Arquivos mensuais: Febreiro 2020

Luita Verde denuncia agresións ambientais dentro do Espazo Natural Protexido de Cabo Udra

DSC05530O Colectivo Ecoloxista Luita Verde denunciou ante a Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda que dentro da Zona 2 (Área de Conservación), de Valor de Conservación Alto, da Zona de Especial Conservación (ZEC) do Espazo Natural Protexido pola Rede Natura 2000 de Cabo Udra, na parroquia de Beluso, no concello de Bueu, estase a realizar distintas obras – construción de viais de nova construción, corta de vexetación de ribeira e encorado de augas, e roza e desbroce de matogueira – que están a producir un impacto grave e mesmo irreversible e que atenta contra a pretendida conservación do medio natural e a súa biodiversidade.

No lugar de Sarabia estase a construir en desterro e grande desnivel un vial de nova construción de ao redor de 150 metros de longo e 3 metros de ancho que enlaza o camiño por onde transcorre o sendeiro azul sinalizado de Cabo Udra cunha pequena cala areosa ao carón da Punta Escandiña, na Enseada do Pouso.

A obra está a conlevar a desaparición de capa vexetal, excavación e movementos de terra que nalgúns tramos chega ao redor de medio metro de profundidade, afectando de xeito crítico a matogueira costeira que é un dos principais valores ambientais deste espazo natural e con especies endémicas do noroeste ibérico.

DSC05448

Por outra banda está a afectar na súa contorna aos hábitats de interese comunitario 1230 Cantís con vexetación das costas atlánticas e bálticas, 4030 Queirogais secos europeos, 2120 Dunas móbiles litorais con Ammophila arenaria, e o hábitat natural prioritario 6220 Pseudoestepas de gramíneas e aunais da orde Thero-brachypoedetea, integrados dentro do Anexo I da Directiva Habitats (92/43/CEE) que rixe a Rede Natura 2000.

Na ribeira do rego da Escorregadoira e ao carón do sendeiro azul de Cabo Udra, produciuse a corta de arborado de ribeira – salgueiros -, movementos de terras, a construcción dun novo vial con excavación e explanación do solo paralelo ao curso do río e o encorado das augas do mesmo a través dun muro de pedra, deixando ao final o paso da auga fluvial a través de dous tubos de polietileno cara o seu tramo final e posterior desembocadura entre o cantil no medio mariño.

A merma do arborado, produciuse a perda de capa vexetal e movemento de terras, afectando gravemente a vexetación propia de ribeira, en especial a presenza de dentabrú (Osmunda regalis) e outras variedades de fentos, e a propia do leito, tendo en conta que esa zona forma un humidal, onde á parte da importancia da flora o é tamén da fauna tanto vertebrada, en especial de anfibios con endemismos ibéricos, como invertebrada, coa presenza de variedade de especies de libeliñas e cabaliños do demo.

Por engadido a afección aínda é máis grave tendo en conta que o humidal da Escorregadoira é o principal ecosistema de ribeira de todo o Espazo Natural Protexido de Cabo Udra e así mesmo hábitat natural prioritario 91/EO Bosques aluviais de Alnus glutinosa e Fraxinus excelsior segundo a Directiva Hábitats (92/43/CEE), complementado polo hábitat de interese comunitario 3260 Ríos dos pisos basal a montano.

DSC05479

Por último, entre os lugares do Con da Pena e a proximidade do Castro de Udra, pola zona alta do cabo, estase a proceder á corta de arborado – piñeiros – mais tamén ao desbroce a matarrasa de grande parte da matogueira que o rodea.

A acción do desbroce e a matarrasa está a afectar moi negativamente a zona, dentro do hábitat de interese comunitario 4030 Queirogais secos europeos, e especialmente tamén á biodiversidade que a integra tanto de flora como de fauna específica destes ecosistemas, con algunhas especies integradas no Anexo I da Directiva Aves (92/43/CEE) como, por exemplo, a papuxa do mato (Syvia undata) ou a avenoiteira cincenta (Caprimulgus europaeus).

Luita Verde solicitou a comprobación dos feitos, a apertura dun expediente sancionador polas obras e desbroces expostos e a paralización de calquera obra nova ou vial e de desbroces a matarrasa dentro da Zona 2 (Área de Conservación) da Zona de Especial Conservación (ZEC) do Espazo Natural Protexido pola Rede Natura 2000 de Cabo Udra.

Por outra banda advirte que a parte terrestre da ZEC de Cabo Udra só abrangue un 29% do total do espazo natural, ou sexa, non pasa das 181,11 has. de terreo protexido dentro dunha estreita franxa costeira entre as praias de Mourisca e de Menduiña e o cabo, que non pode asumir tales e tantas agresións como as aquí expostas, ás que se lle pode engadir outras moitas – festivais musicais e masificados, entrada sen control de vehículos privados motorizados, práctica da actividade cinexética, … – dende que este espazo se “protexeu”, primeiro como Zona de Especial Protección dos Valores Naturais (ZEPVN) pola Xunta de Galicia, e posteriormente como Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) pola Comisión Europea, no ano 2004.

Xa que logo para Luita Verde trátase de protexer ante todo un territorio como espazo natural e priorizando a conservación e mesmo recuperación dos seus valores ambientais e paisaxísticos e que hai certas accións como as expostas que na realidade non son compatibles co debido respecto por eses valores intrínsecos a este espazo natural, salientando así mesmo o risco de convertilo de facto e permanente nun parque forestal e de atracción esencialmente para o turismo co que iso, de non poñerlle medidas de control, pode implicar para a efectiva armonización da protección e conservación ambiental do lugar e os seus usos.

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized