Roteiro pola protección da enseada de Liméns e o castro de Nerga

roteiro enseada de liméns e castro de nergaA Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo organiza o domingo 26 de maio un roteiro para dar a coñecer a importancia natural, paisaxística e cultural da contorna da enseada de Liméns e do Castro de Nerga, catalogada como solo rústico de especial protección de espazos naturais, de costas, forestal e patrimonial na parroquia de Hio, no Concello de Cangas.

O roteiro, terceiro desta primavera, será circular e sairá ás 10 da mañá da explanada do Frondoal (Liméns), para chegar ás 14 h. ao mesmo lugar.

O percorrido transcorrerá por camiños, corredoiras e vial rural, en partes coincidindo coa senda municipal costeira, polos lugares de dunar de Liméns, A Coviña, O Bouceiro, area de Temperáns, area das Moscas, Punta Rocha dos Patos, O Rabelo, Os Castros, A Garita, A Lapiña, Outeiro Negro, Monte do Castro de Nerga, Outeiro do Gato e Liméns.

Para se achegar ao punto da saída, unha vez collida a estrada PO-315 que une Cangas con Bueu pola costa, hai que acceder finalmente polo desvío da estrada EP-1010, baixando en dirección ao camping de Liméns, e pasando este, até o final do dunar.

Recomendamos que de se achegar en vehículo privado, por ética e polas limitacións do aparcamento, as persoas que asistan utilicen a capacidade máxima do seu vehículo, compartíndoo con outras persoas. Recomendamos tamén traer roupa e calzado de trote axeitados para a época primaveral.

Enseada de Liméns e Castro de Nerga 1

Os lugares de maior interese que visitaremos son:

O dunar de Liméns, un dos complexos de dunas máis importantes da provincia precedido de depósitos detríticos coluvio-eluviais do Cuaternario, representa varios hábitats de interese comunitario de dunas marítimas atlánticas a nivel europeo e unha ampla fauna a flora salvaxe de ámbito fotófilo, xerófilo, psammófilo e halófilo, con algúns endemismos do noroeste ibérico. Así mesmo acolle áreas hidromorfas dentro do escaso hábitat de interese comunitario de depresións intradunares húmidas e, por outra banda, o hábitat de interese prioritario de bosques aluviais da Europa atemperada, a través da presenza do rego do Frondoal, que ten a súa desembocadura na propia enseada de Liméns. Nos afloramentos rochosos existe así mesmo o hábitat de interese comunitario de encostas rochosas con vexetación casmofítica.

A corredoira empedrada da Coviña que ao igual que a ponte de pedra existente sobre a desembocadura do rego do Frondoal, son de grande interese etnográfico, e, por engadido, acolle ao seu carón, na proximidade, petróglifos con gravados prehistóricos da Idade do Bronce.

O Bouceiro, cunha atalaia de excelente vista panorámica da enseada de Liméns e da ría.

A area de Temperáns, espazo natural que acolle ao seu carón os restos dunha antiga fábrica de salgadura do século XIX, coñecida tamén polo nome da salgadeira de Bogador. Bordeando o areeiro existe así mesmo un pequeno bosque de cerquiños, ou cerquido, que representa o máis importante e con exemplares de envergadura da península do Morrazo, dentro desta especie termófila emparentada co carballo e moi escasa na franxa litoral. É tamén importante o seu sotobosque, onde sobresae a presenza de especies como a xesta mansa, a xilbarbeira ou o abruñeiro que xunto coa presenza arbórea do cerquiño, denotan unha notable influencia bioclimática mediterránea mesturada coa oceánica atlántica.

Enseada de Liméns e Castro de Nerga 2

A area das Moscas, areeiro próximo ao de Temperáns que acolle así mesmo ao seu carón a presenza de máis exemplares de cerquiño e ten a singularidade da presenza na súa parte traseira dunha barronca de forte encosta onde na súa estrutura barrenta deposita as larvas e en buratos unha especie de abella que é así mesmo parasitada por outra na súa posta, feito polo que esta última é denominada abella cuco. Xunto coa area de Temperáns forma un conxunto de grande interese natural, social e paisaxístico, contrastando coa estrutura rochosa da súa contorna.

A Punta Rocha dos Patos, topónimo de orixe zoolóxico referente á pesenza no lugar de especies de fauna acuáticas ou mariñas, é por outra banda salientable por estar a súa composición petrolóxica en xisto de orixe metamórfica. É salientable ademais pola súa cualidade paisaxística cunha excelente panorámica da enseada e da ría desde os cantís, onde está presente outro hábitat de interese comunitario, o de cantís con vexetación das costas atlánticas e bálticas.

Enseada de Liméns e Castro de Nerga 3

Os Castros, lugar costeiro de Nerga, está a escasa distancia do xacemento litoral do castro da Igrexiña, adscrito culturalmente na Idade do Ferro e Romano e que así mesmo ten na proximidade o cercano xacemento das salinas da praia de Nerga, de adscrición cultural Romana e Medieval. A Garita está na proximidade do xacemento do castelo do monte da Granda, adscrito culturalmente como Moderno-Contemporáneo.

O Monte do Castro ou Castro de Nerga, acolle o xacemento arqueolóxico dun asentamento prerromano adscrito culturalmente á Idade do Bronce e a Idade do Ferro, consta de tres terrazas e está sito estratéxicamente entre as enseadas de Liméns e de Barra, cunha altitude máxima na súa croa ao redor dos 160 metros de altitude sobre o nivel do mar. Posúe unhas extraordinarias panorámicas das dúas enseadas, en especial da enseada de Barra, dentro da Zona de Especial Conservación da Costa da Vela, e máis ao fondo das Illas Cíes, dentro do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas, xunto coa entrada da ría de Vigo. Sobresae tamén pola súa penedía coa formación de pías, alveolos e cacholas na rocha granítica e a presenza dos hábitats de interese comunitario de breixeira seca europea, encostas rochosas con vexetación casmofítica e rochedais silíceos con vexetación pioneira.

Enseada de Liméns e Castro de Nerga 4

As principais afeccións da contorna da enseada de Liméns e do Castro de Nerga nas últimas décadas foron os monocultivos forestais, a eucaliptización, a introdución das acacias e outras especies arbóreas, arbustivas e herbáceas invasoras, os incendios forestais, a extracción de area das dunas, a extracción de pedra dos cantís, as verteduras incontroladas de resíduos e de entullos, o urbanismo incontrolado, a masificación humana e automobilística, as antenas de telecomunicacións e o abandono do patrimonio cultural.

As ameazas parten principalmente da desaparición do espazo natural Barra, Cabo Home onde se integraba a contorna da enseada de Liméns, e da súa clasificación como solo rústico de especial protección de espazos naturais segundo as antigas Normas Complementarias e Subsidiarias de Planeamento da provincia de Pontevedra.

Enseada de Liméns e Castro de Nerga 5

Para a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo a contorna da enseada de Liméns, como corredor ecolóxico e cuns valores naturais e paisaxísticos de especial relevancia, debería entrar no futuro como ampliación na Rede Natura dentro do Espazo Natural Protexido da Costa da Vela.

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo xa lle solicitou ao concello de Cangas en xullo de 2015 a cualificación do Monte do Castro ou Castro de Nerga dentro dos Montes do Hio como Espazo Natural de Interese Local (ENIL) xunto coa súa posta en valor natural, cultural e paisaxística. En abril de 2016 solicitoulle así mesmo á Xunta de Galiza a súa clasificación como Lugar de Especial Importancia Paisaxística (LEIP) dentro do Catálogo das Paisaxes de Galiza.

Enseada de Liméns e Castro de Nerga 6

Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s