Arquivos diarios: Marzo 10, 2020

O monte Carrachal, cultural e natural

Reproducimos o comunicado elaborado por diversos colectivos e persoas a nivel individual para esixir a protección do monte Carrachal en Moaña ante a pretensión do concello moañés de construír un skatepark neste.

Carballeira do monte do Carrachal

Carballeira do monte Carrachal

Repentinamente o pasado martes 2 de marzo o goberno municipal de Moaña convocaba unha reunión coas asociacións veciñais da zona das Barxas e barrios limítrofes, para presentarnos a ocorrencia de instalar un Skatepark na parcela municipal natural do monte Carrachal, e así mesmo, demandar a nosa resposta ante esta iniciativa no prazo exprés dunha semana. Só unha semana de debate e sen falar de exposición pública do proxecto, un prazo e un método inauditos para o debate colectivo e veciñal, polo menos para as persoas e colectivos que acreditamos na formula da democracia participada. Dende logo máis alá do debate en si mesmo, podemos afirmar que as présas non son boas compañeiras e as decisións importantes deben meditarse con tempo.

A localización orixinal e considerada realmente correcta polo goberno municipal para a instalación do Skatepark tratábase doutra parcela ben distinta e clasificada para desenvolver urbanisticamente dentro do PXOM de Moaña, na zona das Raíñas. Ao parecer un grupo de veciños desa zona protestaron con argumentos bastante prexuízosos, en base á criminalización do movemento skater e da mocidade. O goberno municipal cedeu ante esta situación, coa ocorrencia de rebote e a toda présa de propoñer a instalación do Skatepark no que o goberno municipal entende como plan B, é dicir, cementar na carballeira do monte Carrachal, o que suporía un perigoso precedente para a xestión e posta en valor das zonas naturais do municipio.

Neste punto, dicir que as persoas e colectivos que asinamos este comunicado solidarizámonos ante todo e totalmente coa demanda histórica do movemento skater moañés, pois está claro que este colectivo ben merece un espazo digno e apropiado para desfrutar desta modalidade deportiva ao aire libre. Nós apoiamos a súa demanda e por iso reclamamos que se abandonen as ocorrencias e présas de última hora, e que se leve a cabo o que ata agora non se fixo. Establezamos un debate amplo e con tempo, para buscar entre todos e todas a mellor e máis sólida alternativa de Skatepark para Moaña, que debe ser e dentro dun ambiente cívico e de convivencia, nunha parcela céntrica e urbana, xa desenvolvida ou a desenvolver nun futuro próximo, como adoita suceder na maioría dos sitios con infraestruturas deste tipo, e que o goberno municipal adquira o compromiso en firme de traballar para materializar esa instalación.

Carballeira do monte do Carrachal ao carón da ribeira do rego de Rialdarca

Carballeira do monte Carrachal ao carón da ribeira do rego de Rialdarca

Mais, por outra banda, sobre todo destacar que o Monte Carrachal, que ao contrario do que algúns por descoñecemento intúen, recibe o seu nome pola planta do Carrasco, Erica cinerea, unha fermosa planta de flor lila típica da matogueira galega. Que esta vexetación era dominante na zona en tempos pasados, cando este outeiro propiedade naquel tempo do señorío do Rosal, conformaba xunto cos vales dos ríos Rialdarca e Pontillón e toda a zona do Rosal, unhas terras dunha excelente produción agraria, vinculadas sempre a riqueza natural e etnográfica dos ríos coas súas ribeiras e da zona húmida da Xunqueira. E que xa naquela altura este outeiro era unha zona típica para a celebracións de festas e seráns da veciñanza pois cando chegaba a coresma e a Igrexa prohibía as celebracións, as xentes e mocidades da zona facían unha moneca de trapo que satiricamente chamaban Santa Carrachala, contrataban a gaiteiros e facían o festexo popular xusto no Carrachal.

Panorámica da enseada de Moaña e da ría

Panorámica desde o monte Carrachal da enseada de Moaña e da ría

Máis adiante chegou o mal chamado “desarrollo” e “progreso”, e toda a zona do Rosal foi mercada e transformada vertixinosamente con ducias de construcións en plena burbulla inmobiliaria e foi xusto este outeiro, practicamente o único anaco de espazo natural que quedou en pé en toda a zona das Barxas. Co tempo este espazo evolucionou nunha fermosa carballeira chea de vida e ambientalmente conectado co val fluvial de Rialdarca. E a día de hoxe o Carrachal constitúe en si mesmo un miradoiro natural privilexiado cunhas excelentes vistas panorámicas de toda a zona das Barxas e da praia e espazo intermareal da Xunqueira ata Meira, un remanso de paz a carón do centro urbano de Moaña, e forma parte dunha das poucas carballeiras que nos quedan na vila e que alberga unha importante diversidade vexetal e animal, e que debemos respectar e conservar.

Comunidade vexetal de amarelles (Narcissus triandrus)

Amarelles (Narcissus triandrus)

Algunhas voces alegan na actualidade que esta zona está infrautilizada e que hai que darlle máis “uso”, de feito sen ir máis lonxe ata fai uns catro anos esta carballeira pública municipal carecía dos máis mínimos coidados e atopábase nun estado de abandono por parte da administración local. Pois ben, dentro do equilibro dun mantemento avanzado e sustentable das zonas naturais, adiante, démoslle uso como teñen reivindicado ducias de activistas veciñais e ambientais, e comprometámonos decididamente a poñer en valor estes espazos naturais, porque ata agora tampouco se apostou decididamente por esta vía.

Panorámicas do val do rego Inferno e Montes do Morrazo ao Fondo

Panorámica do val do rego Inferno e dos montes do Morrazo ao fondo

Para comezar, esta carballeira e miradoiro está anexionada ambientalmente á senda das ribeiras do río de Rialdarca. Unha senda natural, cultural e peonil dentro dun corredor ecolóxico de alto uso, a cal necesita unha posta en valor urxente e de xeito sustentable, polo que cómpre que levemos adiante as estratexias de recuperación e posta en valor de toda a senda do río de Rialdarca, como así mesmo e de xeito inseparable, do monte Carrachal. E aquí tócanos lembrar que o propio Concello de Moaña se comprometeu publicamente en apoiar estas estratexias de recuperación de Rialdarca.

Como carballeira municipal chea de paisaxe, sombra, aire fresco e fontes naturais, o espazo ofrece múltiples alternativas. Poderíanse organizar actividades culturais e ambientais de todo tipo, festas veciñais, seráns e concertos ao aire libre, obras de teatro e contacontos, actividades lúdicas coa rapazada dos institutos ou do ximnasio municipal, exposicións ao ar libre, etc.

Cacaforra dourada (Amanita gemmata)

Cachaforra dourada (Amanita gemmata) 

A carballeira do Monte Carrachal presenta un importante valor natural que se vería afectado polo skatepark, pero ademais trátase dun espazo especialmente inadecuado para este tipo de instalacións. O proxecto presentado, que conta teoricamente con non cortar ningunha das árbores do Carrachal, atoparíase co risco de que as propias raíces destas árbores puideran deformar e romper os pavimentos que se instalen, podendo quedar partes inutilizables nun prazo curto. Ou por outra banda os pavimentos probablemente poderían asfixiar as raíces destas árbores, provocando nelas danos ou enfermidade ou a súa morte a medio prazo.

Os gastos de mantemento e limpeza tamén serán máis altos polas mesmas follas das árbores e pola necesidade de iluminación para garantir a seguridade no recinto e en todo o seu acceso. Por último, as súas características de lugar elevado e afastado é unha eiva para o seu uso intensivo e seguro por parte dos skaters e outros colectivos. Precisamente ao instalarse nun lugar apartado, correría risco de converterse nun espazo descoidado e inseguro, o cal queren evitar tanto a veciñanza, que xa se manifestou neste senso, como o Concello, que tería que encargarse da súa vixilancia e limpeza, como os skaters, que non teñen porqué sufrir os danos e atrancos doutras persoas incívicas que fagan mal uso da zona, aproveitándose da situación de afastamento da zona.

Xacinto (Scilla merinoi)

Xacinto (Scilla merinoi)

En contraposición ao Monte Carrachal, existen no concello de Moaña outras varias zonas verdes públicas de titularidade municipal, ou tamén parcelas urbanas xa desenvolvidas ou a desenvolver. Estas áreas serían máis adecuadas para un uso intensivo como o dun skatepark: están máis preto, mellor conectadas, xa iluminadas, teñen máis servizos, son máis seguras e a súa vixilancia e limpeza sería máis doada e realista.”

A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo é unhas das organizacións asinantes deste comunicado xunto con outros colectivos e persoas a nivel individual dentro do ámbito local, comarcal e galego a nivel do movemento social, cultural e ambiental.

A Plataforma lembra que o pasado 16 de febreiro organizou o roteiro pola protección das ribeiras dos regos Pontillón, Inferno e Rialdarca que transcorreu nalgúns tramos polas inmediacións do Monte do Carrachal, no concello de Moaña.

O exposto neste comunicado amosa unha vez máis que cómpre a urxente e necesaria protección ambiental e posta en valor de xeito integral e sustentable para as ribeiras dos nosos regos como espazos naturais e corredores ecolóxicos que son e, por engadido, para espazos anexos como, por exemplo, o dito monte xunto coa súa carballeira, supervivinte da febre urbanística e construtora entre finais do pasado século e principios do que estamos.

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized