Arquivos diarios: Novembro 1, 2019

Luita Verde denuncia que o Concello de Moaña oculta a información sobre a urbanización Golf de Domaio

Urbanización inacabada

Urbanización inacabada

Despois de case oito meses, o goberno bipartito BNG-PSOE do Concello de Moaña, segue sen responder á solicitude presentada polo Colectivo Ecoloxista Luita Verde o xoves 14 de marzo para que se iniciase o expediente de caducidade das licenzas de obra concedidas o 12-02-2001 e o 09-06-2003 pola Comisión de Goberno do Concello de Moaña para 50 e 40 vivendas respectivamente a Construcciones Mirón y Agarvi SL no sector B da Unidade de Actuación S.A.U. A-7 Residencial Golf Domaio.

Esta negativa é de tal xeito que nin lle está a facer caso, e xa por dúas veces, á obriga legal de responder á demanda de información presentada así mesmo pola Valedora do Pobo despois de que esta comunicase a recepción da nosa queixa ao tanto e decidira proceder a súa tramitación baixo expediente o pasado mes de xullo.

A Valedora do Pobo xa nos enviou dous escritos, un asinado o 18 de setembro e outro máis recente o 21 de outubro, nos que nos informa de que o concello non remitiu a información requerida. Lembrando nunha primeira ocasión o deber que ten o concello de facelo segundo o artigo 22 da Lei do Valedor do Pobo. Para nunha segunda ocasión reiterar o requerimento ante a reicidencia do concello, lembrándolles que o seu deber é colaborar ao rápido esclarecemento da situación segundo artigo 26.1 da mesma Lei e que no caso de persistir nesa actitude procederá a realizar unha advertencia sobre as súas consecuencias legais.

No caso de persistir o concello na súa negativa de lle enviar a información requerida pola Valedora do Pobo, a esta non lle quedará máis remedio que, aplicando o antedito art. 22 da Lei do Valedor do Pobo, considerar o concello entidade hostil e entorpecedora das súas funcións, facéndoa pública de inmediato e destacando tal cualificación no seu informe anual ou especial, no seu caso, ó Parlamento galego.

Desde Luita Verde lembramos que o 12-01-2010 o Alcalde de Moaña, X. M. Millán, do BNG e en coalición co PSOE, como na actualidade, adoptou sen ningún apoio nin argumento legal a Resolución 18/2010 pola que declarou a caducidade dos expedientes de caducidade das licenzas outorgadas o 12-01-2001 e o 09-06-2003, e deixou sen efecto as medidas cautelares adoptadas anteriormente de paralizar as obras de construción e a suspensión dos usos que destas derivase.

Que esta situación lles creou unha inseguridade xurídica aos que mercaron unha parcela no S.A.U. A-7 Residencial Golf Domaio e ao propio Concello, pois moitos dos primeiros perderon todos os pagos a conta das parcelas polo embargo da Xunta de Compensación, e o Concello rematou aceptando a garantía hipotecaria de 37 parcelas do sector B ( B.1.43 e correlativas ata B.1.50 e B.4 e correlativas ata B.4.29 ), como pago do aproveitamento urbanístico da que habería outorgarse a escritura pública de constitución de hipoteca.

chalets sen rematar

chalets sen rematar

Que as parcelas B.4.25, B.4.26 e B.4.29 son parcelas das que habería escriturarse constitución de hipoteca a favor do Concello de Moaña pois son parcelas garantes do aproveitamento urbanístico, cousa que non se fixo, sendo subastadas e polo método de adxudicación directa. A única explicación dada foi que a garantía hipotecaria do pago do aproveitamento urbanístico non se fixera, extremo este de suma gravedade, xa que o Concello ten ou debería ter un representante na Xunta de Compensación, que sempre foron os concelleiros de Urbanismo.

Que na Asamblea Xeral da Xunta de Compensación da Unidade de execución “Residencial Golf Domaio S.A.U. A-7 do 15-07-1994, acordouse polo 100% dos membros o Proxecto de Compensación e o Aproveitamento edificable correspondente ao Concello de Moaña, dito aproveitamento acórdase substituilo polo pago en metálico do importe que se valora a cesión e que se estima en 200 millóns de pesetas (1.202.024,21€), con data 28-05-1998 foi aprobado polo Pleno do Concello. Hoxe en día e despois de máis de 16 e 18 anos da concesión das licenzas, a Xunta de Compensación soamente pagou 76.500.000 pesetas (459.774,26€), e o resto tería que estar pagado o 29-12-2001.

Que ata a data de hoxe e despois de máis de 16 e 18 anos da concesión das licenzas, non hai aval das obras de urbanización das 90 vivendas e, por engadido, a maioría destas non están executadas -non chegan á ducia as que teñen licenza de ocupación e as restantes, e dentro dun lote que non chega ao medio cento están iniciadas sen rematar-, polo que se incumpren as obrigas de edificación e urbanización simultánea, nin existe conexión de abastecemento e saneamento de auga nin informes ao tanto da empresa concesionaria Aqualia, e dende hai 8 anos nin existe a mínima obra.

Que con data 13-09-2018, a suposta sociedade Agrupación de Interés Económico-Urbanización Golf Domaio, creada polos propietarios das poucas vivendas ilegais rematadas ao amparo das licenzas concedidas con data 12-02-2001, propuxeron a constitución dunha Agrupación de Interese Económico co obxectivo da venta global das parcelas do sector B a un “inversor”, por non dicir “fondo buitre”, para recadar fondos e poder urbanizar e así mesmo “legalizar” as súas vivendas.

Na actualidade o que sobresae por toda a área urbanizable é o máis absoluto deterioro ambiental e paisaxístico con paquetes de vivendas pantasma sen rematar, viais e beirarrúas cubertos pola vexetación con varios focos de verteduras incontroladas de lixo e entulleiras e parcelas sen construír a rebousar de matogueira, cun exceso de biomasa pirófita con alto risco de propagación de lume forestal máis especies altamente invasoras como, e en especial, a herba da pampa.

A reiterada negativa do actual goberno bipartito BNG-PSOE do Concello de Moaña a responder á nosa solicitude do inicio do expediente de caducidade das licenzas de obra concedidas o 12-02-2001 e o 09-06-2003 pola Comisión de Goberno do Concello de Moaña para 50 e 40 vivendas respectivamente a Construcciones Mirón y Agarvi SL no sector B da Unidade de Actuación S.A.U. A-7 Residencial Golf Domaio, só a podemos entender como de silencio cómplice desta auténtica fraude e desastre ambiental herdeira dos tempos da burbulla urbanística de antano e, con toda seguridade, a súa inacción estea baseada no afán de chegada dos ansiados novos investimentos para intentar reflotar de novo esta operación urbanística malia a súa manifesta insustentabilidade e, por engadido, coincidindo coa entrada de novos tempos de recesión económica.

Ao final van pasando distintos gobernos e cargos políticos mais seguen as mesmas siglas e os mesmos métodos de actuación, encubríndose uns a outros.

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized