Arquivos mensuais: Outubro 2019

Luita Verde preséntalle observacións ao borrador do PXOM de Cangas

O Colectivo Ecoloxista Luita Verde presentou o luns 29 de outubro algunhas observacións ao borrador do PXOM de Cangas.

panorámica desde Outeiro Batente (Montes do Hio)

Panorámica desde Outeiro Batente (Montes do Hio)

1) O territorio municipal correspondente aos espazos naturais Barra, Cabo Home e Carballeira de Coiro segundo as antigas Normas Complementarias e Subsidiarias de Planeamento da Provincia de Pontevedra, deben seguir clasificados na súa integridade no futuro PXOM como solo rústico de especial protección de espazos naturais, tal e como está recollido nas actuais e vixentes Normas Subsidiarias de Planeamento municipais (NSP) xa que manteñen boa parte dos valores ambientais, ecolóxicos, biolóxicos, botánicos, paisaxísticos, científicos, educativos ou recreativos, polos que foron clasificadas dentro deses espazos naturais protexidos e integrados así mesmo no Rexistro Xeral de Espazos Naturais de Galicia, a inicios da década dos noventa do século pasado.

Así mesmo debe seguir clasificado tamén como solo rústico de especial protección de espazos naturais a Serra da Madalena e o Monte Borrallido, tal e como está recollido nas actuais e vixentes NSP ou no seu caso como solo rústico de especial protección de espazos naturais e paisaxístico como os espazos naturais que expoñemos no seguinte apartado.

panorámica da ría de Vigo desde o cume do Castelo de Darbo

Vistas desde o Castelo de Darbo

2) O Castelo de Darbo, Pico Garita e Balcón do Rei, Serra Nacente, Monte de Varalonga e Outeiro da Raposa, e os montes do Hio cos altos da Fanica, Outeiro Batente, Facho de Hio, Pouso da Serra, Corral da Vara, Outeiro da Vela, Outeiro das Hedras, Cova do Pouso, A Cruz e Varalonga máis o Monte do Castro de Nerga que, segundo o borrador do PXOM, se lles clasifica simplemente como solo rústico de especial protección paisaxística deben ser clasificados como solo rústico de especial protección de espazos naturais e paisaxística polos seus valores non só paisaxísticos senón tamén naturais e xeomorfolóxicos, aos que se lles engade en moitos dos casos os patrimoniais a nivel cultural e arqueolóxico.

3) As áreas que se cualifican neste borrador de PXOM como solo rústico de especial protección de costas, debido a súa evidente condición de espazos naturais coa formación de cantís e de areeiros e dunares deben ser clasificadas na súa integridade como solo rústico de especial protección de espazos naturais e de costas, co que unido ao solo rústico de especial protección de espazos naturais da ZEC da Costa da Vela, o futuro ENIL Punta Balea-As Barreiras e a lagoa de Vilariño, estariamos protexendo a nivel ambiental a maioría da franxa litoral do municipio e de xeito continuado como corredor natural e ecolóxico, agás a superficie modificada polos recheos e instalacións portuarias diante dos núcleos urbanos de Cangas e Aldán.

Ribeira do rego Fials en Aldán

Ribeira do rego Fials en Aldán

4) As áreas naturais e/ou naturalizadas das ribeiras das concas de tódolos regos do municipio (rego Saíñas, rego Bouzós co seu afluente das Presas, rego do Puntillón ou da Pedra Cabalgada, rego de Liméns ou do Frendoal, rego Orxas co seu afluente Fials, do rego de Bouzas en Menduíña máis alá da súa integración na ZEC de Cabo Udra, dos regos de Nerga, Barra e Vilanova máis alá da sua integración na ZEC de Costa da Vela e no espazo natural de Barra, Cabo Home, e do rego do Esteiro máis alá da súa integración na lagoa de Vilariño) pola súa importancia ambiental e como corredores naturais, deben ser consideradas tamén como espazos naturais, polo que o que nas actuais e vixentes NSP está clasificado como solo rústico de especial protección de ribeiras e canles fluviais e que segundo o borrador do PXOM pasarían a ser cualificadas de simplemente solo rústico de especial protección das augas, deberían pasar a ser cualificadas no futuro PXOM como solo rústico de especial protección de espazos naturais e das augas.

Carballeira de Coiro na ribeira alta do rego Bouzós

Carballeira de Coiro na ribeira alta do rego Bouzós

5) Para que o solo rústico de especial protección de espazos naturais se adapte como espazo natural protexido á actual e vixente lexislación autonómica derivada da Lei 9/2001 de Conservación da Natureza, débese contemplar a declaración de Espazo Natural de Interese Local (ENIL) para todo o clasificado sexa como espazo natural ou asociado aos seus valores paisaxísticos, costeiros e de augas.

Xa que o anteproxecto de Lei de Patrimonio Natural e da Biodiversidade de Galicia, actualmente en trámite, ofrece xa a posibilidade futura de solicitar un ENIL de forma conxunta por varios concellos limítrofes, o Concello de Cangas debe poñerse de acordo cos Concellos de Bueu e Moaña e constituir conxuntamente un Espazo Natural de Interese Local (ENIL) que recolla como mínimo o territorio conxunto (Cangas, Bueu e Moaña) correspondente ás delimitacións do espazo natural da Carballeira de Coiro segundo as antigas Normas Complementarias e Subsidiarias de Planeamento da Provincia de Pontevedra, dada a súa importancia como unidade ecolóxica e corredor natural de carballeiras termófilas galaico-portuguesas e de bosque caducifolio atlántico de asociación da carballeira co bosque aluvial, e tendo en conta ademais que os ditos concellos de Bueu e Moaña xa teñen así mesmo clasificados como solo rústico de especial protección os seus territorios correspondentes a dito espazo natural nos seus correspondentes PXOM.

6) O solo rústico de especial protección de espazos naturais, paisaxístico, costeiro e fluvial, unha vez adaptado como espazo natural protexido á Lei 9/2001 de Conservación da Natureza á través da súa constitución como ENIL e tendo en conta que esas proteccións ambientais por lei non poden estar en contra dos usos e actividades humanas, tanto das tradicionais como as agroforestais ou gandeiras como das máis modernas como por exemplo as recreativas senón que, ao contrario, deben quedar ordenadas e reguladas de xeito máis sustentable, e non precisamente como estivo sucedendo ata actualidade, sen apenas control de ningún tipo, tamén daría cabida á priorización de consecución de inversións económicas a nivel municipal, autonómico ou europeo que terían que ser investidas prioritariamente na conservación, mais tamén na recuperación e posta en valor dos valores ambientais, sociais e culturais do conxunto dos espazos naturais protexidos e a conseguinte xeración de postos de emprego a nivel local.

7) Manter o solo rústico de especial protección agropecuario, tal e como está clasificado nas actuais e vixentes NSP, avogando ademais pola potenciación dunha agricultura e gandeiría ecolóxica e autosuficiente a nivel local, libre de produtos biocidas sistémicos e de transxénicos. Nos terreos que non se decida producir débense deixar naturalizar, para formar ao cabo do espazo de tempo carballeira ou bosque de ribeira a nivel climácico, dentro da fase secundaria da sucesión ecolóxica.

No entanto, do solo rústico de especial protección forestal que, por unha parte pasaría a clasificarse dentro do solo rústico de especial protección natural e paisaxístico e por outra seguiría como solo rústico de especial protección forestal tal e como está clasificado nas actuais e vixentes NSP, débese apostar por unha multifuncionalidade do uso do solo forestal máis alá do madeireiro respetando as áreas de monte baixo da matogueira e do planalto, apostando así mesmo pola urxente e efectiva deseucaliptización e a erradicación das outras especies alóctonas, pirófitas e invasoras como as acacias e mimosas, e pola substitución dos monocultivos forestais, pola plantación con diversas especies, partindo dun 30% do total con especies frondosas e autóctonas, de xeito naturalizado, libre así mesmo da utilización de biocidas sistémicos, prohibindo expresamente as cortas a matarrasa e cunhas técnicas de silvicultura, corta e transporte da madeira que respeten o ciclo natural das especies e a contorna paisaxística e natural e tamén a cultural a nivel arqueolóxico e etnográfico.

petróglifo de Outeiro de Río Loureiro en Aldán

Petróglifo de Outeiro de Río Loureiro en Aldán

8) Máis alá de quedarse na simple retórica de que o Plan Xeral recollerá o inventario completo e actualizado dos bens que merezan protección polo seu valor arqueolóxico, debe poñelo en valor máis alá do seu simple inventario, para o que debe comezar por descentralizar a case exclusiva atención con respecto ao xacemento do Facho de Donón e abrilo á maioría dos elementos culturais inventariados e catalogados, que xa supera o cento entre xacementos e achados, acollendo así mesmo o importante patrimonio etnográfico e civil existente por todo o municipio, principalmente no solo rústico de especial protección e o rural, e que na actualidade e en conxunto están en boa parte no estado máis absoluto de abandono e degradación.

