Roteiro pola protección do rego Louriñas e os montes de Lourizán

ROTEIRO LOURIZÁNA Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo organiza o domingo 28 de abril un roteiro para dar a coñecer a importancia natural, paisaxística e cultural das ribeiras do rego Louriñas e dos montes de Lourizán, catalogados como solo rústico de especial protección de augas, forestal e patrimonial na parroquia de Lourizán, no Concello de Pontevedra.

O roteiro, segundo desta primavera, será circular e sairá ás 10 da mañá fronte da Finca de Montero Ríos, para chegar ás 14 h. ao mesmo lugar.

O percorrido transcorrerá por vial rural, camiños e corredoiras polos lugares de A Igrexa, A Gandarela, rego Louriñas, A Torre, O Agrovello, O Rozo e A Igrexa.

Para se achegar ao punto da saída, hai que acceder pola estrada PO-546 até as inmediacións da Finca do Pazo de Montero Ríos, en Lourizán.

Recomendamos que de se achegar en vehículo privado, por ética e polas limitacións do aparcamento, as persoas que asistan utilicen a capacidade máxima do seu vehículo, compartíndoo con outras persoas. Recomendamos tamén traer roupa e calzado de trote axeitados para a época primaveral.

Os lugares de maior interese que visitaremos son:Rego de Louriñas e Montes de Lourizán 1

A Igrexa Vella de Santo André de Lourizán, ubicada onde, con toda probabilidade, houbo anteriormente un templo románico do século XII, que, coa Casa da Reitoral anexa, forma un conxunto artístico do século XVIII con reformas do século XX. Na zona atopáronse así mesmo os restos arqueolóxicos dun sartego correspondente a unha necrópole medieval e, na proximidade, nos muros de pedra, os achados dun baixo relevo e dúas aras votivas romanas adicadas ao deus indíxena local Vestio Alonieco, de figura antropomorfa e con cornamenta, depositados na actualidade no Museo provincial de Pontevedra.

Nuclearizou até finais do século XIX a parroquia de Lourizán que, formando parte do extremo norte da península do Morrazo, durante o Antigo Réxime pertenceu á xurisdición ecelesiástica de Pontevedra, baixo o abadengo catedralicio de Santiago de Compostela. Desde o ano 1842 até o ano 1869 conformou concello constitucional coa lindeira parroquia de Salcedo. Desde 1869 até a actualidade a parroquia de Lourizán forma parte do concello constitucional de Pontevedra.

Rego de Louriñas e Montes de Lourizán 2

A Gandarela, zona rural e topónimo referente a un terreo baixo, húmido e improdutivo, neste caso dentro da ribeira do rego das Louriñas, acollendo unha importante área natural con vexetación ribeireña e halófila de ámbito salgado preto da súa desembocadura, a xunqueira da Gandarela.

O rego das Louriñas que ten o seu nacemento na cota máis alta ao redor dos 150 metros sobre o nivel do mar e parte do seu percorrido pola parroquia de Salcedo, remata na parte baixa na parroquia de Lourizán, formando un corredor ecolóxico desde os seus inicios até a súa desembocadura, na ría de Pontevedra.

Rego de Louriñas e Montes de Lourizán 3

As súas ribeiras representan o hábitat natural prioritario de bosques aluviais da Europa atemperada, onde destaca a grande presenza de ameneiral e salgueiral xunto con áreas de brañas con espadanal e xunqueira dentro do hábitat de interese comunitario de prados húmidos seminaturais. Entre a súa ampla e variada fauna é salientable a presenza de especies de ámbito palustre e acuático como a galiñola bicuda, a galiñola de río ou o rousinol bravo e outras vertebradas e invertebradas, con especies anfibias e ribeireñas endémicas a nivel ibérico e algunhas cun alto grao de protección a nivel europeo pola súa vulnerabilidade. Asociado tamén son de importancia as orlas superiores de carballeiras co seu sotobosque abondante en loureiros, acompañados doutras especies como a xilbarbeira, o sabugueiro ou o estripeiro, dentro do hábitat de interese comunitario de carballeiras galaico portuguesas.

É de importancia así mesmo a nivel cultural e etnográfico, en especial o conxunto artístico do muíño, fonte e ponte á beira do rego de A Torre, principal afluente do rego das Louriñas, como pola contorna a nivel rural e agropecuario con mostras de arquitectura popular de edificacións realizadas na pedra e concentradas ao redor dos mosaicos de prados e cultivos.

Rego de Louriñas e Montes de Lourizán 4

Á parte dos núcleos rurais de A Torre e A Gandarela, na proximidade do rego, están tamén a nivel parroquial o da Igrexa e, por outra banda, os de Agrovello e O Rozo, cuxos topónimos fan referencia desde antigo á actividade precisamente agraria e pecuaria.

A Finca de Montero Ríos, de 54 has. e que vai desde o Monte Sino até o Agrovello e O Rozo, no pasado foi nos seus inicios, durante o Antigo Réxime, granxa rural e agrícola pertencente ao morgado da familia Montenegro, entre cuxas funcións estivo tamén a de recaudadores de impostos, a través das alcabalas. Posteriormente foi coñecida como a Granxa da Serra por pasar a pertencer ao marquesado dos Sierra, comezou a ter unha función de lugar residencial, coa construcción do vello pazo. A partir de finais do século XVIII foi aforada e máis tarde obxeto de poxa pública, pasando por varios propietarios. A finais do século XIX pasou a ser propiedade como residencia de verán do político liberal Eugenio Montero Ríos, onde se ampliou de xeito modernista o pazo existente no seu interior. Nesa fase residencial tamén se creou un xardín de estilo romántico que foi a orixe do que posteriormente e con máis achegas a nivel institucional chegou até a actualidade, cun arboreto de máis de 850 especies botánicas dos cinco continentes e algúns exemplares integrados no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galiza. Ese arboreto ou xardín botánico comezou a deseñarse desde o ano 1949, pouco despois do ano 1943 no que o pazo e a finca pasaron a pertencer baixo compra á Deputación de Pontevedra e no que así mesmo se creou o Centro de Investigacións Forestais e de aí tamén o Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Lourizán, cedido no seu conxunto á Xunta de Galiza no ano 1984 e xestionado na actualidade a través da Consellería do Medio Rural.

Rego de Louriñas e Montes de Lourizán 5

Preto do lugar de O Rozo está ubicado o xacemento arqueolóxico da Carballeira do Castro de Lourizán, de adscripción cultural Romana e Medieval, de grande importancia paisaxística, cultural e ambiental e por onde baixa o pequeno rego do Freixeiro, pouco antes de tela súa desembocadura na ría de Pontevedra. Ao seu carón e máis preto da ría está ubicado así mesmo o xacemento romano do Sartán onde no seu momento se atoparon ánforas. Na actualidade, tanto a desembocadura do citado rego como o encrave do último xacemento, forman parte do recheo de ENCE riba da propia ría de Pontevedra.

Os montes da parroquia de Lourizán forman parte a nivel xeolóxico do complexo de rocha metamórfica Vigo-Pontevedra, responsable así mesmo da conformación do fondo da ría de Pontevedra a través da enseada do Campelo.

As principais afeccións ás ribeiras do rego das Louriñas e a contorna dos montes de Lourizán nas últimas décadas foron os monocultivos forestais, a eucaliptización, a invasión das acacias e outras especies invasoras como a herba da pampa, as verteduras de lixo e de entullos, o urbanismo incontrolado, a construcción da AP-9 e da variante de Marín VG-4.4, a subestación máis as torretas e cableados aéreos de alta tensión eléctrica, a utilización de biocidas, o abandono do patrimonio cultural e etnográfico e a presenza na proximidade do complexo industrial de ENCE, coa fábrica pasteira de celulosa e o seu impacto paisaxístico e ambiental riba da ría de Pontevedra e na propia contorna.

Rego de Louriñas e Montes de Lourizán 6

As ameazas parten principalmente da clasificación actual do solo segundo o Plan Xeral de Ordenación Urbana do Concello de Pontevedra, vixente desde o ano 1989, e que clasifica as ribeiras do rego das Louriñas como simple solo rústico común. Da permanencia na proximidade do complexo industrial de ENCE, cunha prórroga desde o ano 2018, co incremento da actividade e agravado así mesmo polo proxecto no mesmo lugar dunha futurible macroplanta de incineración de biomasa forestal. Finalmente tamén está a revisión do Plan Forestal de Galiza que pretende consolidar a superficie incontroladamente repoboada con eucaliptos nas últimas tres décadas e que compromete así mesmo a necesaria recuperación ambiental dos montes da parroquia de Lourizán, a nivel local.

Para a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo as ribeiras do rego das Louriñas, dada a súa importancia a nivel paisaxístico, ambiental e cultural e como corredor ecolóxico, deberían ter como mínimo a catalogación de Espazo Natural de Interese Local (ENIL). E os montes de Lourizán deberían entrar como espazo ampliable a un novo Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) dentro da Rede Natura a nome de Montes e Carballeiras do Morrazo que recollera os espazos naturais dos Montes do Morrazo e do Carballal de Coiro segundo as antigas Normas Subsidiarias de Planeamento da provincia de Pontevedra, tal e como solicitamos en marzo de 2012 á Xunta de Galiza.

Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s