Arquivos mensuais: Xullo 2019

Comunicado conxunto contra a corta a matarrasa no Monte Pornedo

DSC02005A Asociación Monte Pituco e a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo -co apoio da Asociación pola Defensa da Ría (APDR) de Pontevedra e do colectivo Vaipolorío- queren manifestar publicamente o seu rexeitamento á corta a matarrasa de arborado que está a ser realizada no Monte Pornedo promovida pola Comunidade de Montes de San Xián, no concello de Marín.

Malia que a dita corta teña a autorización da Xunta de Galicia non lle vemos xustificación posible polo grave impacto paisaxístico e ambiental que provoca este modelo de corta abusiva de árbores e que c unha forte alteración da paisaxe, erosión do terreo, risco de propagación de incendio forestal pola gran cantidade de biomasa depositada no solo e futurible risco potencial de desprendemento de terras e sedimentación dos leitos fluviais por chuvias torrenciais, ademais das afeccións correspondentes á fauna e á flora salvaxe.

VistaXeral

Informes independentes e de recoñecida valía científica recomendan prohibir terminantemente este tipo de cortas masivas, prevalecendo sempre as cortas por clareo e -de ser imprescindible realizar a matarrasa- que non supere as tres ou catro hectáreas, respectando as curvas de nivel. A área afectada pola corta, superior ás 30 hectáreas e que na súa maioría estaba arborada con piñeiro do país (Pinus pinaster), está en terreos en forte pendente, ao carón da ribeira alta do rego das Presas, afluente do rego da Mouta.

Ademais a zona cortada coincide en gran parte co espazo que fora proposto como parque industrial polo Concello de Marín no seu PXOM, incluído no Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais pola Xunta de Galicia; un proxecto que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia declarou nulo en senllas sentenzas firmes e irrevogables nos anos 2017 e 2018 polos graves e irreversibles impactos ambientais no lugar onde se pretendía desenvolver.

Antes da súa clasificación como solo urbanizable industrial, esta área estaba integrada dentro do Espazo Natural dos Montes do Morrazo segundo as antigas Normas Complementarias e Subsidiarias de Planeamento Urbanístico da provincia de Pontevedra, aprobadas en xaneiro de 1990 pola Consellería de Ordenación do Territorio e Obras Públicas. Atendía esta clasificación aos valores medioambientais, ecolóxicos, biolóxicos, botánicos, paisaxísticos, científicos, educativos e recreativos deste espazo, que debía preservarse para a súa protección ou mellora, abranguendo máis de 3.000 hectáreas entre os concellos de Marín, Vilaboa e Moaña.

2Fontenla

Na actualidade, e despois de que o TSXG declarase nulo o parque empresarial proxectado, esta área de 331.999,22 metros cadrados debería revertir e clasificarse como solo rústico de especial protección de espazos naturais, tal e como están clasificados os terreos ao seu redor no propio PXOM marinense, coincidindo coa distribución a nivel parroquial e municipal do antigo Espazo Natural dos Montes do Morrazo.

A Asociación Monte Pituco vén reclamando insistentemente o cumprimento da sentenza perante o Concello de Marín, que parece non ter esta obriga entre as súas prioridades mentres a zona é agora obxecto de agresións e impactos como os acaecidos trala corta a matarrasa.

Por outra banda, salientamos que hai varios concellos galegos que nas súas ordenanzas municipais -e simplemente co solo rústico de especial protección forestal- prohiben tallantemente a corta a matarrasa de arborado, caso que desgrazadamente non sucede co concello de Marín.

DSC02014

A Asociación Monte Pituco, a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo, a APDR e Vaipolorío, ademais de esixirlle ao Concello de Marín esa reclasificación de protección rústica como espazo natural para os terreos afectados polo fallido parque empresarial no monte Pornedo, tamén lle reclaman á Comunidade de Montes de San Xián unha nova planificación forestal do seu monte mancomunado máis respectuoso cos seus valores ambientais e culturais, baseado na potenciación da biodiversidade, na multifuncionalidade dos recursos naturais e forestais -non só da madeira- e na súa posta en valor xunto co importante e variado patrimonio cultural e arqueolóxico existente, que se atopa nun preocupante estado de conservación.

Para comezar, a Comunidade de Montes de San Xián debería repoboar a área afectada pola corta a matarrasa no Pornedo -nun mínimo do 30% da superficie- con frondosas caducifolias autóctonas, respectar a biodiversidade existente na ribeira do rego das Presas, dotar dunha franxa mínima de 25 metros sen arborado arredor da área de protección integral de petróglifos e deixar zonas abertas de matogueira onde xa existían antano para o uso agroforestal, en vez de realizar un monocultivo de piñeiro tal e como pretende; un modelo que vai en contra da biodiversidade, que empobrece o solo e que potencia o risco de incendios ao ser o piñeiro unha especie altamente propagadora dos lumes forestais, tendo en conta ademais que na proximidade existen plantacións do alóctono, invasor e pirófito eucalipto.

 

Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized