Roteiro pola protección das ribeiras do Rego da Pena

roteiro rego da penaA Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo organiza o domingo 24 de novembro un roteiro para dar a coñecer a importancia natural, paisaxística e cultural da contorna natural das ribeiras do rego da Pena, catalogada na actualidade como solo rústico de especial protección de augas e patrimonial na parroquia de Cela, no Concello de Bueu.

O roteiro, terceiro deste outono, será circular e sairá ás 10 da mañá fronte do Centro de Interpretación do Litoral, na praia de Agrelo, para chegar ás 14 h. ao mesmo lugar.

O percorrido, duns 7 quilómetros de dificultade baixa, transcorrerá por vial rural, corredoiras e camiños de pé polos lugares de Agrelo, Portomaior, A Torre, Pousada, A Miranda, Murráns, O Igrexario, A Devesa, A Miranda, A Torre e Agrelo.

Para se achegar ao punto da saída hai que coller pola estrada PO-551 a través da Avenida Loureiro. Para acceder finalmente ao Centro de Interpretación do Litoral hai que coller o desvío de baixada á praia de Agrelo fronte do Restaurante O Rincón de Cela.

Recomendamos que de se achegar en vehículo privado, por ética e polas limitacións do aparcamento, as persoas que asistan utilicen a capacidade máxima do seu vehículo, compartíndoo con outras persoas. Recomendamos tamén traer roupa e calzado de trote axeitados para a época outonal.

Roteiro Rego da Pena 1

O rego da Pena, tamén chamado da Devesa Nova, ou de Pousada, do Mouro, do Tombo,… segundo por onde transcorra, nace de distintos mananciais nas Fontes de San Lourenzo, de Chans, da Cachopeira e do Cervo, e ao redor dos 375 m. sobre o nivel do mar no punto máis alto, entre as parroquias de Ardán (Marín) e Cela (Bueu). Desemboca na praia de Agrelo, na ría de Pontevedra, facendo a función de corredor natural terrestre e conformando o propio areeiro que grazas, por outra banda, á achega marítima aínda conserva parte do seu dunar.

Representa o hábitat natural prioritario de bosques aluviais da Europa atemperada mais tamén os hábitats de interese comunitario de carballeiras galaico portuguesas e de prados húmidos seminaturais de herbas altas, con fauna e flora salvaxe de interese e mesmo endémica a nivel ibérico.

O seu bosque de ribeira está composto principalmente pola asociación do ameneiro e do salgueiro acompañado da grande presenza da abelaneira e en especial do bidueiro, especie serial que chega a formar pequenos bosques nas partes máis afastadas e naturalizadas da ribeira fluvial. Cómpre destacar a presenza do carballo, con exemplares de grande envergadura. Por outra banda, xunto con estas especies, estás presentes plantacións e/ou formacións espontáneas de castiñeiros, de nogueiras e de cerdeiras.

Roteiro Rego da Pena 2

Posúe tamén un rico sotobosque coa presenza de loureiros, sabugueiros, sanguiños, xilbarbeiras e especies de lianas ou enredadeiras. É tamén abundante a presenza de especies herbosas de zonas húmidas como anxélicas, caliborcias, pementeiras, eupatorios, labazas, lampazos, salgueiriños, …, de xuncos e espadanas na partes máis brañentas e a de fentos como así mesmo tamén de liques, brións e de fungos, na fase reprodutiva de cogomelo para moitas especies nesta época, mostra da excelente calidade de humidade ambiental e atmosférica.

Ao redor das ribeiras e, a nivel agropecuario, destaca a presenza dun mosaico de leiras adicadas a prados, ao cultivo de cereais e produtos da horta e, nas zonas máis solleiras, do viñedo que nesta zona do Morrazo, ten como emblema a variedade local da uva tintafemia. Nas zonas de prados destaca así mesmo a presenza das vimbieiras, plantadas para o uso posterior das súas ramas como amarradeiras nos cultivos, en especial do viñedo. E nalgunhas zonas tamén de especies froiteiras como as maceiras.

Roteiro Rego da Pena 3

No seu conxunto -bosque de ribeira, prados e área agropecuaria- é un val de grande valor ambiental e paisaxístico, agrandado pola súa confluencia coa ría de Pontevedra, con extraordinarias estampas desde as zonas máis outas, con amplas panorámicas que van desde a enseada de Bueu ata os montes costeiros da Cova e Sobareiro mais a Illa do Santo ao seu carón, os montes da península do Salnés desde O Castrove ata a Punta do Cabicastro, máis ao lonxe os altos cumes do Barbanza, e finalmente as Illas Ons, na entrada da ría, pertencentes ao PNMT das Illas Atlánticas.

Culturalmente destaca a nivel etnográfico pola presenza na súa contorna de fontes, lavadoiros, levadas de auga, pontellas e en especial polos ao redor de vinte muíños hidráulicos existentes ao longo do rego. Hainos de cubo e de canle, de tellado a unha e a dúas augas, algúns cos vestixios da utilización de bruia ou nora e, malia que algúns eran privados e de maquía, a maioría son de herdeiros, ou sexa de xestión mancomunada por grupos da veciñanza, que se repartían os labores da súa xestión, reparación e sobre todo das horas de moenda, en especial do millo.Roteiro Rego da Pena 4

Tamén destaca a cantidade de edificacións en pedra de vivendas, alpendres, valos e en especial de hórreos, con distinta tipoloxía e algúns coa figura do reloxo de sol enriba do tellado, feito directamente relacionado coa actividade rural e agraria na proximidade a costa da fertilidade das terras das ribeiras e do ciclo da auga procedente do rego e a súa espallada rede hidrolóxica.

No lugar da Torre podemos atopar o xacemento arqueolóxico da Torre Vella, onde quedan os vestixios medievais da antiga Torre e Casa de Cela, relacionada coa familia dos Soutomaior e Charino. Preto delas atópase a edificación coñecida como a Casa dos Freire, con escudos do Santo Oficio e no lugar de Friande, entre Pousada e Murráns, nunha edificación moderna existen desprazados do seu lugar orixinal dous blasóns da antiga Torre e Casa de Freande, vencellada á familia dos Troncoso e Acuña, mostra do poderío civil, económico e eclesiástico que estas familias señoriais e fidalgas tiveron e co que someteron a veciñanza desde o medievo e sobre todo durante a Idade Moderna.

Roteiro Rego da Pena 5

No lugar do Igrexario está encravada a igrexa parroquial de Santa María de Cela, construción de finais do século XII de estilo románico serodio e vencellada á presenza no Morrazo da Orde Hospitalaria de San Xoan de Xerusalén, onde destacan a nivel artístico a fachada principal e os canzorros baixo os aleiros do tellado. Ao seu redor, e formando parte do seu adro, aínda se pode observar no pavimento en pedra as tapas dalgúns sartegos do antigo camposanto. A súa orientación leste-oeste fai que a súa fachada principal dea cara á ría, da que posúe unhas excelentes panorámicas.

As principais afeccións nas últimas décadas nas ribeiras do rego da Pena foron a eucaliptización, a invasión das falsas acacias e outras especies como a tradescantia, a ipomoea, a cana de bambú ou o xenxibre do Himalaia; a utilización de biocidas, as verteduras de lixo e de entullos, a artificialización das ribeiras e do propio leito fluvial, a canalización do seu tramo final, o urbanismo incontrolado, a instalación de torretas e cableados aéreos de tensión eléctrica, a corta indiscriminada do arborado de ribeira e o abandono e degradación do patrimonio cultural e etnográfico, en especial dos muíños de auga.

Roteiro Rego da Pena 6

Para a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo as ribeiras do rego da Pena, dada a súa importancia a nivel paisaxístico, ambiental e cultural e como corredor natural e ecolóxico, deberían ter a catalogación de Espazo Natural de Interese Local (ENIL), xunto coas ribeiras do outro rego de importancia da parroquia, o rego do Barranco do Inferno, procedendo á conservación e á recuperación así como á posta en valor dos seus valores, incluídos os sociais e económicos derivados das actividades tradicionais e agropecuarias consonte cos culturais e ambientais.

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s