Arquivos mensuais: Novembro 2019

Luita Verde denuncia que o Concello de Cangas verte entullos no río Saíñas

SAM_8800As chuvias torrenciais deste outono están comezando a depositar no leito do río Saíñas restos de entullos que está a verter dentro do dominio público hidráulico, na proximidade do CEIP A Rúa, na parroquia de Coiro, o persoal de Servizos e Obras do Concello de Cangas desde hai ano e medio, despois de que as ditas verteduras fosen denunciadas polo Colectivo Ecoloxista Luita Verde na Demarcación Sur Vigo de Augas de Galicia en data do 5 de abril de 2018 e máis recentemente o pasado 2 de xullo de 2019.

Isto está a suceder nun terreo dentro da ribeira do río de 2 metros de desnivel onde os operarios do concello instalaron previamente e de maneira totalmente precaria e sen ningún tipo de rigor unha empalizada de fileira de varas de madeira, por onde agora está a virse abaixo tanto parte da empalizada como as terras e entullos de obra que aínda se están a verter na actualidade por parte dos operarios no lugar.

Mais só é o comezo dunha desfeita ambiental moito maior pois as ditas verteduras en forma de explanación e á beira mesmo do río están ao redor de 100 metros lineais, lindando co muro perimetral do dito CEIP A Rúa, e onde á parte de terras e cachotería de pedra e cemento e restos vexetais chegou a verterse así mesmo residuos tóxicos como anacos de uralita e nalgunha zona chegou a deixarse incluso saco de obra, boa parte na actualidade baixo a vexetación.

Por engadido, nunha desas zonas de ribeira e tamén en desnivel, xusto por debaixo da ubicación os contedores do punto de recollida de residuos sólidos urbanos e do asfaltado do camiño da Rúa, hai un vertido incontrolado de refugallos e lixo, incluído os restos dunha pancarta relacionada cos últimos comicios electorais.

SAM_8815

O concello de Cangas, o 20 de abril de 2018, 15 días despois da nosa primeira denuncia con respecto a estes feitos Demarcación Sur Vigo de Augas de Galicia, presentou a Augas de Galicia un proxecto que, baixo a xustificación da “eliminación dun vertedoiro ilegal de residuos sólidos urbanos”, abranguía así mesmo a execución dunha plataforma de 3 m² de terra compactada a unha distancia de 2 metros do “río Bouzós”, que evidentemente non é o río Saíñas, e a plantación de “tres árbores autóctonas”, e ao considerar Augas de Galicia, que os traballos recollidos nesa documentación eran “compatibles” coa protección do dominio público hidráulico, tramitou a súa autorización e finalmente en data do 5 de xullo de 2018, emitiu o seu “informe favorable”.

Luita Verde acaba de respostarlle a Augas de Galicia que a zona do dominio público hidráulico do río Saíñas afectada polas verteduras do persoal de Servizos e Obras do Concello de Cangas non están na parcela 1107 do polígono 39 segundo a referencia catastral, xa que esta se corresponde co interior do recinto do CEIP A Rúa, cando na realidade onde se estivo e está a verter por parte do persoal do departamento de Obras e Servizos do Concello de Cangas é xusto por fóra do recinto, á beira do río e fronte ás parcelas 830, 831, 833, 834, 835, 826, 822 e 817.

Que a superficie de execución da plataforma de 3 m2 a 2 metros do río refírese ao río Bouzós, cando este río e a súa conca non se corresponde coa do río Saíñas, e supoñendo que é un erro de localización do propio concello tampouco se corresponde coa área afectada polas verteduras que é moita máis superficie que eses 3 m2, en concreto ao redor de 100 metros lineais de área de ribeira lindantes co muro perimetral do CEIP A Rúa que, por engadido, non ten xustificación e menos aínda como se estivo e se está executando.SAM_8810

Que, por engadido, a plantación das tres árbores autóctonas ás que se refire na mesma solicitude entendemos que deben ser unhas que se plantaron nas inmediacións, mais fóra da área natural de ribeira do río, en concreto á beira do camiño da Rúa, preto da rotonda de enlace da VG-4.5 e a PO-554.

E que, polo tanto, a resolución favorable de Augas de Galicia a dita solicitude do Concello de Cangas en data 05.07.2018, non é aplicable á área afectada nin aos feitos denunciados por Luita Verde o 5 de abril de 2018 e posteriormente o 2 de xullo de 2019, do que só podemos dicir que, ao noso entender, o Concello de Cangas xogou con toda probabilidade a desviar a atención con respecto a uns feitos que son da súa directa responsabilidade e do que preferimos pensar que, por outra banda, non houbo connivencia por parte de Augas de Galicia ao darlle a súa autorización.

Finalmente solicitoulle a comprobación unha vez máis e con rigor dos feitos, a apertura do correspondente expediente sancionador, a paralización das verteduras e a restauración dos terreos afectados ao seu estado natural anterior.SAM_8812

E a retirada da vertedura incontrolada de refugallos e lixo da ribeira e do dominio público hidráulico e o desplazamento do punto de recollida de residuos sólidos urbanos do lugar onde está actualmente localizado.

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Roteiro pola protección das ribeiras do Rego da Pena

roteiro rego da penaA Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo organiza o domingo 24 de novembro un roteiro para dar a coñecer a importancia natural, paisaxística e cultural da contorna natural das ribeiras do rego da Pena, catalogada na actualidade como solo rústico de especial protección de augas e patrimonial na parroquia de Cela, no Concello de Bueu.

O roteiro, terceiro deste outono, será circular e sairá ás 10 da mañá fronte do Centro de Interpretación do Litoral, na praia de Agrelo, para chegar ás 14 h. ao mesmo lugar.

O percorrido, duns 7 quilómetros de dificultade baixa, transcorrerá por vial rural, corredoiras e camiños de pé polos lugares de Agrelo, Portomaior, A Torre, Pousada, A Miranda, Murráns, O Igrexario, A Devesa, A Miranda, A Torre e Agrelo.

Para se achegar ao punto da saída hai que coller pola estrada PO-551 a través da Avenida Loureiro. Para acceder finalmente ao Centro de Interpretación do Litoral hai que coller o desvío de baixada á praia de Agrelo fronte do Restaurante O Rincón de Cela.

Recomendamos que de se achegar en vehículo privado, por ética e polas limitacións do aparcamento, as persoas que asistan utilicen a capacidade máxima do seu vehículo, compartíndoo con outras persoas. Recomendamos tamén traer roupa e calzado de trote axeitados para a época outonal.

Roteiro Rego da Pena 1

O rego da Pena, tamén chamado da Devesa Nova, ou de Pousada, do Mouro, do Tombo,… segundo por onde transcorra, nace de distintos mananciais nas Fontes de San Lourenzo, de Chans, da Cachopeira e do Cervo, e ao redor dos 375 m. sobre o nivel do mar no punto máis alto, entre as parroquias de Ardán (Marín) e Cela (Bueu). Desemboca na praia de Agrelo, na ría de Pontevedra, facendo a función de corredor natural terrestre e conformando o propio areeiro que grazas, por outra banda, á achega marítima aínda conserva parte do seu dunar.

Representa o hábitat natural prioritario de bosques aluviais da Europa atemperada mais tamén os hábitats de interese comunitario de carballeiras galaico portuguesas e de prados húmidos seminaturais de herbas altas, con fauna e flora salvaxe de interese e mesmo endémica a nivel ibérico.

O seu bosque de ribeira está composto principalmente pola asociación do ameneiro e do salgueiro acompañado da grande presenza da abelaneira e en especial do bidueiro, especie serial que chega a formar pequenos bosques nas partes máis afastadas e naturalizadas da ribeira fluvial. Cómpre destacar a presenza do carballo, con exemplares de grande envergadura. Por outra banda, xunto con estas especies, estás presentes plantacións e/ou formacións espontáneas de castiñeiros, de nogueiras e de cerdeiras.

Roteiro Rego da Pena 2

Posúe tamén un rico sotobosque coa presenza de loureiros, sabugueiros, sanguiños, xilbarbeiras e especies de lianas ou enredadeiras. É tamén abundante a presenza de especies herbosas de zonas húmidas como anxélicas, caliborcias, pementeiras, eupatorios, labazas, lampazos, salgueiriños, …, de xuncos e espadanas na partes máis brañentas e a de fentos como así mesmo tamén de liques, brións e de fungos, na fase reprodutiva de cogomelo para moitas especies nesta época, mostra da excelente calidade de humidade ambiental e atmosférica.

Ao redor das ribeiras e, a nivel agropecuario, destaca a presenza dun mosaico de leiras adicadas a prados, ao cultivo de cereais e produtos da horta e, nas zonas máis solleiras, do viñedo que nesta zona do Morrazo, ten como emblema a variedade local da uva tintafemia. Nas zonas de prados destaca así mesmo a presenza das vimbieiras, plantadas para o uso posterior das súas ramas como amarradeiras nos cultivos, en especial do viñedo. E nalgunhas zonas tamén de especies froiteiras como as maceiras.

Roteiro Rego da Pena 3

No seu conxunto -bosque de ribeira, prados e área agropecuaria- é un val de grande valor ambiental e paisaxístico, agrandado pola súa confluencia coa ría de Pontevedra, con extraordinarias estampas desde as zonas máis outas, con amplas panorámicas que van desde a enseada de Bueu ata os montes costeiros da Cova e Sobareiro mais a Illa do Santo ao seu carón, os montes da península do Salnés desde O Castrove ata a Punta do Cabicastro, máis ao lonxe os altos cumes do Barbanza, e finalmente as Illas Ons, na entrada da ría, pertencentes ao PNMT das Illas Atlánticas.

Culturalmente destaca a nivel etnográfico pola presenza na súa contorna de fontes, lavadoiros, levadas de auga, pontellas e en especial polos ao redor de vinte muíños hidráulicos existentes ao longo do rego. Hainos de cubo e de canle, de tellado a unha e a dúas augas, algúns cos vestixios da utilización de bruia ou nora e, malia que algúns eran privados e de maquía, a maioría son de herdeiros, ou sexa de xestión mancomunada por grupos da veciñanza, que se repartían os labores da súa xestión, reparación e sobre todo das horas de moenda, en especial do millo.Roteiro Rego da Pena 4

Tamén destaca a cantidade de edificacións en pedra de vivendas, alpendres, valos e en especial de hórreos, con distinta tipoloxía e algúns coa figura do reloxo de sol enriba do tellado, feito directamente relacionado coa actividade rural e agraria na proximidade a costa da fertilidade das terras das ribeiras e do ciclo da auga procedente do rego e a súa espallada rede hidrolóxica.

No lugar da Torre podemos atopar o xacemento arqueolóxico da Torre Vella, onde quedan os vestixios medievais da antiga Torre e Casa de Cela, relacionada coa familia dos Soutomaior e Charino. Preto delas atópase a edificación coñecida como a Casa dos Freire, con escudos do Santo Oficio e no lugar de Friande, entre Pousada e Murráns, nunha edificación moderna existen desprazados do seu lugar orixinal dous blasóns da antiga Torre e Casa de Freande, vencellada á familia dos Troncoso e Acuña, mostra do poderío civil, económico e eclesiástico que estas familias señoriais e fidalgas tiveron e co que someteron a veciñanza desde o medievo e sobre todo durante a Idade Moderna.

Roteiro Rego da Pena 5

No lugar do Igrexario está encravada a igrexa parroquial de Santa María de Cela, construción de finais do século XII de estilo románico serodio e vencellada á presenza no Morrazo da Orde Hospitalaria de San Xoan de Xerusalén, onde destacan a nivel artístico a fachada principal e os canzorros baixo os aleiros do tellado. Ao seu redor, e formando parte do seu adro, aínda se pode observar no pavimento en pedra as tapas dalgúns sartegos do antigo camposanto. A súa orientación leste-oeste fai que a súa fachada principal dea cara á ría, da que posúe unhas excelentes panorámicas.

As principais afeccións nas últimas décadas nas ribeiras do rego da Pena foron a eucaliptización, a invasión das falsas acacias e outras especies como a tradescantia, a ipomoea, a cana de bambú ou o xenxibre do Himalaia; a utilización de biocidas, as verteduras de lixo e de entullos, a artificialización das ribeiras e do propio leito fluvial, a canalización do seu tramo final, o urbanismo incontrolado, a instalación de torretas e cableados aéreos de tensión eléctrica, a corta indiscriminada do arborado de ribeira e o abandono e degradación do patrimonio cultural e etnográfico, en especial dos muíños de auga.

Roteiro Rego da Pena 6

Para a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo as ribeiras do rego da Pena, dada a súa importancia a nivel paisaxístico, ambiental e cultural e como corredor natural e ecolóxico, deberían ter a catalogación de Espazo Natural de Interese Local (ENIL), xunto coas ribeiras do outro rego de importancia da parroquia, o rego do Barranco do Inferno, procedendo á conservación e á recuperación así como á posta en valor dos seus valores, incluídos os sociais e económicos derivados das actividades tradicionais e agropecuarias consonte cos culturais e ambientais.

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Luita Verde denuncia que o Concello de Moaña oculta a información sobre a urbanización Golf de Domaio

Urbanización inacabada

Urbanización inacabada

Despois de case oito meses, o goberno bipartito BNG-PSOE do Concello de Moaña, segue sen responder á solicitude presentada polo Colectivo Ecoloxista Luita Verde o xoves 14 de marzo para que se iniciase o expediente de caducidade das licenzas de obra concedidas o 12-02-2001 e o 09-06-2003 pola Comisión de Goberno do Concello de Moaña para 50 e 40 vivendas respectivamente a Construcciones Mirón y Agarvi SL no sector B da Unidade de Actuación S.A.U. A-7 Residencial Golf Domaio.

Esta negativa é de tal xeito que nin lle está a facer caso, e xa por dúas veces, á obriga legal de responder á demanda de información presentada así mesmo pola Valedora do Pobo despois de que esta comunicase a recepción da nosa queixa ao tanto e decidira proceder a súa tramitación baixo expediente o pasado mes de xullo.

A Valedora do Pobo xa nos enviou dous escritos, un asinado o 18 de setembro e outro máis recente o 21 de outubro, nos que nos informa de que o concello non remitiu a información requerida. Lembrando nunha primeira ocasión o deber que ten o concello de facelo segundo o artigo 22 da Lei do Valedor do Pobo. Para nunha segunda ocasión reiterar o requerimento ante a reicidencia do concello, lembrándolles que o seu deber é colaborar ao rápido esclarecemento da situación segundo artigo 26.1 da mesma Lei e que no caso de persistir nesa actitude procederá a realizar unha advertencia sobre as súas consecuencias legais.

No caso de persistir o concello na súa negativa de lle enviar a información requerida pola Valedora do Pobo, a esta non lle quedará máis remedio que, aplicando o antedito art. 22 da Lei do Valedor do Pobo, considerar o concello entidade hostil e entorpecedora das súas funcións, facéndoa pública de inmediato e destacando tal cualificación no seu informe anual ou especial, no seu caso, ó Parlamento galego.

Desde Luita Verde lembramos que o 12-01-2010 o Alcalde de Moaña, X. M. Millán, do BNG e en coalición co PSOE, como na actualidade, adoptou sen ningún apoio nin argumento legal a Resolución 18/2010 pola que declarou a caducidade dos expedientes de caducidade das licenzas outorgadas o 12-01-2001 e o 09-06-2003, e deixou sen efecto as medidas cautelares adoptadas anteriormente de paralizar as obras de construción e a suspensión dos usos que destas derivase.

Que esta situación lles creou unha inseguridade xurídica aos que mercaron unha parcela no S.A.U. A-7 Residencial Golf Domaio e ao propio Concello, pois moitos dos primeiros perderon todos os pagos a conta das parcelas polo embargo da Xunta de Compensación, e o Concello rematou aceptando a garantía hipotecaria de 37 parcelas do sector B ( B.1.43 e correlativas ata B.1.50 e B.4 e correlativas ata B.4.29 ), como pago do aproveitamento urbanístico da que habería outorgarse a escritura pública de constitución de hipoteca.

chalets sen rematar

chalets sen rematar

Que as parcelas B.4.25, B.4.26 e B.4.29 son parcelas das que habería escriturarse constitución de hipoteca a favor do Concello de Moaña pois son parcelas garantes do aproveitamento urbanístico, cousa que non se fixo, sendo subastadas e polo método de adxudicación directa. A única explicación dada foi que a garantía hipotecaria do pago do aproveitamento urbanístico non se fixera, extremo este de suma gravedade, xa que o Concello ten ou debería ter un representante na Xunta de Compensación, que sempre foron os concelleiros de Urbanismo.

Que na Asamblea Xeral da Xunta de Compensación da Unidade de execución “Residencial Golf Domaio S.A.U. A-7 do 15-07-1994, acordouse polo 100% dos membros o Proxecto de Compensación e o Aproveitamento edificable correspondente ao Concello de Moaña, dito aproveitamento acórdase substituilo polo pago en metálico do importe que se valora a cesión e que se estima en 200 millóns de pesetas (1.202.024,21€), con data 28-05-1998 foi aprobado polo Pleno do Concello. Hoxe en día e despois de máis de 16 e 18 anos da concesión das licenzas, a Xunta de Compensación soamente pagou 76.500.000 pesetas (459.774,26€), e o resto tería que estar pagado o 29-12-2001.

Que ata a data de hoxe e despois de máis de 16 e 18 anos da concesión das licenzas, non hai aval das obras de urbanización das 90 vivendas e, por engadido, a maioría destas non están executadas -non chegan á ducia as que teñen licenza de ocupación e as restantes, e dentro dun lote que non chega ao medio cento están iniciadas sen rematar-, polo que se incumpren as obrigas de edificación e urbanización simultánea, nin existe conexión de abastecemento e saneamento de auga nin informes ao tanto da empresa concesionaria Aqualia, e dende hai 8 anos nin existe a mínima obra.

Que con data 13-09-2018, a suposta sociedade Agrupación de Interés Económico-Urbanización Golf Domaio, creada polos propietarios das poucas vivendas ilegais rematadas ao amparo das licenzas concedidas con data 12-02-2001, propuxeron a constitución dunha Agrupación de Interese Económico co obxectivo da venta global das parcelas do sector B a un “inversor”, por non dicir “fondo buitre”, para recadar fondos e poder urbanizar e así mesmo “legalizar” as súas vivendas.

Na actualidade o que sobresae por toda a área urbanizable é o máis absoluto deterioro ambiental e paisaxístico con paquetes de vivendas pantasma sen rematar, viais e beirarrúas cubertos pola vexetación con varios focos de verteduras incontroladas de lixo e entulleiras e parcelas sen construír a rebousar de matogueira, cun exceso de biomasa pirófita con alto risco de propagación de lume forestal máis especies altamente invasoras como, e en especial, a herba da pampa.

A reiterada negativa do actual goberno bipartito BNG-PSOE do Concello de Moaña a responder á nosa solicitude do inicio do expediente de caducidade das licenzas de obra concedidas o 12-02-2001 e o 09-06-2003 pola Comisión de Goberno do Concello de Moaña para 50 e 40 vivendas respectivamente a Construcciones Mirón y Agarvi SL no sector B da Unidade de Actuación S.A.U. A-7 Residencial Golf Domaio, só a podemos entender como de silencio cómplice desta auténtica fraude e desastre ambiental herdeira dos tempos da burbulla urbanística de antano e, con toda seguridade, a súa inacción estea baseada no afán de chegada dos ansiados novos investimentos para intentar reflotar de novo esta operación urbanística malia a súa manifesta insustentabilidade e, por engadido, coincidindo coa entrada de novos tempos de recesión económica.

Ao final van pasando distintos gobernos e cargos políticos mais seguen as mesmas siglas e os mesmos métodos de actuación, encubríndose uns a outros.

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized