Autovía do Morrazo: a consolidación dun modelo de transporte insustentable

DSC08685Para a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo a posta en funcionamento da autovía do Morrazo supón o punto final a un desbaldimento de grande cantidade de diñeiro público para unha obra cun elevado e irreversible impacto ambiental e paisaxístico no territorio e que representa ao mesmo tempo unha involución no modelo de transporte, con seria repercusión para a sustentabilidade da mobilidade viaria morracense no futuro a curto e medio prazo.

Os estudos a nivel estatal e internacional constataron nas últimas décadas que canto maiores sexan as estradas, máis aumenta a probabilidade de colapsos e mesmo da accidentabilidade polo efecto chamada e incremento do parque automobilístico. Isto, dentro dun efecto funil, provoca ao final unha maior saturación das estradas da rede primaria e secundaria onde desembocan, onde ademais se adoitan a concentrar en moitos dos seus tramos os atascos e tamén a siniestralidade. Os efectos, en especial nos meses do verán coa chegada masiva de bañistas e turistas, xa se cumpriron pouco despois da posta en funcionamento do corredor de alta capacidade e agora vanse agravar co seu desdobramento en autovía.

Para a Plataforma é dunha total incongruencia darlle maior incentivo ao uso do automóbil privado a sabendas da súa científicamente demostrada influencia no incremento do quecemento global, na mudanza climática no planeta e na afección á saúde humana.

Ese modelo de transporte é, por engadido, incompatible co fomento do transporte colectivo, da bici e o peonil. Así os altos custes da construción da autovía van pesar como unha lousa nos investimentos futuros nestas alternativas de maior sustentabilidade así como na necesaria mellora e vertebración integral da rede viaria comarcal, reducíndose a contados, espallados e inconexos proxectos a nivel parroquial ou municipal, como de feito xa está sucedendo.

DSC07539Por outra banda tampouco se debe esquecer que detrás da construción da autovía está tamén o efecto chamada á especulación urbanística, representada na desfasada cantidade de vivendas e de parcelas industriais planificadas nos distintos concellos morracenses nos últimos anos, á espera dunha nova burbulla inmobiliaria en tempos dunha enganosa mellora económica camiño dunha nova, cíclica e sistemática recesión.

O proxecto do desdobramento do corredor de alta capacidade na autovía do Morrazo supuso grandes desmontes, recheos e noiros en fortes desniveis, perda de capa vexetal e afección da freática, verteduras e sedimentación con terras e áridos dos leitos fluviais e da ría na súa desembocadura, grande mortandade de fauna salvaxe e con toda a probabilidade espallará por todo o seu trazado especies alóctonas e invasoras de rápido crecemento utilizadas como fixadoras dos noiros ou como pantalla vexetal, a maiores do xa provocado anteriormente pola construción do propio corredor de alta capacidade.

Por outra banda a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo salienta que a estrutura do asentamento arqueolóxico do Castro de Montealegre non se salvou grazas ao cambio de trazado da autovía senón que supuso un novo impacto coa ampliación do túnel construído anteriormente polo corredor dentro da súa área de protección integral, incumprindo unha vez máis a Declaración de Impacto Ambiental do ano 2001 que ditaba que o trazado tiña que ser proxectado cara ao norte para salvar o conxunto do xacemento. A súa posta en valor e musealización será realizada a costa da destrución de parte da súa estrutura e o investimento na súa execución suporá, con toda a probabilidade, unha concentración de recursos dentro das escasas intervencións da Xunta de Galiza na protección do variado e importante patrimonio cultural morracense, deixando o restante máis orfo e abandoado.

Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s