Roteiro pola protección do Monte de Cabalo e da enseada de Larache

roteiro-enseada-laracheA Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo organiza o domingo 12 de xaneiro un roteiro para dar a coñecer a importancia ambiental, paisaxística e cultural do Monte de Cabalo e contorna da Enseada de Larache, catalogado na actualidade como solo rústico de especial protección paisaxística, forestal, de costas, agrario, de augas e patrimonial na parroquia de Santa Cristina de Cobres, no Concello de Vilaboa.

O roteiro, primeiro deste inverno, será circular e sairá ás 10 da mañá do adro da igrexa de Santa Cristina de Cobres, en Barciela, para chegar ás 14 h. ao mesmo lugar.

O percorrido transcorrerá por vial rural, forestal e corredoiras polos lugares de Barciela, Porta Mauricio, Matos da Igrexa, O Piñón, A Cavada do Cabalo, Punta do Cabalo, A Lagoa, Conchido, Larache, O Cano de Larache, O Regueiro, A Veiga Grande, Xundice, A Carreira, O Gramón, O Con, A Cavada Vella, A Toxeira, O Regueiro, O Cano de Larache, Larache, Mangoeiro, Porta Mauricio e Barciela.

Para se achegar ao punto da saída hai que acceder a través da estrada N-554.

Recomendamos que de se achegar en vehículo privado, por ética e polas limitacións do aparcamento, as persoas que asistan utilicen a capacidade máxima do seu vehículo, compartíndoo con outras persoas. Recomendamos tamén traer roupa e calzado de trote axeitados para a época invernal.

Monte Cabalo e Larache 1

O Monte de Cabalo é zoónimo en referencia a súa orografía ou directamente á presenza histórica do animal, e no caso da Cavada do Cabalo, ao labor tradicional de roturación do terreo desde tempos pretéritos.

Na actualidade está cuberto na súa maioría por arborado, entre plantacións forestais de piñeiro e de especies caducifolias autóctonas, de carballos, cerdeiras e castiñeiros, á parte da presenza espontánea das sobreiras. Na franxa litoral da beiramar e na zona desde Conchido ata Larache é salientable a presenza de varios exemplares de carballos de grande envergadura e mesmo a formación natural de fraga e carballeira. Nas áreas máis húmidas dáse tamén espontaneamente e, de xeito natural, a presenza de especies máis propias de ribeira como ameneiros e salgueiros.

Entre as especies arbustivas destaca unha importante biodiversidade coa presenza de loureiros, abelaneiras, estripeiros, pereiras bravas, sanguiños, xilbarbeiras, carrascas, carrascos, carpazas, toxos e érbedos, a xesta do mar ou o trovisco que xunto coa presenza arbórea da sobreira amosa que á parte da prevalencia das especies propias do ámbito climático atlántico, de xeito asociado, está tamén a presenza das últimas dentro do clima mediterráneo.

Monte Cabalo e Larache 2

Por outra banda tamén destaca pola súa importancia paisaxística e xeomorfolóxica como rexio entrante de natureza granítica no sedimentario e lamacento fondo da ría moldeado polo complexo xeolóxico Vigo-Pontevedra. Cunha altitude máxima de 125 metros sobre o nivel do mar entre a contorna das enseadas de Larache e Vilaboa, co Monte do Castro da Croa por medio, e o val de Cobres, desde os altos da Serra Basil e a Serra Domego, co Coto do Home, ata os núcleos rurais de San Adrián e Santa Cristina, posúe unhas excelentes panorámicas en primeira liña da Enseada de San Simón, coa illa do mesmo nome e As Erbedosas no outro extremo, ao fondo.

A contorna da Enseada de Larache está composta por unha mestura de ecosistemas, tanto arbóreos como arbustivos e de ribeira, ao que se lle engade o medio seminatural e antropizado cun rico mosaico de cultivos en réxime agropecuario.

Monte Cabalo e Larache 3

Destaca a presenza climácica da carballeira termófila e con exemplares centenarios, a de pequenas formacións de abeledas á beira da enseada e a asociación de ameneiros e salgueiros xunto coa máis escasa do bidueiro á beira do rego de Larache que, tras varias vertentes -daí os hidrónimos Cano e Regueiro-, desemboca na propia enseada, da que ademais conforma un corredor ecolóxico, mestura do hábitat de interese comunitario de carballeiras galaico portuguesas e do hábitat natural prioritario de bosques aluviais de Europa atemperada.

Entre a flora menor destaca a grande presenza de fentos, desde a da epífita e macaronésica cabriña ao redor da cortiza dos carballos, á do dentabrú, da fentalla, do fento negro, do fento das pedras, do fento femia ou a do fento macho escamoso. Tamén destaca a presenza de brións, de liques e de fungos.

O medio agrario, na súa maioría destinada a prados, cultivos cerealísticos e viñedo, á parte da importancia social e económica a nivel local e tradicional, do que ademáis se conservan varios microtopónimos ao respecto, tamén a ten a nivel paisaxístico e ambiental como espazos abertos e ao mesmo tempo seminaturais, bordeados pola presenza da climácica carballeira e o bosque de ribeira ao seu carón.

Fronte ao Monte de Cabalo e a contorna da enseada de Larache está o espazo da ribeira do mar pertencente á Zona de Especial Conservación (ZEC) do Espazo Natural Protexido da Enseada de San Simón, cunha rica e importante biodiversidade ribeireña e marismeña e onde na fase invernal se xuntan de media ao redor de 3.500 aves invernantes acuáticas e mariñas, onde destaca cualitativa e cuantitativamente a presenza de garzas, patos, mazaricos, biluricos, píllaras, gaivotas, corvos mariños,… á parte da importancia produtiva para o marisqueo como recurso.

A nivel cultural é salientable a presenza da Casa Grande de Larache, con dous bloques de edificios de dous andares en forma de L e terreos ao redor de antiga función de granxa agraria, con orixe entre os séculos XVII e XVIII, que posteriormente tivo varias ampliacións ao longo do século XIX e finalmente foi rehabilitada entre principios e mediados da década pasada para ter o uso actual de casa rural a nivel hostaleiro. Posúe un hórreo e noutro tempo seica tivo tamén unha capela en devoción a San Gregorio.Monte Cabalo e Larache 4

Dentro da ribeira do mar, na proximidade, están as ruinas da antiga salina da enseada de Larache, ou tamén chamada de Ulló de Abaixo, unha das catro que foron xestionadas entre finais do século XVII e principios do século XVIII na zona pola Compañía de Xesús e posiblemente vencellada, xunto cos terreos dos arredores, coa antiga casona ou pazo da Larache. Á beira da enseada existe unha pequena edificación en pedra que nos seus inicios podería ter a función de alfolí ou almacén estanco do sal obtido na dita salina.

No extremo oeste do Monte de Cabalo tamén é salientable a existencia do petróglifo de Outeiro do Millo, con coviñas e cruciformes, e do xacemento medieval do Cuarto, da Santa ou Tras do Adro, onde estivo ubicada a antiga igrexa parroquial e ao mesmo tempo se atoparon os restos de antigos sartegos funerarios da época xermánica.

O Monte de Cabalo e a contorna da Enseada de Larache, xunto co Monte do Castro da Croa, en Acuña, estiveron integrados ata hai pouco dentro do espazo natural de Mar de San Simón, segundo as antigas Normas Subsidiarias de Planeamento da provincia de Pontevedra.

As principais afeccións nas últimas décadas ao Monte de Cabalo e á contorna da Enseada de Larache foron a eucaliptización, a invasión das acacias, o urbanismo incontrolado, a instalación de torretas e cableados aéreos de tensión eléctrica, antenas de telecomunicacións, infraestruturas deportivas e o abandono e degradación do patrimonio cultural e ambiental.Monte Cabalo e Larache 5

En abril de 2016 a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo solicitoulle á Xunta de Galiza a clasificación de Área de Especial Importancia Paisaxística (AEIP) para o espazo natural de Mar de San Simón segundo as antigas Normas Subsidiarias e Complementarias de Planeamento da provincia de Pontevedra e Ámbito de Especial Atención Paisaxística (AEAP) para o Monte de Cabalo e o Monte da Croa- Castro de Acuña, dentro do Catálogo das Paisaxes de Galiza.

1 comentario

Arquivado en Uncategorized

Unha resposta a “Roteiro pola protección do Monte de Cabalo e da enseada de Larache

  1. Pingback: RUTA POR VILABOA: MONTE CABALO E ENSEADA DE LARACHE | DEFENDE O MONTE PITUCO (Pornedo)

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s