Roteiro pola protección das ribeiras dos regos Pontillón, Inferno e Rialdarca

roteiro-inverno-pontillón-inferno-rialdarcaA Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo organiza o domingo 16 de febreiro un roteiro para dar a coñecer a importancia ambiental, paisaxística e cultural da contorna dos regos Pontillón, Inferno e Rialdarca, catalogada na actualidade como solo rústico de especial protección de augas, forestal, agropecuaria e patrimonial segundo o PXOM e corredor ecolóxico segundo o Plan de Ordenación do Litoral de Galiza (POL), nas parroquias de San Martiño e do Carme, no concello de Moaña.

O roteiro, segundo deste inverno, será circular e sairá ás 10 da mañá da Praza do Concello de Moaña, na rúa As Barxas, para chegar ás 14 h ao mesmo lugar.

O percorrido transcorrerá por vial urbano, rural, camiños e corredoiras, coincidindo en tramos cos sendeiros municipais sinalizados dos regos do Inferno e de Rialdarca, polos lugares de As Barxas, O Rosal, O Redondo, ribeira rego do Pontillón, A Paradela, ribeira do rego do Inferno, A Marrúa, Sabaceda, Outeiro de Sabaceda, ribeira do rego de Rialdarca, A Gándara, A Xeira, O Prado e As Barxas.

Regos Pontillón, Inferno e Rialdarca 1

Para se achegar ao punto da saída hai que acceder a través da estrada PO-551.

Recomendamos que de se achegar en vehículo privado, por ética e polas limitacións do aparcamento, as persoas que asistan utilicen a capacidade máxima do seu vehículo, compartíndoo con outras persoas. Recomendamos tamén traer roupa e calzado de trote axeitados para a época invernal.

As ribeiras dos regos do Pontillón -tamén denominado da Pontella e do Arroás augas máis arriba-, Inferno e Rialdarca -tamén chamado da Xeira e da Devesa da Seara augas máis abaixo- forman unha única conca que, con distintos nacementos no Bolelo, O Xestoso, Boxacova, Foxonoval e Chan das Bolas, entre os 250 e os 350 metros de altitude sobre o nivel do mar e en solo rústico de especial protección de espazos naturais e forestal, xúntanse posteriormente na parte media e baixa do seu percorrido e desembocan finalmente na enseada de Moaña, na ría de Vigo, facendo a función de corredor ecolóxico terrestre xunto coas ribeiras do cercano rego da Fraga e conformando así mesmo na súa parte final o espazo marítimo-terrestre de ribeira e intermareal da Xunqueira e praia da enseada de Moaña, de grande valor ecolóxico, social e marisqueiro.

Regos Pontillón, Inferno e Rialdarca 2

Representan o hábitat natural prioritario de bosques aluviais da Europa atemperada mais tamén os hábitats de interese comunitario de carballeiras galaico portuguesas e de prados húmidos seminaturais de herbas altas, con así mesmo fauna e flora salvaxe de interese, mesmo endémica a nivel ibérico.

O seu bosque de ribeira está composto principalmente pola asociación do ameneiro e do salgueiro mais acompañado tamén nalgunhas zonas do álamo negro, noutras do freixo que, a través da súa especie de folla estreita, dá fiel reflexo da influencia climática mediterránea que temos no Morrazo e nas Rías Baixas, e da abelaneira, que nalgúns tramos chega a formar pequenos abeledos.

Cómpre salientar tamén a grande presenza, a nivel climácico e termófilo, do carballo xunto con outras plantacións de castiñeiros, cerdeiras e nogueiras, así como tamén de vimbieiras, debido ao seu uso tradicional para atar as vides das viñas, os pés de especies domésticas de cultivos de hortas e árbores froiteiras.Regos Pontillón, Inferno e Rialdarca 3

No que se refire ao sotobosque hai que salientar a grande presenza a nivel arbustivo de loureiros, pereiras bravas, sanguiños, sabugueiros e xilbarbeiras. O listado de especies increméntase a través das especies menores cunha longa lista de herbas – cáncaros, violas, chuchameles, agróns, berros,…- mestura de especies terrestres con outras máis acuáticas. Debido á excelente humidade ambiental hai que destacar a grande presenza de brións, liques e fentos -carrizas, hepáticas, cabriñas, fentallas, fentas, …- e fungos.

No que á fauna se refire hai que salientar a presenza dun longo listado tanto de especies vertebradas como invertebradas, en especial de aves, réptiles e anfibios adaptados tanto ao medio fluvial ribeireño como de espazos abertos, mestura de cohabitar os ecosistemas de ribeira co forestal e agrario.

A mestura de hábitats naturais de ribeira cos semisalvaxes e antropizados do agro (pequeñas leiras de cultivo e prado) conforma un espazo de grande valor ambiental e paisaxístico. Alén disto último, este tipo de espazos teñen a cualidade de seren osixenantes a nivel atmosférico e estabilizadores das terras ante as crecidas da auga e as escorrentías.Regos Pontillón, Inferno e Rialdarca 4

A nivel cultural cómpre salientar a grande presenza de elementos etnográficos e civís, debido á importancia que desde finais do Medievo, ao longo da Idade Moderna e ata a Idade Contemporánea tiveron e teñen as actividades agropecuarias na zona. Destas actividades derivan e conservanse moitos dos topónimos e microtopónimos -orónimos, fitónimos, zoónimos, hidrónimos e antropónimos- ao tanto, onde sempre está incluida a relación directa e/ou indirecta do espazo físico coa terra e a súa bioloxía, á propiedade e a súa explotación como recurso desde tempos pretéritos, tendo en conta que as terras ao carón da ribeira e regadas pola auga procedente dos regos e regatos, son as máis fértiles e produtivas.

Na parte baixa da conca e preto do mar están situados nun pequeno outeiro os terreos que hai máis de dous mil anos acolleron un asentamento castrexo da Idade do Ferro e Romano e que posteriormente, desde o Século XVI e ata o século XX, foron ocupados polas familias nobiliarias dos Romay e principalmente dos Saavedra. Edificouse o Pazo e Granxa ou Finca do Rosal que, no seu momento de maior auxe, entre os séculos XVII e comezos do XIX, recibindo rendas pola produción das súas terras, posesións a nivel galego e incluso en América, e padroando sobre todo a antiga freguesía de Moaña, chegou a ser o morgado máis pudente do Morrazo. Posteriormente, tras a desamortización e, iniciado o século XX, a xestión do predio pasou por emparentamento a mans da familia dos Montenegro. Na actualidade o Pazo e Finca do Rosal conserva a casona xunto coa capela, pombal e hórreos que lle dan o carácter de casa pacega e con varios escudos nobiliarios, e está en propiedade da promotora inmobiliaria que urbanizou nas últimas décadas os terreos dos arredores, que a súa vez no pasado formaron parte do predio co pazo e a granxa.

Regos Pontillón, Inferno e Rialdarca 5

A nivel etnográfico destaca a grande presenza de muíños hidráulicos -ao redor de 25 no rego do Inferno e 7 no de Rialdarca- con distintas tipoloxías -de canle, canle con piares, cubo cadrado, cubo poligonal, cubo cilíndrico, tellado a unha auga, tellado a dúas augas, con gravados nas súas fachadas de cruciformes de distinta tipoloxía, marcas de canteiro e grafías relacionadas coa súa propiedade orixinaria e mesmo a data da súa construción, de herdeiros, de muiñeiro ou maquía, e tamén de antiga vivenda- e algúns de ao redor de 200 anos, pontes, pontellas, fontes – algunha de máis de 100 anos- e lavadeiros. A grande cantidade de elementos etnográficos relacionados coa auga e coa produción agraria amosa a importancia secular que a conca destes regos tivo e segue a ter para a sociedade e a economía da freguesía moañesa, onde pasa por ser, xunto con parte da conca do rego da Fraga, a auténtica fonte de subministro hídrico e de despensa de produtos da terra -cereais, froiteiras, prados de herba, horta e viñedo- e pecuaria do centro do municipio.

No lugar de Outeiro de Sabaceda, na parte media e alta da conca, á parte dos predios das antigas casonas e granxas indianas de Manuel Uxío e de Freire, construídas coas fortunas conseguidas na emigración en América, existe algunha edificación orixinal do baixomedievo (Século XV) e, espalladas por todo o lugar de Sabaceda, outras de ao redor de 200 anos con varias mostras en pedra da arquitectura popular -alpendres, casas, hórreos, muros …- entre estreitos camiños que no seu día foron de carro, proba do repoboamento humano da antiga freguesía de Moaña en distintas fases históricas, desde a romanización e tras o abandono do cercano Monte do Castro da Idade do Ferro e Romano, ao carón da igrexa matriz románica e medieval de San Martiño, ata a actualidade. Do antigo Casal de Sabaceda naceu ademais no século XII a dita igrexa medieval e posteriormente parroquial de Moaña, tras a doazón feita destes terreos polo rei Fernando II ao nobre e presbítero Fernando Arias, que ao final é quen ordenou construíla no lugar actual do Cruceiro.

Regos Pontillón, Inferno e Rialdarca 6

Na parte baixa da conca, desde A Xeira e polo Prado das Barxas ata A Seara, ao redor da contorna da contemporánea igrexa parroquial da Virxe do Carme, preto da beiramar, está catalogado o xacemento arqueolóxico Romano e Medieval da Devesa do Mouro, onde no pasado se atoparon restos de cerámicas -tégulas e ánforas- que proban que, con toda a probabilidade, hai ao redor de dous mil anos, xa houbo na zona unha intensa actividade agraria e mesmo extractiva dos recursos mariños por parte dos nosos antepasados. No lugar da Pontella atopouse así mesmo un achado Romano e no lugar das Pagonas outro Medieval. No lugar de Montenegro atopouse un xacemento que vai do Neolítico ata O Medievo.

Na parte alta e cara aos nacementos dos distintos regos desta conca están catalogadas as mámoas Neolíticas de Chan das Bolas, a mámoa neolítica e o asentamento Neolítico e da Idade do Bronce de Marco Corvado, e o asentamento Neolítico de Chan da Paralaia e o achado do Calcolítico e da Idade do Bronce da Cova da Paralaia.

En resume e, dentro do que se ten constancia, ao redor de toda a conca destes regos produciuse a presenza e a actividade humana desde hai alomenos 6.000 anos ata a actualidade.

As principais afeccións nas últimas décadas á contorna das ribeiras dos regos Pontillón, Inferno e Rialdarca foron a eucaliptización, a invasión das acacias, do ailanto e en especial das falsas acacias, doutras especies menores como a crocosmia, a ipomoea, a tradescantia, a cana de bambú ou o xenxibre do Himalaia entre outras, a utilización de biocidas, as verteduras de lixo e de entullos, as verteduras de augas residuais e de hidrocarburos, a artificialización das ribeiras e do propio leito fluvial, a instalación de infraestruturas empresariais e educativas, a canalización do leito e a urbanización de grande parte das ribeiras no tramo final, a instalación de torretas e cableados aéreos de tensión eléctrica, a corta indiscriminada do arborado de ribeira, a construción do corredor de alta capacidade e autovía do Morrazo, e o abandono e degradación do patrimonio cultural e etnográfico, incluído a destrución dalgúns dos elementos.

Regos Pontillón, Inferno e Rialdarca 7

Entre os anos 2013 e 2014 o Padroado Municipal Beiramar, a través dun Obradoiro de Emprego, procedeu á recuperación ambiental e posta en valor do rego do Inferno, coa restauración de seis dos seus muiños e adecuación da contorna rego arriba. No 2007 as asociacións veciñais de Rialdarca e A Praia-A Seara procederon á creación dun sendeiro de ao redor dun kilómetro polo rego de Rialdarca despois de que o concello instalara os colectores do saneamento polo propia ribeira do dito rego. Posteriormente o propio concello sinalizou o dito sendeiro. Na actualidade estase na fase inicial do proxecto de recuperación integral do rego co seu val.

Para a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo, a conca hidrográfica que recolle conxuntamente os regos do Pontillón, Inferno e Rialdarca, polas súas cualidades ambientais, culturais e paisaxísticas e así mesmo como corredor ecolóxico, tal e como está tipificado no Plan de Ordenación do Litoral de Galiza, debería estar clasificada e regulada no futuro como Espazo Natural de Interese Local (ENIL) polo Concello de Moaña, compaxinando e potenciando de xeito sustentable os intereses ambientais cos derivados das actividades humanas tradicionais agropecuarias e forestais ata as máis lúdicas como as sociais e culturais.

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s