Roteiro pola protección das ribeiras do rego do Barranco do Inferno

roteiro barranco do infernoA Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo organiza o sábado 28 de setembro un roteiro para dar a coñecer a importancia natural, paisaxística e cultural da contorna das ribeiras do rego do Barranco do Inferno, catalogada como solo rústico de especial protección das augas e patrimonial, na parroquia de Cela, no Concello de Bueu.

O roteiro, primeiro deste outono, será circular e sairá ás 10 da mañá fronte do Centro de Interpretación do Litoral (antigo matadoiro municipal), na praia de Agrelo, para chegar ás 14 h. ao mesmo lugar.

O percorrido transcorrerá por camiños de pé e viais rurais polos lugares da Senra, O Souto, Albares, O Prado do Río, Antepazo, Queimaño, Porto Carreiro, Fradín, Ferreira, O Río, O Burgo, A Cambada, A Torre, A Rafia e Agrelo.

Para se achegar ao punto da saída hai que coller pola estrada PO-551 a través do Avenida Loureiro. Para acceder finalmente ao Centro de Interpretación do Litoral hai que coller o desvío de baixada á praia de Agrelo fronte do Restaurante O Rincón de Cela.

Recomendamos que de se achegar en vehículo privado, por ética e polas limitacións do aparcamento, as persoas que asistan utilicen a capacidade máxima do seu vehículo, compartíndoo con outras persoas. Recomendamos tamén traer roupa e calzado de trote axeitados para a época outonal.

Roteiro Barranco do inferno 1

Os lugares de maior interese que visitaremos son:

O rego do Barranco do Inferno que, cun percorrido de ao redor de 4 kilómetros, tén tres nacementos en senllos mananciais nos lugares de Trambasaugas, A Fonte dos Barros e Os carballiños, estando nas partes máis altas ao redor dos 300 metros de altitude sobre o nivel do mar, adentrándose na parroquia tamén buenense de Ermelo e cercano ao mesmo tempo cos montes da parroquia e concello de Moaña, preto de Foxonoval. Desemboca augas abaixo na praia de Agrelo, na ría de Pontevedra, facendo a función de corredor natural.

Segundo a súa ubicación xeográfica e historicamente muda o seu topónimo de rego de Porto Carreiro ao de Queimaño ou simplemente do Inferno. Este na realidade fai referencia ao derradeiro tramo polos remuíños que fai o rego na paisaxe entre terreos cunha grande depresión e en caída moi pronunciada.

Representa o hábitat natural prioritario de bosques aluviais da Europa atemperada mais tamén os hábitats de interese comunitario de carballeiras galaico portuguesas e de prados húmidos seminaturais de herbas altas, con así mesmo fauna e flora salvaxe de interese e mesmo endémica a nivel ibérico.

Roteiro Barranco do inferno 3

O seu bosque de ribeira está composto pola asociación do ameneiro e do salgueiro acompañado da grande presenza así mesmo da abelaneira e a máis escasa do bidueiro. É de destacar tamén a grande presenza do carballo, con exemplares de grande envergadura e que chega a formar pequenas carballeiras nas partes máis alonxadas e naturalizadas da ribeira fluvial. Por outra banda a estas especies se lle engade a presenza de plantacións e/ou formacións espontáneas de castiñeiros, cun claro vencello histórico na zona a través dos fitónimos O Souto ou As Castiñáns, e en especial de nogueiras, que chegan a conformar en algúns tramos o propio bosque de ribeira preto do leito fluvial.

Posúe tamén un rico sotobosque coa presenza de loureiros, sabugueiros e especies de lianas ou enredadeiras como as uvas de can, as corregolas, as hedras ou o lúpulo. É tamén abondante a presenza de especies herbosas de zonas húmidas como anxélicas, caliborcias, pementeiras, eupatorios, labazas, lampazos, salgueiriños, …, de xuncos e espadanas na partes máis brañentas e a de pteridófitas como os fentos femia, macho, do peite, lingua de cervo e cabriña, entre outras especies, como así mesmo tamén de liques, brións e fungos, mostra da excelente cualidade de humidade ambiental e atmosférica.

Nas zonas de prados destaca así mesmo a presenza das vimbieiras, plantadas polo uso posterior das súas ramas como amarradeiras nos cultivos. E nalgunhas zonas tamén de especies froiteiras como en especial as maceiras.

Roteiro Barranco do inferno 4

Entre a fauna é salientable a presenza de invertebrados como os cabaliños do demo e as libélulas ou as bolboretas, con moitas especies pechando o seu ciclo anual de adultas por esta época, e entre a vertebrada a dos anfibios, con especies endémicas ibéricas como por exemplo a ra patilonga ou o sapiño pinto. Tamén e de salientar a presenza das aves que desde as máis pequenas como a carriza, o paporrubio, as papuxas ou os ferreiriños, a outras medianas como os merlos, os tordos, os petos, as pegas ou os pombos, ás insectívoras e rurais anduriñas, rematando a súa estancia estival, ata as rapaces como o miñato ou o gabián sen esquecer as que están nesta fase do ano de paso migratorio como por exemplo os tamén insectívoros papamoscas. Entre as especies nocturnas destacan distintas especies de morcegos, de mamíferos e micromamíferos máis aves como poden ser a curuxa ou a avelaiona.

Ao redor das ribeiras e, a nivel agropecuario, destaca a presenza dun mosaico de leiras adicadas ao cultivo de cereais como o millo groso, produtos da horta e por outra banda e en especial nas zonas máis solleiras, do viñedo que, nesta zona do Morrazo e máis concretamente na parroquia de Cela, tén como emblema a variedade local da uva tintafemia.

No seu conxunto -bosque de ribeira, prados e área agropecuaria- representa un territorio de val de grande valor ambiental e paisaxístico, agrandado pola súa confluencia coa ría de Pontevedra, con extraordinarias estampas desde as zonas máis altas, en Antepazo e sobre todo no Río e no Burgo, con amplas panorámicas que van desde a enseada de Bueu ata os montes costeiros da Cova e Sobareiro máis a Illa do Santo ao seu carón, na outra marxe o litoral e os montes da península do Salnés desde O Castrove ata a Punta do Cabicastro, máis ao lonxe e trala ría de Arousa os altos cumes do Barbanza coa Curota no máis alto, e finalmente as Illas Ons, na entrada da ría, máis Sálvora, pertencentes ao PNMT das Illas Atlánticas.

A nivel cultural destaca a nivel etnográfico pola presenza na súa contorna de fontes, lavadoiros, levadas de auga, pontellas e en especial polo ao redor de vinte muíños hidráulicos existentes ao longo do rego. Hainos de cubo e de canle, de tellado a unha e a dúas augas, con inscripcións, con unha e dúas moas, algúns reconstruídos sobre outros anteriores e a maioría son de herdeiros, ou sexa de xestión mancomunada por grupos da veciñanza, que se repartían as labores da súa xestión, reparación e sobre todo das horas de moenda, formalmente escriturado en actas notariais e onde as horas íanse herdando xeración tras xeración, feito que se levou a cabo desde mediados do século XVII ata mediados do século pasado, coincidindo coa entrada e o auxe das plantacións cerealísticas do millo groso, importado anteriormente de América, e a economía do autoabastecemento.

Roteiro Barranco do inferno 5

Tamén destaca a cantidade de edificacións en pedra de vivendas, alpendres, valos e en especial dos hórreos, con distinta tipoloxía e algúns coa figura do reloxo de sol riba do tellado, en lugares como Antepazo, O Río, O Burgo ou A Torre, feito directamente relacionado coa actividade rural e agraria na proximidade a costa da fertilidade das terras das ribeiras e do ciclo da auga procedente do rego e a súa espallada rede hidrolóxica. O Burgo edifícouse na parte alta da parroquia como poboación pequena a continuación do Igrexario. Antepazo é outra pequena poboación que como di o nome está nunha situación xeográfica anterior á existencia dun pazo ou casa señorial. Esta casa señorial é a que da nome ao seguinte núcleo de poboación da Torre, por debaixo do Igrexario e onde no medievo, polo século XV, xa existía unha torre ou casa solariega, coñecida naquel momento pola familia dos Soutomaior e Charino como a Casa de Cela e os seus restos están catalogados na actualidade como o xacemento arqueolóxico da Torre Vella. Na proximidade existe na actualidade a edificación coñecida como a Casa dos Freire, con escudos do Santo Oficio, mostra do poderío civil, económico e eclesiástico que estas familias señoriais e fidalgas tiveron e someteron sobre a veciñanza desde o medievo e sobre todo durante toda a Idade Moderna.

As principais afeccións nas últimas décadas ás ribeiras do rego do Barranco do Inferno foron a eucaliptización, a invasión das falsas acacias e outras especies invasoras como a tradescantia, a tritonia ou as canas índicas e de bambú, a utilización de biocidas, as verteduras de lixo e de entullos, de augas residuais, a artificialización das ribeiras e do propio leito fluvial, a canalización do tramo final, o urbanismo incontrolado, a instalación de torretas e cableados aéreos de tensión eléctrica, a corta indiscriminada do arborado de ribeira e o abandono e degradación do patrimonio cultural e etnográfico, en especial dos muíños de auga.

Roteiro Barranco do inferno 2

Para a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo as ribeiras do rego do Barranco do Inferno, dada a súa importancia a nivel paisaxístico, ambiental e cultural e como corredor natural e ecolóxico, deberían ter a catalogación de Espazo Natural de Interese Local (ENIL), xunto coas ribeiras do outro rego de importancia da parroquia, o rego da Pena, procedendo á conservación e á recuperación así como á posta en valor dos seus valores, incluídos os sociais e económicos derivados das actividades tradicionais e agropecuarias consonte cos culturais e ambientais.

Advertisements

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s