A súa posta en valor, ao menor impacto ambiental e co abaratamento dos custes económicos e en inversións que iso supón con respecto ao que convencionalmente se adoita facer, en especial co exceso de mobiliario e cartelería, recollería á parte dos valores culturais tamén os da súa contorna paisaxística e natural a través dos espazos terrestres e forestais, da costa, da ribeira dos regos ou do solo rural por sendeiros guiados, moitas das veces por elementos culturais a protexer como por exemplo, as corredoiras, que non adoitan ter protección de ningún tipo nas planificacións urbanísticas e sen máis a propia deste municipio de Cangas.

A clasificación como Espazo Natural de Interese Local (ENIL) para grande parte do solo ao redor do que se sitúan a maioría dos elementos do inventario de patrimonio arquelóxico e o etnográfico existente no municipio axudaría ao compromiso directo da súa recuperación, conservación e posta en valor por parte do concello como así mesmo a súa armonización coa propia contorna natural.

9) A área de Recualificación ambiental e para Cohesión Social a nome de Balea/ Salgueirón non debe existir, xa que o que eran no Salgueirón os terreos do antigo complexo industrial dos Hnos. Massó e nas vixentes NSP integrados dentro da UA-27 de solo urbano, teñen que ser destinados na súa integridade como zona de equipamentos, espazos libres e zonas verdes, a través da recuperación e posta en valor cultural, social e ambiental do patrimonio industrial e arquitectónico, dos xardíns e arboretos e das zonas baldías do antigo complexo empresarial, totalmente diferenciado da área de Balea onde xa existe unha trama urbanizada. Esa zona de equipamentos, espazos libres e zonas verdes do Salgueirón tén que ser baixo a concepción de que corresponde historicamente por necesidade ao municipio tras o grande desorden e malfacer de planificación urbanística levada a cabo nas últimas décadas e non como punto de inicio no futuro de máis construción engadida ao seu redor.

Punta Rocha dos Patos na enseada de Liméns

Punta Rocha dos Patos na enseada de Liméns

Tanto esta como o resto das áreas de recualificación presentadas no borrador do PXOM (Alada/Areabrava-Ameixide/Arneles-O Igrexario, Menduiña/Francón, Nerga, Liméns/Santa Marta, Avda. Ourense/Punta Rodeira) son moi cuestionables xa que dan cabida encuberta a través dunha interesada interpretación do Plan de Ordenación do Litoral (POL) para desenvolver distintos paquetes de nova construción dentro da zonificación de Mellora Ambiental e Paisaxística, onde a edificabilidade ten que ser como moito excepcional e de maneira xustificada, respectando así mesmo unha área tampón co solo rústico de especial protección, na súa maioría de costas e de espazos naturais.

A área de recualificación para o Parque Empesarial afecta, no Monte de Campelo, a conca de nacemento dun afluente do rego Nocedo, corredor natural con desembocadura na ZEC do espazo natural de Cabo Udra. Por outra banda habería que xustificar se é necesario unha área empresarial neste lugar existindo xa unha en fase de legalización na Portela e a do Concello de Bueu na proximidade, en Castiñeiras. Os terreos nos que se pretende ubicar este Parque Empresarial, ao redor das naves e explotación mineira da antiga empresa Granitos Aldán, debería no seu caso procederse a súa correspondente fase de restauración ambiental tras o cese ou caducidade da actividade industrial e mineira.

Mesa de Montes na Serra da Madalena

Mesa de Montes na Serra da Madalena

10) A planificación futura debe estar baseada no decrecemento e na restauración das áreas mal edificadas no pasado adaptandose arquitectonicamente á dinámica natural tanto terrestre, fluvial como marítima nun contexto global e crecente de mudanza climática e de suba do nivel do mar, na protección ambiental dunha maioría do territorio municipal, na posta en valor de xeito integral e sustentable dos recursos naturais, sociais e culturais do municipio, no aforro e na autosuficiencia enerxética a través do fomento das enerxías renovables descentralizado da rede xeral e do monopolio empresarial, nunha rede de abastecemento e de saneamento das augas residuais integral, na desincentivación do uso do automóbil privado e na potenciación do transporte público e colectivo e de vías peonís e bici de xeito integral por toda a rede viaria, e nun modelo efectivo de tratamento de RSU baseado na reciclaxe e a compostaxe dentro do principio dos 3R (Redución, Reutilización e Reciclaxe).

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

III Xornadas pola protección e posta en valor do patrimonio de San Xián

Presentación de PowerPointO colectivo Monte Pituco celebrará os días 15 e 16 de novembro as ‘III Xornadas pola protección e posta en valor do patrimonio de San Xián’, dedicadas ao legado do mestre marinense -e experto en arqueoloxía- Carlos Paratcha Vázquez. A primeira sesión será o venres 15 ás 20:30 horas na Adega A Capeleira, coa participación do doutor José Casal e do arqueólogo Antonio de la Peña nunha ‘barferencia’ na que se trazará o perfil biográfico de Paratcha. Trala homenaxe, ao día seguinte, sábado 16, co gallo do Día Mundial do Patrimonio Cultural, realizarase unha andaina a partir das 10:00 horas dende a arboreda do Monte Pornedo, para visitar varios xacementos que descubriu, como os conxuntos rupestres do Pornedo, A Carrasca e Champás.

Coetáneo de persoeiros tan relevantes como o historiador marinense Antonio Blanco Freijeiro, os que foran director e secretario do Museo Provincial de Pontevedra, Xosé Filgueira Valderde e Alfredo García Alén, o arqueólogo Ramón Sobrino Lorenzo-Ruza e o lingüista e etnógrafo Elixio Rivas, Carlos Paratcha dedicou boa parte da súa vida a investigar e dar a coñecer vestixios prehistóricos non só de Marín, senón tamén de localidades como Campo Lameiro e Moraña.

Malia a súa valiosa e incuestionable achega á historia e á cultura local, fundamentalmente entre os anos 50 e 60 do século pasado, trátase dunha figura inxustamente descoñecida na vila marinense, onde cómpre que as institucións públicas impulsen un merecido recoñecemento ao seu labor.

A posta en marcha destas Xornadas xurden 2017 pola necesidade de animar a veciñanza a coñecer, aprezar e defender o importante patrimonio cultural e arqueolóxico que posúe San Xián, a parroquia coa maior densidade e diversidade de gravados prehistóricos -algúns de recente decubrimento- non só do Concello de Marín, senón da bisbarra do Morrazo. Na primeira edición, o experto en patrimonio, investigador e divulgador Antonio Costa presentou a súa experiencia na posta en práctica da técnica da reconstitución dixital 3D aplicada aos petróglifos de San Xián. O pasado ano, os protagonistas foron os letrados do equipo xurídico que logrou dúas sentenzas firmes do TSXG obrigando o Concello de Marín e a Xunta a anular o polígono industrial que proxectaran no Monte Pornedo.

CERTAME FOTOGRÁFICO

iicertameobdrbNo marco destas Xornadas pola protección e posta en valor do patrimonio de San Xián, o colectivo Monte Pituco volveu convocar por segundo ano o Certame Fotográfico ‘O balcón da ría’. A participación consiste en tomar imaxes do Monte Pornedo e dos arredores, e compartilas nas redes sociais etiquetando en Instagram o perfil “obalcondaria” ou en Facebook a páxina “Salvemos o Monte Pituco (Pornedo)”. Admitiranse fotografías da paisaxe, da flora e da fauna, dos mananciais, dos xacementos arqueolóxicos, dos sendeiros e doutros elementos que realcen o valor visual, natural e cultural da zona, acompañándoas cun breve texto descritivo.

O venres 15 de novembro, ao remate da ‘barferencia’ de José Casal e Antonio de la Peña na Adega A Capeleira, entregaranse agasallos ás autoras e autores das imaxes máis valoradas. O prazo para achegar instantáneas permanecerá aberto ata o domingo 10 de novembro.

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Roteiro pola protección das carballeiras da parroquia de Coiro

roteiro-coiroA Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo organiza o domingo 27 de outubro un roteiro para dar a coñecer a importancia natural, paisaxística e cultural da contorna natural das carballeiras da parroquia de Coiro, catalogada na actualidade como solo rústico de especial protección de espazos naturais, no Concello de Cangas.

O roteiro, segundo deste outono, será circular e sairá ás 10 da mañá do adro da igrexa de Coiro, para chegar ás 14 h. ao mesmo lugar.

O percorrido transcorrerá por vial rural, corredoiras e camiños de pé polos lugares do Igrexario, Espiñeiro, A Pena, Pedra Grande, A Chan de Coiro, Pedra da Edra, A Fraga, O Carballal e O Igrexario.

Para se achegar ao punto da saída hai que coller pola estrada EP-1001 e a igrexa de Coiro está a uns 100 metros en subida con desvío diante do cruceiro e o centro cultural parroquial.

Recomendamos que de se achegar en vehículo privado, por ética e polas limitacións do aparcamento, as persoas que asistan utilicen a capacidade máxima do seu vehículo, compartíndoo con outras persoas. Recomendamos tamén traer roupa e calzado de trote axeitados para a época outonal.

Roteiro Carballal de Coiro 1

As carballeiras da parroquia de Coiro forman parte inseparable como corredor natural e unidade ecolóxica do antigo Espazo Natural Protexido do Carballal de Coiro segundo as antigas Normas Complementarias e Subsidiarias de Planeamento da provincia de Pontevedra. Conta cunha superficie aproximada de 365 has. e abrangue territorio conxunto nos concellos de Cangas, Bueu e Moaña e contén no seu seo un dos bosques caducifolios atlánticos, onde predomina o carballo, máis importantes das Rías Baixas.

Na área que corresponde aos montes da parroquia de Coiro e que lle deu nome ao conxunto do espazo natural protexido a nivel provincial nos inicios da década dos noventa do século pasado, destacan as carballeiras ao redor das ribeiras do tramo alto do rego Bouzós, entre os lugares do Carballal e A Fraga, fitónimos que aluden precisamente á existencia histórica do bosque caducifolio e o carballo como especie en particular.

Mais tamén as que se espallan polo tramo alto do dito rego ao redor dos 300 metros de altitude sobre o nivel do mar cara á Serra de Coiro e dos lugares de Pedra da Edra e Chan de Coiro ata a Pedra Grande e o Pouso das Cruces, no límite cos montes das parroquias de Ermelo (Bueu) e de Moaña (Moaña), onde posteriormente e de xeito continuado se extenden polos lugares de Esperón, Fonte das Eguas, Chans de Ermelo, o Xestoso e A Paralaia, dentro do mesmo espazo natural e formando como corredor natural a dita unidade ecolóxica.

Roteiro Carballal de Coiro 2

As carballeiras da parroquia de Coiro á parte de ser as máis representativas do municipio e da súa importancia a nivel morracense e do conxunto das Rías Baixas por formar parte do conxunto do espazo natural do Carballal de Coiro, representan a nivel europeo o hábitat de interese comunitario de carballeiras galaico portuguesas e, na súa confluencia nas áreas de ribeira, conforman por engadido o hábitat natural prioritario de bosques aluviais da Europa atemperada.

A predominancia do carballo débese a que esta é a especie clímax ou potencial que a través da sucesión ecolóxica -mato baixo, mato alto, bosque- xorde ao natural, neste caso de xeito secundario tras o cese da actividade humana que, de xeito secular ou milenario, alterara anteriormente o proceso de formación primaria do bosque. Tamén o é de xeito termófilo a nivel atlántico, porque o carballo adáptase nas condicións óptimas durante a fase de insolación a nivel anual e de feito as carballeiras de Coiro a través da fonda conca da ribeira alta do rego Bouzós están orientadas para recibir a maior cantidade posible de sol ao día. E tamén o é a nivel acidófilo polo tipo de chan no que se desenvolve, a nivel local sobre rocha granítica e granodiorítica.

Roteiro Carballal de Coiro 3

A formación natural destas carballeiras é relativamente recente xa que son o resultado en grande medida do abandono progresivo da secular e intensiva intervención humana a nivel agroforestal e gandeira, entre inicios e mediados do século pasado. Dentro da carballeira actual existen algúns exemplares de carballos que entre a densa masa arbórea e en especial preto das ribeiras, chegan a ser singulares e de grande tamaño.

Acompañando ao carballo tamén se atopan exemplares espallados de castiñeiro que, malia ser unha especie non climácica senón máis ben produto da súa plantación desde a antigüidade, non deixa de ser unha especie autóctona e de grande valor ecóloxico, tanto pola súa frondosidade como polo valor enerxético do seu froito, a castaña que, ao igual que a landra do carballo, son unha excelente despensa para a fauna.

Na área máis cercana ao leito fluvial o carballo dá paso á existencia de especies tamén clímax, porén máis propias da ribeira como o ameneiro, con exemplares adultos e de grande envergadura.

Roteiro Carballal de Coiro 4

Debaixo destas árbores, no sotobosque, existe ademais unha grande biodiversidade de especies arbustivas, como por exemplo loureiros, abelaneiras, estripeiros, pereiras bravas, sanguiños, sabugueiros, hedras, silveiras ou a xilbarbeira, especie picuda, coriácea e de ambiente máis ben mediterráneo que, xunto co carballo a nivel termófilo, representan as especies que dan denominación fitosociolóxica Rusco aculeati-Quercetum roboris ás carballeiras naturais do Sur e Oeste de Galiza e do Noroeste de Portugal.

Esa biodiversidade increméntase de xeito exponencial na parte da vexetación menor e herbácea, en especial coa extraordinaria cantidade de fentos, á parte da grande presenza de liques, brións e tamén de fungos, tanto na biomasa como cubrindo a rocha e os muros das penedías, mostra ademais da excelente calidade atmosférica e ambiental do lugar.

Por outra banda, aproveitando que estamos na fase outonal, a paisaxe resáltase cos múltiples cambios cromáticos na composición do bosque caducifolio e da vexetación existente baixo del, ao que se lle suma a espectacularidade das fervenzas que existen ao longo do leito na ribeira alta do rego Bouzós, que van collendo forza de novo tras a chegada das chuvias outonais.

No que se refire á fauna, só hai que remitirse a estudos de principios dos anos 90 do século pasado que xa amosaban a existencia de máis de 150 especies de fauna vertebrada -mamíferos, micromamíferos, aves, anfibios e réptiles- polo conxunto do espazo natural, incluídas especies endémicas do noroeste e oeste ibérico, algunhas destas en situación de vulnerabilidade.

Teñen tamén moita importancia a fauna invertebrada, en especial a referente ao ámbito forestal, e concretamente ás carballeiras, como son por exemplo a vacaloura ou o capricornio dos carballos, escarabellos que necesitan para sobrevivir  as carballeiras adultas e consolidadas, como o son de feito estas de Coiro.

A nivel cultural e arqueolóxico, cómpre salientar que por riba do Igrexario está situado o xacemento galaico-romano do castro de Pedralán. Outro xacemento catalogado como medieval é o que está situado ao redor da Pedra da Pena e no límite coa parroquia de Moaña. No Chan de Coiro tamén podemos atopar un asentamento adscrito culturalmente ao calcolítico. Na parte máis baixa do Carballal está situado o xacemento dos Laguiños, outro asentamento adscrito á idade do bronce. A isto hai que lle engadir o machado do paleolítico que un veciño atopou nos anos 50 do século pasado nun lugar aínda por determinar nos montes desta parroquia. Por outra banda, no Monte da Pena existen tamén uns abrigueiros de adscrición cultural indeterminada que proban a ocupación e reocupación deste territorio por parte do ser humano desde as fases máis remotas da prehistoria ata as máis recentes desta época, chegando a ser ocupado tamén durante fases intermedias da historia.

Roteiro Carballal de Coiro 5

A nivel etnográfico destacan a presenza de antigas presas de mananciais e levadas de auga para o regadío, as corredoiras ou os vellos muros de pedra de separación dos predios ou con respecto ás pendentes naturais, vestixios da función agrofoestal e gandeira e mesmo pedreira, ata o máis recente pasado.

As principais afeccións nas últimas décadas á contorna natural das carballeiras da parroquia de Coiro foron a eucaliptización, o espallamento doutras especies arbóreas alóctonas, invasoras e mesmo tamén pirófitas, en especial as falsas acacias e as mimosas, as cortas indiscriminadas de carballos e outras especies caducifolias autóctonas, as verteduras de lixo e de entullos, a construción do corredor de alta capacidade do Morrazo e máis recentemente a desaparición da figura de protección que tiña o espazo natural protexido do Carballal de Coiro nas Normas Complementarias e Subsidiarias de Planeamento da provincia de Pontevedra ao seren estas normas substituídas en agosto de 2018 polo Plan Básico Autonómico da Xunta de Galiza.

A principal ameaza de cara ao futuro, tendo en conta o anterior parágrafo, é a recualificación urbanística que pretende realizar o Concello de Cangas que, dentro do borrador de avance do PXOM en trámite na actualidade, xa propón eliminar a clasificación actual de solo rústico de especial protección de espazos naturais para os montes da parroquia integrados no espazo natural do Carballal de Coiro e substituila por outras clasificacións de solo rústico incluído a de solo rústico ordinario, ou sexa, sen nengún tipo de especial protección, á parte de non consideralos un espazo natural de interese.

Para a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo esa proposta recualificadora por parte do concello cangués carece de calquera xustificación xa que boa parte dos valores ambientais polos que foron integrados os montes desta parroquia no espazo natural protexido do Carballal de Coiro, hai ao redor de trinta anos, seguen intactos. Así mesmo porque o Concello de Cangas debería manter a coherencia coa estratexia levada a cabo polos Concellos de Moaña e Bueu, que si mantiveron na aprobación definitiva dos seus PXOM a clasificación de solo rústico de especial protección de espazos naturais para os montes das parroquias de Moaña e Ermelo integrados no espazo natural do Carballal de Coiro segundo as antigas Normas Complementarias e Subsidiarias de Planeamento da provincia de Pontevedra.

Carballal de Coiro 6

Para que o antigo espazo natural do Carballal de Coiro pasara a ter unha figura de protección ambiental propiamente dita e entrara a formar parte da Rede Galega de Espazos Naturais Protexidos, a Plataforma solicitoulle á Xunta de Galiza a ampliación da Rede Natura galega cara a un novo Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) que, a nome de Montes e Carballeiras do Morrazo, recollese os espazos naturais dos Montes do Morrazo e Carballal de Coiro segundo as antigas Normas Complementarias e Subsidiarias de Planeamento da provincia de Pontevedra máis outros ampliables, por considerármolos uns espazos naturais de alta importancia ambiental e corredor ecolóxico.

Outra alternativa na actualidade sería a da constitución dun Espazo Natural de Interese Local (ENIL) a nivel supramunicipal onde acollera as masas máis importantes de carballeira do Morrazo, e dentro delas as carballeiras integradas dentro do antigo espazo natural protexido do Carballal de Coiro, tendo en conta que o anteproxecto de Lei de Patrimonio Natural e da Biodiversidade de Galiza en trámite, ofrece xa a posibilidade futura de solicitar un ENIL de forma conxunta por varios concellos limítrofes.

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

O Concello de Cangas desprotexe o Carballal de Coiro

DSC09540Reproducimos o comunicado elaborado polo Colectivo Ecoloxista Luita Verde para denunciar que o Concello de Cangas desprotexe o Carballal de Coiro no borrador do seu PXOM.

O Colectivo Ecoloxista Luita Verde quere manifestar publicamente que o Concello de Cangas, segundo o borrador do seu PXOM a información pública, pretende eliminar a catalogación vixente de solo rústico de especial protección de espazos naturais para o territorio municipal pertencente ao antigo espazo natural protexido do Carballal de Coiro, na parroquia do mesmo nome, e dividilo en solo rústico de especial protección paisaxística, forestal, patrimonial, de augas e incluso en solo rústico ordinario, ou sexa, a calificación máis baixa dentro do solo rústico, fóra de calquera protección especial.

En base a iso tampouco o considera un espazo natural de interese cando durante 30 anos -ata agosto de 2018 coa aprobación do Plan Básico Autonómico- deu nome ao dito espazo natural que a través de 365 has. de terreo acolleu dentro do seu ámbito territorio compartido dos concellos de Cangas, Bueu e Moaña e que aínda conserva boa parte dos valores ambientais polos que no seu momento, a principios da dos noventa do século pasado, foi clasificado espazo natural a través das Normas Subsidiarias e Complementarias de Planeamento da provincia de Pontevedra e integrado así mesmo dentro do Rexistro Xeral de Espazos Naturais de Galicia, en especial pola existencia dun dos máis importantes bosques caducifolios atlánticos das Rías Baixas, con predominio da carballeira termófila.

Ao tanto Luita Verde quere salientar que os montes da parroquia canguesa de Coiro conservan unha parte das máis importantes carballeiras salvaxes de dito espazo natural e a nivel morracense, en especial nas ribeiras media e alta do rego Bouzós entre os lugares do Carballal e A Fraga, dignas de protexer a nivel ambiental ao mesmo cás que lle dan continuidade no mesmo espazo natural polos montes das parroquias de Ermelo (Bueu) e Moaña (Moaña) polos lugares de Esperón, Pouso das Cruces, Fonte das Eguas, Chans, O Xestoso e A Paralaia, formando unha mesma unidade ecolóxica e corredor natural, con hábitats naturais de interese comunitario e mesmo prioritario nas áreas ribeireñas, especies de fauna e flora salvaxe así mesmo de interese e a protexer, con endemismos ibéricos e en situación de vulnerabilidade e integradas así mesmo dentro dos anexos das Directivas Hábitats (92/43/CE) e Aves (79/49/CEE) a nivel europeo.

DSC09566

Luita Verde quere resaltar que mentras os Concellos de Bueu e Moaña si respetaron e seguiron clasificando como solo rústico de especial protección de espazos naturais as súas partes de territorio integradas no antigo espazo natural do Carballal de Coiro nos seus PXOM aprobados ao longo desta década, o Concello de Cangas polo contrario e cando tiña que ser o que dera máis exemplo, non o pretende levar a cabo na actualidade desprotexendo e amosando ao mesmo tempo unha falta total de coherencia coa clasificación protectora dos outros dous concellos.

Por outra banda para Luita Verde non deixa de ser tristemente un reflexo máis do desinterese por parte deste concello que, con gobernos de distintas cores e ideoloxías políticas, tivo e tén desde hai tempo con respecto a este espazo natural, principalmente desde que a Xunta de Galicia proxectou a principios da década pasada o corredor de alta capacidade do Morrazo pola parte baixa do dito espazo natural que, á parte do grave e irreversible impacto ambiental producido, supuso tamén un empioramento das súas condicións ambientais, co incremento e mesmo chegada de novas especies alóctonas, invasoras e mesmo pirófitas que unido á eucaliptización e a outras problemáticas relacionadas cos usos e actividades humanas e ao desleixo e abandono social dos últimos anos con respecto ao territorio integrado neste espazo, está a dar un proceso de degradación e desvalorización dos valores ambientais, sociais e culturais moi preocupante, motivo polo que entendemos que é precisamente agora cando se fai máis necesaria que se lle dea canto antes unha protección ambiental efectiva e propiamente dita, antes de que sexa realmente tarde.

A isto engádeselle que as novas clasificacións do solo rústico propostas no borrador do PXOM, á parte de desprotexer o territorio a nivel ambiental, farían máis factible no futuro a súa recualificación urbanística e mesmo producirían unha maior indefensión ante proxectos supramunicipais. Ao tanto queremos lembrar a modo de exemplo que a mediados da década pasada chegou a presentarse autorización para un proxecto de investigación mineira coa intención final de explotar unha canteira a ceo aberto para extracción de granito ornamental por todo o espazo natural que precisamente se abortou grazas sobre todo á integración naquel momento do Carballal de Coiro como espazo natural protexido dentro das Normas Subsidiarias provinciais. No futuro e diante dun proxecto similar quedaría totalmente en entredito ese amparo ambiental, principalmente no Concello de Cangas.

A realidade é que o Concello de Cangas e de cara ao futuro, se nos atemos ao borrador de PXOM actualmente a exposición pública, só pretende considerar espazos naturais e a protexer no seu municipio a Zona de Especial Conservación da Costa da Vela, o futurible Espazo Natural de Interese Local de Punta Balea-As Barreiras e o humidal inventariado da lagoa de Vilariño, todos eles ubicados en estreitas e inconexas franxas do litoral mentras deixa fóra desa consideración e protección a maioría do resto do seu municipio, incluído o antigo espazo natural protexido do Carballal de Coiro.

DSC09578

Luita Verde vai presentar as correspondentes observacións á actual fase de información pública do PXOM e no caso de persistir o Concello de Cangas nas súas pretensións actuais esperararía tamén á correspondente e legal fase de información pública da aprobación inicial do dito PXOM para, neste caso, presentar as correspondentes alegacións.

Ao tanto vai solicitar que a parte municipal do antigo espazo natural do Carballal de Coiro na parroquia do mesmo nome manteña a clasificación de solo rústico de especial protección de espazos naturais existente nas actuais e aínda vixentes Normas Subsidiarias de Planeamento, en coherencia co xa clasificado desta maneira polos PXOM aprobados polos Concellos de Bueu e Moaña nos seus terreos municipais correspondentes no pasado ao mesmo espazo natural.

Por engadido, e para que este solo rústico teña a condición real de espazo natural protexido, segundo a lexislación autonómica actual, vamos solicitar que o Concello de Cangas se poña de acordo cos Concellos de Bueu e Moaña e poidan constituír conxuntamente no futuro e no máis breve espazo de tempo un Espazo Natural de Interese Local (ENIL) que, a nome de Carballeiras do Morrazo, recolla como mínimo as 365 has. correspondentes ás delimitacións do antigo espazo natural do Carballal de Coiro segundo as desaparecidas Normas Subsidiarias de Planeamento da Provincia de Pontevedra. Todo isto tendo en conta que o anteproxecto de Lei de Patrimonio Natural e da Biodiversidade de Galicia en trámite, ofrece xa a posibilidade futura de solicitar un ENIL de forma conxunta por varios concellos limítrofes.

Finalmente tamén queremos facer constar que esta protección ambiental por lei non pode estar en contra dos usos e actividades humanas, tanto das tradicionais como das forestais ou gandeiras como das máis modernas como as recreativas senón que, ao contrario, quedarían ordenadas e reguladas de xeito máis sustentable, e non precisamente como estivo sucedendo ata a actualidade, sen apenas control de ningún tipo. Por outra banda tamén daría cabida á priorización da consecución de investimentos económicos a nivel municipal, autonómico ou europeo que terían que ser investidos prioritariamente na conservación, mais tamén na recuperación e posta en valor dos valores ambientais, sociais e culturais do conxunto do espazo natural e a conseguinte xeración de postos de emprego a nivel local.

 

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized