizada nos mesmos termos o 11 de maio de 2012 sen que ata a data respostara nin tampouco iniciara o correspondente expediente de caducidade.

Esta solicitude parte da xustificación que despois de máis de oito anos dunha sentenza xudicial do 23 de novembro de 2009 na que o Xulgado do Contencioso n.º 3 de Pontevedra ordea o inicio das obras da construcción do dito hotel, cun prazo máximo de execución de seis meses despois de notificada esa sentenza, estas nunca foron iniciadas, o que demostra sen dúbida algunha un manifesto interese de Interburgo SA de non facer a obra.

Luita Verde aclara que a de dita sentenza xudicial do 23 de novembro de 2009 é froito do recurso contencioso no que Interburgo consigue a anulación da resolución do 21 de xullo de 2008 da Alcaldía do Concello de Moaña desestimando as alegacións de Interburgo e declarando caducada a licenza de obra para o dito hotel outorgada pola Comisión de Goberno do Concello de Moaña o 28 de outubro de 2002.

E que esa resolución nace doutra anterior do 20 de novembro de 2006 da Xunta de Goberno Local, na que, segundo informe do asesor xurídico do propio Concello de Moaña, se acorda incoar expediente para a declaración de caducidade da licenza municipal de obra concedida a sociedade Interburgo o antedito 28 de outubro de 2002, trala solicitude presentada anteriormente ao tanto por Luita Verde o 16 de marzo de 2006.

invasión de herba da pampa na zona A urbanizablePor outra banda, Luita Verde solicitou o pasado 1 de marzo de 2019, así mesmo por escritos e a rexistro, dirixidos ao Concello de Moaña e ás Delegacións de Pontevedra da Consellería de Medio Ambiente e de Sanidade, a clausura e cese da actividade do campo de golf de Domaio ata que a empresa propietaria, a antedita Interburgo SA, execute as medidas do Dictame de Efectos Ambientais do 14 de marzo de 1991 polo que a Comisión Galega de Medio Ambiente dicta, entre outras cuestións, a realización de analíticas periódicas cada seis meses dos mananciais situados na parcela do campo de golf e nos puntos de surxencia ou canalizacións dos mesmos augas abaixo, prestando especial atención aos compostos organoclorados e organofosforados, sendo ditas analíticas remitidas á Consellería de Sanidade.

En numerosas ocasións dende Luita Verde e mesmo da Comunidade de Augas de Calvar e Verdeal, interesada por ter mananciais afectados pola actividade do campo de golf, se ten denunciado o incumprimento tanto por parte da propietaria orixinaria do campo, Golf Domaio SA, como dende o ano 1998 por parte de Interburgo SA como empresa sucesora na propiedade trala súa adquisición por subasta, da obriga de realizar as analíticas indicadas no antedito Dictame de Efectos Ambientais, sen que ata a actualidade se tivera en conta o incumprimento reiterado do dito Dictame, mirando as distintas administracións públicas para outro lado e facendo caso omiso das nosas denuncias malia que detrás das consecuencias do incumprimento do dictaminado ambiental e, en especial, da falta de analíticas das augas, pode estar entre outras a afección e grave da saúde das persoas.

Luita Verde solicitou así mesmo que se inicie un expediente sancionador a Interburgo SA por dito incumprimento do Dictame de Efectos ambientais.

Finalmente Luita Verde solicitou a Rexistro por escrito dirixido ao Concello de Moaña este pasado xoves 14 de marzo a aplicación do artigo 145 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia e o inicio do expediente de caducidade das licenzas de obra concedidas o 12-02-2001 e o 09-06-2003 pola Comisión de Goberno do Concello de Moaña para 50 e 52 vivendas respectivamente a Construcciones Mirón y Agarvi SL no sector B da Unidade de Actuación S.A.U. A-7 Residencial Golf Domaio. E a paralización das obras de construcción e a suspensión dos usos que destas se derivan, polo deterioro ambiental da paisaxe, do medio e dos recursos naturais como é a auga.

entulleira á beira de vial de acceso a zona urbanizable

Na Asamblea Xeral da Xunta de Compensación da Unidade de execución “Residencial Golf Domaio S.A.U. A-7 do 15-07-1994, acordouse polo 100% dos membros o Proxecto de Compensación e o Aproveitamento edificable correspondente ao Concello de Moaña, dito aproveitamento acordase sustituilo polo pago en metálico do importe que se valora a cesión e que se estima en 200 millóns de pesetas (1.202.024,21€), con data 28-05-1998 foi aprobado polo Pleno do Concello. A día de hoxe e despois de máis de 16 e 18 anos da concesión das licenzas, a Xunta de Compensación soamente pagou 76.500.000 pesetas (459.774,26€), e o resto tería que estar pagado o 29-12-2001.

Con datas 14-08-2000, 09-10-2000 e 12-03-2001 a través de alegacións e un Recurso Potestativo de Reposición presentado por Luita Verde advertiuse ao Concello de Moaña da manifesta ilegalidade da concesión de calquera licenza de construcción do Plan Parcial S.A.U. A-7 Residencial Golf Domaio, polos incumprimentos da legalidade vixente.

O informe do Arquitecto municipal Gumersindo Ferro Pichel, de data 24-01-2008, di que a maioría das vivendas non estan iniciadas e ningunha rematada, e das obras de urbanización estímase que está executado únicamente un 50% do total da urbanización, polo que, por resolución da Alcaldía nº 31/2008 e 32/2008 de 28-01-2008, acordouse a incoación de expediente de caducidade.

Malia isto o 12-01-2010 o Alcalde de Moaña, sen ningún apoio nin argumento legal, adopta a Resolución 18/2010 pola que declara a caducidade dos expedientes de caducidade das licenzas outorgadas o 12-01-2001 e o 09-06-2003, e deixar sen efecto as medidas cautelares adoptadas de paralizar as obras de construcción e a suspensión dos usos que destas derivase.

Esta situación creou unha inseguridade xurídica aos que mercaron unha parcela no S.A.U. A-7 Residencial Golf Domaio ao propio Concello pois moitos dos primeiros perderon tódolos pagos a conta das parcelas polo embargo da Xunta de Compensación, e o Concello rematou aceptando a garantía hipotecaria de 37 parcelas do sector B ( B.1.43 e correlativas ata B.1.50 e B.4 e correlativas ata B.4.29 ), como pago do aproveitamento urbanístico da que habería outorgarse a escritura pública de constitución de hipoteca.

beirarrúa con arquetas destapadas en zona A urbanizable

A Axencia tributaria sacou a subasta o 20-03-2012 as parcelas da Zona B B.2.17; B.4.25; B.4.26; B.4.29; B.5.5; B.5.6; B.5.7; B.5.8 y B.5.9.

As parcelas B.4.25, B.4.26 e B.4.29 son parcelas das que habería escriturarse constitución de hipoteca a favor do Concello de Moaña pois son parcelas garantes o aproveitamento urbanístico, cousa que non se fixo, sendo subastadas e polo método de adxudicación directa, e a única explicación é que a garantía hipotecaria do pago do aproveitamento urbanístico non se fixera, extremo este de suma gravedade, xa que o Concello ten ou debería ter un representante na Xunta de Compensación, que sempre foron os concelleiros de Urbanismo.

Na reunión de data 13-09-2018, da suposta sociedade Agrupación de Interés Económico-Urbanización Golf Domaio, creada polos propietarios das poucas vivendas ilegais rematadas ao amparo das licenzas concedidas con data 12-02-2001, ante a situacion de bloqueo económico da Xunta de Compensación e a sua incapacidade para levar a cabo a Urbanización plantexa a constitución dunha Agrupación de Interese Económico co obxetivo da venta global das parcelas do sector B a un “inversor”, por non dicir “fondo buitre” -Anida-, para recaudar fondos e poder urbanizar e así mesmo “legalizar” as súas vivendas.

Ata a data de hoxe e despois de máis de 16 e 18 anos da concesión das licenzas, non hai aval das obras de urbanización das 102 vivendas e, por engadido, a maioría das mesmas non están executadas, soamente o están unha ducia delas que representa menos do 10% do total, despois hai un lote que non chega ao medio cento que están iniciadas sen rematar e o restante está sen construír-, polo que se incumpre as obrigas de edificación e urbanización simultánea, nin existe conexión de abastecemento e saneamento de auga nin informes ao tanto da empresa concesionaria Aqualia, e dende hai 8 anos nin existe a mínima obra de continuidade.

Por engadido, o desfalco é moito maior se temos en conta que a pretensión global, a do Plan Parcial aprobado nos anos noventa, é urbanizar para construir ata un total de 462 vivendas en catro zonas distribuidas entre vivendas familiares (zona A), vivendas adosadas (zona B), apartamentos (zona P) e un hotel (zona H), dentro dunha situación xeral de ilegalidade por non existir nengún proxecto de urbanización rematado e pola falta dos avales correspondentes.

Polo contrario, o que sobresae por toda a área urbanizable é o máis absoluto deterioro ambiental con paquetes de vivendas pantasma sen rematar, viales cubertos pola vexetación e coas arquetas dos servizos eléctricos e de augas ao descuberto, con varios focos de verteduras incontroladas de lixo e entulleiras ás súas beiras, e con boa parte das parcelas sen construír a rebousar de matogueira mesturado en moitas zonas con piñeiral, eucaliptal e acacias, cun exceso de biomasa pirófita con alto risco de propagación de lume forestal máis de especies altamente invasoras como, en especial, a herba da pampa.

Para Luita Verde é obvia a fraude que supuso para a maioría dos compradores de parcelas no S.A.U. A-7 Residencial Golf Domaio (perda da inversión) e para os veciños e veciñas de Moaña, xa que este proxecto especulativo que contou coa complicidade dos sucesivos gobernos do Concello de Moaña e sen distinción de siglas nin de ideoloxías (PP, PSOE, BNG, Independentes, EG, InMo), dende a súa aprobación o 12-02-1993, hai máis de 26 anos, soamente orixinou problemas ambientais e de convivencia para os veciños e veciñas de Domaio, beneficios para os especuladores, falta de ingresos municipais (aproveitamentos urbanísticos, licenzas, tasas, etc.), posibles gastos polo mantenemento da urbanización fallida, a sucesiva marcha das empresas urbanizadoras por non cobrar e onde algunha que cobrou foi con parcelas do S.A.U. A-7 -Obexcar pertencente á familia Oubiña-, e os sucesivos embargos de parcelas, algunhas delas xa propiedade dun fondo buitre -o antedito Anida ligado á entidade bancaria BBVA- .

Luita Verde lembra que os proxectos do campo de golf de Domaio e da súa urbanización naceron a comezos dos anos noventa do século pasado, coincidindo coa efervescencia da especulación urbanística a nivel estatal, da recualificación de 95 has. (950.000 m²) dentro do que anteriormente estaba cualificado como solo non urbanizable de conservación e protección de parques forestais e que posteriormente debería pasar a estar cualificado como solo rústico de especial protección de espazos naturais dentro do espazo natural dos Montes do Morrazo segundo as Normas Subsidiarias e Complementarias de Planeamento da provincia de Pontevedra, en terreos a grande desnivel entre as concas fluviais dos regos da Freixa e da Miñouba.

Ao final, as 64 has. para o campo de golf pasaron a estar cualificadas como solo rústico ordinario e as 31 has. para a urbanización como solo urbanizable, e supuso un grave e irreversible impacto ambiental e paisaxístico -deforestación, grandes desterros e movementos de terras, sedimentación dos cursos fluviais por augas de escorrentía e, por derivación, da ribeira do mar nas súas desembocaduras, explanación, sementado e plantación de especies herbáceas e arbóreas foráneas, utilización de biocidas, alto consumo hídrico, afectación do patrimonio cultural material e inmaterial, en especial a contorna da Poza da Moura, …- na área onde se realizou, ata a actualidade.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

Blog en WordPress.com.

Subir ↑

A %d blogueros les gusta esto: