Arquivos mensuais: Agosto 2020

Luita Verde esixe a retirada inmediata do chiringuito do Castro da Igrexiña

DSC02182O Colectivo Ecoloxista Luita Verde, dado que é de dominio público que o chiringo que está instalado no Castro da Igrexiña, no lugar das Eiras, na parroquia do Hío, non ten a preceptiva licenza municipal, esixe ao Concello de Cangas a paralización inmediata da actividade do chiringo e a retirada da súa edificación xunto coas cadeiras e as mesas máis as conexións eléctricas e de abastecemento de auga da área de protección integral do castro da Igrexiña, a apertura dun expediente sancionador e a restauración ambiental dos terreos ao seu estado anterior, tal e como lle solicitou por escrito a rexistro electrónico o pasado venres 21 de agosto dirixido á alcaldía.

Ao propietario do dito chiringo respóstalle que non só vale con ter a autorización de Costas do Estado ou da Consellería de Medio Ambiente -Luita Verde non comparte a autorización sectorial desta consellería á que tamén se dirixiu por escrito o pasado 8 febreiro denunciando os feitos dentro do castro e solicitando así mesmo a retirada do chiringo- senón que ten que ter sobre todo a da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural a través da Consellería de Cultura e Turismo, ao estar a edificación dentro dun ben integrado dentro Catálogo de Patrimonio Cultural de Galicia. E por engadido, do propio Concello de Cangas, que á parte da concesión da correspondente licenza urbanística tamén ten as directas competencias a nivel de protección cultural ao estar o dito xacemento así mesmo integrado dentro do Catálogo Complementario de Monumentos e Conxuntos Histórico-Artísticos Obxeto de Protección das Normas Subsidiarias de Planeamento do concello de Cangas.

Por outra banda respóstalle que dito chiringo está ubicado dentro da área de protección integral do dito castro, ou sexa, dentro da propia estrutura do xacemento castrexo, onde só son autorizables basicamente as actividades de investigación, valorización, mantemento, conservación, consolidación e restauración, mais é cuestión distinta a de outros establecementos parecidos nas proximidades aos que pretende meter na súa mesma situación, cando na realidade eses chiringos están ubicados na súa maioría na área de protección de cautela ou de respeto ao redor da área integral, ou sexa por fóra na periferia do dito asentamento castrexo, co que iso implica que, malia que teñan que ter tamén a correspondente autorización a nivel cultural, as restriccións de usos autorizables son por outra banda moito menores e menos aínda se están en zonas de amortecemento, onde só se necesita autorización se é obra maior.

Respóndelle así mesmo que non é xustificación para eximilo de afección que a parcela onde ubicou o chiringo xunto co mobiliario está a 50 metros dun suposto “altar de sacrificios” ou a 20 metros dunhas “rochas con gravados”, senón que esta forma parte do conxunto do recinto interior do castro como ben catalogado e que as rochas con gravados rupestres que ademais, unha vez catalogadas, están clasificadas como Ben de Interese Cultural de Galicia, ou sexa coa maior figura de protección cultural a nivel autonómico, están espalladas ao redor de toda a zona onde ubicou o dito establecemento e mobiliario, a menos distancia da que di e mesmo unha xusto ao carón do propio chiringo.

Luita Verde salienta que ao tanto, ata hai dous anos, o lugar onde se ubicou o chiringo estaba cuberto por unha tupida vexetación natural e arbustiva costeira, en especial abruñeiros (Prunus spinosa), chuchameles (Lonicera periclymenum) e silveira ( Rubus ulmifolius), que ademais de formar parte da paisaxe e da contorna como corredor natural anexo á Zona de Especial Conservación do Espazo Natural Protexido da Costa da Vela, tamén facía a función protectora dos propios elementos culturais a protexer do castro, e entre eles as pedras dos gravados.

A costa das obras previas á instalación do chiringo, esa vexetación natural protectora foi eliminada completamente por desbroce e o propio solo escavado, removido, explanado e cuberto cunha grava branca, cunha afección directa na propia estrutura do castro e as propias pedras cos gravados, parte delas ao raso do chan, así mesmo desprotexidas e mesmo algunha danada polo paso da maquinaria. Posteriormente a instalación posterior do chiringo redundou na súa afección coa instalación da edificación e o mobiliario no anteriormente obrado e, por engadido, sen as suficientes garantías de control e respeto polos bens culturais existentes ao seu redor.

Luita Verde aclara que non está a realizar as denuncias sobre os feitos acontecidos co asunto do chiringo por un simple capricho nin por un afán de ataque persoal senón en defensa da protección dun ben cultural e arqueolóxico diante da última agresión sufrida por este e na parte mellor conservada da súa estrutura no recinto superior, despois de ser afectado de xeito continuado, crítico e severo, tanto na súa integridade como no contorno, principalmente por cuestións urbanísticas nas últimas tres décadas, afectando ás tres fases distintas contidas no mesmo xacemento, o asentamento castrexo, os petróglifos de arte rupestre e as edificacións de salgadura romana, adscrito culturalmente á Idade do Ferro e Romana.

Malia que a directa responsabilidade da instalación ilegal do chiringo co seu mobiliario na área de protección integral do castro e da actuación lesiva que iso supuso para a súa integridade física e os bens inmobles presentes, é evidentemente que foi do seu propietario, maior irresponsabilidade é a incompetencia das administracións públicas, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e Concello de Cangas, que, sendo quen deberían ter vixiado e controlado que esa actuación non se houbera levado a cabo, polo contrario, coa súa inacción, a permitiron e, por engadido, a están permitindo a sabendas de que os feitos foron postos no seu coñecemento con antelación.

Para mostra e sen máis está o caso do alcalde de Cangas que, por moito que queira disfrazar a última hora o seu descoñecemento dos feitos, xa era plenamente coñecedor dos mesmos desde o 11 de febreiro no que desde Luita Verde lle expusemos e advertimos por escrito e a rexistro dirixido a el en persona do que alí estaba sucedendo, e do que posteriormente, en abril, xa existe, polo que agora nos enteramos, un informe da policía local advertindo de que debería obter as licenzas municipais e demais autorizacións e informes preceptivos como así mesmo .

Polo tanto de non haber denunciado agora de volta Luita Verde, isto seguiría unha vez máis oculto e co concello comodamente inactuando a costa de que a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, que é quen ten as máximas competencias, mira unha vez máis para o outro lado mentras o propietario voltou a instalar o chiringo no castro por segundo ano consecutivo e, por engadido, aínda o ten instalado malia telo na realidade pechado e sen actividade, polo que di, por causa do coronavirus e, por engadido, coa intención de voltar a instalalo catro anos máis.

Isto vén a amosar que a desprotección cultural e ambiental non distingue de cores e gobernos políticos e representa unha auténtica burla e vergoña para un concello que na actualidade posúe máis dun cento de bens culturais e arqueolóxicos inventariados entre xacementos e achádegos, e do que o que está unha vez máis a acontecer no castro da Igrexiña é só un dos máis desgraciados exemplos cara a un abandono e desprotección xeralizado.

Luita Verde advirte ao concello que a solución non pasa ademais simplemente coa actualización do catálogo municipal de bens culturais senón que ten que pasar do simple papel, fichado e cartografiado, á efectiva protección e conservación física deses bens, comezando polos que xa están actualmente catalogados e protexidos.

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Denuncia pola instalación dun chiringo de praia dentro da área de protección integral do Castro da Igrexiña

DSC02182O Colectivo Ecoloxista Luita Verde presentou escrito a rexistro dirixido á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia e ao Concello de Cangas denunciando a instalación dun chiringo de praia dentro da área de protección integral do Castro da Igrexiña, xacemento arqueolóxico da Idade do Ferro e Romano ubicado no lugar das Eiras, na parroquia do Hío e incluido no Catálogo de Patrimonio Cultural de Galicia e no Catálogo Complementario de Monumentos e Conxuntos Histórico-Artísticos Obxeto de Protección das Normas Subsidiarias de Planeamento do Concello de Cangas.

Consistente nunha caseta hexagonal riba dun pavimento de madeira con ancoraxe metálica acompañado dunhas trinta cadeiras e media ducia de mesas, a dita edificación co mobiliario foi instalada, por engadido, a escasa distancia dunha rocha con gravados ao ar libre, tendo en conta ademais que no lugar, na parte máis alta do castro, están inventariadas varias rochas con insculturas polo que ademais teñen a consideración de Ben de Interese Cultural de Galicia e por tanto gozan da máxima protección como manifestacións de arte rupestre.

Por engadido no camiño de terra de acceso, a uns dez metros de distancia, así mesmo dentro tamén da área de protección integral do dito xacemento, está colocada a caixa de conexión eléctrica e un depósito plástico de almacenamento e distribución de auga.

DSC02170Luita Verde expúsolle á Dirección Xeral de Patrimonio e ao Concello de Cangas que a instalación dun chiringo de venta de bebidas e comidas de praia está prohibido dentro de bens con protección integral xa que segundo a normativa da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia como a do Catálogo Complementario de Monumentos e Conxuntos Histórico-Artísticos Obxeto de Protección das Normas Subsidiarias de Planeamento do concello de Cangas, os usos autorizables son basicamente os de investigación, valorización, mantemento, conservación, consolidación e restauración, cousa que evidentemente non se da o caso coa citada actividade hostaleira.

Polo contrario, previo á instalación do dito chiringo co mobiliario, produciuse dentro da área de protección integral do castro da Igrexiña o desbroce con maquinaria da vexetación de mato e arbustiva costeira, a escavación do terreo con movemento de terras, a explanación e a cubrición solo con grava branca para aterrazamento e a instalación de tubería subterránea para a conexión de servizos eléctricos e de augas, feitos denunciados así mesmo por Luita Verde ante a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e ao Concello de Cangas, os pasados 8 e 11 de febreiro, respectivamente e do que non obtivemos resposta ata a actualidade.

Posteriormente, pasados os meses e ante o consentimento por falta de resposta -omisión de competencias- por parte destas dúas administracións públicas, procedeuse á instalación do dito chiringo, que era o que xa advertiamos daquela en febreiro que podía suceder, co impacto agora a maiores pola ocupación do solo coa edificación e mobiliario e, por engadido, a falta de garantías necesarias do debido respeto e control por parte dos posibles usuarios e usuarias de dito establecemento en relación cos bens culturais obxecto da protección, tanto da estrutura do asentamento castrexo como das pedras coas insculturas presentes.DSC02156

Por engadido, esta non deixa de ser máis que a última agresión sufrida dentro da área de protección integral deste xacemento despois dos impactos levados a cabo nel desde os anos setenta do século pasado coa construcción de vivendas, espolio de material arqueolóxico por escavacións furtivas, verteduras de entullos, tránsito rodado,… e os feitos veñen a amosar que co paso do tempo no entanto de protexer e conservar por lei os bens protexidos, as administracións públicas competentes na materia, D.X. de Patrimonio Cultural e Concello de Cangas, están polo contrario a colaborar coa súa inacción na súa continuada e lesiva degradación.

Luita Verde salientoulle á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural que ao estar o castro da Igrexiña incluido no Catálogo de Patrimonio Cultural de Galicia, segundo o artigo 45. Réxime de intervencións no contorno de protección da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, as intervencións que se realicen no contorno de protección dos bens declarados de interese cultural e catalogados deberán contar coa autorización da consellaría competente en materia de patrimonio cultural cando teñan por obxecto novas construcións e instalacións de carácter definitivo ou provisional ou as remocións de terras de calquera tipo no contorno de protección dos bens integrantes do patrimonio arqueolóxico.

E que segundo o artigo 130. Infraccións graves da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, terán a consideración de infraccións graves a realización de calquera intervención nun ben declarado de interese cultural ou catalogado ou no seu contorno de protección ou na súa zona de amortecemento sen a autorización previa da consellaría competente en materia de patrimonio cultural, cando esta sexa preceptiva, ou contravindo os termos da autorización concedida, e cando ocasione un dano a este ben.

Ao final e, polo exposto, Luita Verde solicitou a comprobación dos feitos, a paralización da actividade do chiringo e a retirada da súa edificación xunto coas cadeiras e as mesas máis as conexións eléctricas e de abastecemento de auga da área de protección integral do castro da Igrexiña, a apertura dun expediente sancionador e a restauración ambiental dos terreos ao seu estado anterior.

DSC02171

Previamente advertiu que a omisión deliberada das competencias, neste caso de protección do patrimonio cultural derivadas da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia máis do Catálogo Complementario de Monumentos e Conxuntos Histórico-Artísticos Obxeto de Protección das Normas Subsidiarias de Planeamento do Concello de Cangas, é susceptible de delito de prevaricación administrativa omisiva e do que iso implica para as persoas que administrativamente ostentan os cargos correspondentes coas competencias a nivel autonómico e municipal.

Finalmente axuntamos fotografías dos feitos denunciados salientando por outra banda que o castro da Igrexiña tamén está integrado dentro de Solo Non Urbanizable das Costas Mariñas segundo as vixentes Normas Subsidiarias de Planeamento do Concello de Cangas e que xeográficamente está anexo á Zona de Especial Conservación do Espazo Natural Protexido pola Rede Natura da Costa da Vela, no extremo sur da enseada de Barra e a escasa distancia da praia e dunar de Nerga, onde así mesmo está catalogado o xacemento romano e medieval das salinas de Nerga, no regato das Forcadas.

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized