Roteiro pola protección dos montes e mámoas do Morrazo

roteiro montes e mámoas do morrazoA Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo organiza o domingo 22 de marzo un roteiro para dar a coñecer a importancia ambiental, paisaxística e cultural da contorna dos montes e as mámoas do Morrazo, clasificada dentro de solo rústico de especial protección de espazos naturais, paisaxístico, de augas e patrimonial nas parroquias de San Martiño de Vilaboa, Santa Cristina de Cobres, Santo Tomé de Piñeiro e San Xián, nos concellos de Vilaboa e Marín.

O roteiro, primeiro desta primavera, será circular e sairá ás 10 da mañá do parque forestal da lagoa de Castiñeiras, para chegar ás 14 h. ao mesmo lugar.

O percorrido transcorrerá por viais forestais, camiños e corredoiras polos lugares de Chan de Castiñeiras, Outeiro dos Asubións, Río de Arcos, Monte das Barreiras, ribeira do rego do Portiño, A Cavada do Cruceiro, Chan da Armada, Outeiro de Ombra, Barreira do Redondo e Chan de Castiñeiras.

Para se achegar ao punto da saída hai que acceder a través da estrada EP-0106.

Montes e mámoas do Morrazo 1

Recomendamos que de se achegar en vehículo privado, por ética e polas limitacións do aparcamento, as persoas que asistan utilicen a capacidade máxima do seu vehículo, compartíndoo con outras persoas. Recomendamos tamén traer roupa e calzado de trote axeitados para a época primaveral.

Chan de Castiñeiras ou da Castiñeira, fitónimo con clara referencia á presenza desde o pasado no lugar do castiñeiro, está ubicada nun planalto ao redor dos 400 metros de altitude sobre o nivel do mar entre os altos de Castiñeiras, da Graña, de Outeiro dos Asubións e de Coto Redondo e acolle así mesmo o nacemento do rego de Castiñeiras, principal afluente do rego Lameira, cuxa desembocadura está na ría de Pontevedra ao carón do actual núcleo urbano de Marín.

Conta con dous espazos, as brañas de Castiñeiras e a propia lagoa de Castiñeiras, que están integrados dentro do Inventario de Zonas Húmidas de Galiza. Destacan pola presenza de flora de turbeira e específica de zonas húmidas e de fauna tanto invertebrada como vertebrada, con especies así mesmo endémicas e vulnerables a nivel ibérico.

A lagoa é un espazo artificial que, tal como o coñecemos, foi construído a inicios da década dos anos 40 do século pasado. A partir daí comezou tamén a creación do parque forestal ao seu redor ata o alto de Coto Redondo, dentro da política repoboadora a nivel forestal que levou a cabo de xeito intensivo nos montes do Morrazo o goberno estatal da ditadura franquista tralo proxecto experimental realizado anteriormente na ditatura de Primo de Rivera, e que chegou con diversas aportacións ao longo do tempo ata a actualidade, sendo xestionado en principio polo Patrimonio Forestal do Estado, posteriormente polo ICONA, e a partir dos anos oitenta, co actual réxime democrático, pola Xunta de Galicia a través das Consellerías de Agricultura, Gandeiría e Montes e da de Medio Ambiente, e desde mediados desta década a través dunha Fundación polas comunidades de monte veciñais en man común de Santo Tomé de Piñeiro e San Xián (Marín) e San Martiño e Santa Cristina de Cobres (Vilaboa), tralo fin dos convenios que tiñan coa propia administración autonómica.

Montes e mámoas do Morrazo 2

O parque forestal destaca pola presenza a nivel botánico de ao redor de medio cento de especies de árbores e arbustos dos 5 continentes (cipreses, cedros, tuias, alerces, abetos, araucarias, carballos americanos, liquidámbar, castiñeiros, bidueiros,…).

A nivel cultural e arqueolóxico destaca pola presenza prehistórica de nove mámoas megalíticas funeraias do Neolítico, oito a nome de mámoas de Chan de Castiñeiras máis outra a nome de Pedralonga. Dúas delas, a coñecida como a Mámoa do Rei máis a de Pedralonga, á parte de conservar a estrutura dolménica, principalmente a primeira xa que foi restaurada no ano 2003, están catalogadas así mesmo como Ben de Interese Cultural (BIC) por ter gravados rupestres no interior dos esteos dos seus dólmenes. Existe asemade unha mámoa coa cámara de tipoloxía de cista, de enterramento individual. A maioría son de tipoloxía de cámara de enterramento con corredor de entrada, boa parte delas están sen a penas estrutura do seu dolmen conservando as correspondentes fosas de delatación na base do túmulo, e a súa cronoloxía está ao redor de hai 6.000 anos.

En fase histórica é de salientar que no lugar da fonte de Castiñeiras é onde se dividían desde o Medievo as antigas xurisdicións de Marín, a través do Couto de Oseira, do Morrazo, á que pertencía a parroquia de Santo Tomé de Piñeiro e, de Pontevedra, á que pertencía a parroquia de San Martiño de Vilaboa e a súa parroquia anexa de Santa Cristina de Cobres. No ano 1836, ano no que tamén se constitúen os novos concellos constitucionais, as parroquias de San Martiño de Vilaboa, Santa Cristina de Cobres, Santo Tomé de Piñeiro e San Xián avíronse, tras séculos de conflitos polo aproveitamento dos recursos -predominio do monte baixo a roza, estivada e gandeiría extensiva sobre o forestal-, a un acordo notarial sobre a delimitación dos seus montes comunais do que aínda se conservan algunhas pedras fincadas coa funcionalidade de deslinde no terreo e marcadas a cadanseu lado coa letra inicial de cada parroquia segundo a orientación da propiedade e, así mesmo, a pedra do Corvo que, a modo dunha grande coviña e esculpida a golpe de pico e cincel nun pequeno outeiro con execlente panorámica sobre a Chan de Castiñeiras, deslindou as parroquias de San Martiño de Vilaboa e de Santa Cristina de Cobres.

Montes e mámoas do Morrazo 3

Por outra banda en Chan de Castiñeiras consérvanse os restos das antigas cortellas, pequenas cortes cos seus peches de pedra que tiñan a funcionalidade de acoller en séculos pasados o gando, principalmente o miúdo, composto por cabras e ovellas. Noutra pequena elevación sobre Chan de Castiñeiras consérvase así mesmo o topónimo afín de Outeiro das Cortellas. En Chan de Castiñeiras tamén se atopan gravados rupestres modernos realizados nas pedras ao longo do século pasado polo veciño marinense José Meijón.

Na ladeira do Outeiro dos Asubións, cuxa máxima cota está a 475 metros sobre o nivel do mar, está inventariada a presenza de petróglifos da Idade do Bronce con gravados de círculos concéntricos e coviñas, e, pouco máis abaixo a dunha pequena mámoa neolítica con restos de esteos de tipoloxía de cista. Ao pé deste outeiro rochoso nace así mesmo o río de Arcos ou dos Asubións que, xunto co cercano rego de Campolongo, son afluentes do Río Maior, con desembocadura na Zona de Especial Conservación (ZEC) da Enseada de San Simón, na ría de Vigo.

Entre o Monte das Barreiras, orónimo referente á existencia de barro ou arxila que era usado antigamente para a fabricación de fornos, e A Cavada Grande, agrónimo referente á costume de moi antigo de cavar ou cachar o terreo, na aba sur do alto de Coto Redondo, se extende unha densa comunidade de carrasca vermella, mato de ao redor de dous metros de altura cunha espectacular floración que pasa por ser un endemismo da metade occidental ibérica e noroeste africana e que a súa distribución morracense dase case exclusivamente nesta zona dentro da conca do rego de Campolongo.

Nas zonas de monte baixo e sen arborado posúe unhas espectaculares panorámicas do val do Río Maior e da enseada de San Simón coa illa do mesmo nome no fondo da ría de Vigo. A nivel forestal é de salientar as plantacións forestais con especies frondosas autóctonas, en especial de carballos e castiñeiros, xunto coa presenza espontánea da sobreira que nesta zona, preto do núcleo rural do mesmo nome da lindeira parroquia de S. Adrián de Cobres, tén tamén unha das máis importantes dentro da súa distribución a nivel morracense, dentro da carballeira termófila e da influencia climática mediterránea no sur e occidente de Galiza.

Montes e mámoas do Morrazo 4

A ribeira alta do rego do Portiño, afluente así mesmo do Río Maior, posúe unha incipiente e excelente carballeira salvaxe dentro do hábitat de interese comunitario das carballeiras galaico portuguesas. De entre o seu sotobosque sobresae a presenza do sanguiño e en especial da pereira brava, agora no comezo da súa floración, e que da nome a algúns topónimos na proximidade.

Chan de Armada e Outeiro de Ombra, entre os 375 e os 425 metros de altitude sobre o nivel do mar, no límite entre as parroquias de Santo Tomé de Piñeiro (Marín) e de Santa Cristina de Cobres (Vilaboa), acollen unha importante área arqueolóxica coa presenza de 7 mámoas – 5 de Outeiro de Ombra e 2 de Chan de Armada -, xunto co xacemento do calcolítico e achado calcolítico e da Idade do Bronce de Chan da Armada, onde destaca a presenza dunha das mámoas da Chan da Armada con presenza da estrutura do seu dolmen e coa especificidade de que os seus esteos e pedra cobertora son de xisto -xeralmente son de granito-. A utilización de xisto na contrucción da mámoa está relacionado co predominio da rocha metamórfica na zona, dentro do complexo xeolóxico Vigo-Pontevedra.

As mámoas de Chan da Armada xunto coas de Outeiro de Ombra e de Chan de Castiñeiras forman parte da Ruta das Mámoas do Morrazo que complementándose coas de Chan de Fonteseca, Lagucheiros e Chan de Arquiña, e cun percorrido de 7,5 kilómetros, proxectouse a nivel institucional a través de varias comunidades de montes, concellos e Xunta de Galiza a mediados da década pasada mais non chegou a rematarse. Dese proxecto de posta en valor só queda a plantación forestal de frondosas como adecuación ambiental na súa contorna e intervencións puntuais e por separado nos xacementos por parte das comunidades de montes propietarias.

A Barreira do Redondo, na metade da ladeira norte do alto de Coto Redondo ao redor dos 450 metros de altitude sobre o nivel do mar, entre plantación mixta de especies forestais e onde destaca a presenza arbustiva do érbedo, posúe unhas extraordinarias panorámicas dos Montes do Morrazo, coa Serra Domego e o alto de Coto do Home, o Monte Formigoso, Outeiro de Campolongo, Os Pedrouzos, Monte Penizas, Monte da Cova e Sobareiro, o val do rego Neibó-Loira, e a ría de Pontevedra coa península do Salnés en fronte e as Illas Ons ao fondo.

As principais afeccións nas últimas décadas á contorna dos montes e mámoas do Morrazo, pertencentes aos espazos naturais dos Montes do Morrazo e Coto Redondo segundo o Rexistro Xeral de Espazos Naturais de Galiza e as antigas Normas Subsidiarias de Planeamento da provincia de Pontevedra foron a intensificación dos monocultivos forestais, a eucaliptización, a invasión das acacias, as verteduras de lixo e de entullos, a instalación de torretas e cableados aéreos de tensión eléctrica, e o abandono e degradación do patrimonio cultural, forestal e arqueolóxico.

As principais ameazas no futuro son a Área de Desenvolvemento Eólica (ADE) coa proxección de varias ubicacións alternativas de aeroxeradores polos cumes e o proxecto de investigación mineira a nome de Miñán para a extracción de granito ornamental.

Montes e mámoas do Morrazo 5

En marzo de 2012 a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo solicitoulle á Xunta de Galiza a ampliación da Rede Natura cara a un novo Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) que, a nome de Montes e Carballeiras do Morrazo, recollese os espazos naturais dos Montes do Morrazo, no que se encadra así mesmo a contorna dos montes e mámoas do Morrazo, e Carballal de Coiro mais outros ampliables, por considerármolos uns espazos naturais de alta importancia ambiental e corredor ecolóxico.

Por outra banda a proposta de Espazo Natural de Interese Local (ENIL) realizada á Xunta de Galiza polo Concello de Marín co apoio das comunidades de montes de Santo Tomé de Piñeiro e de San Xián para o territorio marinense ao redor do parque forestal da lagoa de Castiñeiras, á parte de non corresponderse cun verdadeiro espazo natural, quédase escaso xa que para iso tería que acoller a parte correspondente ao concello de Vilaboa a través das comunidades de montes de San Martiño e de Santa Cristina de Cobres.

Para a Plataforma, en tal caso, o ENIL debería debería ser moito máis amplo e conxunto entre os concellos de Marín, Vilaboa, Moaña e Pontevedra, enlazando cun corredor ambiental e cultural o espazo natural e arqueolóxico dos Sete Camiños, entre os montes das parroquias de Salcedo, Lourizán e San Xián e a través da área patrimonial dos petróglifos da Carrasca e Champás con Chan de Castiñeiras e a súa vez esta e a través de Outeiro de Ombra, Chan da Armada, Chan de Fonteseca e Lagucheiros con Chan da Arquiña dentro da Ruta das Mámoas do Morrazo máis as áreas ao seu redor de As Cavadas, A Graña, Os Pedrouzos, Outeiro dos Asubións, Monte das Barreiras, Chan da Lagoa e Chan de Gagán, conectando finalmente a través das ribeiras altas coas concas naturais dos regos Cubela, Louriñas, Trasmil, Rio Maior, Miñouva, Lameira, Neibó e da Fraga.

Deixar un comentario

Blog en WordPress.com.

Subir ↑