Arquivos diarios: Agosto 12, 2019

A lei do patrimonio natural e da biodiversidade: A lei do engano.

A recente aprobación a nivel autonómico por parte da Xunta da Lei 5/2019 de Patrimonio Natural e da Biodiversidade de Galiza, é para a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo un verdadeiro engano xa que só é aplicable ao escaso 4 % do territorio morracense integrado na Rede Galega de Espazos Naturais Protexidos -Cabo Udra, Costa da Vela e Enseada de San Simón- e polo tanto ao redor dun 96%, a ampla maioría da península do Morrazo, queda fóra do seu ámbito de actuación malia ter varios espazos máis de importancia, con hábitats naturais de interese comunitario (carballeiras galaico portuguesas, breixeira seca europea, vexetación pioneira na rocha silícea, …) e mesmo prioritario (bosques aluviais da Europa atemperada, breixeira húmida atlántica, turbeiras altas activas,…) e fauna e flora salvaxe, con grande biodiversidade, endemismos ibéricos e especies vulnerables e en perigo de extinción.

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo salienta que esta Lei 5/2019 de Patrimonio Natural e da Biodiversidade de Galiza substitúe a Lei 9/2001 de Conservación da Natureza que, ao contrario do que di o texto da nova lei na súa exposición de motivos, nin salvagardou os valores intrínsecos dos espazos naturais declarados como protexidos nin mantivo nun bo estado a biodiversidade presente en Galiza, xa que esa lei anterior deixou fóra precisamente do seu ámbito de actuación a maioría do territorio galego e polo tanto tamén do Morrazo, ao non constar a ampla maioría del dentro dalgunha das figuras de espazo natural protexido -Reserva Natural, Parque Nacional, Parque Natural, Monumento Natural, Humidal Protexido, Paisaxe Protexida, Zona de Especial Protección dos Valores Naturais, Rede Natura, ENIL e EPIN-, cuestión que volta repetirse agora coa nova lei.

Por outra banda, esta nova lei non deixa de ser un documento de cumpridos que chega a destempo e, por engadido, de complicado cumprimento, pois na realidade está subordinado aos intereses económicos por riba dos propiamente ambientais, tal e como dá a entender en moitas das pasaxes do seu ditado.

As máis notorias desas subordinacións son con respecto á Lei 20/2013 de garantía da unidade de mercado a nivel estatal e en especial e pola porta oculta á Lei de Fomento da Implantación das Iniciativas Empresariais en Galiza, aprobada pola propia Xunta a nivel autonómico en outubro de 2017 e bautizada a nivel social como a Lei da Depredación, baseada na axilización da tramitación favorable aos intereses económicos e industriais, en especial dos forestais, mineiros e enerxéticos e que fai que a Lei 5/2019 de Patrimonio Natural e da Biodiversidade de Galiza sexa dunha moi restrinxida aplicación no territorio galego, que na actualidade non sobrepasa o 12% do seu territorio ambientalmente protexido, moi por debaixo da media estatal (27,2%), da que está ao rabo.

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo xunto con outras asociacións ambientalistas realizou suxerencias ao anteproxecto desta Lei 5/2019 de Patrimonio Natural e da Biodiversidade de Galiza en marzo de 2017, nas que solicitou a necesidade da ampliación dos espazos naturais protexidos en Galiza a través da declaración de espazo natural protexido, baixo a figura que sexa máis apropiada, para os 126 espazos naturais comprendidos no Rexistro Xeral de Espazos Naturais de Galiza de 1991, onde no Morrazo estaban integrados os espazos naturais dos Montes do Morrazo, Coto Redondo, Carballeira de Coiro, Punta Udra, Barra-Cabo Home e Mar de San Simón, ou a ampliación dos espazos naturais da Rede Natura, onde no Morrazo estaba a creación dun novo LIC e posteriormente ZEC a nome de Montes e Carballeiras do Morrazo.

Solicitábase tamén a necesidade de declaración de espazo natural protexido, baixo a figura que sexa máis apropiada, para todos os lugares e espazos de Galiza clasificados pola Lei do Solo como Solo Rústico de Especial Protección -de espazos naturais, de augas, de costas, agropecuaria, forestal e patrimonial- recollidos nas Normas Subsidiarias municipais ou nos PXOM dos concellos pola súa valiosa achega á biodiversidade, á paisaxe, como corredores ecolóxicos, e á cultura a través da etnografía e a arqueoloxía e o rural, susceptibles ademais de recuperación.

E solicitábase a investigación, inventariado e declaración de espazo natural protexido a nivel específico para os corredores ecolóxicos existentes en Galiza.

Considerábamos que, dado o valor ambiental do territorio galego -Galiza alberga unha media de 17,4 tipos de hábitats de interese comunitario por cada 100 km2, dos que unha alta proporción son prioritarios, sendo máis do dobre da media estatal, que se sitúa en 8,3 hábitats/100 km2-, a superficie dos espazos naturais protexidos en Galiza debería superar a media estatal e, acadar alomenos un terzo (33,33%) da súa superficie continental e unha superficie parella para os espazos mariños baixo competencia galega e estatal. Unhas porcentaxes análogas a aplicar na contorna natural da península do Morrazo.

A realidade é que a Xunta de Galiza non foi quen de ter en conta até a actualidade esa necesaria ampliación da Rede Natura e, por engadido, en agosto de 2018, coa aprobación do Plan Básico Autonómico, eliminou de facto a lista de espazos integrados no Rexistro Xeral de Espazos Naturais de Galiza de 1991, regulados ata daquela polas Normas Complementarias e Subsidiarias de Planeamento Provinciais.

Xa non falemos do solo rústico de especial protección, sometido aos continuados modificados e simplificación da propia Lei do Solo, onde, no entanto da susceptibilidade da recuperación dos seus variados e intrínsecos valores ambientais, paisaxísticos e culturais, estase a favorecer, polo contrario, unha maior especulación e ameaza de destrución.

E con respecto da protección dos corredores ecolóxicos existentes, pouco ou nada podemos esperar, cunha rede de espazos naturais protexidos cunha superficie moi reducida e espallada, sen apenas conexión física e biolóxica.

Polo tanto só podemos catalogar a aprobación desta nova lei como de feito tristemente anecdótico xa que vai concentrar unha vez máis os recursos lexislativos, económicos e materiais na pretendida protección dunha reducida superficie do territorio galego a costa da desprotección e degradación do resto da ampla maioría e a acentuación da perda de biodiversidade a través da forestalización, o urbanismo e a industrialización sen máis control que a competitividade e o libre mercado, acompañado dos máis que notorios efectos do quecemento global das temperaturas e da mudanza climática a nivel planetario, dentro dun modelo antropocéntrico, desenvolvementista e insustentable.

Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized