Agresión medioambiental no Castro da Igrexiña

DSC06243O Colectivo Ecoloxista Luita Verde denunciou polo rexistro e por escrito o pasado mes de febreiro no Concello de Cangas, na Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Turismo e na Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda que no concello de Cangas, parroquia do Hío e lugar de As Eiras, en Solo Non Urbanizable das Costas Mariñas e de Patrimonio Histórico segundo as vixentes Normas Subsidiarias de Planeamento municipais e dentro da área de protección integral do xacemento da Idade do Ferro e Romano do Castro da Igrexiña (GA36008001), procedeuse á corta e desbroce de matogueira arbustiva costeira e á escavación, explanación e cubrición do solo con pedra de grava branca máis a conexión na parte traseira da obra con varios tubos de polietileno subterráneos para a conexión de servizos de auga e eléctrico coa máis que probable intencionalidade da instalación en breve dunha construción ou caseta con terraza anexa.

Que estas accións, ao carón da Zona de Especial Conservación (ZEC) do Espazo Natural Protexido pola Rede Natura da Costa da Vela, produciron un impacto severo e crítico no medio natural, coa corta e mesmo desaparición de especies costeiras, en especial da comunidade vexetal de abruñeiros (Prunus spinosa) existente na zona, agravado coa fase posterior erosiva de escavación e movemento de terras e por último de desnaturalización coa cubrición coa capa de pedra de grava branca.

DSC06304

E que por outra banda tamén produciu un impacto severo na área de protección integral do xacemento arqueolóxico, incluido no Catálogo de Patrimonio Cultural de Galicia e no Catálogo Complementario de Monumentos e Conxuntos Histórico-Artísticos Obxeto de Protección das Normas Subsidiarias de Planeamento do concello de Cangas, onde á parte da fase erosiva da escavación do solo se lle uníu a afección directa ao seu entorno inmediato, con abondancia de pedras con pías e coviñas, onde algunha foi ademais danada directamente na súa superficie polo paso da maquinaria.

Polo exposto, solicitou:

A comprobación dos feitos, a paralización de nova actividade no lugar, a apertura dun expediente sancionador e a restauración dos terreos ao seu estado anterior.

E que dacordo coa Lei 93/2015, de 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, se nos informara puntualmente das actuacións levadas a cabo.

Pasados máis de catro meses das ditas denuncias non tivemos resposta ao respecto por parte de ningunha das tres administracións públicas competentes e, o que é pior, vai entrar a tempada de verán e os terreos obxeto das accións denunciadas, que só podemos calificar de flagrante agresión e atentado contra o patrimonio cultural e natural cangués, morracense e galego, poden verse novamente agredidos xa que, desde Luita Verde, temos constancia que os terreos escavados e explanados coas conexións eléctricas e de auga xa foron utilizados no verán pasado para a instalación dun chiringo desmontable de praia e terraza anexa axunta no lugar.

DSC06276

Ao tanto desde Luita Verde salientamos que este xacemento arqueolóxico é un dos grandes descoñecidos para o público nunha parroquia como a do Hío moi prolifica e importante na existencia de xacementos e achados culturais prehistóricos e históricos e do que só se está a dar atención case exclusiva ao afamado xacemento castrexo e romano do Berobreo do Facho de Donón.

Mais, por outra banda, temos que informar que o xacemento da Igrexiña non é para nada un xacemento descoñecido para o mundo da arqueoloxía xa que foi descuberto a principios dos anos sesenta do século pasado nas persoas de Enrique Massó e Pedro Díaz, pertencentes ao Grupo de Arqueoloxía Alfredo García Alén, no que xa valoraron a existencia “dun novo castro nunha elevación no extremo Sur da enseada de Barra-Nerga, a presenza dun petróglifo e un posible complexo de salgaduras relacionado con materiais romanos”, motivo polo que a finais desa década dos anos sesenta, ese novo castro xa pasa a engrosar o Ficheiro Arqueolóxico do Museo Provincial de Pontevedra, coa súa preceptiva ficha.

Nos informes da época comunican a localización de muros con argamasa relacionados con materiais romanos, que se identifican como estanques de salgar o peixe, e de varias vivendas circulares no interior da croa do castro, que se relacionan con cerámica castrexa. No ano 1974 José Suarez Mariño informa ao Museo de Pontevedra do achádego na praia de Nerga dun pavimento de canto rolado e arxila ó longo de sesenta metros, que quedara á vista logo dunha crecida do Rego das Forcadas, permanecendo colgado do noiro logo da crecida. Nunha anotación do Museo de Pontevedra identifícase coma un posible pavimento de saíñas romanas, quizais unha das primeiras referencias no Noroeste deste tipo de instalación industrial, vinculándoa coa salga.

DSC06253

Posteriormente, na década dos oitenta, nunha publicación do Grupo de Arqueoloxía Alfredo García Alén, se cataloga o xacemento coma de tipo “Galaico-Romano”, sinalando a posible existencia dun “peirao” romano, do que, por outra banda, ata agora non se localizou malia existir naquel momento dunhas prospeccións subacuáticas.

Nos anos noventa é cando comeza a afectarse urbanísticamente de xeito directo o dito xacemento coa construcción dunha vivenda co seu peche perimetral dentro do mesmo, onde se chegou a utilizar grande cantidade de material romano e castrexo produto das escavacións para as súas cimentacións. Por outra banda tamén se produce a espoliación de numerosos restos arqueolóxicos con escavacións furtivas e por engadido constrúese un galpón mariñeiro enriba dos antigos tanques de salgadura, quedando á vista unha inxente cantidade de restos óseos, cunchas e tégulas romanas, que obriga finalmente ao concello de Cangas a actuar e ordenar o seu derrubo.

Toda esta historia de afeccións levou aparellado un cambio exponencial no entorno, xa que moitos dos entullos depositáronse fóra das parcelas construídas, ademais de que o tránsito rodado transformou o vello camiño de acceso ó castro nun vieiro elevado e nivelado co propio entullo. As fortes choivas do inverno de 1996 buscaron saída cara o mar por onde puideron, arrastrando parte da duna eólica do trasdós da praia, quedando á vista a xacemento romano. A desfeita era tal que a Delegación Territorial da Consellería de Cultura en Pontevedra solicita unha intervención de urxencia, coa finalidade de catalogar os restos que naquel momento eran visibles, polo que se encarga o proxecto de “Sondeos, protección y catalogación del yacimiento de A Igrexiña. Cangas (Pontevedra)”.

DSC06255

Entre o 17 e o 22 de Abril de 1996, escávanse os restos das salgaduras nunha primeira fase de “sondaxes”, para posteriormente conservalos e protexelos con polietileno e elementos separadores, encargándose unha brigada do concello de Cangas de levantar un muro de contención a modo de dique para evitar posibles levadas de auga do mar.

A escavación, explanación e instalación dun chiringo de praia coa súa terraza anexa no recinto superior do dito castro, con estratéxicas panorámicas da praia e dunar de Nerga, da enseada de Barra e coas illas Cíes ao fondo na entrada da ría de Vigo, non deixa de ser unha última e nova afrenta e de falta total de respeto con este privilexiado entorno arqueolóxico e natural, diante da pasividade e da incompetencia unha vez máis das distintas administracións públicas, tanto da municipal como das autonómicas.

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s