Arquivos mensuais: Xullo 2020

Corta indiscriminada de carballos nos monte de Cela (Bueu)

DSC09626O Colectivo Ecoloxista Luita Verde denunciou por escrito e polo rexistro a inicios de marzo pasado no Concello de Bueu, na Xefatura Territorial da Consellería de Medio Rural en Pontevedra e na Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Turismo que na parroquia de Cela, concello de Bueu, entre os lugares da Costa Grande, Chan Maior, Coto do Raboiro, Devesa Nova e A Telleira, ata o límite coa parroquia de Ardán, no concello de Marín, en solo rústico de especial protección paisaxística (PXOM de Bueu) e na ribeira alta da conca do río da Pena, realizáronse varias cortas de arborado onde á parte de eucaliptal e piñeiral se levou a cabo a corta tamén de carballeira.

Que por outra banda os restos das cortas están espallados con grande cantidade de biomasa polo solo e non se respetou o paso dalgúns camiños e pistas, obstaculizados polos propios restos das cortas, outros ancheados e a maioría co pavimento removido polo paso da maquinaria pesada.

E que así mesmo afectouse directamente a área de protección dos xacementos arqueolóxicos das mámoas de Cela, (GA36004015), da mámoa de Rapadoiro (GA36004026), As Cadeliñas (GA36004025) e do achadobifaz das Chans (GA36004A02).

Polo exposto Luita Verde solicitou:

A comprobación dos feitos, a apertura dun expediente sancionador pola realización das cortas sen autorización, a paralización da corta da carballeira e do arborado autóctono, a retirada dos restos das cortas e a apertura ao tránsito de pistas e camiños de servidume.

DSC09489

Que dacordo dacordo coa Lei 93/2015, de 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas sexa considerado Luita Verde como interesado no procedemento e se nos dea vista do actuado, se nos comunique as incidencias que no sucesivo aconteza, se nos de audiencia antes de dita Resolución e se nos notifique esta en prazo.

Transcorridos catro meses non houbo resposta por parte das distintas administracións públicas ás que nos diriximos con esta denuncia.

Desde Luita Verde salientamos que as cortas do arborado xunto coas labores de apilado e transporte da madeira cortada, incluida a da propia carballeira e dentro boa parte dela en monte mancomunado, foron realizadas a matarrasa, cometéndose un verdadeiro atentado contra do patrimonio natural e paisaxístico ao que fai referencia a especial protección dentro do solo rústico a nivel municipal, á parte da afección á protección patrimonial dos distintos xacementos arqueolóxicos inventariados e catalogados no lugar.

DSC09453

Por outra banda senta un moi mal precedente de cara ao futuro sobre todo tendo en conta que a Xunta de Galicia, aproveitando o estado de alerta e confinamento social pola pandemia do COVID19, aprobou baixo publicación no DOG a exención da obriga da solicitude de autorización de corta do arborado en monte protexido para substituila por unha “declaración responsable”.

Por engadido detrás dos plans de ordenación forestais subsiste un interese de consolidación dun modelo forestalista que antepón os intereses economicistas e produtivistas a nivel industrial dos monocultivos forestais aos da protección e conservación a nivel paisaxístico, ambiental e cultural existente ao longo do territorio.

Ao tanto Luita Verde lembra que a extensa área dos montes da parroquia de Cela onde tiveron lugar as cortas de arborado, ubicada nunha zona de grande valor paisaxístico, ambiental e cultural entre os nacementos do río da Pena e do Amieiro, con áreas de ribeira, carballeira e monte baixo a matogueira ao redor dos 350 metros de altitude sobre o nivel do mar e con excelentes panorámicas da ría de Pontevedra, leva sendo obxeto de diversas afeccións ambientais nas últimas décadas, desde cortas indiscriminadas de arborado autóctono, a plantación sen control de especies comerciais de rápido crecemento ata a propia explanación e posterior creación da área recreativa de Chans, aparcamento e circuito de vehículos rodados e motorizados,…

DSC09407

Axuntamos fotografías realizadas nos momentos dos feitos denunciados a inicios do pasado mes de marzo, antes do estado de alerta e confinamento social polo COVID19, onde se obervan algunhas das cortas de carballeira, madeira de carballo cortada e apilada entre a de eucalipto, restos da ramada espallada polo solo e o desastroso estado dos viais tralo paso da maquinaria pesada utiizada para o transporte da madeira cortada

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized