Denuncia pola instalación dun chiringo de praia dentro da área de protección integral do Castro da Igrexiña

DSC02182O Colectivo Ecoloxista Luita Verde presentou escrito a rexistro dirixido á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia e ao Concello de Cangas denunciando a instalación dun chiringo de praia dentro da área de protección integral do Castro da Igrexiña, xacemento arqueolóxico da Idade do Ferro e Romano ubicado no lugar das Eiras, na parroquia do Hío e incluido no Catálogo de Patrimonio Cultural de Galicia e no Catálogo Complementario de Monumentos e Conxuntos Histórico-Artísticos Obxeto de Protección das Normas Subsidiarias de Planeamento do Concello de Cangas.

Consistente nunha caseta hexagonal riba dun pavimento de madeira con ancoraxe metálica acompañado dunhas trinta cadeiras e media ducia de mesas, a dita edificación co mobiliario foi instalada, por engadido, a escasa distancia dunha rocha con gravados ao ar libre, tendo en conta ademais que no lugar, na parte máis alta do castro, están inventariadas varias rochas con insculturas polo que ademais teñen a consideración de Ben de Interese Cultural de Galicia e por tanto gozan da máxima protección como manifestacións de arte rupestre.

Por engadido no camiño de terra de acceso, a uns dez metros de distancia, así mesmo dentro tamén da área de protección integral do dito xacemento, está colocada a caixa de conexión eléctrica e un depósito plástico de almacenamento e distribución de auga.

DSC02170Luita Verde expúsolle á Dirección Xeral de Patrimonio e ao Concello de Cangas que a instalación dun chiringo de venta de bebidas e comidas de praia está prohibido dentro de bens con protección integral xa que segundo a normativa da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia como a do Catálogo Complementario de Monumentos e Conxuntos Histórico-Artísticos Obxeto de Protección das Normas Subsidiarias de Planeamento do concello de Cangas, os usos autorizables son basicamente os de investigación, valorización, mantemento, conservación, consolidación e restauración, cousa que evidentemente non se da o caso coa citada actividade hostaleira.

Polo contrario, previo á instalación do dito chiringo co mobiliario, produciuse dentro da área de protección integral do castro da Igrexiña o desbroce con maquinaria da vexetación de mato e arbustiva costeira, a escavación do terreo con movemento de terras, a explanación e a cubrición solo con grava branca para aterrazamento e a instalación de tubería subterránea para a conexión de servizos eléctricos e de augas, feitos denunciados así mesmo por Luita Verde ante a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e ao Concello de Cangas, os pasados 8 e 11 de febreiro, respectivamente e do que non obtivemos resposta ata a actualidade.

Posteriormente, pasados os meses e ante o consentimento por falta de resposta -omisión de competencias- por parte destas dúas administracións públicas, procedeuse á instalación do dito chiringo, que era o que xa advertiamos daquela en febreiro que podía suceder, co impacto agora a maiores pola ocupación do solo coa edificación e mobiliario e, por engadido, a falta de garantías necesarias do debido respeto e control por parte dos posibles usuarios e usuarias de dito establecemento en relación cos bens culturais obxecto da protección, tanto da estrutura do asentamento castrexo como das pedras coas insculturas presentes.DSC02156

Por engadido, esta non deixa de ser máis que a última agresión sufrida dentro da área de protección integral deste xacemento despois dos impactos levados a cabo nel desde os anos setenta do século pasado coa construcción de vivendas, espolio de material arqueolóxico por escavacións furtivas, verteduras de entullos, tránsito rodado,… e os feitos veñen a amosar que co paso do tempo no entanto de protexer e conservar por lei os bens protexidos, as administracións públicas competentes na materia, D.X. de Patrimonio Cultural e Concello de Cangas, están polo contrario a colaborar coa súa inacción na súa continuada e lesiva degradación.

Luita Verde salientoulle á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural que ao estar o castro da Igrexiña incluido no Catálogo de Patrimonio Cultural de Galicia, segundo o artigo 45. Réxime de intervencións no contorno de protección da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, as intervencións que se realicen no contorno de protección dos bens declarados de interese cultural e catalogados deberán contar coa autorización da consellaría competente en materia de patrimonio cultural cando teñan por obxecto novas construcións e instalacións de carácter definitivo ou provisional ou as remocións de terras de calquera tipo no contorno de protección dos bens integrantes do patrimonio arqueolóxico.

E que segundo o artigo 130. Infraccións graves da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, terán a consideración de infraccións graves a realización de calquera intervención nun ben declarado de interese cultural ou catalogado ou no seu contorno de protección ou na súa zona de amortecemento sen a autorización previa da consellaría competente en materia de patrimonio cultural, cando esta sexa preceptiva, ou contravindo os termos da autorización concedida, e cando ocasione un dano a este ben.

Ao final e, polo exposto, Luita Verde solicitou a comprobación dos feitos, a paralización da actividade do chiringo e a retirada da súa edificación xunto coas cadeiras e as mesas máis as conexións eléctricas e de abastecemento de auga da área de protección integral do castro da Igrexiña, a apertura dun expediente sancionador e a restauración ambiental dos terreos ao seu estado anterior.

DSC02171

Previamente advertiu que a omisión deliberada das competencias, neste caso de protección do patrimonio cultural derivadas da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia máis do Catálogo Complementario de Monumentos e Conxuntos Histórico-Artísticos Obxeto de Protección das Normas Subsidiarias de Planeamento do Concello de Cangas, é susceptible de delito de prevaricación administrativa omisiva e do que iso implica para as persoas que administrativamente ostentan os cargos correspondentes coas competencias a nivel autonómico e municipal.

Finalmente axuntamos fotografías dos feitos denunciados salientando por outra banda que o castro da Igrexiña tamén está integrado dentro de Solo Non Urbanizable das Costas Mariñas segundo as vixentes Normas Subsidiarias de Planeamento do Concello de Cangas e que xeográficamente está anexo á Zona de Especial Conservación do Espazo Natural Protexido pola Rede Natura da Costa da Vela, no extremo sur da enseada de Barra e a escasa distancia da praia e dunar de Nerga, onde así mesmo está catalogado o xacemento romano e medieval das salinas de Nerga, no regato das Forcadas.

Deixar un comentario

Arquivado en Uncategorized

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s